Tabela dos libros. Xuño de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a derradeira Tabela dos Libros deste curso, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Vaia para eles catro o meu máis fondo agradecemento por, un ano máis, ter prestado a súa axuda xenerosamente e facer posible esta sección.
Boas vacacións e felices lecturas!”

“Os estereotipos sociais e da cultura galega, nunha novela de amor e humor de Eduard Velasco”

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Con Os días felices de Benvido Seixas, Eduard Velasco asina a súa primeira novela, coa que quedou finalista nos premios Xerais. Unha historia de amor, humor e dobres identidades. A entrevista pode verse aquí.”

Antonio Piñeiro gaña o VII Premio Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira coa obra Celada

“Antonio Piñeiro foi o gañador do VII Premio Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira coa obra Celada.
O xurado estivo composto por Antonio Tizón, galardoado na pasada edición, Xoán Xosé Fernández Callón, Alicia Padín Otero e Manuel Bragado Rodríguez. Optaron pola obra de Piñeiro entre as once presentadas este ano, destacando a contribución histórica dun texto que se mergulla nas revoltas estudiantís de Santiago nos anos setenta. Indicando que “estamos ante unha moi valiosa contribución literaria, unha novela política e poética, narrada por un personaxe colectivo, unha voz anónima que fala tanto da vida cotiá coma dos recunchos de Compostela”. “É unha colección de batallas que, dada as súa transcendencia, deben quedar para a Historia”. “Unha obra que convén reler”.
A nova deuse a coñecer ao público no acto que tivo lugar o 30 de maio no Salón de actos do Concello de Ribeira. A novela será publicada por Xerais ao longo do vindeiro ano.”

Daniel Asorey asina unha distopía feminista en As mulleres da fin do mundo

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Daniel Asorey asina unha distopía feminista en As mulleres da fin do mundo. Vén de publicar tamén o poemario Transmatria. A entrevista completa pode verse aquí.”