Entrevista a David Pérez Iglesias

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“David Pérez Iglesias fala da súa obra Todo o tempo do mundo, novela coa que gañou o Premio Merlín 2016. Este libro trata de Ariadna, unha rapaza de case doce anos que pasa 20 días felices xunto ao seu avó na aldea. Alí toma conciencia das súas orixes e a súa identidade. Pode accederse á entrevista aquí.”

“Ferrín: Non hai outro camiño é pura literatura”, por Manuel Bragado

Artigo de Manuel Bragado en Brétemas:
“Nun serán moi chuviñento en Vigo presentamos o día 15 de decembro na libraría Andel de Vigo Non hai outro camiño, a primeira novela de Isaac Xubín. Acompañou ao autor Xosé Luís Méndez Ferrín, que nunha intervención maxistral debullou unha obra que cualificou de “novela colectiva de personaxes moi ben definidos que aspira á interpretación do noso mundo contemporáneo sen ningún tipo de realismo”. Comezou Ferrín comentando o interese do titulo que avisa ao lector e “que nos leva a Kafka e ao seu camiño menos vinculado á cotidianidade como á Nova Narrativa Galega, iniciada por Gonzalo Mourullo, na que se falaba dun tema que nos atinxe mais sempre ambientado nun lugar que non é Galicia nin España nin ningún ámbito literario que nos puidese resultar coñecido”. “A novela de Xubín ten múltiples referentes literarias que se remontan a Jonathan Swift, de obras ambientadas en lugares que non existen no mundo”.
Destacou Ferrín que nesta obra “o espazo imaxinario supera aos personaxes, sendo o máis logrado dunha novela de protagonista colectivo que funcionan por ambientes”. “Aquí hai personaxes diferenciados, ben perfilados e definidos, interactuando entre eles con grande potencia dramática, moi próximos a nós, que forman parte da xeración de Xubín”. Cualificou, a seguir, a obra como “unha novela de política ficción que nos leva a un mundo postsocialista, como pode ser o dalgún dos países da antiga Iugoslavia”. Salientou Ferrín que a cidade da novela, Staro Selo, “ten un parecido, se queremos velo, coa cidade de Vigo, mesmo na apoteose final da obra descubrimos que hai xente que vai aos montes que a arrodean a ver os cabalos ceibos”. “Mais non é un román a clé, en absoluto. Esta novela non é unha metáfora continuada, non é esto. É pura literatura, aquí non hai ensino nin doutrina. Presenta un mundo paralelo coa necesaria ambigüidade. Toda literatura realista é un fracaso. Esta obra é daquelas que asumen a autonomía literaria como algo bo”.
Como outros acertos, Ferrín sinalou “a capacidade de inducir ao riso franco, á gargallada, o que nos leva á literatura popular”. “Mais tamén hai outro humor destinado a outro espírito máis cultivado, por exemplo a relación coas películas de Wyler, onde se abren e pechan decontino moitas portas, como sucede na Comedia dell’ Arte”. “Hai tamén o mundo da prisión, o delito estúpido, neste caso un delito gastronómico que nos remite a outra febra da novela, a da gastronomía. Nesta novela cómese moito, hai moita comida boa e fálase dela. Hai un banquete de políticos que comen unha carriza que está prohibida, como aquí as papuxas en empanada que se comen de forma clandestina en Monforte”. Rematou Ferrin agradecendo que a novela teña atención co lector “presentándose de forma compacta, avanzando en forma de cadriños que van iluminando aos posteriores”. “A novela pode ser lida como unha serie de contos concomitantes”. “Ao final asistimos á destrución dunha granxa colectiva onde a xente era feliz. Terrible final descorazonador, mais tamén aberto”.”

Francisco Coimbra: “Calquera que cuestione a orde estabelecida recibirá o apelativo de terrorista, coma Malcolm X ou Mandela”

Entrevista de Montse Dopico a Francisco Coimbra en Praza:
“Un día, de xeito espontáneo, os cincocentos habitantes de Kernow comezan a recuperar a súa lingua. Mais o Estado británico non está disposto a toleralo. Son acusados de subversivos, tratados de terroristas e fortemente reprimidos. Diso vai Crónica córnica, a novela do portugués Francisco Coimbra que foi finalista do Xerais. O que acontece podería pasar en Cornualle, ou calquera outro país do mundo. Onde quen ten o poder non quere escoitar.
– Praza: Os 537.400 habitantes de Kernow comezan a falar córnico, a súa lingua morta que non o estaba tanto, e o Estado británico interprétao como un desafía. Desta historia parte do libro. Por que? Por que escolliches Cornualle?
– Francisco Coimbra: Certamente podería escoller outra comunidade. O libro ten unha cita de José Saramago como íncipid indicando que quizais outras palabras se teñan dito alén do espello, o que significa que Cornualle, e a crónica toda, funciona coma unha alegoría de calquera outra nación sen estado que estea dentro do contexto europeo. Decidín Cornualle porque coido que outros países e/ou linguas aparecerían dunha forma moito máis marcada polas propias historias no mundo real. No entanto, Cornualle era un lugar pequeno, non tan marcado no político e, asemade, constituía un espazo literario autónomo universalmente coñecido, conforme escribiu Méndez Ferrín uns días atrás na recensión que fixo da miña novela. (…)”

Compostela: presentación de Non hai outro camiño, de Isaac Xubín

O martes 20 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro Non hai outro camiño, de Isaac Xubín, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Armando Requeixo, Ana Salgado e Manuel Bragado.

Vigo: presentación de Non hai outro camiño, de Isaac Xubín

O xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), de Vigo, terá lugar a presentación do libro Non hai outro camiño, de Isaac Xubín, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Bragado.

A Coruña: presentación de O cuarto das abellas, de Antía Otero

O mércores 14 de decembro, ás 20:30 horas, en Linda Rama (Porta de Aires, 4, baixo), na Coruña, terá lugar a presentación do libro O cuarto das abellas, de Antía Otero, publicado por Xerais. No acto, xunto á autora, participan Antía Marante e Dores Tembrás.

Mar Guerra: Norteáns, “unha epopea á castrexa”

Entrevista de Belén Bouzas a Mar Guerra en Sermos Galiza:
“Mar Guerra, escritora e xornalista, foi galardoada en 2008 co Premio Merlín de literatura infantil por Xenaro e o misterio da mochila verde. A este seguíronlle Xenaro e a hucha do indiano, Xenaro e a negra sombra e Señor Meco –editados na colección Merlín de Xerais–. Agora, tras a publicación de Norteáns, novela editada na colección Fóra de Xogo da Editorial Xerais, tivemos o pracer de conversar coa autora para coñecer máis en profundidade o que se agocha detrás das máis cincocentas páxinas que conforman esta grande novela e que, con certeza, fará gozar a aquelas persoas que teñan interese na cultura castrexa.
– Sermos Galiza: Norteáns é unha novela histórica na cal se reconstrúe con detalle a sociedade castrexa. En que se centra o libro? Cal é o argumento principal?
– Mar Guerra: Norteáns é unha epopea á castrexa desenvolvida cos modos de pensar, sentir e actuar actuais. O ambiente arranca cun capítulo inicial contemporáneo e despois toda a narración desenvólvese no século I antes de Cristo. Trátase dunha novela coral e o que é o fío argumental da novela é unha sorte de viaxe a Ítaca, lugar que todos tiveron que abandonar, uns obrigados e outros por vontade propia. Unha Ítaca que mudou durante ese tempo que estiveron fóra, mais que continúa a ser ese lugar ao que todos devecen por volver. Con Norteáns eu tentei realizar unha achega non só de contexto histórico, senón tamén da miña filosofía vital, esas pequenas pegadas que imos deixando polo camiño e que espero que poidan achegar algo a quen as reconstrúe. (…)”

Compostela: presentación de Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas

OLedicia Costas martes 13 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), en Santiago de Compostela, terá lugar a presentación da novela Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, Montse Pena Presas e Manuel Bragado.