Antonio Tizón: “Aínda queda moito para superar o estigma da doenza mental”

EntrevistaAntonio Tizón AELG a Antonio Tizón en La Voz de Galicia:
“Periodista e profesor, Antonio Tizón (A Coruña, 1960) debuta na novela negra, «ou mulata», para vestir cos temas clásicos do xénero -crime, corrupción, impunidade…- a súa loita persoal contra o trastorno bipolar. O autor presentará esta tarde na sede de APEM en Carballo (Avenida da Cristina, 2, ás 18:00 horas) e acompañado polo psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle A antesala luminosa (Xerais), a primeira novela dunha tetraloxía cuxo segundo volume, Os incurables, verá pronto a luz.
(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Foi moi duro afrontar a parte autobiográfica?
– Antonio Tizón (AT): Si, porque está tratada de xeito sincero, honesto e incluso sen moito sentido do pudor porque conto as barbaridades que se fan na fase maníaca, na que perdes o pudor e o sentido do risco. (…)
– LVG: ¿Tivo algo de terapéutico escribir o libro?
– AT: -Está escrito para intentar averiguar por que se produce unha enfermidade mental deste tipo e tamén para desembazarme dos meus traumas. Que mellor forma de facelo que contalo publicamente. Só disimulei un pouco contando en primeira persoa a parte do inspector, da investigación que leva a cabo, e en terceira persoa aquela que é autobiográfica.”

Carballo: presentación de A antesala luminosa, de Antonio Tizón

OAntonio Tizón AELG xoves 10 de marzo, ás 18:00 horas, na sede de APEM (Avenida Cristina, 2), de Carballo, preséntase a novela A antesala luminosa, de Antonio Tizón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Asociación Pro Enfermos Mentais e Xerais, participa, xunto ao autor, o psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle.

Manuel Iglesias Turnes: “Escribo para quen non ten quen lle escriba”

Entrevista Manuel Iglesias Turnesde Manuel Gago a Manuel Iglesias Turnes en Cultura Galega:
“A novela Que non te aten (Xerais, 2016) de Manuel Iglesias Turnes está a dar moito que falar. Non son habituais as novelas ambientadas no rural contemporáneo, de granxas gandeiras, concurso de razas leiteiras e enormes casas construídas co diñeiro da emigración, e cun grande número de personaxes novas enganchadas ás novas tecnoloxías para manexar a súa vida. Tralo éxito da súa anterior novela, As rapazas de Xan, que vai pola terceira edición, falamos co autor para coñecer máis sobre a escrita de Que non te aten.
– Cultura Galega (CG): Manuel, es un escritor moi tardío, algo nada habitual. Publicaches o teu primeiro libro, As rapazas de Xan, en 2012 e hoxe tes 65 anos. Por que te decidiches a escribir?
– Manuel Iglesias (MI): Eu empecei a escribir por unha situación persoal que non vía forma de xestionar. Unha enfermidade grave da miña muller, con catro operacións e catro anos de moitísima angustia. Un día estaba nun dos hospitais con ela, e déuseme por ir ao quiosco. Collín unha libreta e un bolígrafo e alí escribín vinte ou trinta páxinas de As rapazas de Xan. E a partir de aí. (…)
– CG: Cres que hai moitas historias do mundo rural por contar?
– MI: (…) Unha das satisfaccións máis grandes que tiven con As rapazas de Xan é que houbo moita xente de setenta ou oitenta anos que nunca leran un libro en galego e que leron As rapazas de Xan, sobre todo aquí na Barcala e Xallas, onde eu me movo. O libro andou polas casas igual que os santos andaban antes coa esmola e lérona os avós e os netos. Falaban de que era o primeiro libro que leran en galego sen dificultade. Iso que a moitos lles parecerá un defecto ou falta de bagaxe cultural, á hora de achegar a escrita ao lector é unha vantaxe. (…)”

Tabela dos Libros de marzo de 2016, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada primeiro luns de mes, a Tabela dos Libros ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inmaculada Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

marzo_tabela_2016

Entrevista a Antonio Manuel Fraga

DesdeAntonio Manuel Fraga o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A obra premiada, Querido H. P. Lovecraft, é unha novela que vai a cabalo entre a tolemia e a realidade, gañadora do I Certame de Literatura Fantástica Antón Risco. A entrevista pode verse aquí.”

Compostela: presentación de Que non te aten, de Manuel Iglesias Turnes

OManuel Iglesias Turnes xoves 3 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase a novela Que non te aten, de Manuel Iglesias Turnes, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Suso de Toro, Pablo Vaamonde e Manuel Bragado.

Xabier Quiroga: “Hai unha mecha acesa, que di moito do que virá, xa sexa revolución ou desfeita dun sistema caduco”

EntrevistaXabier Quiroga de Montse Dopico a Xabier Quiroga en Praza:
“(…) – Praza (P): Nada máis comezar a novela [Izan o da saca] vese a conexión con O cabo do Mundo: o barqueiro, o taxista Reina, o tema da represión franquista… Pensaches, dalgunha maneira, esta novela como continuidade de O cabo do Mundo? Por que decidiches recuperar ao Reina?
– Xabier Quiroga (XQ): Para nada. Izan o da saca ten entidade propia e esa conexión coa Ribeira Sacra foi o resultado dunha decisión de autor: onde situar os feitos concretos da historia que se quere contar? Despois de meditalo, descartei a primeira opción, o Courel, e decidinme pola zona que máis coñezo e que aparece nalgunha das miñas obras anteriores. O motivo: crin que lle cadraba mellor un refuxio nazi nun lugar recóndito e espectacular como é o Cabo do Mundo. E o do barqueiro como personaxe, resulta unha novidade na miña novelística, aínda que teña escasa participación. De todas maneiras recoñezo que o resultado provoca no lector unha inmediata conexión coa novela que nomeas. En canto ao Reina ou Reiniña como protagonista, foi o resultado doutra decisión: tiña a historia planeada e feitas as investigacións, tiña a zona onde quería situar o remate, faltábame un investigador que remexese nese pasado nazi galego, tan escuro e perturbador, e como non quería un detective con carné nin un policía ao uso, caín na conta de que o Reina da miña anterior novela lle acaía a esta. Como ves, escribir consiste, ademais doutras lerias, en tomar moitas decisións. (…)
– P: (…) Sae polo medio o 15-M… e un discurso escéptico sobre o que movementos coma este poden conseguir, malia teren razón, debido á loita tremendamente desigual… As reflexións do personaxe son tamén túas, neste caso? Digo porque todas as túas novelas teñen que ver con iso: a loita contra o poder, a procura da liberdade… E semella raro que a posición sexa tan escéptica se o punto de partida é ese…
– XQ: As reflexións do protagonista sobre os movementos sociais, neste caso o 15-M, son as de calquera que pense, que se pare e reflexione. Facéndoo, axiña se chega ao escepticismo, maiormente vendo os medios oficiais revolverse a toda mecha para esnaquizar esa rebeldía que non só é xeracional, senón que ten unhas raíces máis profundas. Pero as reflexións do personaxe principal da novela, se non coinciden exactamente coa miña visión, tampouco pasaría nada, pois os personaxes, por veces, son entes que adquiren algo así como independencia ou vida propia, e ti, como autor, non podes facer outra que deixalos moverse polos feitos e opinar. E falando deste tema, da mecha, creo que hai unha que segue acesa e con futuro, o que di moito do que virá, xa sexa revolucións ou desfeita dun sistema caduco. E xa non imos máis aló, á conseguinte perversión de calquera sistema con boas intencións e sen definir ideoloxicamente.
– P: Hai personaxes que citas que existiron, como Xan de Forcados. Outros parecen inspirados en figuras reais. (Un historiador determinado, por exemplo). Que teñen de documentación e de ficción os personaxes principais? Mesturar as dúas cousas é algo que fas moito.
– XQ: Gozo documentándome e investigando para as miñas novelas, recoñézoo. Tanto como escribindo. Nesa tarefa dou coa realidade de feitos e de persoas que, considero, son de novela. De aí que as verta nas páxinas. Pero unhas son realidade constatada e outras mera invención. Moitos lectores me teñen manifestado que se puxeron a buscar información sobre tal ou cal personaxe ou circunstancia, e iso é importante. Mover á acción. Procurar por un mesmo. E eu non vou descubrir canto é real e canto ficción. O que si me gustaría advertir é que seguramente o real supera ou é moito peor cá invención. (…)”