O
xoves 19 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Presente continuo, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participa Ramón Nicolás.
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Cangas: presentación de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira
O
xoves 19 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Maraxe (Avenida de Marín, 9), de Cangas, preséntase Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais, nun acto que contará coa presenza do autor.
Santiago: presentación de Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros
O
mércores 18 de decembro, ás 19:30 horas, na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela (Avenida Xoán XXIII, s/n), preséntase Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros, publicado en Xerais. Previamente, a partir das 18:00 horas, a autora manterá un encontro coas lectoras e lectores do Clube de Lectura Xuvenil da Biblioteca e o Clube de Lectura CleCa de Santiago de Compostela.
Betanzos: sinatura de Manuel Rivas e presentación de A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar
Rosa Aneiros: “Unha road movie marcada polo optimismo. Conversa sobre Ámote Leo A“
Entrevista
de Ramón Nicolás a Rosa Aneiros en Qué Leer, desde o seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Resistencia foi unha novela moi reeditada. Confiaba no feliz percorrido que gozou e goza este libro?
– Rosa Aneiros (RA): Era a primeira vez que escribía unha novela de adultos e bastante esforzo foi aprender a construíla como para imaxinar o eco que traería consigo. Se o chego a saber, talvez me tería condicionado máis a súa escritura pero foi algo espontáneo e por iso o resultado tan gratificante.
– RN: Intérnase agora, de novo, no ámbito da literatura xuvenil: un xénero no que se sente cómoda?
– RA: Os mozos son un público agradecido, xeneroso e entusiasta que vive cada historia coma se fose a última. Están nunha fase da vida en que todo resulta un descubrimento e esa alegría de vivir contáxiana ás lecturas polo que creo que as miñas obras son máis grandes cando eles as len. Unha tamén busca egoistamente a beleza das súas obras e, a través das súas lecturas, estas crecen e supéranse a si mesmas. Claro que ese é mérito seu como público e non meu como autora.
– RN: Ámote Leo A. é o primeiro volume dunha triloxía para novos lectores. Que significa o proxecto para vostede e por que esta estrutura?
– RA: Cada proxecto literario supón un reto para min. Neste caso, quixen construír unha triloxía na que teñen especial peso os diálogos, as viaxes, as redes sociais e as aventuras. Trátase dunha especie de road movie marcada polo optimismo e pola necesidade de loitar para conseguir os teus soños. A medida que a protagonista, Leo, devora quilómetros descubrimos como afronta as vicisitudes da viaxe máis fascinante da vida: ao interior de si mesma. E todo iso pasando por Istanbul, Venecia, Bos Aires, París, O Cairo, Ushuaia… (…)”
A Coruña: presentación de A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo
México: actividades de Elena Gallego na Feira Internacional do Libro
Información
enviada por Elena Gallego:
“A triloxía Dragal foi a gran protagonista destes encontros con lectores, na Preparatoria Regional de Arandas e Líderes del Siglo (situada no coñecido Cerro del Cuatro). A maxia do dragón serviu de ponte para achegar a cultura galega aos rapaces e rapazas destes centros de ensino secundario e para lembrar as nosas orixes comúns (O actual estado de Jalisco foi denominado Reino da Nova Galicia e a súa capital, hoxe Guadalajara, foi fundada co nome de Santiago de Compostela. Coma nós, na mitoloxía local de Jalisco tamén teñen dragóns).
A FIL é unha festa que conta cunha gran implicación da comunidade educativa da rexión. Trátase dun grande acontecemento para profesores e alumnos. Nestes encontros falamos do dragón galego, falamos de Galicia… Pero sobre todo da importancia que ten a lectura para descubrir outros mundos e achegar as nosas culturas. (…)
A presenza da triloxía Dragal (Xerais) no stand de Galicia acadou unha notable atención dos medios de comunicación locais. Unha mostra do interese que xerou a presenza de Dragal na FIL (este ano asistimos 656 autores de 28 países e 22 idiomas) foi o eco que tivo en diversos medios de Guadalajara,como o xornal El Informador ou o diario Mural.
Vigo: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón
No acto participarán, xunto ao autor, Marta da Costa, Ramón Anxo Martínez Seixo e Xosé Manuel Moo.
Xabier López: “Para os lectores, o mundo reinvéntase en cada libro aberto”
Entrevista
a Xabier López en Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Vostede mesmo confesou que Cadeas é a súa novela máis arriscada e ambiciosa desde Doutor Deus. En que senso é arriscada e en que senso é ambiciosa?
– Xabier López (XL): Se emparello unha e outra novela é porque ambas as dúas obedecen a un “programa” estrutural singular, que as sitúa como textos, digamos, ao límite, tanto no fondo coma na forma. Nelas, ademais de contar ou intentar contar historias (a vocación dun narrador, á fin e ao cabo), maniféstase dalgunha maneira a problemática inherente á novelística toda: é en verdade a novela ese “espello no camiño” do que falaba Stendhal? (…)
– FdV: Coa obtención do Premio Xerais, copa vostede un bo feixe de premios conseguidos ata o de agora. Os premios son fundamentais para a boa saúde da literatura galega actual ou ben se podería prescindir dalgúns deles?
– XL: Ben, iso de “copar” non creo que sexa exactamente así. Certo que houbo temporadas da miña vida nas que houbo certa “acumulación” de premios, mais hai que pensar que xa levo máis de quince anos publicando. E nese tempo, como é de imaxinar, houbo de todo; novelas premiadas e outras que, a non levar premio ningún, obtiveron outro tipo de recompensas: lectores, traducións a outras linguas… Polo demais, creo que os premios literarios son estímulos tan bos coma calquera outros para a promoción dun escritor e, por extensión, do sistema literario onde se inscribe. Faltan, iso si, máis axudas a un sector, o editorial, obrigado a ver como os poderes públicos se esquecen de que as industrias culturais xeran tanta riqueza ou máis que outras que si merecen de vello a súa atención. Para cando, poño por caso, un plan “Pive” para o mundo do libro e a lectura?
– FdV: Cando vostede gañou o Xerais, declarou que Cadeas reflectía ese obxectivo seu de que a literatura “comezando pola forma, é ou debe ser sempre algo máis”. “Algo máis” que? É que acaso, salvo contar novas historias, queda algo por inventar en literatura?
– XL: Nada queda por inventar, certo. Pero os lectores sabemos que o mundo se reinventa con cada libro novo que abrimos. Sobre todo naqueles que nos teñen por suxeitos activos.”
A Coruña: presentación de A Terra Queima, de Xurxo Souto e Lalo Carnota
O
sábado 14 de decembro, ás 19:30 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase A Terra Queima, de Xurxo Souto e Lalo Carnota, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.


