Entrevista
a Marcos Calveiro en Radio Obradoiro:
“Marcos Calveiro presentou onte na Libraría Couceiro de Compostela, unha novela arredor de Domingo Fontán, coa que gañou o Premio Repsol de Narrativa Breve 2015. Nunha entrevista este xoves en Radio Obradoiro, o escritor vilagarcián explicou que “sempre” estivo “obsesionado coa figura de Domingo Fontán” e que a obra é a vida novelada deste ilustrado galego, matemático e topógrafo que elaborou o primeiro mapa científico de Galicia e cuxos restos, “aínda que ninguén o lembre”, descansan en Santiago, no Panteón de Galegos Ilustres. Segundo Calveiro, un dos elementos máis curiosos da obra, titulada Fontán e editada por Galaxia, é a parte na que botou man da imaxinación para a recreación da personalidade e a infancia do protagonista. Calveiro narra, entre outras cousas, a vida do deputado en Cortes e a do estudante en Compostela, a do liberal represaliado e a do científico con ansias de progreso.” A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Marcos Calveiro: “A novela reivindica a figura de Fontán e o papel da ciencia”
Entrevista
a Marcos Calveiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): O traballo de documentación [Fontán] foi esencial…
– Marcos Calveiro (MC): Hai unha gran parte de documentación histórica, sobre o tempo que viviu el, porque percorre un século extraordinario en Galicia, como é o XIX, a loita contra os franceses, a represión liberal, a loita do absolutismo contra a modernización do país… Pero tamén hai moito de ficción na novela, porque toda a parte da súa infancia e da súa adolescencia saíu da miña cabeza… (…)
– LVG: ¿É un xeito de reivindicar a figura de Domingo Fontán?
– MC: Si, porque está esquecido. Todo o mundo se lembra que no Panteón de Galegos Ilustres están Rosalía e Castelao, pero alí tamén está Fontán. É o único científico que está o lado de literatos. Si que moita parte da cultura galega, durante moito tempo, tivo o mapa de Fontán como un elemento totémico, pero hoxe é un personaxe esquecido. A novela é para reivindicar a súa figura histórica e o papel da ciencia non só del, senón outros compañeiros científicos del e mestres del no século XIX.
– LVG: Escribe tamén novela infantil e xuvenil, ¿cambia moito?
– MC: O rexistro infantil si que é diferente, pero o xuvenil, non fago ningunha distinción. A primeira idea da novela era un retrato da infancia de Fontán e da súa adolescencia. O que me chamaba a atención era onde nace a vocación científica dun rapaz dunha pequena parroquia de Portas. Logo tanto me marabillou a personaxe e a súa idade adulta que tiven que meter todo. Cando me poño a escribir unha novela tampouco teño moita idea se vai ser para o público infantil, xuvenil ou adolescente. Decídoo o remate da mesma dependendo da extensión e a complexidade. Esta novela pódea ler un adolescente sen problema. É unha pequena aventura científica e un anaco da historia do noso país. (…)”
Rianxo: presentación de Lourenço, Xograr, de Manuel Portas
Audio da conversa arredor de Fontán co seu autor, Marcos Calveiro
Desde
A Kalimera:
“A Comissom de História do C. S. A Gentalha do Pichel, onde está o estúdio da Kalimera, estreia o seu programa de conversas ‘Café 1932′. Neste primeiro capítulo Helena Carro e André Seoane conversam con Marcos Calveiro, autor da novela Fontán (Ed. Galaxia, 2015). (…)”
Compostela: presentación de Fontán, de Marcos Calveiro
Conferencia do escritor Francisco Castro no IES Ribeira do Louro
Vigo: presentación de Xoguetes do tempo, de Xosé Luís Franco Grande
O
xoves 21 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), Xosé Luís Franco Grande presenta o seu poemario Xoguetes do tempo, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Alonso Montero e Víctor F. Freixanes.
Marcos Calveiro: “Fontán é case un personaxe de western”
Entrevista
a Marcos Calveiro en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Lembra cando escoitou falar por primeira vez de Domingo Fontán?
– Marcos Calveiro (MC): Claro. A primeira nova que teño de Fontán é a través doutro libro. De Otero Pedrayo, evidentemente. Ao final de Arredor de si o tío de Adrián Solovio pídelle que lle leve ao leito de morte a Carta Xeométrica de Galicia, de Fontán, e iso fai que todo cobre sentido. A min a novela non é que me gustase moito, aínda que soe a herexía, pero si que quedei coa historia do mapa. E dende aí levo con el na cabeza. Practicamente dende a adolescencia.
– DP: Por iso escribiu o libro?
– MC: Converteuse nunha teima. Cada dato que atopaba íao gardando primeiro nunha carpetiña e despois no ordenador persoal. É unha historia da que levo detrás 30 anos. Porque ademais o mapa de Fontán é un elemento moi simbólico da cultura galega, aínda que moi pouca xente sabe del. É unha figura medio esquecida, aínda que estea no Panteón de Galegos Ilustres con Rosalía e Castelao. Pero para a xeración Nós si que foi alguén moi importante, el e a idea de poñerlle rostro ao país. Otero Pedrayo, Cunqueiro, Castelao… todos falaban do mapa de Fontán. (…)
– DP: A novela, máis alá dunha biografía ficcionada de Domingo Fontán, é un retrato dun tempo polo que van desfilando dende Voltaire a Godoy pasando por Napoleón e Fernando VII.
– MC: É que todo iso me parecía moi interesante. A medición do meridiano foi unha das aventuras científicas máis importantes do século XIX. Falamos de xente que marchaba para a selva que se tiraba alí non sei cantos anos intentando medir o meridiano do Perú. Xa me dirás se eran ou non uns tipos alucinantes. Tiñan moito de científicos, pero outro tanto de aventureiros. Quero dicir que naquel momento a ciencia ocupaba as cubertas dos xornais. Había unha verdadeira carreira entre as nacións europeas por ver quen era quen de medir o meridiano ou coñecer a forma da Terra, entre outras cousas. E aí estaban varios científicos galegos polo medio. Iso é algo extraordinario porque a maioría da xente pode pensar que Galicia era naquel momento un sitio illado, abandonado, inculto e ignorante e non é certo. Todo o contrario. Hai un grupo de científicos da Universidade de Santiago de Compostela que ten contacto directo co mellor da ciencia europea sen pasar por Madrid. Collían un barco na Coruña e acababan en La Havre, en Francia. Xosé Rodríguez, o mestre de Fontán, é un tipo que se cartea co mellor da ciencia europea, que visita as mellores universidades francesas, alemás e inglesas, e que merca os primeiros instrumentais xeográficos e topográficos para a Universidade de Santiago. (…)”
Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2015
Desde
Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 14 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2015.
Con esta edición, son xa nove as convocatorias onde os lectores amosan a súa voz para reflectir os seus gustos e as súas preferencias literarias. En total, este ano recibimos 439 enquisas.
Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas…
– Mellor libro de narrativa para Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello.
– Mellor libro de poesía para A boca da terra, de Manuel Rivas.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega, coordinado por Blanca-Ana Roig Rechou.
– Mellor libro de teatro para Raclette, de Santiago Cortegoso.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero V, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Morte en Venecia, de Thomas Mann, por Laureano Xoaquín Araújo Cardalda.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Europa Express, de Andrea Maceiras.
– Mellor libro de literatura infantil para O meu pesadelo favorito, de María Solar.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para O papiro do César, por Xavier Senín e Isabel Soto.
– Autora do ano para Ledicia Costas.
– Ilustrador do ano para Xosé Cobas.
– Mellor capa de libro para adultos para O último día de Terranova.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Lendo lendas, digo versos, feita por Xosé Cobas.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para o pasamento de varios escritores.
– Mellor Libraría para Libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para Criticalia, de Armando Requeixo.”
Compostela: presentación de Fontán, de Marcos Calveiro
O
mércores 13 de xaneiro, a partir das 18:00 horas, na Gentalha do Pichel (Rúa Santa Clara, 21) de Santiago de Compostela, Marcos Calveiro falará sobre a súa obra narrativa Fontán, publicada en Galaxia.

