Antón Blanco gaña o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Fervenzas Literarias:
“Antón Blanco Casás é o gañador da XXXII edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que convoca o Concello de Dodro, polo seu poemario Voz do arqueiro. Así o decidiu por unanimidade o xurado, reunido o sábado da semana pasada na Casa de Cultura, tras valorar “a construción e a sintaxe e xunto cunha escolla léxica moi coidada. Voz do arqueiro posúe unha arquitectura interna coherente”.
Coordinado nesta edición por Xabier Castro Martínez, director do Centro PEN Galicia, o xurado estivo composto por Alicia Fernández Rodríguez, Estevo Creus Andrade, Elvira Ribeiro Tobío, Xabier Xil Xardón, e presidido Ramón Abuín Gómez, tenente de alcalde do Concello de Dodro. Actuou como secretario Xoán Xosé Vicente Franco, concelleiro de Cultura e Patrimonio.
Previo ao fallo, os membros do xurado, acompañados polo alcalde de Dodro, Xabier Castro, Manuel Lorenzo Baleirón, irmán de Eusebio e os poetas Paulino Vázquez, Anxo Angueira e David Pérez Iglesias rendiron un tributo poético cos poemas de Alba Cid e Hilde Domin ademáis dunha ofrenda floral no cemiterio de San Xián de Laíño, onde repousan os restos de Eusebio Lorenzo Baleirón.
O premio será entregado o próximo sábado ás 17:30 h. nun acto no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.”

A editorial Cuarto de inverno presentouse no Culturgal

Desde Fervenzas Literarias:
“Sempre se fala (e aburre un pouco escoitar sempre a mesma ladaíña, a dicir verdade) do terrible momento que está a pasar o mundo do libro, onde todas as novas iniciativas que xorden ao abeiro dese territorio cultural parecen ter que vogar contracorrente e contra os malos presaxios. Por iso é unha alegría ver como xermola unha nova editorial entre tanto agoireiro. Cuarto de inverno. Nova editorial pero vellos coñecidos. Aos mandos atopamos a Andrea Jamardo e a David Cortizo, quen tras as súas saídas de Urco editora apostan por un proxecto de seu que se presentou en sociedade este sábado 30 de novembro, ás 19.15 h., no Culturgal. Os primeiros libros? A novela Be Water, de Antía Yáñez, e o poemario Irmá paxaro, de Tamara Andrés. Ambos os dous libros foron finalistas do I premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil.
Preguntamos a David Cortizo, un dos responsable de Cuarto de inverno, sobre o nome da editorial. “Buscamos que lectoras e autoras se sintan a vontade dentro do cuarto, para Andrea significa unha cousa e para min outra, e xa temos escoitado algunha que outra interpretación do mesmo”.
No seu momento, Urco naceu como unha editorial centrada na literatura gótica, de terror e ciencia ficción. Baixo a dirección de Jamardo e Cortizo, aínda que seguiron publicándose obras do xénero, houbo un xiro na editorial cara a unha literatura máis feminista. Sobre a pregunta se Cuarto de inverno percorrerá ese camiño que iniciaron en Urco, para Cortizo “efectivamente, o feminismo vai estar presente xa non só nos nosos libros senón na nosa forma de traballar. Nós somos feministas e vivimos esa realidade entendendo isto ademais como unha aprendizaxe constante. Ademais queremos transmitir un gusto polo libro na súa totalidade dando valor a todos os procesos da vida do mesmo, desde a súa elaboración até a súa comercialización”.
Os dous primeiros títulos están destinados para un público xuvenil, pero en vindeiras datas a oferta de Cuarto de inverno ampliarase para o público infantil e o público adulto. “Cuarto de inverno terá coleccións de infantil, xuvenil e adultos. En cada unha desas tres, seguindo cadanseu criterio estético, irán editándose os libros que sintamos que poden formar parte de Cuarto de Inverno sen diferenciar se son ensaios, poemarios ou novelas”. A aposta de Andrea a David é publicar ao longo do ano un total de seis títulos, cunha cadencia fixa de dous por colección, polo menos nos dous vindeiros anos, aínda que “xa se irá vendo”.
Nas redes sociais de Cuarto de inverno lemos que a aposta dos seus libros van ir “desde a portada até as gardas, desde o código de barras até o colofón“, destacando a importancia tanto do contido como o obxecto en si. Segundo David Cortizo “é dar importancia a todo o que hai nun libro, poñelo en valor e dotalo de personalidade. Por exemplo, un código de barras está aí por algo, pois no canto de ser un pegote branco e negro imos colocalo nun sitio no que se sinta acompañado de outros elementos e imos decoralo un pouco para que teña a súa función pero non desentoe”.
As dúas primeiras obras do catálogo son unha novela de Antía Yáñez e un poemario de Tamara Andrés. Podedes adiantarnos que futuras obras aparecerán en Cuarto de inverno? “Podemos, pero vai ser a través da nosa web xa que temos pensado darlle un pouco de emoción á cousa. Podo adiantar que serán unha novela e un poemario para público adulto”. De todos os xeitos, si que avisan que “no porvir inmediato están eses dous libros para público adulto que sairán xa a principios de 2020 para continuarmos con dous infantís e outros dous xuvenís. O ano que vén xa teremos poesía, teatro e narrativa no catálogo. E temos en mente publicar no 2021 ensaio e tradución.””

Xesús Fraga, premio Blanco Amor de novela 2019

Desde Fervenzas literarias:
“O xornalista e escritor Xesús Fraga foi o gañador do XXXVIII Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor pola súa obra Virtudes (e misterios).
O xurado do certame que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, elixiu por maioría, de entre os 23 orixinais presentados ao premio, a obra de Xesús Fraga, que recrea as vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas, marcada pola emigración a América e a Europa. “Trátase dunha historia asentada na realidade da segunda metade do século XX, ben vertebrada e contada a través dun variado mosaico de lembranzas, sensacións, testemuñas, fotografías e o diario dunha nai”, sinala a acta.
O epicentro narrativo da obra sitúase nun Londres percorrido polas pegadas familiares e as do colectivo galego emigrante, subliña o xurado, salientando que como contrapunto está Venezuela, a través do avó ausente, do que pouco ou nada se sabe ata o final. “Resulta salientable –valora o xurado- a relación interxeracional permanente entre o neto e a avoa, unha figura forte que representa a épica das mulleres galegas nun tempo de extremas limitacións”, e tamén destaca “o tratamento da linguaxe e a variedade de rexistros, entre os que non falta a empatía coa actualidade; unha novela para todo tipo de lectores”.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de comunicar a nova ao escritor, felicitándoo polo éxito acadado con este traballo literario, que reflicte elementos autobiográficos na súa escrita, e que mantén, precisamente, un paralelismo coa obra Blanco Amor, quen tamén destacou por introducir características autobiográficas nalgunhas das súas obras.
Xesús Fraga, nado en Londres e residente en Betanzos, é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade de Salamanca, e traballa como redactor na sección de Cultura de La Voz de Galicia, contando cunha ampla traxectoria no ámbito literario.
O xurado, que fixo constar na acta os seus parabéns ao escritor desexándolle “moitos máis éxitos na súa faceta literaria”, estivo integrado por Luís González Tosar, como presidente; Laura Caveiro, secretaria, e Luís Menéndez Villalba, Xosé María Dobarro Paz e Eulalia Agrelo Costas, como vogais.
A entrega do galardón tivo lugar o vindeiro 30 de novembro, ás 20.30 h., nunha cea literaria, organizada pola Fundación “Eduardo Blanco Amor”, que tivo lugar no Liceo de Ourense, coincidindo esta edición co 40º cabodano do autor de A Esmorga, acto que contou coa participación de representantes institucionais e dos ámbitos social e cultural, e onde o premiado recibiu, xunto á achega económica do premio, unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio.”

Javier Rodríguez González acada o primeiro premio no VIII Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

Desde Fervenzas Literarias:
Citerea de Javier Rodríguez González acada o primeiro premio no VIII Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro.
Javier Rodríguez, natural de Ourense, álzase como gañador da VIII edición do Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, Premio convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura de Deputación Provincial de Lugo. Unha edición marcada polo gran número de participación de obras, preto dun cento de orixinais recibidos.
O segundo premio recaeu na obra titulada A ferida, da que é autor, Manuel López Rodríguez, de Noia. Pola súa banda a viguesa Branca Trigo Cabaleiro, acadou o terceiro premio coa obra presentada baixo o rótulo O heroe de vidro. (…)
O xurado desta edición estivo formado por Aura Ramil, Armando Requeixo e Chema Felpeto.
O premio Leiras Pulpeiro leva convocándose dende o ano 2012 coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores.
A entrega do premio terá lugar o sábado, día 23 de novembro de 2019, segundo o seguinte programa:
12:00 h. Recepción oficial na Casa do Concello.
12:15 h. Ofrenda floral ante a tumba do poeta.
12:45 h. Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.”

Unha novela coral e rebelde permite a Xosé Ricardo Losada gañar o II Premio Viadutos de Novela

Desde Fervenzas Literarias:
“Reunido nas dependencias municipais de Redondela, o xurado do II Premio Viadutos de Novela decidiu declarar gañadora a obra A casa xunto ao volcán que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Xosé Ricardo Losada.
O xurado, composto polas escritoras Iolanda Zúñiga e Anna R. Figueiredo (gañadora da pasada edición), a xornalista María Jesús Argibay, a profesora Patricia Arias Chachero, a editora Malores Villanueva, e técnica de Xuventude Sonsoles Lores, como secretaria con voz e sen voto, salientou “destaca a fortaleza dunha voz feminina en construción que evoluciona ao longo do relato na busca da súa identidade”.
En A casa xunto ao volcán, a través da voz dunha adolescente, o autor móstranos o pensamento crítico dunha sociedade na que a filosofía pode e debe ter un papel relevante e necesario. Ponse en valor a importancia do ensino como axente creador de persoas íntegras e libres.
A novela ten unha estrutura tripartita e ben deseñada que condiciona un texto áxil, de doada lectura e fondo pouso.
Xosé Ricardo Losada logra ademais unha voz feminina plenamente crible e sorprendente. A casa xunto ao volcán é unha novela coral e rebelde que invita a cuestionarse a orde social establecida e a unha mesma.
O II Premio Viadutos de Novela está convocado polo Concello de Redondela, a través da súa Concellería de Xuventude, e conta coa colaboración da editorial Galaxia. A casa xunto ao volcán será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da editorial Galaxia.”

Entrevista a Patricia Mallo sobre Os Fantom

Entrevista de Fervenzas Literarias a Patricia Mallo:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Vén de publicar Os Fantom (Galaxia), onde relata os disparatados sucesos que acontecen a unha familia de fantasmas durante as súas vacacións. A súa primeira novela, Os Cabezombis na Mansión Espello (Galaxia), estaba protagonizada por uns zombis un pouco toleiráns. Que é o que lle atrae destes seres tan pouco convencionais para que sexan os protagonistas das súas novelas?
– Patricia Mallo (PM): Gústame facer rir aos lectores, por iso procuro crear personaxes orixinais que vivan situacións moi divertidas. Penso que os cativos teñen moito sentido do humor e agradecen atopar persoas ou seres que saen do convencional.
Para a miña primeira novela imaxinei cinco zombis inquedos que metían en problemas ao protagonista, creando situacións cómicas. Na segunda obra os protagonistas son unha familia de fantasmas que non entende o modo de vida das persoas vivas, polo que van de enredo en enredo.
– FL: A mestura do mundo fantástico coa realidade cotiá desempeña un papel destacado na súa obra, incluso para ensanchar literariamente os límites da realidade.
– PM: A propia infancia funciona deste modo. Os cativos teñen unha imaxinación tan ampla e creativa que lles permite mesturar realidade e ficción de forma natural. Cando crecemos, a fantasía queda a un lado e por iso a buscamos nos libros ou nas películas.
Eu trato de escribir dese modo, mesturando o mundo real e o mundo imaxinario como se fosen complementarios.
– FL: “O mellor de estar morto, é que xa non podes morrer de novo”. É a frase coa que abre Os Fantom. Saca a relucir dunha forma clara, directa e desenfadada o tema da morte. Pensa que é bo que o neno se achegue ao tema da morte?
– PM: O primeiro que pensei cando tiven a idea desta novela era que os fantasmas deben ser xente moi feliz, xa que poden facer todo o que lles pete. Ademais, viven moi tranquilos porque nada lles pode facer dano.
O tema central do libro non é morte, pero como a morte forma parte da vida a trato dun xeito desenfadado.
De todos modos, os cativos se achegan ao libro con moita naturalidade. Para eles os fantasmas son uns personaxes completamente normais. (…)”

José Carou Rey gaña o XVIII Premio Antón Avilés de Taramancos

Desde Fervenzas Literarias:
“José Carou Rey vén de gañar, co seu libro Desvelando a Ademar Escambia, o XVIII Certame de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos que convoca o Concello de Noia e organiza a revista ‘Casa da Gramática’ do IES Virxe do Mar.
O xurado desta edición estivo formado por Xerardo AgraFoxo, Xavier Castro, Antonio Piñeiro e Baldo Ramos, actuando como presidente o alcalde de Noia Santiago Freire e como secretaria Oliva Fraga, responsable da Casa da Cultura de Noia. O xurado declarou o traballo de Carou Rey gañador por maioría.
Como voceiro do xurado, Antonio Piñeiro referiuse á obra gañadora como dunha “pescuda ou exploración sobre a vida de Ademar Escambia, un actor de cine fantástico que, por causas que no libro se desvelan, suicida, feito que leva a súa dona e ao seu fillo visitar a cidade de Sitges cando se celebra o Festival de Cine Fantástico, para pescudar na vida de Ademar. O libro conta cunha bonita carga de erudición, cunha bonita carga de afección cinéfila, e cunha linguaxe moi dotada, esteticamente moi apreciable, gramaticalmente moi correcta e con moito oficio”.
Á parte da cantidade económica estipulada nas bases, Desvelando a Ademar Escambia será publicado nas vindeiras datas pola editorial Toxosoutos e o gañador recibirá unha escultura do artista noiés Alfonso Costa. (…).”

O exército de fume, de Manuel Gago

Entrevista a Manuel Gago en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Ambientada en Galicia, O exército de fume ofrece unha España involucrada nun escenario bélico mundial. En teoría neutral, o estado franquista era claramente pronazi, especialmente na etapa de Serrano Suñer en Asuntos Exteriores, e iso levarase á práctica.
– Manuel Gago (MG): É evidente o apoio de Franco aos alemáns, principalmente para pagar favores levados a cabo por estes durante a Guerra Civil uns anos antes. No transcurso da II Guerra Mundial Franco ten que bailar a dúas augas. Por unha banda ten que devolver aos alemáns eses favores dunha forma explícita, pero ao mesmo tempo intenta manter unha posición que non irrite ao bando contrario. Que o apoio outorgado aos nazis non desencadee unha acción aliada contra o seu réxime. Ten que pugnar con esas dúas cuestións e boa parte do que veremos sobre o apoio de Franco aos nazis ten que ver con ese difícil equilibrio. Franco amparará aos alemáns, estes instalaranse nos territorios que lles interesan, pero Franco tamén negocia cos británicos, os cales exercen a súa propia presión, o seu propio poder e o seu propio sistema de subornos dentro do goberno do ditador. O que veremos na novela susténtase nesa dualidade. (…)
– FL: O exército de fume é unha novela que conta cun importante compoñente cinematográfico, levado iso incluso á forma de narrar.
– MG: Esa foi unha das decisións máis complicadas á hora de abordar a novela. Para min a primeira frase é como ter a chave da partitura. O xeito de como vou contar a historia foi unha decisión moi consciente.
Como narrador, eu son un narrador galego, no sentido de que en O exército de fume hai moi poucas descricións. Non se describen demasiadas cousas. Mesmo cando falo da Costa da Morte ou dese espectáculo que é o inicio da ría de Corme, non detallo case nada. Pero é algo premeditado, parto da base de que unha boa parte dos meus lectores xa coñecen iso e pódense facer unha idea moi clara de como é. Asumo que o lector sábeo e coñéceo, e iso permitirá centrarme na acción. Hai por exemplo un momento no que falo do muíño dos Vilares, e apenas digo nada de como é un muíño dese tipo. Calquera lector galego ten identificado moi ben esa imaxe, pode que un lector non galego falle por aí, de que non teña na cabeza como pode ser un muíño encaixado nun río, pero como dicía antes, asumo ese risco para o beneficio da acción.
E logo hai outro factor que sería que eu chego a esta novela logo de ver moitísimos filmes, de ler novelas, banda deseñada… baseadas no mundo da II Guerra Mundial. Igual que o lector sabe de que estou a falar cando falo dun muíño, tamén sabe do que estou a falar cando falo dun submarino, dunha base militar, de avións pasando por riba de ti… Gústame explorar as conexións que co imaxinario común pode ter a xente. E se a xente coñece de antemán ese mundo, prefiro non determe aí e centrarme máis na acción, porque as imaxes están na cabeza da xente. Eu o único que fago é chamalas para a novela. Cando en O exército de fume aparece un nazi, ti sabes como vai ser: o seu porte, a súa vestimenta, como vai fumar…
– FL: Tanto este O exército de fume como o anterior O anxo negro teñen moito de “achegarse ao lugar”, inhalando tanto o espazo físico como o momento histórico.
– MG: Para as miñas novelas teño que me encontrar con persoas reais, ter un encontro coas fontes e evidentemente, ter un encontro co lugar. No caso de O anxo negro recreei ese lugar, que non existe, de forma moi detallada, porque sentía que debía falar dun lugar que aínda que non fose real, eu como narrador tiña que pensar que si era real, para sentirme a gusto escribindo. En O exército de fume pasa unha cousa parecida. Os lugares son precisos, as distancias entre os sitios son precisas. As persoas que aparecen teñen vínculos con persoas reais, en grande medida. Hai investigación documental detrás que non é só do libro, senón doutro tipo de fontes. (…)”

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2018

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2018.
Queremos agradecervos a todas e a todos as doce edicións nas que levades escollendo, a través dos vosos votos, os mellores libros do ano.
Desde Fervenzas Literarias queremos recoñecer a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros. Moitísimas grazas, xa que sen ese tempo que dedicades en votar sería totalmente imposible este traballo.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas!!!

– Mellor libro de narrativa para Besta do seu sangue, de Emma Pedreira.
– Mellor libro de poesía para Todo isto antes era noite, de Lucía Aldao.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Vivir a galope, de María Xosé Queizán.
– Mellor libro de teatro para Eroski Paraíso, de Chévere.
– Mellor álbum de banda deseñada para O puño e a letra, de Yolanda Castaño.
– Mellor libro traducido para público adulto para A cámara do sangue e outros relatos, de Angela Carter, traducido por María Reimóndez.
– Mellor libro de literatura xuvenil para A balada dos unicornios, de Ledicia Costas.
– Mellor libro de literatura infantil para Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Pippi Mediaslongas embarca, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez.
– Autor do ano para Emma Pedreira.
– Ilustrador do ano para Víctor Rivas.
– Mellor capa de libro para adultos para Besta do seu sangue, de Emma Pedreira.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, feita por Andrés Meixide.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para Culturgal 2018.
– O peor acontecido para o falecemento de Xabier P. DoCampo.
– Mellor Libraría para Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Sermos Galiza.
– Mellor blog/web literaria para A Sega.”

Cotobade acolleu a inauguración simbólica do Ano Antonio Fraguas

Desde Fervenzas Literarias (foto: Concello de Cotobade):
“O pasado domingo inaugurouse, cun acto simbólico no lugar da Insuela, parroquia de Loureiro, concello de Cotobade, o Ano Antonio Fraguas, a quen a Real Academia Galega homenaxeará este 2019 co Día das Letras Galegas. En palabras de Víctor F. Freixanes, presidente da Academia, “será un ano de celebración arredor da figura de don Antonio e, ao mesmo tempo, de reivindicación da lingua e da cultura popular, expresión da lealdade histórica do pobo galego a prol da súa identidade. Antonio Fraguas dedicou a súa vida a estudar as raíces que nos explican a todos nós”.
Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, fixo de anfitrión e deu a palabra a todos os invitados, institucións que se suman á celebración do Día das Letras Galegas: o Museo do Pobo Galego e a Fundación Antonio Fraguas, representados polo seu presidente, o historiador Xusto Beramendi; a Deputacion de Pontevedra, representada polo deputado de cultura, Xosé Leal; o goberno do país, representada polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e a familia de Antonio Fraguas, en representación da cal falou o seu sobriño Xosé Martínez.
Logo das intervencións descubriuse na fachada da casa natal unha placa conmemorativa, deseñada por un canteiro do lugar e, a continuación, interpretouse o Himno Galego. Diante dun numeroso grupo de asistentes, constituído por representantes de institucións políticas e culturais, así como por veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade, os presentes fixeron votos por unha celebración activa e participativa do Día das Letras Galegas, na liña de mobilización civil que nos últimos anos vén animando a onomástica do 17 de maio.
Proximamente, presentarase nos colexios de Cerdedo-Cotobade a iniciativa Primavera das Letras, dirixida a escolares de educación infantil e primaria, promovida tamén pola Real Academia Galega.”