Entrevista
a Francisco Castro en Sermos Galiza:
“Falamos co novo director da editorial Galaxia quince minutos despois de que remate o Consello de Administración que vén de nomealo en substitución de Víctor Freixanes.
– Sermos Galiza (SG): Logo de tantos anos en Galaxia, que supón para ti ser o novo director da editorial?
– Francisco Castro (FC): Pois imaxínate, unha responsabilidade enorme e un reto absolutamente fantástico. Hai 15 minutos que rematou o Consello de Administración que decidiu nomearme e estou nunha nube, feliz, moi consciente da responsabilidade, pero moi contento.
– SG: Estase producindo un relevo xeracional paulatino no mundo Galaxia. Ademais de Freixanes, hai uns días retirábase Zulueta de Haz como presidente da Fundación Penzol, dando paso a Manuel Puga. Que suporá isto para a entidade?
– FC: Estamos diante dun relevo xeracional, Víctor Freixanes xubílase, fixo un traballo excepcional ao longo de todos estes anos, e agora tócanos á xeración que vén por detrás asumir estes retos. Entre moitos outros que vai haber, de renovación do noso catálogo, de apertura de novas coleccións, pois unha haberá unha aposta clara pola modernidade, por ese horizonte 2.0 do libro electrónico e da experimentación con moitos formatos. Un dos retos cruciais para min, ademais de seguir mantendo este proxecto de navegación que empeza no ano 1950, é sobre todo conectar coa mocidade, contribuír desde esta editorial ao que na fundación se soñou, que é o espallamento da literatura e da cultura galega, agora dicimos tamén da música galega, enchufándonos moi ben en todos os chanzos da idade. Imos potenciar máis a nosa liña de música infantil que tantas alegrías nos ten dado. (…)
– SG: E esta nova responsabilidade limitará a túa dedicación á literatura?
– FC: Obviamente vai dificultala bastante, pero é un reto profesional que como editor asumo con orgullo e con plena entrega. Obviamente se xa era difícil sacar horas para escribir agora témome que vai ser máis difícil aínda, pero é un prezo lindo a pagar.”
Arquivos da etiqueta: Francisco Castro
Pontevedra: actividades literarias destacadas do domingo 4 no Culturgal
Do
2 ao 4 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 2 e sábado 3, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 4, terá lugar o Culturgal 2016. O prezo das entradas é o seguinte:
– Xeral: 2 euros (1 día) | 3 euros (3 días).
– Menores de 12 anos: 1 euro (1 día) | 2 euros (3 días).
– Menores de 3 anos: gratis.
As actividades literarias destacadas do programa para o domingo 4 son:
– 12:00 h. Auga a través, de Dores Tembrás. Apiario. Presentación do poemario coa participación dos responsables do documental Os días afogados de Amanita Films. Espazo libro.
– 13:00 h. Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra. Nós Produtora. Proxección do documental coa participación de Xosé Luís Ledo, produtor, e Carme Vidal, guionista. Salón de actos.
– 13:00 h. Máis alá do azul e o rosa, de Ana Torres Jack, publicada por Galaxia. Coa autora e o editor Francisco Castro. Espazo libro.
– 13:30 h. Presentación de Cartas de inverno. Edición Especial 100.000 exemplares vendidos, de Agustín Fernández Paz, coa participación de Eulalia Agrelo, María Xesús Fernández, Isabel Soto e Manuel Bragado (Espazo Libro).
– 16:30 h. Presentación da Axenda de Mulleres 2017. Libraría Lila de Lilith e Observatorio da Mariña pola Igualdade. Espazo libro.
– 18:00 h. Mesa redonda de autoras de literatura fantástica dirixida a público xuvenil. Urco Editora. Con María Canosa e Alex Bayorti. Espazo libro.
– 18:00 h. Os soños na gaiola. Títeres Alakrán. Os soños na gaiola de Manuel María é unha obra de monicreques para público infantil e familiar. Con Títeres Alakrán e o dramaturgo e director Roi Vidal. Espazo infantil.
– 18:30 h. Sinatura de María Solar, autoras de As horas roubadas (Stand de Xerais).
– 18:30 h. Un monstro vén a verme. Kalandraka. Presentación da versión en galego do libro de Patrick Ness. Con Xesús Fraga, tradutor, Paz Castro, de Kalandraka e representantes da Asociación de Loita contra o Cancro. Espazo foro.
– 18:30 h. Entrevista a Antonio Manuel Fraga e Carlos Quiroga, gañador e finalista do I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica. Urco Editora. Espazo libro.
– 19:00 h. Conversa da xornalista Selina Otero con Ledicia Costas, gañadora do Premio Lazarillo 2015 con Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, publicada por Xerais (Espazo Libro).
– 19:30 h. Sinatura de Ledicia Costas e Víctor Rivas, autora e ilustrador de Escarlatina, a cociñeira defunta e Esmeraldina, a pequena defunta (Stand de Xerais).
– 19:30 h. Kneves no Autoblues Chicago-Fornelos. Co poeta Kiko Neves e os guitarristas Phil Chicago e Róber Fornelos. Espazo foro.
– 19:30 h. Conversa con Antón Riveiro Coello, autor de A ferida do vento. Galaxia. Coa xornalista Selina Otero. Espazo libro.
– 19:30 h. «Os xoguetes de Clío. Unha homenaxe a Carlos Casares». Polo correo do vento. Espazo infantil.
Coñécense as obras gañadoras do Certame Xuventude Crea
Pontevedra: presentación de A soidade das medusas, de Iria Collazo López
A Coruña: recital poético-musical Nunca mascotas, de Paula Carballeira
Vigo: presentación de Os Cabezombis na Mansión Espello
Actividades destacadas do VI Festival Internacional Vigo Kerouac de Poesía e Performance
O
VI Festival Kerouac Vigo de Performance e Poesía, ten os seguintes actos destacados dentro do seu programa:
Xoves 20
– 13:00 h. Porta do Sol. Antonio García Teijeiro participa na homenaxe a Carlos Oroza.
– 19:00 h. Urban Market Progreso 41. Obradoiro Internacional de Tradución Poética. Recital a seis voces coordinado por Yolanda Castaño, coa participación de Dores Tembrás.
Venres 21
– 19:00 h. MARCO (Rúa Príncipe, 54) -entrada para o espectáculo completo: 5 euros-. Recital de María N. Soutelo.
– 22:15 h. La Fiesta de los Maniquíes (Rúa Rogelio Abalde, 11) -entrada para o espectáculo completo: 5 euros con consumición-. Recital de Antonio García Teijeiro.
Domingo 23
– 13:30 h. Urban Market Progreso 41. Vermú poético, coa presenza de Francisco Castro.
Santiago de Compostela: V Xornadas de Literatura e Ensino. Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016)
As
V Xornadas de Literatura e Ensino levan o título de Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016), están organizadas pola AS-PG e a AELG, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO). A coordinación corre a cargo de Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG e Carlos Negro Romero, vogal.
Santiago de Compostela (IES Fontiñas – Rúa Estocolmo, 5) –como chegar–
15 de outubro
*
Matrícula
Dende o 15 de setembro até o 13 de outubro en www.as-pg.gal.
Homologación
Solicitada á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por 8 horas.
Prezos
Matrícula gratuíta, preferente para socias/os da AS-PG e AELG.
Nesta V edición, baixo o título Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016), apostamos por partillar un menú completo e equilibrado que alimente os tempos de lectura, ociosa e formativa, pairando a nosa ollada na cartografía literaria máis actual, aquela que actúa como imprescindíbel activo, lector e coeducador, na escola construtora da utopía do futuro.
Os obxectivos xerais desta edición son achegar ao profesorado experiencias novidosas para o seu traballo na aula, ofrecer un mapa provisional da literatura galega contemporánea, facilitar un foro de reflexión a respecto da perspectiva literaria máis recente e incidir en prácticas que posibiliten a estimulación creativa escrita do alumnado.
En 2011 a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) abría unha nova porta, a Xornada de Literatura e Ensino, dentro da casa común que abeira o seu Espazo Didáctico, vinculada á necesaria reflexión sobre a relación comunicativa entre escola, literatura e pensamento/expresión creativa, que, desde perspectivas actuais, dinámicas e próximas á realidade vivencial do alumnado e mais do profesorado, reactualizase a pedagoxía da literatura de noso nas aulas.
Analizar o presente literario na escola, cada vez menos presente nos currículos escolares oficiais; adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos; concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na escrita, o alumnado; reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura; partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento literario para a infancia e a mocidade, da man dos escritores e escritoras da literatura galega contemporánea ou valorar a literatura galega, a través da súa historia, como unha ferramenta clave para a adquisición da necesaria competencia lingüística adaptada a cada nivel/etapa educativa, foron algúns dos obxectivos que guiaron os pasos transitados nas sucesivas edicións das xornadas.
Programa
Café para tres
9:30 – 11:30
Como explicar a historia da literatura galega desde o século XXI?
– Dolores Vilavedra
– Isaac Lourido
– Teresa Seara
Sesión vermú
11:30 – 13:30
Ficcións narrativas para conquistar novos públicos.
– Xosé Monteagudo
– Ledicia Costas
– Xosé Duncan
Sobremesa en acción
16:00 – 18:00
Obradoiros literarios con propostas de textos contemporáneos para as aulas
– Rosalía Fernández Rial (teatro / poesía)
– Antía Otero (poesía / videocreación)
– Francisco Castro (narrativa)
Hora da merenda
18:00 – 20:00
Que literatura galega nos piden os tempos?
– Camilo Franco
– Helena González
– Álex Alonso
*
Obxectivos
– Achegar ao profesorado experiencias novidosas para o seu traballo na aula.
– Ofrecer un mapa provisional da literatura galega contemporánea.
– Facilitar un foro de reflexión a respecto da perspectiva literaria máis recente.
– Incidir en prácticas que posibiliten a estimulación creativa escrita do alumnado.
Taboleiro do libro galego XLVI (agosto e setembro de 2016), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Neste primeiro día de outubro o Caderno da crítica incorpora a referencia das novidades editoriais publicadas en lingua galega máis demandadas nalgunhas librarías galegas ao longo dos meses de agosto e setembro deste ano que andamos. Nesta ocasión, a información subministrárona un total de once librarías, entre as que damos a benvida á compostelá Chan da Pólvora. Alén desta última, grazas a Andel e Cartabón de Vigo; Moito Conto da Coruña; Cronopios de Santiago de Compostela e Pontevedra; Lila de Lilith e Pedreira, de Santiago de Compostela; Paz de Pontevedra, Trama, de Lugo; Aira das Letras, de Allariz e Miranda, de Bueu. Retornamos en decembro.
NARRATIVA
1º-. Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, Galaxia; Miguel Anxo Fernández, Un dente sen cadáver, Galaxia; e Ramón Nicolás, O espello do mundo, Xerais.
2º-. Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, Galaxia.
3º-. Manuel Gago, O anxo negro, Xerais.
4º-. Luís Rei Núñez, O encargo do señor Castelao, Xerais.
5º-. Xabier Quiroga, Izan, o da saca, Xerais.
6º-. Miguel Anxo Murado, Libro de horas, Galaxia.
7º-. María Reimóndez, A dúbida, Xerais.
8º-. María Solar, As horas roubadas, Xerais.
9º-. Diego Giráldez, Galería de saldos, Xerais.
10º-. Susana Sánchez Arins, seique, Através.
POESÍA
1º-. Antón Blanco, A oseira, Chan da Pólvora.
2º-. María do Cebreiro, O Deserto, Apiario.
3º-. Gonzalo Hermo, Celebración, Apiario.
4º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
5º-. Marcos Abalde, Exhumación, Xerais.
6º-. Xohana Torres, Elexías a Lola, Engaiolarte.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Isidro Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia, Xerais.
2º-. Suso de Toro, O país da brétema, Xerais.
3º-. Montse Fajardo, Un cesto de mazás, Autoedición.
4º-. Afonso Eiré, O Piloto, Hércules de Edicións.
5º-. Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (coord.), As Irmandades da Fala (1916-1931), Laiovento.
XUVENIL
1º-. Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Xerais.
2º-. Fran Alonso (ilustrador Dani Padrón), Contos nerviosos, Embora.
3º-. Agustín Fernández Paz, A neve interminable, Xerais.
4º-. Antoine de Saint-Exupéry, O principiño, Urco (tradución de Rodrigo Vizcaíno).
5º-. Francisco Castro, Tes ata as 10, Galaxia.
INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Justin Richardson e Peter Parnell, Con Tango son tres, Kalandraka.
4º-. Antonio Sandoval e Emilio Urberuaga, A árbore da escola, Kalandraka.
5º-. Fran Alonso, Poemas birollos para ler cos ollos, Xerais.
LIBROS CD-DVD
1º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
2º-. Paco Nogueiras e David Pintor, Brinca vai!, Kalandraka.
3º-. Sérgio Tannus e Luís Barbolla (ilustracións), Alegría!, Galaxia.
4º-. Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Non hai berce coma o colo, Kalandraka.
BANDA DESEÑADA
1º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
2º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.
3º-. René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), O papiro do César, Xerais.
VARIOS
1º-. Benigno Campos, Peixes e mariscos, Galaxia.
2º-. VV.AA., Luzes de Galiza, nº 33-34.”







