Entrevista de Daniel Salgado a Isabel Soto en Sermos Galiza:
“”A fluidez e a solvencia na lingua meta” e “o esforzo de reflectir o estilo arcaizante da lingua orixinal” de Fosca (1869), de Iginio Ugo Forchetti, valéronlle a Isabel Soto (Vigo, 1969) o premio Plácido Castro de Tradución. Crítica coa histórica ausencia de “planificación seria” no sector, alerta das condicións laborais das tradutoras e reclama un maior coidado do galego.
– Sermos Galiza (SG): Por que traducir unha obra como Fosca?
– Isabel Soto (IS): Foi unha decisión tomada entre o editor e mais eu. A editorial busca obras interesantes e combina libros con dereitos e sen dereitos de autor. Fosca é unha obra do século XIX, representante dun intre singular da literatura italiana, a Scapigliatura, que é a bohemia da época. A novela atópase a medio camiño entre o romanticismo e o decadentismo.
– SG: Cal foi a principal dificultade de pasar a escrita de Iginio Ugo Tarchetti ao galego?
– IS: Manter o ton romántico, de misterio, da paisaxe tétrica, da novela. Reproducir esa atmosfera foi o máis complicado.
– SG: Que importancia ten a tradución para unha literatura como a galega?
– IS: Para min é fundamental. Unha literatura moderna debe dispor das principais obras literarias na súa lingua.
– SG: Non parece o caso. Nunca existiu a tradución sistemática do canon clásico da literatura universal.
– IS: Falta, si. Hai moitos baleiros e moitos ocos. Nunca se fixo unha política seria de tradución. Nas asociacións de tradutores hai listaxes de obras sen traducir e percíbese esa realidade. É unha oportunidade editorial, iso si.
– SG: En que consiste, ao seu ver, esa “política seria de tradución”?
– IS: En primeiro lugar, en facer unha revisión exhaustiva e seria das obras fundamentais da literatura universal e promover despois a súa tradución. É que, por exemplo, A montaña máxica de Thomas Mann está sen traducir. E como esa, moitas outras.
– SG: Como cualifica o estado da tradución literaria ao galego?
– IS: Como en todos os traballos, as condicións laborais son un pouco lamentábeis. Trabállase con prazos moi curtos. As tarifas son diferentes para encargos semellantes. Para te manter como tradutora tes que ter unha continuidade moi forte. Hai editoras que funcionan axeitadamente, pero outras tardan en pagar. Hai unha serie de prácticas que dificultan o noso labor. (…)”
Arquivos da etiqueta: Hugin e Munin
Discurso pronunciado por Isabel Soto no acto de entrega do XVI Premio Plácido Castro de Tradución
Isabel Soto, gañadora do Premio Plácido Castro de Tradución
“A viguesa Isabel Soto foi a gañadora da XVIª edición do Premio Plácido Castro de Tradución pola obra Fosca de Iginio Ugo Tarchetti, publicada por Hugin e Munin.
Isabel Soto é unha tradutora consolidada cunha longa traxectoria profesional. A obra premiada, Fosca, é a máis importante de Tarchetti, escritor italiano scapigliato. A scapigliatura foi un movemento artístico e literario desenvolvido no norte de Italia sobre todo entre os anos sesenta e oitenta do século XIX. Nos scapigliati aniñaba un espirito de rebeldía contra a cultura tradicional e o bon senso burgués.
O xurado destacou da tradución a fluidez e a solvencia na lingua meta, así como o esforzo de reflectir o estilo arcaizante da lingua orixinal nun galego que recupera usos propios dunha época literaria anterior; respecto á calidade da tradución, salienta o acerto no transvasamento de estruturas sintácticas intricadas ao galego.
Con este premio, a Fundación Plácido Castro pretende reivindicar a dimensión tradutora do autor galego de quen en 2017 cúmprense 50 anos do seu pasamento, así como alentar un maior recoñecemento social do labor dos tradutores e tradutoras e da súa achega ao sistema cultural e literario galego.
O premio entregarase o vindeiro 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, no Concello de Vilagarcía de Arousa.”
Taboleiro do libro galego (maio 2017)
Desde Cicloxénese Expresiva:
“Aquí vos traemos a listaxe de libros máis vendidos de maio. Podedes consultar as entradas anteriores no Caderno da Crítica e na nosa propia páxina.
Para a elaboración deste taboleiro participaron as seguintes librarías: Miranda, Paz, Andel do libro, Couceiro, Lila de Lilith, Chan da Pólvora e Trama.
Narrativa
- Blues para Moraima, de Miguel Anxo Fernández. Editorial Galaxia.
- Ilustrísima, de Carlos Casares. Editorial Galaxia.
- Once portas, de Héctor Cajaraville. Editorial Xerais.
- Vento ferido, de Carlos Casares. Galaxia.
- Verán sen homes, de Siri Hustvet. Editorial Hugin e Munin.
- A morte do meu pai, de Afonso Eiré. Hércules Ediciones S.A.
Poesía
- Na casa da avoa, de Marta Dacosta. Galaxia.
- Camuflaxe, de Lupe Gómez. Chan da Pólvora Edicións.
- A cadencia da fractura, de Isaac Xubín. Editorial Xerais.
- A Relixión do mar, de Xosé Iglesias. Instituto de Estudos Miñoráns.
Ensaio
- Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), de María Xesús Lama. Editorial Galaxia.
- Galegocalantes e galegofalantes, de Carlos Callón. Editorial Xerais.
- Non des a esquecemento, de Luís Bará. Instituto de Estudos Miñoráns.
Xuvenil
- Corredora, de María Reimóndez. Editorial Xerais.
- A soidade das medusas, de Iria Collazo. Editorial Galaxia.
- Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas. Xerais.
Infantil
- A Galiña Azul, de Carlos Casares. Editorial Galaxia.
- O principiño, de Antoine Saint-Exúpery. Editorial Galaxia.
- Un ronsel de ardora, de Carlos Roberto Álvarez Taboada e Enrique Mauricio Iglesias. Lela Edicións.
Libro CD-DVD
- Mel, unha mosca agradecida, de Miguel Ángel Alonso. Nova Galicia Edicións.
- Volta, revolta e reviravolta, de As Maimiñas. Editorial Galaxia.
Banda deseñada
- Bichero VI: TI SACHA!!!, de Luís Davila. Autoedición.
- Floreano. Alúganse borrachos para festas, de Gogue. Editorial Xerais.
- Historias Floreánicas, de Gogue. TodoGrove Edicións.
Revistas
- Luzes.
- Tempos Novos.”
Antía Veres gaña o I Premio Realia de Tradución
Desde Cultura Galega:
“O Concello de Santiago acolleu a presentación do fallo do I Premio Realia de Tradución que convoca a editorial Hugin e Munin en colaboración con esta entidade. A concelleira de Turismo e Igualdade, Marta Lois e Xavier Senín, voceiro do xurado, anunciaron que foi Antía Veres Gesto quen se fixo cos 1.200 euros do galardón. Veres verteu ao galego a obra Detrás da máscara: o poder dunha muller de Louise May Alcott, na que o xurado recoñeceu o “se tratar dunha tradución axustada ao orixinal inglés, coa necesaria adaptación á lingua meta para favorecer unha lectura fluída”. Segundo explicou Senín, “o coidado no aspecto lingüístico fai supoñer un proceso de traballo demorado”. O tribunal, composto por Marta Neira, Isabel Soto, Delia González e Alejandro Tobar, ademais do propio Senín, destacou que a obra escolleita é un libro “singular dentro da produción da autora, o cal se axusta ao espírito da editorial convocante”.
En total presentáronse ao certame un total de nove traducións, das cales o xurado descartou catro por non cumprir as bases. Das restantes, e logo de contrastar coas obras orixinais e con outras versións escoulleuse a gañadora por unanimidade. O traballo de Antía Veres verá a luz nun prazo máximo de tres meses na editora Huguin e Munin, que pasado un ano será cedida á Biblioteca Virtual (BIVIR) da Asociación de Tradutores galegos, onde se poderá ler en liña.
Senín destacou o feito de ser este certame o único con dotación económica dedicado á tradución no noso país, e asegurou que a organización está satisfeita coa participación. Segundo explicou, “non está nada mal. Só pasaron oito meses desde a convocatoria, o que fixo que só se puidesen presentar obras que xa estaban en marcha. A tradución é un proceso que leva moito tempo”. Sinalou, no entanto, que ao ser un certame bienal é de agardar que para a vindeira xeira “xa con máis tempo de preparación, haxa máis competencia”.”
As damas verdes, de George Sand, en galego
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A editorial Hugin e Munin publica a tradución ao galego da obra de George Sand As damas verdes. Pode accederse á entrevista aquí.”
I Premio Realia de Tradución
A tradución de Marta Dahlgren do libro Kallocaína recibe o premio Plácido Castro
Desde Fervenzas Literarias:
“O xurado da décimo quinta edición do premio Plácido Castro de Tradución acordou recoñecer o labor de Marta Dahlgren pola súa tradución da obra de Karin Boye, Kallocaína.
Este premio, que leva o nome do ilustre humanista corcubionés que quixo estimular coas súas traducións a recuperación explícita da nosa identidade, está destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal, con especial atención á súa presenza en Internet e as traducións para o galego de obras doutras linguas.
Sobre a tradución de Kallocaína, publicada en papel por Hugin e Munin, o xurado quixo destacar o feito de que sexa unha tradución directa do sueco, unha lingua pouco traducida ao galego, feita con mestría, rigor e viveza, trazos habituais no estilo dunha tradutora consolidada e directamente relacionada coa formación de novos profesionais da tradución. Igualmente sinálase que se trata dunha obra actual que conecta á perfección coas novas xeracións de lectores e lectoras.
Marta Dahlgren, profesora na universidade de Vigo, con ampla especialización en Literatura Inglesa ou Semántica, entre outros, durante décadas contribuíu á formación de xeracións de novos tradutores. A súa obra tradutora goza de significado recoñecemento. (…)
Integraron o xurado desta edición Xavier Senín, da Fundación Plácido Castro; Carlos Arias, da Xunta de Galicia; Fernando Moreiras, da Asociación de Tradutores Galegos; Xosé Antón Palacio, da Real Academia Galega; e Xulio Ríos, director do IGADI, quen actuou en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.”
Crónica videográfica da I Gala do Libro Galego (I)
O sábado 14 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, tivo lugar a I Gala do Libro Galego, convocada conxuntamente pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa do acto, da que destacamos hoxe as seguintes intervencións:
– Entrega do Premio na categoría de Ensaio (recollen Antía Otero e Dores Tembrás):
– Entrega do Premio na categoría de Tradución (recolle Alejandro Tobar):
– Entrega do Premio na categoría de Proxecto Literario na rede (recolle Fran Alonso):
Obras gañadoras da I Gala do Libro Galego
A I Gala do Libro Galego tivo lugar no Teatro Principal do Concello de Santiago de Compostela. Con esta convocatoria preténdese recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, foron determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia, entidades convocantes da Gala do Libro Galego.
A seguir, as obras gañadoras nas distintas categorías:
Ensaio
– Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, VV. AA. Apiario.
O xurado estima a obra como unha ferramenta necesaria para as aulas co obxectivo de tratar este xénero considerado secundario na didáctica escolar. Valórase tamén este libro pola súa centralidade no tema proposto así como polas posibilidades prácticas que ofrece para a intervención creativa nas aulas.
Tradución
– Mocidade (Joseph Conrad), en tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin.
O xurado valora nesta tradución o importante labor de documentación que enriquece a lectura e axuda a acceder en profundidade ao orixinal cunha lectura fluída.
Proxecto literario na rede
– Poétic@, de Fran Alonso.
Valórase a innovación desta proposta, que eleva á rede un proxecto literario poético único á procura da permanente construción renovadora.
Literatura infantil e xuvenil
– O meu pesadelo favorito, de María Solar (ilustracións de María Lires). Galaxia.
Estimouse a conxunción dunha construción narrativa con trazos surrealistas que axudan a desenvolver un mundo onírico no público lector.
Iniciativa bibliográfica
– Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa (ilustracións de Xosé Cobas). Xerais.
O xurado valora o excepcional traballo de conciliación da literatura oral coa escrita, harmoniosamente acompañado polo labor de ilustración. Recoñécese tamén o valor da obra finalistas, polo esforzo de autoedición, pola súa calidade estética e pola atención a un campo considerado menor dende a aposta pola tradición actualizada.
Iniciativa cultural ou de fomento da lectura
– Espazo Lectura.
Valórase o fomento da lectura a pé de rúa, no día a día e para todas as idades, e cunha progresión na intensidade de traballo notábel en diversos ámbitos do proxecto.
Libro ilustrado
– Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (texto de José Antonio Abad Varela). Kalandraka.
Polo seu lirismo e a coherencia gráfico-textual coa elegancia da ilustración
Teatro
– Xogando con gatos, de Antón Cortizas. Xerais.
Sobrancéase o dominio dunha escrita coidada e dirixida ao público infantil dentro do xénero dramatúrxico.
Xornalismo Cultural
– Sermos Galiza.
Pola constancia da atención ao xornalismo cultural, sustentada na atención preferente a trasladar á sociedade a diversidade das producións do seu sistema literario.
Narrativa
– O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Xerais.
Pola súa complexa arquitectura, esixente, que recoñece o labor de libreiras e libreiros a través dun percorrido emocionante.
Poesía
– oso, mamá, si?, de María Lado. Xerais.
Destácase a unidade do poemario, vinculado á construción dun relato que une a tenrura ás condicións máis escuras do ser humano, transitando por un campo emocional moi diverso.
Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. A Federación de Librarías de Galicia outorgoullo á Libraría Pedreira, de Santiago de Compostela; a Asociación de Editores Galegos premiou a Editorial Laiovento e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega concedeu o galardón Escritor Galego Universal ao autor catalán Pere Gimferrer.
A Gala, presentada polo xornalista e escritor Camilo Franco, contou coa actuación musical do grupo de teatro musical Áureas.
Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), e coa colaboración da Fundación Luís Seoane.