Entrevista a Ismael Ramos en Atlántico Diario:
“Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) é un dos ‘novísimos’ da poesía galega que, malia ter recoñecida a súa voz literaria con varios premios, entre eles os Minerva que outorga o Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, seguía coa súa obra espallada por revistas. Agora, este poeta afincado en Noia verá publicado o seu primeiro libro, Os fillos da fame, co que o sábado 2 de maio conseguía o Premio de Poesía Johán Carballeira, que dende hai 18 anos concede o Concello de Bueu. “O premio está moi ben pola dotación económica e por ser un recoñecemento o meu traballo, pero o que máis ilusión me fai é que se vai editar e vai haber lectores”, confesa.
– Se publicar é difícil, moito máis cun xénero como a poesía. Ten que haber un premio que avale a un autor para facelo?
– Eu valoro todos os premios, sobre todo polo mérito de pór cartos na cultura galega. É unha valentía, pero no caso da poesía non é ningunha inconsciencia porque temos unha das mellores poesías contemporáneas da Península, por no dicir a mellor.
– O xurado salientou os valores poéticos d’Os fillos da fame por beberen da mellor tradición da poesía internacional.
– O que pode ter de internacional o poemario non é tanto a materia en si mesma como a formulación estética. Está ambientado nunha zona concreta da xeografía galega. Supoño que o xurado se refire a que ten moitas referencias indirectas á poesía internacional, xa que a min pésanme moito as influencias norteamericanas.
– No poemario inclúe voces poéticas de autores galegos. A quen podemos atopar?
– Hai versos citados directamente de Celso Emilio Ferreiro, María do Cebreiro e Xohana Torres. Intentaba falar dunha liña que está moi presente na nosa poesía. É un libro, por exemplo, onde o mar está moi presente, onde a fame está moi presente… como na nosa historia como pobo e na nosa historia literaria. (…)”
Arquivos da etiqueta: Ismael Ramos
Ismael Ramos gaña o premio Johán Carballeira de poesía
Desde Sermos Galiza:
“Entre os 33 poemarios presentados, o xurado do premio Johán Carballeira decidiu por unanimidade recoñecer Os fillos da fame, o libro Os fillos da fame asinado por Ismael Ramos (Mazaricos, 1994). Segundo o xurado, o libro goza de “indubidábeis valores poéticos” que o sitúan na “mellor tradición da poesía internacional”.
O xurado, composto por Ramón Blanco, María do Carme Caramés e Luís Valle destacaron a calidade literaria da obra gañadora, que se impuxo con claridade como gañadora do certame. A obra será publicada por Edicións Xerais.
Ismael Ramos comezou a escribir de moi novo e, con 16 anos, fíxose coas dúas modalidades do Premio Minerva, poesía e narrativa ademais do segundo premio do Ánxel Casal con Capricho (poesía existencial demasiado azucrada). No 2014 conseguiu o segundo premio de poesía do concurso Xuventude Crea con O grande pecador. (…)”
Compostela: presentación de Espectros, de Rosa Enríquez
O mércores 4 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, Rosa Enríquez presenta o seu novo libro de poemas, Espectros, publicado pola editora O Figurante. No acto, xunto á autora, participan María do Cebreiro e Ismael Ramos.
Betanzos: presentación de Os inocentes, de María do Cebreiro
Compostela: presentación de Os inocentes, de María do Cebreiro
O venres 19 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, María do Cebreiro presenta Os inocentes, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Margarita García Candeira e Ismael Ramos.
Gañadoras e gañadores dos Premios Xuventude Crea 2014
Desde Fervenzas Literarias:
Coñécense os nomes dos gañadores do Xuventude Crea 2014, un certame para creadores novos que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, deseño de xoias e moda. A este certame, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, poden participar mozos ou mozas galegas ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2014.
Nas categorías máis vinculadas ao literario, os gañadores foron:
– Categoría Relato Breve.
1º Premio. Daniel Barral Calvo, coa obra Stalingrado.
2º Premio. Raquel Fernández González, coa obra 1987.
3º Premio. Irma Pérez González, coa obra Zapato.
– Categoría Poesía.
1º premio (compartido). Maria Rosario López Sánchez, coa obra Do quotidiano (RANDOM); e Brais González Pérez, coa obra Robeson, calquera.
2º premio (compartido). Ismael Ramos Castelo, coa obra O grande pecador; e Fabián Freijedo Fariñas, coa obra In-herencias, anacos de familiaridade.
3º premio (compartido). Raquel Iglesias Gándara, coa obra O meu patio de luces é moi feo; e Olalla Liñares García, coa obra Pirroto.
– Categoría Banda Deseñada.
1º Premio. Xulia Vicente Jiménez, coa obra Se os productos son bos…
2º Premio. Paloma Tarrío Alves, coa obra O pescador de tempos.
3º Premio. José Nuno Martins Pinto Fraga, coa obra Apicultor de homes.
– Categoría Teatro.
1º premio. Os Farsantes Teatro, coa obra Vincent.
2º premio. Asociación Cultural Pinchacarneiro Teatro, coa obra Tralo telón.
3º premio. Teatro La Passoire, coa obra Fétide nettoyage.”
Salvaterra: 28 edición do Festival de Poesia do Condado, Escrever nas margens, o 5 e 6 de setembro
Radiocrítica do 16-12-2013, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o pasado luns día 16 de decembro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a novelística de Manuel Darriba (0’45), os relatos de Antón Riveiro Coello (3’05), a poesía implicada de María Reimóndez (7’15), a Antoloxía de referencia. Etapa de expansión que Xavier Lama e Branca Novoneyra prepararon coas novísimas voces poéticas de Berta Dávila, Cristina Ferreiro, Xurxo Martínez González, Celia Parra, Elías Portela, Ismael Ramos e Helena Salgueiro (9’20), o teatro de Marcos Abalde Covelo (14’45), o ensaio filosófico de Carlos Lema (16’30) e mais a mitoloxía da vella Gallaecia para novos e non tanto de Manuel Gago e Manel Cráneo (18’30).”
Compostela: nova sesión dos Picaversos, co título Ingleses
O martes 10 de decembro, a partir das 21:00 horas, no Paraninfo da Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Ingleses, coa participación de Mariña Pérez Rei, Alexandra Lores, Gonzalo Hermo, Antía Otero, Ismael Ramos, Luís Valle, Teófila Noemí Ruiz, Alfonso Barata e Mark Wiersma.
Compostela: recital no marco do obradoiro de creación literaria a cargo da escritora Alicia Fernández
O sábado 23 de novembro, ás 12:00 horas, na Sala de Didáctica da Fundación-Museo Eugenio Granell de Santiago de Compostela, terá lugar un recital poético aberto ao público, no marco do obradoiro Da memoria ao poema, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela, impartido por Alicia Fernández, e no que xa contou coa visita do escritor Antón Lopo.
Neste recital aberto ao público, participarán alumnos do obradoiro de creación literaria. Intervirán tamén neste recital: Antía Otero, Xiana Arias, Mario Regueira, O Leo i Arremecághona, Gonzalo Hermo, Berta Dávila, Alba Cid, Agustín Delicias, Ismael Ramos, Jesús Castro, Naïr García Abelleira e Xesús Estalote.