Arquivos da etiqueta: María López Sández
Henrique Monteagudo, novo presidente da Real Academia Galega
Desde a Real Academia Galega:
“O pleno da Real Academia Galega, reunido na tarde do 4 de abril en sesión extraordinaria, apoiou a candidatura de Henrique Monteagudo (Muros, 1959) á presidencia. O décimo cuarto presidente da RAG estará acompañado na comisión executiva por Ana Boullón Agrelo como secretaria; María López-Sández na tesourería; María Dolores Sánchez Palomino como arquiveira bibliotecaria e Lourenzo Fernández Prieto como vicesecretario.
Neste novo período de “continuidade e novo pulo” a Academia seguirá a traballar na defensa do idioma, afondando nunha liña propositiva que reforce a colaboración coa sociedade civil e outras institucións. Dentro da súa estratexia de servizo público, a entidade presentará novas ferramentas lingüísticas en liña e seguirá a apostar polo incremento da presenza feminina no seu seo, nun período no que regresará ademais á súa sede, unha vez completada a rehabilitación integral do edificio histórico da rúa Tabernas da Coruña.
A de Henrique Monteagudo foi a única candidatura rexistrada. O catedrático de Filoloxía Galega da USC, ata o momento coordinador do Seminario de Sociolingüística da Academia, estará á fronte da corporación tras os oito anos de Víctor F. Freixanes na presidencia, para quen tivo palabras de especial recoñecemento no seu discurso ante o pleno, celebrado no pazo municipal de María Pita. Agradeceu tamén o tempo compartido cos demais membros das comisións executivas das que formou parte como secretario (2013-2021) e vicesecretario (2021-2025), doce anos nos que aprendeu “a enxergar que se espera de nós, a valorar a relevancia social do papel da Academia e a entender como debe relacionarse coa cidadanía, con outros colectivos e institucións”. (…)”
A Coruña: Luís Seoane. Unha ollada interartística desde o exilio e o compromiso
Compostela: conversa arredor de Rosalía e a natureza, con María López Sández e María do Cebreiro
Lupe Gómez gaña o Certame de poesía Xosé Manuel López Ardeiro de 2024

Desde o Concello de Negreira:
“O auditorio Afonso Eanes do Cotón acolleu este 11 de Nadal, o fallo do xurado e maila entrega do XIII Certame de Poesía Xosé M. López «Ardeiro», que recae una obra A pintora, cuxa autora é Lupe Gómez Arto, natural de Curtis, sendo un poemario homenaxe á pintora María Antonia Dans, porque dixo «síntome representada coas pinturas que ela facía de nenas e nais labradoras; eu véxome nas súas pinturas por iso quixen con este libro representar á pintora, a ela, coas miñas palabras».
Convocado polo Concello de Negreira, coa colaboración da Dirección Xeral de Cultura, o premio está dotado cunha contía de 2.500 euros e a entrega de 300 exemplares da edición do poemario gañador.
A outra poeta finalista foi Silvia Tasende Cotelo, de Carballo. Obtén un premio en metálico de 500 euros pola obra Pel memoria. Silvia Tasende agradeceu ao Concello de Negreira polo seu decidido apoio á poesía e a cultura, e sinalou que «o mundo precisa máis metáforas e menos violencia», ademais de dar os parabéns a Lupe Gómez polo premio.
O acto contou coa participación do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo Suárez, e mailo alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, ademais dos membros do xurado formado por José Antonio Ponte Far, en calidade de presidente, xunto co poeta Xulio López Valcárcel; a escritora e académica da RAG, María López Sández, xunto con María López Rey e Diana Varela. O acto estivo presentado por Carme Pereiro e contou coa actuación musical do dúo Minguante.”





















