María Reimóndez, un compromiso exemplar

EntrevistaMaría Reimóndez a María Reimóndez en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Realizaches bastantes traducións ao noso idioma, sobre todo do alemán e do inglés. Non botas de menos que a nosa literatura, especialmente a contemporánea, estea pasada a outros idiomas e que noutros países puidesen ver o noso excepcional momento literario actual? Non se debería apostar en firme desde a nosa administración por esta exportación literaria?
– María Reimóndez (MR): Dixen xa algunha vez que considero o meu traballo como tradutora un dos activismos máis importantes porque ter a capacidade de mediar a palabra doutras é unha responsabilidade magnífica. É evidente que para un sistema literario coma o noso, totalmente invisibilizado xa dentro da súa propia comunidade, contar cunha plataforma de visibilización fóra é fundamental para que se nos traduza. Se non te ven, non te traducen. As poucas traducións que hai do galego a outros idiomas son resultado do activismo de tradutoras e tradutores amantes da nosa lingua que suplen un traballo institucional sempre pendente e que é agora máis urxente ca nunca. Dito isto, cómpre sinalar tamén que o que escribimos debe de ser realmente singular e de calidade porque a pesar das invisiblidades somos quen de traspasar fronteiras. (…)
– NG: Son cada vez máis as voces (sobre todo de mulleres) que claman contra do machismo lingüístico existente (María Xosé Queixán, Aurora Marco, ti mesma…) Que ten que ocorrer para que dunha vez por todas se intente atallar este problema lingüístico? Teremos que agardar a que tamén mude esta nosa sociedade contemporánea?
– MR: Non hai cambio social sen cambio na linguaxe. As dúas cousas van da man. Eu non son de agardar, son máis de facer. Creo que se as persoas deixásemos de agardar e tomásemos máis as cousas nas nosas mans o mundo funcionaría mellor. Niso os feminismos son sempre un exemplo porque non só poñen o dedo na chaga do sexismo e a desigualdade senón que ofrecen alternativas. Agora está na man de cada quen poñelas en marcha porque mentres sigamos conceptualizado a sociedade en masculino malamente as mulleres imos chegar a ningún lado. (…)
– NG: Que ten que ocorrer para que unha muller que aparece como personaxe secundario nunha obra túa pase a ser protagonista noutra novela?
– MR: Non creo que teña que ocorrer nada en particular, cando unha escribe sabe moito máis do que acontece no mundo da novela das que finalmente acaba contando. Por iso ás veces hai cousas que unha precisa contar dende outra óptica, porque as creou e as precisou para a primeira novela. Aínda así, se cadra se te refires ao Ciclo dos Elementos no que me atopo inmersa neste momento, é importante explicar que o xermolo creativo non foi «dar vida a personaxes secundarias» senón crear un universo literario no que cada historia encaixe coas demais, como nun enorme crebacabezas. É un desafío ben grande pero tamén divertido e espero que resulte para as lectoras tan interesante como para min é escribilo. Ademais da posibilidade que me dá de estar un longo período de tempo convivindo con personaxes que cada día me descubren cousas novas.
– NG: Na túa visión de entre o rural e o urbano, coincides co “Grupo Nós” en que o galeguismo realmente reside no rural?
– MR: Non, para nada. De feito odio calquera idealización do rural. Tamén do urbano, vamos, que odio as idealizacións en xeral. Creo que son daniñas e contraproducentes. Como muller creo que a vida é complicada en calquera sitio e que o importante é o sentido crítico. Non me gusta, iso si, a percepción despectiva de clase con respecto ao rural que existe nas sociedades urbanas. Esa falta de respecto cara aos coñecementos e formas de vida que nos conformaron en gran medida e que, máis importante aínda, nos deron e dan de comer. Eu non vexo isto con distancia, teño a fortuna de vir dunha familia que ten unha parte na montaña e outra parte na cidade (de Lugo). O galeguismo reside, finalmente, en calquera persoa que crea que como pobo estamos avogadas a ser algo máis ca escravas doutros poderes e tentar imitalos. En calquera que pense que Galicia é un lugar diverso pero que ten que ter unhas bases de convivencia comúns, a máis vital delas é a lingua. Nesa idea cabe o rural, o urbano, o «transnacional» e todas as súas facianas intermedias. (…)”

Carballo: presentación de Dende o conflito, de María Reimóndez

OMaría Reimóndez xoves 11 de decembro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, preséntase Dende o conflito, de María Reimóndez, Premio Xerais de Novela 2014. No acto, xunto á autora, participa Belén Puñal.

Culturgal demostra a vitalidade da cultura galega

Artigo1416902712731culturgal2014 en Sermos Galiza:
“Se o Culturgal ía seguir mantendo o nutrido público da anterior edición a pesar do cobro por entrada e de se realizar nunha fin de semana longa era unha das preguntas que pairaban sobre a Feira das Industrias Culturais desde a sexta feira día 5 que abría as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra. O domingo á noite, cando as portas se pechaban e os stands comezaban a desmontarse a organización mostrábase optimista ao se rexistrar mesmo un lixeiro aumento a respecto da anterior edición e situarse en 14.450 entradas vendidas. O ambiente de consolidación da Feira aprezábase tamén en que a organización se despedía anunciando xa as datas do vindeiro ano que, outra volta, será na fin de semana da ponte de decembro, os días 4, 5 e 6 de decembro.
O presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado, aventuraba na inauguración da Feira que esta sería a edición da “consolidación” e repetía a idea da “construción en man común” coa implicación das administración, as empresas e o público. No balanzo final, Bragado aseguraba que “os datos supoñen o respaldo do público á idea de corresponsabilidade, futuro compartido e valoración da cultura que lanzamos desde Culturgal”.
Quedaban atrás tres días, máis de 30 horas de programación, arredor de 150 actividades de distintos ámbitos entre as que se atopaban novidades editoriais, música ao vivo, presentacións de iniciativas culturais, novidades tecnolóxicas, proxectos… todo un amplo abano de propostas para que cada ano Pontevedra se converta en punto de encontro e lugar de referencia para as novidades da nosa cultura. (…)
Tamén a presenza dun amplo grupo de escritores e escritoras con novidades editoriais recentes como Suso de Toro, Xabier Quiroga, Francisco Castro, Helena Miguélez-Carballeira, Fran Alonso, Xurxo Souto, María Reimóndez, Pere Torabuela, Núñez Singala, Alberto Ramos, Antón Dobao ou Ledicia Costas atopáronse ao vivo co seu público durante tres días nos que non houbo parada. (…)”

Pontevedra: programa de actividades do Culturgal 2014

PROGRAMA-CULTURGAL-2014

Taboleiro do libro galego XXVIII (novembro 2014), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí os libros galegos que gozaron dunha maior aceptación ao longo do pasado mes de novembro. A miña gratitude á ducia de librarías colaboradoras nesta ocasión:  Trama, Paz,  Casa do Libro de Vigo, Suévia, Miranda,  Biblos,  Andel,  Cartabón,  Libros para soñar, Pedreira, Aira das Letras e Lila de Lilith.

NARRATIVA
1º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais; e Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
2º-. Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga, Xerais.
3º-. Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala, Galaxia.
4º-. A vinganza do defunto, de Carlos G. Reigosa, Xerais.
5º-. Somnámbulos, de Suso de Toro, Xerais.
6º-. Hostal Norte, de Xosé Duncan (ilustracións de José María Picón), Urco.

POESÍA
-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
2º-. Anamnese, de Eli Ríos, Sotelo Blanco.
3º-.Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
4º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.

ENSAIO-TEATRO
-.Textículos dramáticos e posdramáticos, de Afonso Becerra de Becerreá, Laiovento.
2º-. Xavier Vence. Conversas, de Xan Carballa, Engaiolarte Edicións.
3º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
4º-. Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres, Galaxia.

XUVENIL
-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
-. Reo, de Xesús Fraga, Galaxia.
-. O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, Xerais.

INFANTIL
-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, Xerais.
-. Historia da bicicleta dun home lagarto, de Fina Casalderrey, Xerais.
-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso Diz e ilustracións de Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
-. A casa da mosca chosca, de Eva Mejuto, Kalandraka.

LIBROS CD-DVD
-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
3º-. CoraSons, Kalandraka
4º-. Té, chocolate, café, de Golfiños, Gestión Cultural.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. A causa do crime, de Tokio, Demo Editorial.
3º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.

OUTROS
1º-. Calendario Xerais 2015 (Xerais) e Luzes, nº 11, outubro 2014.
2º-. Cociñando con Benigno Campos, Galaxia.

A Coruña: recital de María Reimóndez e Erín Moure no Ciclo Poetas Di(n)versos

OMaría Reimóndez luns 1 de decembro, Erín Moureás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de María Reimóndez e Erín Moure. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos decembro 2014.

Lugo: presentación de Dende o conflito, de María Reimóndez

OMaría Reimóndez venres 14 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase Dende o conflito, de María Reimóndez, Premio Xerais de Novela 2014. No acto, xunto á autora, participan María Solar e Manuel Bragado.