Lugo: exposición sobre o booktrailer de As meigas de Lupa de María Solar

Desde Xerais:
As meigas de Lupa de María Solar xa ten exposición, trátase do traballo realizado por La Cosa Gráfica entorno ao libro editado por Xerais. A exposición recolle o making of do audiovisual elaborado a través dunha técnica novidosa que recupera a esencia do teatro de sombras e das técnicas de edición dos libros pop-up con despregables. Cinco proscenios amosan o labor desenvolto para facer o audiovisual, mesturando imaxes de actores reais insertados en escenarios miniaturizados recortados en papel, dando un fermoso resultado de sombra e movemento que se pode ver no audiovisual proxectado na sala. (…) A exposición pode verse ata o 6 de abril no Museo Interactivo de Historia de Lugo no Parque da Milagrosa.”

Compostela: presentación de O corazón de Branca de Neve, de Francisco Castro

O martes 26 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Cronopios (Rúa Alfredo Brañas, 24) de Santiago de Compostela, preséntase O corazón de Branca de Neve, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participa María Solar.

A TVG dálle as costas á cultura

Desde Sermos Galiza:
“A CRTVG botou a tesoira sobre a programación cultural e tira da grella a maior parte de espazos dedicados á difundir a creación artística, musical ou literaria galega. A gadaña da compañía levou da programación o Eirado presentado polo xornalista e escritor Pemón Bouzas, un espazo dedicado á literatura, artes plásticas, espectáculos, música ou cinema Presentábase como “encontro dos artistas galegos de todas as disciplinas” e emitíase case cando o sábado estaba a piques de rematar. Deixa de producirse despois de catro tempadas. (…)
Canda Alalá pasa á historia da TVG o programa No bico un cantar, un espazo que dedicaba cada capítulo a unha das cancións galegas máis populares. A Rianxeira, Negra Sombra, A Carolina, Unha noite na eira do trigo, Quen puidera namorala ou O Tren foron algúns dos temas que protagonizaron No bico un cantar, que revisitaba as distintas interpretacións e contaba coa colaboración de expertos e coñecidas persoas da cultura galega como Abe Rábade, López Calo, Helena Villar Janeiro, Marica Campo, Neira Vilas ou Méndez Ferrín. (…)
Nos cambios con respecto á programación cultural, a dirección da TVG despois de catro tempadas e varios premios recibidos decidiu deixar de contar coa xornalista e escritora María Solar na presentación do Zigzag. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega manifestou nun comunicado o seu pesar e a súa “gratitude e recoñecemento polo traballo que desenvolveu ela ao longo destes anos, e que foi premiado de maneira reiterada polo seu labor cultural e pola súa pluralidade e calidade na divulgación da literatura galega en concreto”.”

Coñécense as obras finalistas da X edición do Premio Martín Sarmiento

Desde o blogue do Premio Frei Martín Sarmiento:

“- 1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria:
Ramón Caride, A pomba dona Paz, Xerais.
Miro Villar e Ana Santiso, Rebelión na charca, Sotelo Blanco.
2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria:
Agustín Fernández Paz, Malos tempos para os fantasmas, Xerais.
Manuel Uhía, O monstro das profundidades, Everest.
3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria:
An Alfaya, O recendo das clementinas, Tambre.
María Solar, A verdadeira historia da mosca da tele, Galaxia.
4ª categoría: 1º e 2º de ESO:
Concha Blanco, Misterio resolto, Everest.
Xesús Fraga, O elefante branco, Tambre.
5ª categoría: de 3º e 4º de ESO e Bacharelato:
Fina Casalderrey e Francisco Castro, O neno can, Galaxia.
Ledicia Costas, O corazón de Xúpiter, Xerais.”

Recoñecemento do traballo de María Solar no programa Zigzag

Comunicación remitida polo Consello Directivo da AELG á Directora Xerente da TVG, Rosa María Vilas Núñez, e ao Director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo.

“Tendo noticia de que deixa de coordinar e presentar o programa Zigzag diario, a escritora María Solar, socia da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, agradeceríamos lle transmitise a nosa gratitude e recoñecemento polo traballo que desenvolveu ela ao longo destes anos, e que foi premiado de maneira reiterada polo seu labor cultural e pola súa pluralidade e calidade na divulgación da literatura galega en concreto.

Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG

A Coruña, 21 de setembro de 2013″

Coñécense todas as obras gañadores da IX edición do Premio Martín Sarmiento

Desde o blogue do Premio:
“Na Festa da Lingua celebrada o 17 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra, 8 de maio no colexio La Salle de Santiago, 15 de maio no Palacio da Música da Coruña e o 14 de xuño no colexio N. S. do Carme de Betanzos, fixéronse públicos os/as gañadores/as da IX Edición do Premio Frei Martín Sarmiento, nas seguintes categorías:

1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria:
María Solar e Xosé Tomás, como ilustrador; Vou ter un irmán!!!; Ed. Galaxia.
2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria:
Silvestre Gómez Xurxo; Ti non xogas!; Ed. Xerais.
3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria:
Anxo Fariña; A chave da Atlántida; Ed. Xerais, e Abraham Carreiro; Xoeliki; Ed. Sotelo Blanco.
4ª categoría: 1º e 2º de ESO:
Ledicia Costas e Pere Tobaruela; Mortos de ningures; Ed. Everest.
5ª categoría: de 3º e 4º de ESO e Bacharelato:
Xosé Henrique Rivadulla Corcón; O noso amor será eterno; Ed. Xerais.
6ª categoría: adultos:
Antón Riveiro Coello; Laura no deserto; Ed. Galaxia.”