Pontevedra: Culturgal 2025, actividades do 29 de novembro

Este é o programa do Culturgal 2025. As actividades previstas para o 29 de novembro son:

Todo o día Sinatura de Miguel Robledo – Aira
11h Sinatura de exemplares do título Os xéneros musicais tradicionais e populares galegos polos autores, Moisés Quintas e Victoria Pérez – Hércules de Ediciones
11h Judit Santos, presentación oral do proxecto Xardinería terapéutica e cultura – Miudiño S.Coop.Galega
11h Diego Linhares realizará en directo a peza Raíces e Cultura. Pintando redes – PuntoGal
11h a 12h Sinatura de Isabel Ramos e Raquel Villanueva Lorca – AGER, Asociación Galega de Escritoras e Escritores
11h a 13h Ideación de proxectos compartidos. Un encontro de intercooperación entre as entidades participantes no stand co fin de coñecerse mellor e tecer alianzas máis sólidas – Economía Social de Galicia
11:30h PuntoGal presenta: Gravación de entrevistas para o podcast ‘Cultura a todas luzes’, presentado por Lois Arauxo. Entrevistarase a Neves Rodríguez, Isabel Vigo, Ángeles Huerta, Chévere, Paco Macías (Edicións Positivas), Compañía Pistacatro, Uxía Larrosa, Asociación A Coletiva (Asociación profesional de artistas de Galicia) – PuntoGal
11:30h a 12:30h Sen patrón. Novo circo. Cía Pistacatro – Xunta de Galicia
12h Sinatura de Fina Casalderrey e Xosé Cobas, autores de Filla das ondas – KALANDRAKA
12h Charla A escultura pública: o noso museo a ceo aberto – Fundación Xoán Piñeiro
12h Sinatura de As obras póstumas, de Diego Giráldez; A Casa Grande, de Olaia Sendón, e A lei do mar, de Manuel Esteban – Xerais
12h Lectura dramatizada – FETEAGAL
12h PuntoGal presenta: Demostración de traballos da First Lego League Galicia – Espazo Lego
12h Luís Davila asina O bichero – Libraría Paz
12h Sinatura de Samuel Ferro-Boulevar
12h a 13h Sinatura de Sabela Senn e David Gago – AGER, Asociación Galega de Escritoras e Escritores
12:30h Sinatura de Miriam Couceiro Castro-Boulevar
12:30h a 13:30h Obradoiro A árbore dos desexos. Decoración de árbores de nadal. 10 prazas. A partir de 8 anos – Xunta de Galicia
12h a 14h Tríos de poetas: Sinatura de Andra Nunes Diáspora de amor balea (XII Premio Illas Sisargas de Poesía Erótica), Andrea Fernández Maneiro Edénicas (XVI Premio Illas Sisargas de Poesía Erótica) e Diana Kurich Feitas ao sisel (XVII Premio Illas Sisargas de Poesía Erótica) – Editorial Caldeirón
13h Presentación de A vida a arder, de Abraham Pérez, acompañado polo libreiro Daniel Chapela-Boulevar
13h Sinatura de Lourdes Álvarez, autora do poemario Cos sinais da auga – KALANDRAKA
13h O escritor Henrique Dacosta asina exemplares da novela Mortes con argumento e outros libros – Belagua ediciones
13h Antía Marante asina Vostede está aquí – Cuarto de Inverno
13h Mesa redonda con Paula Mayor (Rosalía oculta), Xulia Lago e Begoña G. Alén. Modera Óscar Iglesias.
13h a 14h Sinatura de Petra Bienvenido e Reka – AGER, Asociación Galega de Escritoras e Escritores
13:30h Obradoiro A árbore dos desexos. Decoración de árbores de nadal. 10 prazas. a partir de 8anos – Xunta de Galicia
14h Sinatura de Xosé Cobas, autor de Soño dunha sombra – KALANDRAKA
16h Sinatura con Nerea Pallares, arredor de Punto de araña, Premio García Barros 2025-Boulevar
16:30h Andrés Castro e Alexandre Senande asinan Sentinelas – Mitolóxicas
17h Debate con Suso de Toro e Xosé Luís Axeitos, guiado por Montse Fajardo, arredor de Terra de sacrificio.
17h Conversa entre Cynthia Menéndez (Son coma glaciares os barcos de aceiro), Ana Varela (Runrún) e Alba Tomé, finalista do Premio Illa Nova 2025.
17h Sinatura de exemplares do título O territorio de Valga en época romana polo autor, Diego Piay – Hércules de Ediciones
17h Encontros lectores con Andrea F. Maneiro, asina Meridiano Orixe. [Premio de Poesía do Concello de Vilalba] – Alvarellos Editora
17h Sinatura de Lucía Mojón-Boulevar
17h Sinatura de Jorge Campos e David Gesteira – Aira
17h Sinatura de Guía ilustrada do Entroido Galego, de Alba de Evan e Xabier Domínguez – Xerais
17h Sinatura de Maios e desmaios, de Ramón D. Veiga – Xerais
17h O escritor e ilustrador Xosé Tomás asina exemplares do álbum ilustrado infantil A gran fuxida – Belagua Ediciones
17h Lectura dramatizada – FETEAGAL
17h Luís Valle asina Insomnia, Raquel C. Pico asina O mundo de Jane Austen e Rena Ortega asina Navidarium – Libraría Paz
17:30h a Contada do libro infantil Lola Feroz, publicado por Cuarto de Inverno. A cargo de Juan Baquero, autor. – Economía Social de Galicia
17h a 18h Sinatura de Marta Seoane e Andrea Micc – AGER, Asociación Galega de Escritoras e Escritores
17h a 18h Sarai Lorenzo asina Erea e as agullas máxicas – Antela Editorial
17:30h Presentación do novo traballo Resistir é Vencer de Loita Amada – AFOUTA
17:30h a 18:30h Obradoiro A árbore dos desexos. Decoración de árbores de nadal. 10 prazas. A partir de 8 anos – Xunta de Galicia
18h Lectura de fragmentos do audiolibro Tras do Ceo, con Manuel Rivas e Gaspar Somoza. Presenta Fran Alonso
18h Sinatura de exemplares do título Á hora sinalada, gañadora do III Premio Alén do Concello de Ares, polo autor, Rafael Catoira – Hércules de Ediciones
18h Sinatura de Óscar Reboiras Loureiro-Boulevar
18h Sinatura de Lucía Belarte e David Lorenzo, autores de A Panadería – KALANDRAKA
18h Encontros lectores con María Álvarez Landesa, asina Os pozos elegantes das clavículas [Premio Follas Novas 2025 ao Mellor Libro de Poesía] – Alvarellos Editora
18h Sinatura de Bea Gregores e María Besteiros – Aira
18h Sinatura de Terra de sacrificio, de Suso de Toro – Xerais
18h Asinatura: A dama de Amboto de Rober Cagiao en Calacán editorial. Unha novela de misterio que mestura thriller contemporáneo con elementos da mitoloxía vasca, ambientada entre Galicia e o País Vasco – Libraría Pedreira
18h Inma Soto sinatura de libros Xela, superheroína de aldea – Miudiño S.Coop.Galega
18h Juan Baquero asina Lola Feroz e Pablo Carreiro asina Xirarei! e Lola Feroz – Cuarto de Inverno
18h Sinatura de Carlos Negro. Libraría Paz
18h a 19h Sinatura de Pablo Vila e Mav Alonso – AGER, Asociación Galega de Escritoras e Escritores
18h a 19h Paula Merlán asina Piolliños – Antela Editorial
18:30h a 19h Presentación das novas distribucións da cooperativa Miudiño, a cargo de Judit Santos en colaboración con Inma Soto e 13 Grados Cooperativa. – Economía Social de Galicia
18:30h a 19:30h Sen patrón. Novo circo. Cía Pistacatro – Xunta de Galicia
18:30 h Sinatura con Inma López Silva-Boulevar
18h a 20h Asinatura de exemplares do poemario arte menor coa autora Susana Sanches Arins – aCentral Folque
18h a 20h Tríos de poetas: Sinatura de Fran Fernández Davila Atravesar o don (XIX Premio Illas Sisargas de Poesía Erótica), Paco de Tano Rueiro (colección Baleeiros) e Vicente Vázquez Vidal O conto da leiteira (XXVIII Premio Francisco Añón de poesía) – Editorial Caldeirón
19h Conversa entre Suso de Toro e Manuel Rivas, conducida por Marta Gómez
19h Sinatura Paco Nogueiras, autor dos libro-discos Brinca vai, Radio Bulebule, Extra e Son animal – KALANDRAKA
19h Sinatura de Óscar Villán, ilustrador da colección Do berce e á lúa e outros títulos – KALANDRAKA
19h Encontros lectores con Aurora Marco, asina María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo – Alvarellos Editora
19h Sinatura de Queco e Kika, de Eva Mejuto – Xerais
19h Espectáculo Drag – FETEAGAL
19h Antía Yáñez asina Be Water II. Terra – Cuarto de Inverno
19h Gonzalo Hermo asina Un xesto de tenrura – Libraría Paz
19h Paula Merlán asina a súa obra – Xerais
19h Sinatura con César Cequeliños-Boulevar
19h a 20h Sinatura de Yolanda Villaverde e Teresa Chamorro – AGER, Asociación Galega de Escritoras e Escritores
19h a 20h Ramón D. Veiga asina Pernascochas – Antela Editorial
19:30h Antonio Tizón asina exemplares da súa obra – Editorial Elvira
19:30h Showcase de danza. 52 Blau. iXa en coprodución co Centro Coreográfico Galego – Xunta de Galicia
19:30h  Presentación de Pontealbar, con Adrián Noia acompañado pola escritora Andrea Mosteiro-Boulevar
20h Encontros lectores con Martiño Noriega, asina Os médicos tamén enferman – Alvarellos Editora
20h Sinatura de Tras do Ceo, de Manuel Rivas – Xerais
Promoción Borneo Producións e Sarai Lorenzo – Pont-Up Store

Abraham Pérez imponse no Certame de Poesía Torre de Caldaloba. Rafael Catoira obtivo o segundo posto

Desde Cultura Galega:
“O poemario Chernóbil revival valeulle a Abraham Pérez facerse co primeiro premio do VIII Certame de Poesía Torre de Caldaloba. Pérez, que xa se fixera cun segundo posto nunha edición anterior do concurso, recibirá 1.500 euros en metálico do premio e verá publicado o seu traballo. Canda a el, Rafael Catoira quedou segundo no certame coa obra Corpo da palabra e terá tamén publicada a súa obra.
O xurado, conformado por Armando Requeixo, Adolfina Mesa e Xosé Otero Canto, ademais de Martiño Maseda, salienta de Chernóbil revival “o seu propósito compositivo, onde destaca a estrutura en prosa poética alternando con outra estrutura versal máis clásica, e coa intencionalidade de brincar pontes entre espazos interiores e exteriores, nun xogo continuo de vibrantes imaxes, como un tránsito por lenzos abstractos de poesía, que desembocan nun corpus de reivindicación existencialista fronte ao cataclismo que se precipita sobre o tempo da vida”.
Encol de Corpo da palabra, o fallo apunta que “partindo dunha estrutura compositiva máis clásica”, “supón un reclamo emocional da linguaxe, da palabra na súa esencia máis íntima, para servir de expresión configuradora dunha realidade que nos viste e nos afecta”.”

Non penses nun elefante rosa. Antía Yañez

Desde Radiofusión:
Antía Yañez pon a protagonista da novela, Aurora, contra o espello. Brais é un rapaz de dez anos, da moito xogo, porque non ten as imposicións sociais que temos as persoas adultas. Son veciños do mesmo edificio. O rapaz pensa que ela é unha persoa interesante. A ela non lle gustan os nenos. Faille preguntas moi indiscretas e impertinentes. Cun extraordinario sentido do humor e abordando a fondo o tema da saúde mental, Antía Yañez relátanos a historia dunha millennial autoesixente e perfeccionista que vive a súa vida coma unha voráxine que non é quen de controlar. A escritora participou nun episodio do podcast “Clube de leitura” de Radio Fene Radiofusión. Falaron con ela Rafael Catoira, Antonio Tizón e Henrique Sanfiz. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Rafael Catoira: “Vivimos en realidade tres vidas”

Entrevista en Rafael Catoira en Radiofusión:
““Vivimos en realidade tres vidas: a real, a que soñamos polas noites e a que soñamos polo día”, manifesta o escritor Rafael Catoira. Prepara na actualidade a publicación da novela O peso da memoria, un libro que, tematicamente, non ten nada que ver coa súa obra anterior.
“Unha casa patrucial. A decadencia dunha familia. Un ser illado coa súa imaxinación, soña ou vive? O protagonista desta novela está na liña que divide a vida e o soño. Os soños nos que habitan a ledicia de vivir e os pesadelos nos que os monstros aparecen”. Podería ser ese o resumo da novela O escultor, escrita por Rafael Catoira e publicada por Medulia editorial. Rafael Catoira naceu na aldea de Laxe, en Culleredo. Traballou na construción, primeiro como obreiro e despois como empresario. Actualmente xubilado, dedícase ás súas afeccións, a lectura e a escritura. Gañou o segundo premio de poesía do certame literario de Vilalba. Tamén o primeiro accésit de poesía e o primeiro accésit de narrativa no Certame Literario de Paradela.”

A entrevista pode escoitarse aquí.

Conclusións da Asemblea da Sección de Literatura Dramática da AELG 2016

“AAELG Logo 2-2015 asemblea tivo lugar no marco da I Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG.

CONVOCATORIA
No Quiosco Afonso da cidade da Coruña, a 5 de novembro de 2016, ás 12 h. a través de convocatoria aberta ás socias e socios da AELG e a todas as persoas interesadas no ámbito da literatura dramática e as artes escénicas.
Esta convocatoria aberta fíxose vía correo electrónico por parte da secretaría técnica da AELG, correo electrónico por parte do coordinador da Sección de Literatura Dramática a toda a comunidade escolar da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a DramaturGA-Asociación Galega de Dramaturxia e a uns cincocentos contactos do mundo das artes escénicas. Tamén se difundiu nos medios de comunicación (a web e a Axenda Cultural da AELG, o xornal dixital Sermos Galiza, o blog de teatro “O Galiñeiro” do xornal dixital Praza Pública, o programa “Diario Cultural” da Radio Galega do día 4 de novembro) e a través das redes sociais.

ASISTENTES
Afonso Becerra (Dramaturgo e director de escena. Profesor da ESAD de Galiza. Coordinador da Sección de Literatura Dramática da AELG)
Xavier Castiñeira (Director de escena. Profesor da ESAD de Galiza)
Rafael Catoira (Empresario xubilado)
Xoán Carlos Corredoira (Director de escena)
Raúl Dans (Dramaturgo)
Moncho Iglesias (Actor e director de escena do Cadro de Teatro de Cantigas da Terra)
Carlos Labraña (Dramaturgo, director de escena)
Manuel Lourenzo (Dramaturgo, director de escena, actor)
Xesús Pisón (Dramaturgo)
Gustavo Pernas (Dramaturgo, director de escena, actor)
Cesáreo Sánchez Iglesias (Poeta. Presidente da AELG)
Paco Souto (Dramaturgo)
Noelia Toledano (Dramaturga, directora de escena, actriz)

Tamén asistiron 3 persoas máis, que non falaron na asemblea e que non temos identificadas.
O coordinador desta I Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG fixo especial fincapé en convidar mulleres, dramaturgas, literatas e estudosas das artes escénicas, pero malia á insistencia a porcentaxe de participación de mulleres na asemblea non foi a desexada e necesaria, dado o seu peso no sistema literario galego.

ALGÚNS DOS ASUNTOS TRATADOS
A invisibilidade do xénero da literatura dramática en lingua galega debido á escasísima edición, tradución, estudo, escenificación e presenza nos foros sociais ou nos medios de comunicación.
Isto deriva no pouco incentivo de cara á súa creación e desenvolvemento plenos. Tamén na dificultade de que as persoas que poidan estar interesadas (para a lectura e para a escenificación, como poden ser os grupos de teatro amador ou de teatro escolar ou as mesmas compañías teatrais) teñan problemas de acceso ao corpus da literatura dramática galega. Textos clásicos desaparecidos, non editados. textos contemporáneos inéditos ou en edicións minorizadas e minoritarias.
As institucións culturais públicas, autonómicas e estatais, con responsabilidades neste ámbito, teñen demostrado a súa ineficacia e a súa falta de acción. Tampouco as institucións académicas, as tres universidades, a excepción da ESAD de Galiza, teñen plans específicos de estudo e promoción do xénero da literatura dramática galega. E no ámbito da crítica literaria e teatral acontece o mesmo, a excepción da Revista Galega de Teatro e das recensións sobre o libro teatral e a literatura dramática que fai periodicamente, desde hai moitos anos, Manuel F. Vieites no suplemento “O Faro da Cultura” do xornal Faro de Vigo e a cobertura que se lle dá á escasa edición teatral no “Diario Cultural” da Radio Galega que dirixe Ana Romaní, ou nos suplementos culturais dos diarios dixitais Sermos Galiza e Praza Pública, ou nas revistas Tempos, Luzes e Grial.
A necesidade de buscar o mínimo común múltiplo, que nos axude a multiplicar as forzas para emprender accións conxuntas que saquen a literatura dramática en lingua galega deste ermo no que se ve confinada.
A necesidade de xuntarnos periodicamente, nun foro permanente, que sirva para coñecernos mellor e para realizar actividades que nos sexan de proveito.
A necesidade de coordinar e unirnos, a Sección de Literatura Dramática da AELG, desde a atención máis directa aos aspectos literarios relacionados coas artes escénicas, e DramaturGA – Asociación de Dramaturxia Galega, máis aberta ao oficio e ás funcións do dramaturxismo e das composicións e deseño de accións para espectáculos diversos. Estamos nun ámbito no que hai moito traballo por facer desde diferentes frontes, por iso é moi útil contar con esta Sección de Literatura Dramática dentro da AELG e por iso celebramos a existencia doutra asociación centrada especificamente na Dramaturxia, como oficio imprescindible dentro dos oficios teatrais. E por iso a nosa relación é fluída, comezando porque moitas persoas somos socias tanto da AELG como de DramaturGA.
Entre os asistentes á asemblea coincidimos tanto na análise como no diagnóstico da situación na que se acha a literatura dramática en lingua galega e, por extensión, tamén o teatro galego. Manuel Lourenzo fixo unha recapitulación de como estaban as cousas antes e como están agora e puidemos observar que non houbo mellora na visibilización ou na incidencia da literatura dramática a nivel social, académico, teatral, malia a que artisticamente se acadaran cotas de calidade que homologan a nosa literatura dramática coa de calquera outro sistema cultural.

ALGUNHAS CONCLUSIÓNS E AS ACCIÓNS QUE NOS COMPROMETEMOS A REALIZAR
O grande reto desta xuntanza consistía en que non ficásemos na xeneralidade dos problemas que atinxen ao estado da literatura dramática en lingua galega, nomeadamente a actual, nin en formular un abano demasiado amplo de necesidades e obxectivos que non fósemos capaces de concretar e de intervir directamente na súa solución.
Así pois, centrámonos en decidir unhas tarefas moi concretas que puidésemos comprometernos a realizar, desde a Sección de Literatura Dramática da AELG.
Unhas tarefas que respondan á solución dos desacougos manifestados na asemblea e que supoñan un pequeno paso para cambiar o panorama no que nos atopamos.

XANELA DE LITERATURA DRAMÁTICA NA WEB DA AELG
– Nunha primeira fase, abrir unha nova xanela na páxina web da AELG na que se inclúan as dramaturgas e dramaturgos, así como un catálogo das obras de literatura dramática.
– Tamén incluír enlaces a outros sitios de internet relacionados coa literatura dramática.
– Nunha segunda fase, buscando a axuda pertinente, realizar unhas fichas que axilicen a busca de obras segundo “dramatis personae” (o reparto de personaxes), o xénero e a extensión aproximada (pezas breves ou extensas, comedia, drama, traxedia, farsa, cabaré…), a sinopse ou resumo argumental, os temas e outros detalles que colaboren nunha busca áxil por parte das compañías de teatro e das persoas interesadas.
– Esta iniciativa é de suma importancia debido a que a web da AELG ten un fluxo de visitas, a nivel internacional, que a converten no sitio de referencia das letras galegas.

ANUALIDADE DOS PREMIOS DE TEXTOS TEATRAIS CONVOCADOS POLAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E INCLUSIÓN DA SÚA ESCENIFICACIÓN.
– Solicitar á Consellería de Cultura recuperar a anualidade dos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde.
– Solicitar á Deputación da Coruña a anualidade do premio Rafael Dieste.
– Solicitar a ambas administracións que se inclúa nos premios a garantía de escenificación dos textos galardoados.

AUMENTO DA PUNTUACIÓN NOS BAREMOS DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS Á PRODUCIÓN TEATRAL, POR PARTE DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA, CANDO OS PROXECTOS SE BASEEN NUNHA OBRA DA LITERATURA DRAMÁTICA GALEGA
– Solicitar á AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) que aumente a puntuación, nos baremos das axudas e subvencións á produción teatral, para os proxectos artísticos das compañías de teatro que escollan para realizar o seu espectáculo un texto de literatura dramática galega. Sen que isto prexudique ou vaia en detrimento das puntuacións nos baremos para proxectos de teatro que non basean os seus espectáculos nun texto literario (ou sexa, sen que vaia en detrimento dos proxectos de teatro-danza, novo circo, teatro físico ou calquera modalidade espectacular que prescinda da palabra como centro xerador).

VOLUME I DE ESTUDOS SOBRE A LITERATURA DRAMÁTICA GALEGA ACTUAL
– Buscar o apoio económico para editar un primeiro volume que recolla os estudos e artigos sobre a literatura dramática actual que se atopan dispersos en revistas, actas de congresos ou en libros de difícil acceso.
– Se conseguimos este obxectivo, o paso seguinte sería intentar que cada un tempo determinado se sacase un volume (VOLUME II, III, IV…) cos últimos traballos de análise e estudo das obras actuais.
– Estes volumes facilitarían o acceso ao coñecemento e a dignificación da nosa literatura dramática actual, ademais de contribuír a un maior afondamento nela e ao conseguinte progreso da mesma, xa que o ámbito teórico, a partir da práctica, sempre abre canles para medrar.

INTERCAMBIO CO TEATRE NACIONAL DE CATALUNYA (TNC) DUN CICLO DE LECTURAS DRAMATIZADAS E DE TRADUCIÓNS GALEGO-CATALÁN E CATALÁN-GALEGO
– Xavier Albertí, director do Teatre Nacional de Catalunya (TNC), despois da súa clase maxistral nesta I XORNADA DA SECCIÓN DE LITERATURA DRAMÁTICA DA AELG, titulada “O proxecto dun teatro nacional, nunha nación sen estado, e o papel da literatura dramática nese proxecto”, ofreceunos unha posibilidade de colaboración coa institución que dirixe. Trataríase de articular un intercambio de tres textos actuais da literatura dramática galega e tres textos actuais da literatura dramática catalá, que se traducirían para un ciclo de lecturas dramatizadas dos textos galegos, en catalán, dentro da programación do TNC, e dos textos cataláns, en galego, nun espazo axeitado de Galiza, que colabore nesta iniciativa.

En datas próximas iremos organizándonos, desde a Sección de Literatura Dramática da AELG, para realizar, do mellor xeito que poidamos, as tarefas citadas que se decidiron nesta reunión asemblea. Despois iremos dando conta dos resultados das xestións que nos comprometemos a facer. Agardamos que todas elas sexan frutíferas.

A Coruña, 5 de novembro de 2016.

Asdo. Afonso Becerra de Becerreá.
Doutor en Artes Escénicas.
Dramaturgo, director de escena. Profesor da ESAD de Galiza.
Coordinador da Sección de Literatura Dramática da AELG.”

Carlos López gaña o XL Certame Literario Concello de Vilalba

Desde Fervenzas Literarias:
“O concello de Vilalba entregou os seus premios de poesía, que neste 2014 chegaban a súa XL edición, converténdose deste xeito nun dos máis lonxevos do panorama literario de Galicia.
No acto entregáronse os premios da edición anterior a Pablo Bouza, por Os privilexios dos somnámbulos, como gañador; e a Rafael Catoira, por Navegando cara a Ítaca, como finalista do XXXIX Certame Literario do Concello de Vilalba.
Para esta cuadraxésima edición o xurado do Certame, formado por Darío Villanueva, José Jesús Ramos, Fidel Fernán Vello, Xulio Xiz e José María García-Leira, actuando como presidente, decidiron outorgar por unanimidade o primeiro premio a Carlos López Fernández, pola súa obra Abrindo fiestras en carne viva. Como obra finalista quedou o poeta María Isabel Vázquez Rodríguez, que presentou a súa obra titulada Cinza de estrelas.
Tanto Carlos López como María Isabel Vázquez, ademais da cantidade económica estipulada nas bases do concurso, verán os seus poemarios publicados pola editorial Alvarellos, que leva dúas edicións editando os traballos gañadores.”