Arquivos da etiqueta: Ramón Otero Pedrayo
Otero Pedraio e Castelao, a historia dunha amizade perdurábel no tempo
Entrevista de Antón Escuredo a Patricia Arias Chachero en Nós Diario:
“(…) Partindo dunha conferencia sobre Ramón Otero Pedraio que realizou no IES Castelao de Vigo no curso 2024-2025, a profesora e catedrática de Lingua e Literatura Galega Patricia Arias Chachero reuniu 30 escritos que explican e contextualizan a intensa relación entre o señor de Trasalba e o político rianxeiro.
A iniciativa xurdiu tomando como punto de referencia a conferencia que Otero Pedraio realizou o 18 de setembro de 1971 no Museo Carlos Maside de Sada (comarca da Coruña) co título d’A miña amizade con Castelao. “Primeiro, Xosé Manuel Soutullo, e despois, Xesús Alonso Montero animáronme a ir máis alá e facer unha colectánea que creo que serve moi ben de ponte para fechar o ano Castelao e abrir o Oteriano”, explica a Nós Diario e investigadora.
Arias Chachero, nunha extensa introdución, fai un percorrido cronolóxico polo principais momentos vitais que viviron xuntos Otero e Castelao que despois aparecen nos textos do primeiro. Porén, a editora evita citar os textos que se reproducen no volume. “O primeiro é dos anos 30 e o último publicouse en 1995, mais foi en 1975, coincidindo co 25º aniversario da morte de Castelao, que don Ramón falou e escribiu sobre el”, sinala.
Malia o intenso traballo de procura de documentación, esta profesora asegura que aínda quedan inéditos por descubrir. “Castelao e Otero Pedraio son, se cadra, os autores máis traballados da nosa literatura e, aínda así, seguen aparecendo documentos inéditos, como me pasou a min cun texto de 1957 que forma parte do libro Do San Lucas ó San Xohán, aínda sen publicar, ou unha carta que escribe a Virxinia en 1954”, afirma Patricia Arias Chachero en conversa con Nós Diario.
Nos textos publicados nesta edición salienta a amizade “de irmáns” entre ambos os dous protagonistas mais tamén a profunda admiración de Otero cara a Castelao, até o punto de ver nos anos 30 a transcendencia nacional do rianxeiro. “Don Ramón comeza a reivindicalo con moitísima forza neses anos, en plena actividade política, e di que hai que facerlle unha homenaxe, unha idea que se materializaría en 1932”, relata a investigadora.
Nos textos que aparecen neste libro, Otero Pedraio describe como coñeceu Castelao en 1920 e os diferentes momentos que viviron xuntos. “Os anos en Madrid son anos de convivencia intensa. Castelao collía o tren en Pontevedra e, xa en Ourense, subía Otero Pedraio”, conta a profesora. Dese período con moita actividade política hai moitas anécdotas que afondan no carácter e na maneira de ser dos dous. “Unha delas é aquela que sucedeu nun hotel en Madrid cando Castelao lle conta a Valentín Paz Andrade que está pasmado por descubrir que Otero canta ópera cando se afeita e pide dous almorzos pola mañá”, pon de exemplo Arias Chachero.
A relación con Castelao tamén descobre un Otero Pedraio inédito, como cando escribe un artigo furibundo contra os que desterraron o rianxeiro a Badaxoz en 1934. “Don Ramón era un home moi sereno, que tendía pouco a maledicencia e aí está tan furioso que escribe con indignación un artigo no xornal El Sol, un medio de moita difusión na época”, indica esta investigadora. (…)”
Otero Pedrayo na política galega. Con Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e Emilio Ínsua López
Otero Pedrayo, o xeógrafo de Galicia. Con Manuel Gago e Augusto Pérez Alberti
Otero Pedrayo arredor de Trasalba con Patricia Arias Chachero e Valentín García
A Coruña: actividades do 8 de agosto na Feira do Libro 2026
Feira do Libro da Coruña 2026
O programa pode consultarse aquí.
Crónica fotográfica do Roteiro Camiñando con Otero Pedraio pola Coruña, con Carme Fernández Pérez-Sanjulián
Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Camiñando con Otero Pedraio pola Coruña, con Carme Fernández Pérez-Sanjulián, celebrado o pasado 24 de maio. A crónica fotográfica completa (obra de Beatriz Maceda Abeleira) pode verse aquí. Esta é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.
Roteiro Camiñando con Otero Pedraio pola Coruña, guiado por Carme Fernández Pérez-Sanjulián
O Roteiro Camiñando con Otero Pedraio pola Coruña, guiado por Carme Fernández Pérez-Sanjulián, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña, que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.
O presente roteiro xirará arredor da presenza de Ramón Otero Pedraio na Coruña.
Terá lugar o domingo 24 de maio, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será na Praza de María Pita, diante da porta do Concello. A asistencia é gratuíta. Non é precisa inscrición previa.
Roteiro Camiñando con Otero Pedraio pola Coruña, guiado por Carme Fernández Pérez-Sanjulián
O Roteiro Camiñando con Otero Pedraio pola Coruña, guiado por Carme Fernández Pérez-Sanjulián, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña, que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.
O presente roteiro xirará arredor da presenza de Ramón Otero Pedraio na Coruña.
Terá lugar o domingo 24 de maio, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será na Praza de María Pita, diante da porta do Concello. A asistencia é gratuíta. Non é precisa inscrición previa.










