O que vén no 2016 (algunhas efemérides literarias e socio-culturais), por Ramón Nicolás

DesdeManuel María Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Quedan aínda algúns días para concluír o ano pero, nesta ocasión, adianto un chisco este apuntamento que, sen afán de exhaustividade, pretende achegarse ás liñas esenciais do que, se cadra, ha ocupar unha parte substancial da atención literaria ou socio-cultural ao longo do ano 2016. É evidente que salientará, en primeiro lugar, a figura de Manuel María, a quen se lle renderá homenaxe este vindeiro ano por mor da súa designación para o Día das Letras, converténdose por dereito propio nunha referencia ineludible, como tamén cumpriría que o fose a celebración tanto do centenario da creación das Irmandades da Fala na cidade da Coruña, sen esquecer a fundación do seu voceiro A Nosa Terra, como o asasinato de catro labregas e un labrego no lugar de Cans (Nebra, Porto do Son), que se negaron a pagar un imposto especial. Agardemos, pois, pasos adiante en todas estas conmemoracións.
Non debería ser menos, a meu entender, a atención que se lle debería prestar a un conxunto de voces do ámbito literario unidas por se celebrar o centenario do seu nacemento. Penso en Manuel Lueiro Rey, Miguel González Garcés, Xosé Velo, Raimundo García González “Borobó“, Lorenzo Varela e a xornalista e tradutora Amparo Alvajar; grupo ao que me permito unir o de Roald Dahl, moi presente no catálogo de diversas editoriais galegas.
No que se refire ao cincuenta aniversario hai un acontecemento sobre o que xa se traballa e que se cinguirá á relevancia do chamado “banquete de despedida” de Celso Emilio Ferreiro, celebrado no Hotel Roma de Ourense en maio de 1966, antes de que o celanovés collese camiño cara a Caracas: o acto, que foi unha das primeiras manifestacións públicas críticas co réxime franquista, ben merece ser lembrado. Por outro lado, tamén neste 2016 van cumprirse os cincuenta anos do falecemento do poeta Victoriano Taibo, do astrónomo Ramón María Aller, do sociólogo Victoriano G. Martí, do dramaturgo Xesús San Luís Romero e da escritora Herminia Fariña Cobián.
Por último, no que atinxe aos sesquicentenarios cómpre lembrar o que se corresponde ao nacemento do narrador ourensán Heraclio Pérez Placer e o do falecemento de Fontán, personaxe que recupera Marcos Calveiro para a súa recente novela homónima. No que di respecto de libros relevantes que se publicaron no 1966 é imprescindible citar O espello no serán, de Otero Pedrayo; o histórico Galicia hoy, de Ruedo Ibérico; o Elexías do Courel e outros poemas, logo reeditado baixo o título de Tempo de elexía (1991), de Uxío Novoneyra e, en América, os aínda hoxe imprescindibles volumes de Alberto Vilanova sobre os galegos na Arxentina e mais Decrúa, poemas de Gonzalo López Abente.
De certo que haberá máis conmemoracións e efemérides pero suxerir a celebración dalgunhas destas paréceme de xustiza.”

Taboleiro do libro galego XXXVII (outubro 2015), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nova entrega do Taboleiro do libro galego que, nesta ocasión, se articula mercé á colaboración das seguintes once librarías: Libros para Soñar, Andel, Casa do Libro e Cartabón de Vigo; O Pontillón de Moaña, Miranda de Bueu, Biblos de Betanzos, Trama de Lugo, Sisargas e Suévia da Coruña, Pedreira de Compostela e, finalmente, Cronopios de Pontevedra, a quen lle damos a benvida.

NARRATIVA
1º-. Morena, perigosa e románica, de Pedro Feijoo, Xerais.
2º-. A praia dos afogados, de Domingo Villar, Galaxia.
3º-. Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Xerais.
4º-. Xeixos, de Suso Lista, Embora.
5º-. Interferencias, de Manuel Seixas, Xerais.
6º-. De remate, de Héctor Cajaraville, Xerais.
7º-. Por que as sombras non teñen ollos, de Luís Manuel García Mañá, Xerais.
8º-. Ostrácia, de Teresa Moure, Através.
9º-. seique, de Susana Sánchez Arins, Através.
10º-. A morte en Venecia, de Thomas Mann (tradución de Laureano Xoaquín Araújo Cardalda), Rinoceronte.

POESÍA
. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
2º-. A boca da terra, de Manuel Rivas, Xerais.
3º-. Bazar de traidores, de Elías Portela, PEN Club.
4º-. Unha viaxe de ruminantes, de Baia Fernández de la Torre, autoedición.
5º-. Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.

ENSAIO-TEATRO
-. As mulleres do monte, de José Antonio Gurriarán, Galaxia.
2º-. Un cesto de mazás, de Montse Fajardo, autoedición.
3º-. A utilidade do inútil, de Nuccio Ordine, tradución de Carlos Acevedo, Faktoría K.
4º-. Indecencias e corruptelas, de Manuel Monge, Corsárias.
5º-. Lembranzas do meu vivir II, de Ramón Otero Pedrayo, Galaxia.
6º-. Poesía hexágono, Apiario.

XUVENIL
-. Como unha áncora, de Iria Collazo, Galaxia.
-. Dragal IV, de Elena Gallego, Xerais.
-. Non hai luz sen escuridade, de Andrea Barreira, Urco.
-. O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda, Galaxia.
-. Madonna e outros contos de inverno, de Manuel Rivas, Xerais.
-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
-. Ons, de Carlos Meixide, autoedición.
-. Bicha, de Eli Ríos, Deputación de Ourense.

INFANTIL
-. Escarlatina, a cociñeira defunta, Ledicia Costas – Víctor Ribas, Xerais.
-. O valente coello que quixo soñar, de Miguel Ángel Alonso Diz – Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
-. O meu pesadelo favorito, de María Solar, Galaxia.
-. Once damas atrevidas, de Oli e H. Thomassen, Kalandraka.
-. O monstro de cores, de Anna Llenas, Flamboyant.

LIBROS CD-DVD
-. Alegría!, Sérgio Tannus – Luís Barbolla (ilustracións), Galaxia.
2º-. Un conto ao revés, Chuches Amil, Galaxia.
3º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Galaxia.
4º-. Unha viaxe polo mundo, de As Maimiñas, Galaxia.
5º-. Traca-Traco, de Paco Rivas e Alfonso Otero Regal, Edicións do Cumio.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero V, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. O papiro do César, de  René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de  Xavier Senín e Isabel Soto), Xerais.
3º-. Marcopola 2, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.

A Coruña: actividades literarias destacadas do sábado 1 e domingo 2

OFeira do Libro da Coruña 2015 sábado 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o 1 e 2 de agosto:

Sábado 1
12:30 h. Inauguración da Feira. Pregón a cargo de Mercedes Queixas Zas.
19:45 h. Alfonso Vázquez Monxardín, Patricia Arias Chachero e outros autores presentan Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, publicada pola Fundación Otero Pedrayo. Participa Víctor F. Freixanes.
20:30 h. Presentación de O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá, publicado en Galaxia. Participan, xunto ao autor, Olivia Rodríguez González e Carlos Lema.

Domingo 2
18:00 h. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz, organizado por Nova Galicia Edicións.
19:00 h. Presentación de A Normalização Linguística. Uma Ilusão Necessária, de Mário Herrero, publicado por Através. Participa no acto Afonso Mendes.
19:30 h. Elena Gallego Abad asina exemplares de Dragal e Sete Caveiras na caseta da Secretaría.
19:45 h. Manuel Blanco Desar presenta Galicia: Un pobo con futuro? O noso devalo demográfico, publicado por Xerais. No acto estará acompañado por Justo Beramendi.
20:00 h. Presentación do libro-disco Sira e o robot. Adventures on Titan, de Mark Wiersma e Miguel Mosqueira, e ilustrado por Iván Sende, publicado por Xerais. Actividade musical na carpa infantil.
20:30 h. Presentación de Agosto de memoria e morte, de Xoaquín Fernández Leiceaga, publicado en Xerais, coa participación Lourenzo Fernández Prieto.
21:15 h. Presentación de Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, publicado en Xerais. No acto terá lugar unha conversa do autor con Manuel Bragado.

Ars dedicandi: Fuco Gómez

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Van alá cento vinte anos do nacemento de Fuco Gómez, emigrante á Habana nado en Becerreá que exerceu como escritor e xornalista en galego tras formarse autodidactamente.
Filántropo, independentista e masón, Gómez chegou a alcanzar unha estimable cultura e frecuentou o trato con importantes personalidades das letras do Caribe e doutros lugares. Devoto da poesía de Rosalía ―tamén da de José Martí― escribiu poemas como os de Pastorelas (1950), a novela O idioma dos animás (1937) e os volumes histórico-políticos Naciones ibéricas (1931) e mais Ensayos de crítica e Historia de Galicia (1960), entre outros.
A dedicatoria que recuperamos pertence ao seu libro Grafía galega (1927), de moi curioso e expresivo subtítulo. Obra moi discutible dende o filolóxico, pero de indubidable valor como testemuño da sensibilidade idiomática do escritor, nela evidénciase a paixón por Galicia, a súa lingua e a súa cultura de Gómez, quen as defendeu ata posicións arredistas.
O destinatario da dedicatoria é nada menos que Ramón Otero Pedrayo, a quen Gómez moito estimaba dende o literario e apreciaba tamén pola súa entrega á causa galeguista.
Fique aquí, pois, esta pequena homenaxe a un soñador de nobres causas, redactor dun himno galego alternativo e ideador dunha outra bandeira galega, que nos deixou en xaneiro de 1972 non sen antes legarnos algunhas das páxinas máis singulares da literatura do seu tempo.”

ars_dedicandi_fuco_gomez

Vigo: actividades destacadas do martes 7 de xullo na Feira do Libro

OFeira do Libro de Vigo 2015 martes 7 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:00 h. Alfonso Vázquez Monxardín, Patricia Arias Chachero e outros autores presentan Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, publicada pola Fundación Otero Pedrayo. Participa Víctor F. Freixanes.
19:45 h. Presentación do último número da revista Grial.
20:30 h. Homenaxe poética a María do Carme Kruckenberg, organizada pola Editorial Galaxia e presentada por Mercedes Queixas Zas. Pechará o acto o grupo musical Xardín Desordenado.

Ourense: actos destacados do xoves 4 na Feira do Libro

O11351139_1099085193438644_2895588946783956781_n xoves 4 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

19:30 h. Alfonso Vázquez Monxardín, Patricia Chachero e outros autores presentan Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, da Fundación Otero Pedrayo. Participa Víctor Fernández Freixanes.
20:30 h. Ramón Caride presenta O frío azul, da colección Alcaián, de Urco Editora.

Lugo: presentación na Feira do Libro o mércores 13

OFeiras do Libro 2015 mércores 13 de maio continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. Dentro das súas actividades, destaca:
20:00 h.  Alfonso Vázquez Monxardín, Patricia Arias Chachero e outros autores presentan Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, pola Fundación Otero Pedrayo. Participa Víctor Fernández Freixanes, presidente da Fundación.

Manuscrito: Xosé Manuel Cabada Vázquez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“A figura de Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936), malia ser un autor un tanto esquecido na historiografía literaria galega, conta desde hai anos cun importante ensaio sobre o seu percorrido biográfico e literario a cargo de Manuel Cabada Castro titulado Paixón poética e militancia galeguista. Estudio biográfico sobre Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936) (Sada – A Coruña, Ed. do Castro, 2001) e mais unha Obra Completa. Poemas e outros escritos (A Estrada, Fundación Cultural da Estrada, 2001), igualmente a cargo do devandito investigador.
O manuscrito que abaixo se presenta corresponde a unha carta que o autor lle enviou a Ramón Otero Pedrayo acompañando un volume do seu único libro publicado en vida titulado Vagalumes, editado en 1931. Nela, logo de recoñecer a Otero como “mestre da prosa galega”, solicítalle que o “acolla con agarimo”  e mais que “teña a ben adicarlle unhas liñas”. Nunha postdata interesante inquírelle por un artigo que Otero dedicou a Amor Ruibal tras a norte deste acontecida en 1930 -un personaxe de referencia para o poeta estradense- pois, como afirma, “teño ansiedade por vel-o”.
A miña gratitude, de novo, á Fundación Penzol pola cortesía e a autorización para reproducir esta carta.”

cabana-vazquez

Ars dedicandi: Ramón Otero Pedrayo

DesdeRamón Otero Pedrayo o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O 5 de marzo de 1888 nacía en Ourense, no segundo andar do edificio que hoxe leva o número 25 da rúa da Paz, Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca por antonomasia e unha das figuras claves da Historia da Literatura Galega do pasado século. (…)
Recupero aquí unha súa dedicatoria a Antonio Couceiro Freijomil, autor amigo, da súa mesma quinta, compañeiro de angueiras no SEG e, aínda que eumés, vencellado á súa Auria natal, pois no tempo no que foi escrita atopábase naquela cidade exercendo como Inspector de Ensino, cargo moi cobizado e respectado, o que explica a deferencia coa que o señor de Trasalba o trata, sendo como era el mesmo daquela catedrático do instituto da súa cidade.
De por parte, a dedicatoria figura nunha obra fundamental dentro da bibliografía oteriana, nada menos que o volume primeiro da triloxía Os camiños da vida, que apareceu en 1928 na mítica Editorial Nós de Ánxel Casal, entón aínda radicada na cidade da Coruña. Con Os señores da Terra Otero principiaba a saga dos Doncos e os Puga, que había de explicar, xa por sempre, o convulso e cambiante tempo que trouxo consigo o ascenso da burguesía e a caída da vella fidalguía galega.”

ars_dedicandi_otero_ocv