A Coruña: De nome Rosalía, recital poético e musical do Grupo Ouriol

O martes 23 de abril, ás 20:30 horas, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, terá lugar De nome Rosalía, unha homenaxe en forma de recital monográfico dedicado á súa poesía no 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos, a cargo do Grupo Ouriol (Fito Ares, Bernardo Martínez e Eva Veiga).

Rosalía é Mundial

Reportaxe en Praza:
Farväl älvar, farväl källor, farväl alla backar små. Deste xeito comeza en sueco o poema Adiós ríos, publicado no Cantares Gallegos de Rosalía. A Fundación Rosalía e a Universidade de Vigo presentaron este xoves o proxecto Rosalía é Mundial, que fai un chamamento á tradución de poemas de Cantares gallegos ás linguas do mundo para celebrar os 150 anos da publicación desta obra.
Neste momento xa se poden atopar na web do proxecto as traducións de Airiños, airiños aires e Adiós ríos, adiós fontes a 15 linguas: Catalán, Checo, Español, Eusquera, Galurés, Grego, Inglés, Italiano, Polaco, Portugués, Romanés, Sueco e Ucraíno. O chamamento está aberto até o 1 de xullo e os organizadores contan con chegar a 50 linguas.
A coordinación das traducións corre a cargo dos profesores Xosé Henrique Costas, da Universidade de Vigo, e Malores Villanueva, da Universidade de Barcelona. Na iniciativa están participando de forma desinteresada tradutoras e profesoras de moitas universidades estranxeiras, desde Finlandia até Armenia, xunto cun numeroso grupo de exalumnos dos cursos de galego para estranxeiros da USC e da UVigo.
As traducións dos poemas estarán tamén en PDF para poderen ser baixadas por calquera usuario como se for un cartel. Na semana previa ás Letras quérese “que todo o Casco Vello de Vigo estea decorado con estes carteis-poemas, que a xente poida descolgalos e levalos, que estean en bares e comercios a disposición da xente, que a xente leve os versos de Rosalía no idioma que queira para a casa, para o traballo, etc.”. Sin ela vivir non podo, non podo vivir contenta, ou como se diría en romanés: Fără ea să trăiesc nu pot, nu pot trăi bucuroasă.”

Rosalía terá en Lugo un novo monumento por suscrición popular

Desde Sermos Galiza:
“Nacerá do asociacionismo cultural e pagarase por suscrición popular. As asociacións Lugopatrimonio, o Clube Cultural Valle-Inclán, Ágora Lugo, Achádego Teatro e María Castaña son as entidades convocantes da primeira xuntanza que comezou a traballar na campaña de suscrición popular co fin de homenaxear a Rosalía cun novo monumento en Lugo. Canda as convocantes, sumáronse á iniciativa as asociacións Hipócrita Teatro, Antigos Alumnos da Escola de Artes Ramón Falcón, Asociación de Veciños da Milagrosa, Fonmiñá, Amigos da Muralla, Orfeón Lucense e Cultura do País. Unha comisión xestora integrada por Isidoro Rodríguez, Antón Somoza, Xulio Xiz, Adolfo de Abel, Tonina Gay e Teresa Campo dará os primeiros pasos co fin de recadar fondos por suscrición popular para que a cidade conte cun monumento á poeta no parque que leva o seu nome. Queren que sexa inaugurado neste 2013 no que se fan 150 anos da publicación de Cantares Gallegos.”

Redondela: actos destacados na Festa das Palabras

A FESTA DAS PALABRAS_Bibliotecas de Redondela (V semana do libro) - copiaEsta é a crónica da última das actividades levadas a cabo, desde o espazo na rede das Bibliotecas de Redondela.

Follas Novas: descarga a primeira edición

Desde Cultura Galega:
“”Gardados estaban, ben podo dicir que para sempre, estes versos (…), cando non sen verdadeira pena, vellos compromisos obrigáronme a xuntalos de presa”. Así inicia Rosalía de Castro as súas palabras previas á primeira edición en 1880, en La Habana, do seu libro de versos en galego Follas Novas. Desde aquela, os amantes da poesía galega de Rosalía divídense entre aqueles que prefiren Cantares gallegos ou os que se manifestan a favor de Follas Novas como a principal obra en galego de Rosalía Castro. Agora podes ti tamén entrar no debate e escoller entre os dous textos. Co gallo do Congreso Internacional Rosalía de Castro, o CCG ceibou a primeira edición, habaneira, de Follas novas (en 1880).”

Taboleiro do libro galego (VI), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Incorpóranse, nesta entrega que conforma a listaxe dos libros galegos máis vendidos nos últimos quince días, dúas librarías máis: Lila de Lilith (Compostela) e Livraria Suévia (A Coruña). Benvidas ambas as dúas, que suman o seu concurso ás catorce librarías que o viñan facendo ata agora: Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar e Sisargas. A todas elas a miña gratitude.”

NARRATIVA
1º-. As voces baixas, de Manuel Rivas, Edicións Xerais de Galicia.
2º-. Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, Edicións Xerais.
3º-. En vías de extinción, de María Reimóndez, Edicións Xerais.
4º-. O gardián invisible, de Dolores Redondo, Edicións Xerais.
5º-. A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, Edicións Xerais.

POESÍA
1º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
-. Monicreques, de Xosé Daniel Costas Currás, PEN Club.
3º-. Carnia haikai, de Elvira Riveiro, A. C. Caldeirón.
-. Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, El Patito Editorial.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Herdeiros pola forza, de Xurxo Ayán e Manuel Gago, 2.0 editora.
2º-. Obras completas I, de Roberto Vidal Bolaño, Positivas.
3º-. Matriarcas, de Montse Fajardo, Dito & Feito Comunicación.
4º-. Banqueiros, de Francisco Pillado (coord.), Laiovento.

INFANTIL-XUVENIL
-. Dragal III, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
-. Os Megatoxos e a cara oculta de Lúa, de Anxo Fariña, Edicións Xerais.
-. Malos tempos para os fantasmas, de Agustín Fernández Paz, Xerais.
4º-. Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, Galaxia.
-. O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, Galaxia.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. María Fumaça, de VV.AA., Galaxia.
2º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
3º-. A que sabe a lúa, de Michael Grejniec, Kalandraka.
4º-. Imos cazar un oso, de Michael Rosen, Kalandraka.
5º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. Persépole, de Marjane Satrapi (tradución de Eva Carrión del Pozo), Rinoceronte Editora.
2º-. Castelao Titoán, Inacio e Iván Suárez, Demo Editorial.
3º-. Os días do cometa, Manolo López Poy e Miguel Fernández, Demo Editorial.

LECER
-. De roda en roda. Música e danzas do mundo, VV. AA., Galaxia.

Por que Rosalía dixo que non volvería escribir en galego?

Reportaxe en Praza:
“(…) Na carta, Rosalía remataba pedíndolle a Murguía que lle comunicase ao editor a súa resolución de non volver escribir en galego, “de una vez que a él no le conviene aceptar las condiciones que le he propuesto”. Non estaba pechándose, así, totalmente en banda. Non coñecemos tampouco o contido destas clásulas. En calquera caso, tal como sinala nun artigo na revista Grial a biógrafa de Rosalía Victoria Álvarez de Ojeda, a determinación da escritora seguía a ser mesma en 1882, e así llo fai saber Murguía a Francisco Portela Pérez cando este solicita permiso para incluír algúns versos de Rosalía nunha antoloxía.
“Se cadra a pregunta non é por que Rosalía comeza e escribir en galego e despois anuncia que renuncia a esta lingua”, explica a profesora da Universidade de Barcelona María Xesús Lama. “Porque o realmente abraiante”, -subliña-, “é que decidise escribir en galego, sen unha tradición literaria que lle servise de referente, sen alfabetización en galego, sabendo que os que falaban galego non o lían e que os poucos que lían lían en castelán. Na época de Rosalía, as elites provincialistas comezaban a reivindicar o galego, e facíano en castelán e en galego. A unión entre reivindicación da nación galega e uso do galego como lingua literaria é posterior. O monolingüismo en galego era, daquela, un ideal inimaxinable”. (…)
“Rosalía era unha muller sen patrimonio que aspiraba a ser profesional da escrita e vivir dela, por iso destina obras en castelán ao mercado editorial español. Pero tanto insistir en que era bilingüe non ten sentido: todos os escritores eran bilingües entón, no sentido de que usaban as dúas linguas. Pero Rosalía é a única que ten un proxecto para cultivar todos os xéneros literarios en galego. E o que ocorre é que acaba pobre, illada e marxinada: o seu proxecto parecía non ter seguidores. Eu creo que o que realmente molestou de Costumbres gallegas non foi tanto a súa suposta inmoralidade, senón o feito de que -e isto é algo do que non se fala-, Rosalía dixera nel que aprendera a amar a súa patria fóra, en contraste con España. Iso foi o que non lle perdoaron”, asegura Francisco Rodríguez. (…)”.

Manifesto Galego no Día Internacional do Teatro

Publicado por Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“Sempre pensei, e así o digo nalgún poema: só somos como nos soñamos cando amamos. Mais engadiría a isto que só da mao do teatro somos capaces de nos soñar nos outros, ao nos reflectir nas súas personaxes. Eu agradézovos hoxe a todos e todas os que me facedes soñar cando no idioma de noso acrisolades o sentir e o pensar, pois o teatro pulsa as fibras máis sensíbeis, tamén do noso propio corpo, no seu pensar emocionado. No teatro a linguaxe do corpo é pensamento. No teatro somos o soñador e o soñado.
Se facemos memoria dos últimos corenta anos, a biografía do teatro galego é a biografía da cultura galega. No devir do teatro galego está insculpida a biografía deste pobo de noso. O corpo do teatro dinos das súas ledicias e as súas dores e, na súa sensíbel pel, están tatuados todos os soños que nos poden levar deste presente de incerteza a un futuro no que nós escribamos a nosa propia historia.
O teatro, e o teatro galego en concreto, creou e crea vasos comunicantes entre a sociedade que alenta e o espectador. Do que acontece no teatro facemos entraña nosa, pois ábrenos as portas a descubrir por nós propios unha outra realidade que subxace baixo da realidade e os seus espellos cóncavos para a deturpar e nos mentir o real.
Cada cultura é un territorio camiñado polos carreiros que abre o teatro, que teñen a ver coa alma colectiva e que nos levan a formar parte dunha outra verdade humana na que habitan todas as verdades que cada cultura aporta. O teatro lévanos á busca da verdade da emoción, da verdade da idea que vivimos, descubrindo lugares do amor, da ledicia ou da dor, da imaxinación liberadora. O teatro fainos seres libres pois subverte os significados, libéraos e dános na propia mao a responsabilidade de encontrar respostas e de asumilas individual e colectivamente.
En todo teatro, tamén no teatro galego, está depositado o ser colectivo dunha cultura. Se mancan o corpo do teatro férennos e doémonos. Dóese a sociedade toda e sentimos que nos están a intentar saquear o que de máis verdadeiro nos posúe. Pois no escenario constrúese ese lugar do intemporal onde acontece o tempo fuxidío que só acontece nos territorios da alma.
Sempre levo comigo o exemplo da actriz Dan Thi Linh. Era combatente do Viet Cong, coas súas palabras de veludo e as leves danzas do seu corpo de flor de loto. As súas actuacións nas galerías soterradas de Cu Ci eran bálsamo para as feridas do ser dun pobo que, coas ferramentas do teatro, alentou os soños dun futuro en liberdade para a súa terra. Esta lección ética é a que sempre ollei en vós, todas as xentes do teatro galego.
No ano no que celebramos o Día das Letras Galegas coa figura de Roberto Vidal Bolaño e o cento cincuenta aniversario de Cantares gallegos da nosa escritora nacional, Rosalía, cando nos queren expropiar os soños e o presente, neste tempo no que, os que non aman o teatro son os mesmos que abandonan a tantas capas sociais no desamparo, Roberto e  Rosalía dánnos voz para que non fiquemos á marxe da construción da propia historia, para que non nos derroten a esperanza. A ela, a poeta que deu voz ás que lles é negada a voz, puidemos levarlle flores o pasado 24 de febreiro, día do seu nacemento, con autorización por escrito, coma quen visita unha presa política.
Celebraremos o dia 17 de Maio cun home do teatro galego, para que non nos exclúan do futuro, para que non nos silencien.
Para non permitírmonos que boten un escuro pano de silencio sobre o teatro galego, resoa hoxe a súa obra; el dános voz, para que non fiquemos á marxe da historia.
Roberto Vidal Bolaño, coma sabio canteiro, é un dos dramaturgos e actores que teñen posto as pedras basilares da casa comunal do teatro galego actual, cunha humanidade que é filla dunha radical liberdade. Coa súa voz que vén dos territorios máis lonxincuos do ser, anainábanos e dicíanos verdade, cunha obra que nos emociona e nos divirte, que nos desacouga para que saibamos  retornar e non nos perder polos camiños de retorno á casa natal. Roberto, na súa obra, revélanos o descoñecido de nós. El dinos que é o que aporta á cultura universal este anaco da humanidade que somos os galegos e as galegas.
Á luz deste marzo final, xa primavera, co rostro orballado de breves lágrimas de cristal e transparentes panos de liño, baixo un ceo de azul tenrura, Roberto abrázanos con afouteza e lévanos da mao cando os días estrean para nós os seus zapatiños de charol.

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG
Cesáreo Sánchez lerá este manifesto na gala dos XVII Premios María Casares, que se celebrará o próximo mércores 27 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña