Desde
Sermos Galiza:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a entidade oficial que reúne máis de 415 escritores e escritoras da literatura galega, a través do seu presidente Césareo Sánchez Iglesias, opina que é “ofensivo que se chame a unha persoa que non é unha escritora en lingua galega nin ten nada que ver con todo o que simboliza Rosalía de Castro”. No parecer da AELG tamén “é ofensivo” que se represente con ela “a unha lingua maltratada como tamén son maltratadas moitas mulleres”.
Desde a mesma entidade lembran que “sempre estivemos a disposición da Secretaría Xeral de Igualdade”, mesmo con actividades nas casas de acollida. “Estamos diante dun acto profundamente agresivo para a cultura galega”, indica Cesáreo Sánchez, “unha cultura construída de maneira determinante por mulleres galegas que defenderon o que representa Rosalía de Castro”.
O PEN de Galiza, integrado en 1989 no PEN Internacional de escritores que representa a 146 Centros en 106 países, remitiu un comunicado no que afirma que “honrar a Rosalía de Castro, muller símbolo de Galiza, na conmemoración oficial do Día Internacional da Muller, implica a obrigada participación de escritoras en lingua galega”. Para a organización que preside Luís González Tosar “esta exclusión agravia ao conxunto do sistema literario de noso e desacredita aos organizadores”.
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, manifestou en relación a que se escollera unha escritora en castelán que “desde que Rosalía publica Cantares Gallegos hai 150 anos, con máis ou menos dificultades, hai escritoras en galego coas que se pode contar”.”
Arquivos da etiqueta: Sermos Galiza
Consenso para que Ferrín continúe na Academia cando menos como numerario
Desde
Sermos Galiza:
“Desde que Xosé Luís Méndez Ferrín anunciara nun correo emitido o día 25 de febreiro a súa vontade de abandonar a Academia, non só como presidente senón tamén como membro numerario, non deixan de sumarse voces para solicitar que un dos nomes claves da nosa historia literaria continúe a ter presenza na institución. Boa parte de académicos e académicas manifestaron publicamente o seu desexo de a Academia non ficar sen un escritor de referencia como é Ferrín. Alén de transmitir o seu apoio ao presidente, algúns dos consultados deixaron ver que a idea de que abandone o edificio de Tabernas sería unha má noticia para a literatura, a cultura e a propia RAG.
En primeiro lugar, foron un grupo de escritores e escritoras os que, a título individual, fixeron público a través das redes, de maneira imediata, o seu desexo de que Ferrín continuara na Academia. Seguiron logo as asociacións profesionais, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o PEN Clube ao se dirixir directamente a Ferrín e solicitarlle que repensase a súa dimisión e o abandono da RAG. A excepcionalidade da decisión tomada polo autor de Con pólvora e magnolias puña nunha situación complexa á Academia ao se tratar dunha figura de indubidábel presenza na nosa literatura e cun claro ascendente nunha parte do panorama literario.
A entrada de Xosé Luís Méndez Ferrín na Academia produciuse tarde, hai apenas doce anos e, dalgunha maneira, foi vista como un chanzo máis no proceso de apertura e modernización da institución que iniciara Francisco Fernández del Riego e continuara Xosé Ramón Barreiro. Singularmente tamén, a proposta de Xosé Luís Méndez Ferrín estaba asinada por dez académicos, unha circunstancia de novo excepcional, xa que a práctica totalidade das persoas numerarias entran avaladas só por tres persoas. Francisco Fernández Rei, Constantino García, Manuel González, Xesús Ferro Ruibal, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Ramón Lorenzo Vázquez, Antón Santamarina, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Franco Grande e Salvador García-Bodaño poñen a súa rúbrica á agardada entrada o 30 de setembro de 2000 de Xosé Luís Méndez Ferrín como académico. No seu discurso de ingreso, Ferrín destacaba o feito de entrar no ano no que a RAG conmemoraba a Manuel Murguía, o presidente fundacional da institución que el tardaría arredor dunha década en presidir.
Tamén foi un membro de Brais Pinto e amigo de novo de Ferrín o encarregado de darlle resposta no acto solemne da Academia. O lingüista e escritor Ramón Lorenzo recollía o mesmo sentir na súa intervención, o significado de que o escritor atravesase a porta da institución da rúa Tabernas como membro numerario. “Por fin, entra na Real Academia Galega unha das figuras máis excepcionais da cultura galega da segunda metade do século, a quen lle correspondía desde hai moito tempo ocupar un lugar na nosa Institución. Por iso, se en moitos discursos de contestación que se fixeron na Academia se repetiu máis dunha vez que era un día grande e de xúbilo a entrada do novo membro, con moito máis motivo debo repetir en que hoxe é un día grandioso para esta vella Institución”, sinalaba Ramón Lorenzo, naquela sesión na que o mundo da literatura, o mesmo que agora reclama a súa permanencia, aplaudía a entrada de Ferrín na Academia.
Este sábado 9 de Marzo presidirá a entrada doutro membro de Brais Pinto, o escritor Xosé Fernández Ferreiro ingresará co discurso Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas, ao que lle dará resposta o tamén xornalista Manuel Rivas, o escritor vivo máis lido da nosa literatura e que precisamente se incorporou á Academia baixo a presidencia de Xosé Luís Méndez Ferrín.”
A demisión de Ferrín deixa á vista unha grave crise na RAG de desenlace incerto
Desde Sermos Galiza:
“Como reacción “desbordada” cualificaron algúns dos académicos a demisión de Ferrín, despois da xuntanza do plenario onde se lle pediron contas á executiva máis unha explicación pública ás acusacións de nepotismo por contratación de familiares. Mentres, outro sector do que forman a corporación de Tabernas, en especial o literario, optou por demandar ao presidente que reconsiderase a súa demisión. Tamén a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e o Centro PEN Galicia fixeron pública a súa vontade de que o escritor máis recoñecido da nosa literatura contemporánea seguise a presidir a institución da rúa Tabernas.
Se ben é certo que ninguén manifesta ter visto con bos ollos a demisión de Ferrín, non todo o mundo coincide á hora de facer a diagnose da situación. O pleno mostrara dúas posicións distintas e as posteriores declaracións do secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, agudizarían o desencontro. (…)”.
O ILG súmase ao Consello da Cultura e nega ter presionado á Academia
Desde Sermos Galiza:
“O ILG agardou para se manifestar o tempo preciso que marcan as convocatorias oficiais da entidade. Despois da xuntanza do Consello Científico desenvolvida na mañá deste xoves, a entidade da Universidade de Santiago afirma que “desexa desmentir categoricamente as imputacións” formuladas por Xosé Luís Axeitos ademais de expresar a vontade de “seguir colaborando de maneira activa e leal coa Real Academia Galega, sen máis pretensión que a de contribuír solidariamente ao estudo, desenvolvemento e promoción da lingua galega”.
Lembra que os membros do ILG que forman parte do plenario da Academia están alí a nivel persoal e non actuan como colectivo no seu funcionamento interno. En canto á posición sobre o decreto do plurilingüismo, o ILG lembra que xa ten manifestado a súa “firme e manifesta oposición” facendo seus “en todos os seus aspectos a análise elaborada pola Real Academia Galega”. Reafirma o ILG a súa “lealdade e compromiso” coa Academia, e deixa ver que a entidade non presentara recurso xa que “carece de personalidade xurídica propia e non pode acudir aos tribunais” mais, de todas maneiras, sinala que “non mudou a súa posición nin, por suposto, promoveu ningún tipo de acción para orientar ou condicionar as decisións da RAG”. Chama finalmente á colaboración de institucións e entidades que teñen como obxectivo a defensa, promoción e difusión da cultura e lingua galega.”
A AELG pídelle a Ferrín que continúe como presidente e non abandone a Academia
Desde
Sermos Galiza:
“A AELG solicítalle a Xosé Luis Méndez Ferrín que continúa nas súas funcións como presidente e non abandone a Academia. A Asociación presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias “respectando as súas decisións persoais” ínstalle, tanto a el como a todos os membros da RAG a pensar “no papel histórico que ten a Academia e que ten que seguir a desenvolver”.
Para a entidade que agrupa aos escritores e escritoras, a marcha de Ferrín significaría “un empobrecemento na pluralidade que é necesario teña a RAG”. Fai por iso un chamamento para que os problemas da Academia “sexan resoltos dentro dos organismos da Academia dialogando, para manter a súa independencia na defensa da nosa cultura e do noso idioma”.
Defenden que a sociedade precisa dunha RAG “que sexa lugar de confluencia e símbolo público de prestixio social e cultural”. Para a AELG, a situación do idioma “non permite ter unha Academia en conflito interno e proxectando unha imaxe pública de descrédito”.”
Uns humoristas “bos e xenerosos”
Desde
Sermos Galiza:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acaba de conceder a súa distinción Os Bos e Xenerosos aos humoristas gráficos da xeración de Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e mais Pepe Carreiro, que, en palabras do presidente da Asociación, Cesáreo Sánchez, “trasladaron uhna imaxe crítica e lúcida da nosa sociedade en galego”.
A distinción Os Bos e Xenerosos, que chega á súa décima edición, supón, segundo a AELG, “un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura”.
En efecto, a xeración destes cinco humoristas protagonizou a que podemos chamar sen medo a esaxerar “a segunda idade de ouro do humor gráfico galego”, logo da primeira e xenuína, a desenvolvida antes da Guerra Civil por Castelao, Maside, Cebreiro, Vidales Tomé e tantos outros. Foi entón cando Castelao creou propiamente o humor gráfico galego, galeguizando a caricatura modernista do noruegués Gubralsson e outros debuxantes da revista alemana Simplicissimus.
A Guerra Civil rachou con esta farturenta tradición e deu lugar a unha longa travesía no deserto de máis de tres décadas. Nese tempo de cativez salientaron só algúns nomes excepcionais como Atomé, que colaborou en El Ideal Gallego ata a súa morte en decembro de 1974, ou Quesada, que se xubilou en 2011 logo de colaborar durante 50 anos en Faro de Vigo. (…)”.
A demisión de Ferrín en once claves: da sombra de nepotismo á guerra polo control da RAG
Desde Sermos Galiza:
“Despois de sumar opinións de distintas partes, de dentro e fóra da Academia, arredor da demisión de Ferrín constrúese un mosaico complexo de argumentos que dan conta do momento convulso da Institución. Através de once puntos tentamos, coa información recadada, achegarmos ás razóns e as claves para interpretar o portazo do escritor ao edificio da coruñesa rúa Tabernas.
– Para a historia, todo foi no Día de Rosalía.
O último acto institucional de Xosé Luís Méndez Ferrín é a conmemoración do Día de Rosalía na Casa da Matanza nos actos organizados pola Fundación Rosalía, a Universidade de Vigo máis a propia Academia. Varias persoas que compartiron con el a xornada aseguran que nada facía indicar que o presidente tiña vontade de demitir nas seguintes horas. A carta foi enviada polo secretario no día 25, mais a súa sinatura é do propio día 24, unha xornada de especial relevancia no calendario das Letras, data que quedará tamén marcada na biografía literaria de Ferrín.
– Dúas entrevistas tensionan fóra de Tabernas.
A tensión que nos últimos meses se viviu dentro do edificio da rúa Tabernas apenas traspasou os seus muros. Sábíase do desencontro, mais ningunha persoa con posto numerario na Academia fixera até entón declaración pública algunha. Porén, dúas entrevistas trasladaron máis alá das portas da sede da institución os problemas que latexaban dentro. A primeira, a do propio Ferrín con Kiko Novoa na RG. Os silencios e o malestar de Ferrín deixábanse ver nunha conversa que rolou polas redes sociais. A segunda, en La Voz de Galicia, o propio día que se fai pública a demisión, cando, desde a mañá as declaracións do secretario Xosé Luís Axeitos acenderon a mecha da mañá máis tensa que se lembra na Academia. Axeitos puña a mira noutras dúas institucións, o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega para os acusar de control da Academia e de presións para que se retirara o recurso contra o decreto do bilingüísmo.
– Acusacións a un Instituto da Lingua Galega que Ferrín apoiou.
O secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, pon no seu albo o ILG e o CCG para explicar a tensión que logo desembocaría na demisión de Ferrín. Os membros do ILG son o colectivo mellor representado na Academia e todas as persoas máis destacadas da súa historia teñen cadeira en Tabernas. Aliás, é no mandato de Ferrín cando a súa presenza se reforza aínda máis. Na directiva sitúa dúas persoas do grupo lingüista de Santiago, Manuel González -máis vencellado ao Ramón Piñeiro, pero no ILG na súa orixe- máis Francisco Fernández Rei. Aos dous, como membros da executiva, Ferrín agradécelle o seu servizo e a súa entrega na carta. Alén diso, nos tres anos de presidencia de Ferrín, entran na Academia dous numerarios máis de ampla traxectoria e grande influencia no Instituto: Henrique Monteagudo e Xosé Luís Regueira. Na Academia están tamén Antón Santamarina, Rosario Álvarez e Ramón Lourenzo, até agora amigo persoal do presidente con quen fixera parte do grupo Brais Pinto.
Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Díaz Fierros, Andrés Torres Queiruga, Rosario Álvarez, Vítor Freixanes e Ramón Villares -presidente- son os membros do Consello da Cultura Galega que teñen cadeira en Tabernas. Rosario Álvarez pertence a un e outra institución aínda que ven de deixar o seu cargo como directora do ILG. A uns e outros diríxense as acusacións de Axeitos, sen dúbida, un poder dentro da Academia.
– Onde están os lingüístas da Coruña?
Contra esta situación, silencio a berros foi sempre o feito de non ter entrado na Academia ningunha persoa relacionada coa Facultade de Filoloxía da Coruña, grupo defensor no seu tempo da normativa de mínimos. A maior relación que este grupo chegou a ter coa institución foi teren elaborado o proxecto para a reforma da normativa que se levou dúas veces a pleno. A primeira, no tempo de Fernández del Riego, fora rexeitada para logo, despois dunha pequena modificación, superar a votación de Tabernas. Daquela, filólogos como Xosé Ramón Freixeiro Mato ou Manuel Ferreiro tiveron un papel destacado na comisión partillada con membros do ILG. Os filólogos da Coruña non só nunca entraron senón tampouco foron propostos como candidatos. Sen terciar pregunta, este feito sae na conversa das partes. Tampouco a Universidade de Vigo conta con presenza na institución.
– A carta: di moito e cala máis.
Con catro parágrafos e unha despedida, Xosé Luís Méndez Ferrín puña o ramo á súa xestión diante da Academia. Contra as explicacións que nese mesmo día a súa man dereita, Xosé Luís Axeitos, deitaba no xornal de Sabón, Ferrín non vai dar datos nin facer explicacións arredor das polémicas en que nos últimos meses se viu envolvido. Porén, dous elementos van confirmar a versión de Axeitos. En primeiro lugar, a carta está enviada polo propio secretario despois de saír a súa entrevista e a el se refire con especial atención Ferrín, agradecendo a súa colaboración con agarimo. En segundo lugar, o presidente alude directamente a “académicos e académicas unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia”. A elas responsabiliza da súa marcha, o que tamén agradece. A carta de Ferrín evidencia certa liberación por poñer fin a unha etapa que, segundo fontes próximas, foi especialmente dura no persoal para el coa imaxe danada por acusacións de nepostismo e o que considera traición dalgúns bos amigos cos que compartía xuntanzas na Academia.
– “Onde non debo estar os poucos días que me resten de vida”.
O que está considerado un dos maiores escritores da nosa literatura contemporánea deixará de ter presenza na Academia Galega. Ferrín non só demite do seu cargo de presidente, senón tamén renuncia a ser numerario, posto que os estatutos contemplan como vitalicio. O escritor transmite, con esta frase, o cansanzo e o irrespirábel da súa situación en Tabernas. Varias persoas do seu entorno sinalaban a súa vontade de pechar a porta, cun agotamento persoal polas presións dos últimos tempos. Se unha demisión é inusual, un abandono da institución é histórico. Só Jenaro Marinhas del Valhe se atreveu a facer un xesto de igual contundencia coa Academia, en claro sinal de protesta polo trato que a institución estaba a dar a Ricardo Carvalho Calero.
– O que acontece entre-plenos.
O episodio máis abrupto da historia recente da Academia Galega virá marcado por dous plenos. Varias fontes informan da tensión vivida no último celebrado, cando varios membros pediron contas económicas da xestión dos orzamentos e reclamaron que se dese unha explicación pública ao contrato de familiares na institución. As distintas fontes relatan o momento de desigual maneira, por unha parte, explican a dinámica da Academia de non presentar no plenario as contas do exercicio, contra o que se recolle nos Estatutos, pola outra, aseguran que o ton foi intimidatorio e evidenciaba sospeitas sobre a xestión dos cartos da institución. O que si confirman ambas partes é que o pleno foi tenso e xa non permitía moita volta atrás. A executiva tería que explicar o destino dos orzamentos no próximo pleno, que agora quedará focalizado nun punto novo e de especial atención: a aceptación da dimisión e renuncia de Ferrín.
– O caso do coche e os fillos.
Mais son, sen dúbida, o contrato de fillos de membros da executiva e a cesión por parte da Consellaría de Presidencia dun Audi á Academia os feitos dos que Ferrín ten difícil fuxir no entramado que se creou arredor da súa demisión. O presidente nunca quixo explicar as razóns de que na Academia entraran a traballar a súa filla e o compañeiro desta nin que na institución tivesen relación laboral -xa anterior a súa entrada- o fillo de seu secretario Axeitos e o fillo e o cuñado do tesoureiro Manuel González. Ferrín deu o silencio por resposta cada vez que se lle preguntou polo tema, de maneira especial, en medios vencellados á dereita, con amplas reportaxes no ABC. Para algún membros da parte á que agora se dirixe o presidente, Ferrín tiña obriga de aclarar a situación dando algunha razón que puxera freo á acusación de nepotismo que lixou a imaxe da institución. Na recente entrevista da Radio Galega, un Ferrín notabelmente incomodado repetía que non ía facer comentarios do contrato dos seus familiares ao tempo que afirmaba que o Audi era “de Rueda”.
– Como respira o entorno do PP?
Nunha situación de crise absoluta e grave enfrontamento cos distintos sectores da Cultura, o PP no goberno da Xunta quixo en todo momento botar man das institucións e organismos culturais para gañar a batalla ás acusacións de estaren contra a cultura galega. As fotos do presidente da Xunta ou algún dos cargos do seu goberno en actos oficiais foron, nos últimos anos, comúns. O propio Ferrín recoñecía na RG a súa boa sintonía co Presidente e máis con distintos cargos do goberno. Que Ferrín só levantara a lebre dos orzamentos da Academia unha vez pasadas as eleccións foi tamén criticado no mundo da cultura. A entrega por parte de La Voz de Galicia do seu premio ao presidente da Real Academia Galega mudou, por outra banda, a liña que o xornal de máis difusión no país manteu sempre arredor do escritor.
Porén, o secreto a voces do que acontecía na Academia salta a través dun medio españolista e de dereitas como ABC, ariete contra a normalización lingüística. O ABC en distintas reportaxes destapa a acusación de nepotismo e arremete contra a Academia, situando a Ferrín nun momento de especial dificultade na rúa Tabernas. Ao tempo AGE, a formación á que está vinculado Ferrín, militante histórico da FPG, mostrou o seu apoio institucional á Academia mais tampouco se meteu en momento algún nas acusacións que verquían sobre o seu presidente e persoa coa que compartiran a campaña política.
– Apuntan cara o grupo relacionado con Galaxia.
Unha persoa relacionada coa Academia, a respecto da dimisión, comentaba, “isto vén de Galaxia”. A explicación, que podería semellar fóra de lugar quería dar conta dun grupo que emerxe con forza e que se articula especialmente arredor de Vítor Freixanes -director da Editorial Galaxia- e de Ramón Villares -presidente do CCG-, ambos membros destacados do CCG e “tandem” persoal e cultural. Cara á eles diríxense algunhas das olladas que comezan a poñer nomes ao relevo de Ferrín, home, por outra parte, vinculado a Xerais.
– O recurso contra o Decreto do plurigüísmo salta a primeiro plano.
Se o caso do coche e os fillos estaba nos faladoiros desde hai meses, é Axeitos quen fai saltar a primeiro plano unha posíbel tensión e presións co fin de a Academia retirar o recurso presentado contra o Decreto de Plurilingüísmo da Xunta. Certo é que o paso adiante da Academia tivo especial relevancia á hora de manifestar a oposición tamén institucional ao texto legal do goberno de Feijóo e é por esa razón pola que, de onte para hoxe, boa parte do debate foi recaer precisamente sobre este tema. Entidades como a Mesa pola Normalización Lingüística esixiu tanto ao Consello da Cultura Galega como ao ILG que desmintan ao secretario da Academia e, de non facelo, pedirán tamén a demisión debido á gravidade das acusacións.”
Xosé Luís Méndez Ferrín dimite como presidente da Real Academia Galega
Desde
Praza, Sermos Galiza e El País:
“Xosé Luís Méndez Ferrín presentou a súa dimisión como presidente da Real Academia Galega. Este domingo remitiu unha carta na que informaba da súa renuncia, que se formalizará no próximo plenario da institución, que se convocará en breve. O escritor tamén renunciará á súa condición de membro numerario da RAG. No texto agradece a todos os membros da Executiva ao Secretario e “á maioría dos académicos e académicas polo seu labor ilusionado, a súa lealdade institucional e cooperación eficiente”. Porén, explica que algúns “académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia”. Méndez Ferrín pecha a súa carta de renuncia cun “Viva e floreza a Academia Galega! Viva Galicia ceibe!”.
Este luns o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, denunciou nunha entrevista en La Voz de Galicia un intento de “colonización” da institución por parte do ILG e do Consello da Cultura. E a Mesa pola Normalización Lingüística pediu “explicacións” por supostas “presións” para que a RAG “non presentase o recurso en defensa do galego no ensino”. Na entrevista Axeitos denunciaba “a colonización que unha institución, axudada por algunha outra afín, está facendo da Academia. Esa é a causa de certas críticas á actual directiva”.
Referíase ao ILG e ao Consello da Cultura Galega e engadía que “segundo di Política Lingüística, queren unha solución pactada e buscan que a Academia tamén se sume a ese pacto e retire o recurso, pero a Academia non está en venda”. A respecto destas declaracións o comunicado da Mesa esixía que ILG e Consello desen “explicacións urxentes” e que “se hai xente nesas institucións máis interesada en facerlle a pelota a Núñez Feijóo que en defender o galego, o que deberían facer é dimitir canto antes, porque están a prexudicar tanto a esas institucións como ao conxunto da cultura galega. A corrupción ética tamén é reprobábel”. (…)”
A Rosalía da patria e a xustiza social festéxase en Bonaval
Desde
Sermos Galiza:
“Os poemas de Rosalía vibraron na Igrexa de San Domingos de Bonaval, o lugar que cada ano a AELG visita para honrar á escritora, soterrada no Panteón de Galeg@s Ilustres. Desde Non che teño medo moucho até Quen non xime, os versos de Rosalía tornaron a súa propia homenaxe nun acto no que a xustiza social e o dereito a un futuro digno foron protagonistas. Aconteceu da man das escritoras Marilar Aleixandre, Marta Dacosta, Alicia Fernández, Pilar García Negro, Inma López Silva, Mercedes Queixas e Helena Villar Janeiro que leron poemas nun recital no que quedaba á vista o compromiso da escritora co país e as persoas desfavorecidas.
“Escribir é actuar contra o medo” comezou Marilar Aleixandre. “A obra de Rosalía trasluce o seu compromiso coa realidade” dixo o presidente da AELG no inicio do acto e agradeceulle que teña aberto as portas ao “campo inmenso da literatura e a cultura galega. Nunha Igrexa de San Domingos de Bonaval no que o frío aterecía ás máis de dúascentas persoas asistentes, Cesáreo Sánchez reivindicou portas abertas para honrar á escritora diante do “secuestro” dun espazo pechado ao que só se pode acceder, baixo autorización do arcebispado. “Triste situación da nosa poeta nacional que agardamos mudar de hoxe no futuro” lamentou Cesáreo Sánchez, quen fixo votos para que nalgún momento a porta principal estea aberta e non sexa preciso empregar, nun acto de homenaxe a unha das figuras máis relevantes da nosa historia, a porta lateral.
Rosalía nas colas do paro
Cesáreo Sánchez e Rexina Vega leron o manifesto da AELG para a conmemoración no que afondaban na forza reivindicativa da escritora. “Nestes intres de esgazamento, de destrución das conquistas sociais, de empobrecemento xeralizado, de incerteza, Rosalía axúdanos a ser conscientes, politicamente conscientes, da comunidade de excluídas, desa poboación crecente que avanza cara ao desposuimento e o silencio” recollíase no escrito.
“Nas tristes colas do paro, nos comedores sociais, nas despedidas dos milleiros de xentes novas que abandonan o país, nos desafiuzamentos, na desesperación das enganadas pola cobiza bancaria, na longa angustia das que agardan unha operación cirúrxica, nas mestras desbordadas, nas avoas que precariamente amparan fillos e netos resoa a voz de Rosalía, dando voz ás que non teñen voz, ás que fican á marxe” defende a AELG no documento que se leu íntegro en Bonaval mais tamén na morea de actos que na víspera se desenvolveron polo país enteiro. Tamén dela recollen a forza para “axudármonos a sobrevivir contra as cordas, cada vez con menos aire, cada vez máis feridos, pero vivos, extraordinariamente vivos e conscientes da necesidade de pelexar novos camiños para afirmármonos na nación, na lingua, na clase e no xénero como única posibilidade de existencia digna”.
Reivindicar tamén co Rosalía a normalidade para lingua a través dos seus versos: “soia nunha terra extraña / donde extraña me alomean, / donde todo canto miro / todo me dice: “¡Extranxeira!”. A ofrenda floral co himno galego puxeron fin ao acto antes de que o Panteón de Galeg@s Ilustres botara de novo o fecho.
Centos de gaitas nunha alborada conmemorativa
Desde primeira hora da mañá, o día amenceu con centos de gaitas a tocar a Alborada polo país enteiro nunha acción expansiva na que a Asociación de Gaiteiros Galegos participou de maneira activa e que, segundo destacan, chegou a todos os concellos galegos.
Na Praza de Vigo, ás dez da mañá, a Fundación Rosalía xunto coa Academia Galega e a Universidade de Vigo desenvolvían o primeiro dos actos institucionais coa presenza do Alcalde de Santiago, Ángel Currás. A alborada soou tamén diante do monumento a Rosalía, ben perto do lugar onde se localiza o espazo no que naceu. A media mañá, a Casa da Matanza, sede da Fundación, abriuse para acoller o acto central no que estiveron ademais presentes o Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez e o secretario xeral de Normalización Lingüística, Valentín García ademais dos responsábeis máximos das tres entidades organizadoras, Anxo Angueira, Xosé Luís Méndez Ferrín e o vicerrector de Vigo Henrique Costas ademais de representantes de distintas entidades e asociacións.”
A AELG reclama a apertura do Panteón de Galeg@s Ilustres no Día de Rosalía
Desde
Sermos Galiza:
““Rosalía non pode ser agasallada como a tumba de calquera persoa querida. Estáselle a conculcar o dereito ao pobo galego de honrar a súa grande escritora” sinala Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que hoxe conmemorará o nacemento da escritora no espazo onde foron trasladados os seus restos desde o panteón de Adina.
Cursar solicitudes e acadar permisos son precisos para que o Panteón de Galegos Ilustres, onde están enterrados, entre outros, Castelao, Domingo Fontán, Asorey ou Alfredo Brañas. De non cumprir os trámites, a porta está pechada, impedido así o acceso libre e público a un espazo no que están algunhas das máis relevantes figuras da historia e a cultura galegas. “Queremos aproveitar este día tan simbólico para reinvindicar un Panteón laico, de acceso púlbico de maneira que se poida ir alí honrar a calquera persoa en calquera momento. É tremendo que para poñerlle frores a Rosalía teñamos que pedir permiso” comenta Cesáreo Sánchez.
Resposta masiva e entusiasta
O acto de Bonaval será o último de tres días de conmemoracións promovidas pola AELG. O día 22 máis dun cento de centros de ensino participaron na rede de actos arredor do Día de Rosalía co desenvolvemento de singulares actividades co alumnado, algunhas delas recollidas na páxina web da Asociación. No sábado foron concellos e demais fundacións ás que organizaron por todo o territorio recitais e outros actos arredor da data. O acto de hoxe porá fin solemne a tres actos nos que, como nunca, a homenaxe a Rosalía se expandiu polo territorio enteiro, cunha participación singular e moito maior que nos anos anteriores, animada tamén ao se cumpriren neste ano o 150 aniversario da publicacion de Cantares Gallegos.
“A resposta foi masiva e de moito entusiasmo e iso dinos que Rosalía non só sigue viva entre maiores e rapaces senón que son receptivos a súa actualidade. Resulta conmovedor ver ao alumnado dos institutos recitando con afecto e respecto e dándolle unha fasquía actual” afirma Cesáreo Sánchez e convida a visitar a páxina oficial da AELG onde é fácil atopar imaxinativas e emocionantes festas de aniversario para Rosalía. “O día vai tomando a dimensión que o país demanda” engade.
Unha flor e un libro
Da AELG vén tamén o convite para que no Día de Rosalía se agasalle unha flor e un libro, iniciativa que, segundo sinalan, cada ano está a ter máis forza e conta co apoio de moitos libreiros que prepararon andeis e escaparates especiais para conmemorar o día.
O acto deste domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres consistirá na lectura de poemas de Cantares Gallegos, actuacións musicais mais unha ofrenda floral. O grupo de Gaitas Carapaus e a Coral da Asociación Cultural e Musical Solfa interpretarán algunhas pezas de temática rosaliana. Marilar Aleixandre, Marta Dacosta, Alicia Fernández, Pilar García Negro, Inma López Silva, Teresa Moure, Mercedes Queixas e Helena Villar Janeiro serán as encargadas da lectura do poema mentres Xina Vega e Cesáreo Sánchez lerán o manifesto da Asociación elaborado para o Día de Rosalía.”