Entrevista a Xavier Seoane na Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Xavier Seoane (XS): Non é fácil definir. E toda definición ten limitacións. Mais eu creo que a literatura, como a poesía, é unha actividade humana que, sustentada na palabra, é capaz de ensanchar a experiencia, o coñecemento, a vida, o horizonte do que somos… Sen as artes seriamos moitísimo máis pobres. A palabra é unha creación abraiante. Que xurdise esa realidade virtual tan portentosa, tan incrible… é un feito certamente único, singular. Unha alquimia marabillosa, malia a súa inevitable imperfección, ás súas limitacións substanciais.
O problema é que a literatura está moi marxinada, hoxe en día, no ensino, e, xa que logo, un teme de que o vaia estar, tamén, na vida. No ensino está marxinada pola ensinanza da lingua, do estritamente lingüístico. Incluso, en gran parte dos exames de selectividade de Lingua e Literatura poñen artigos de xornal, e apenas de narrativa, poesía, teatro, ensaio… É como se se lle fuxise á literatura. Como se producise medo, ou non fose “útil”. O cal non quere dicir que o xornalismo non poida ser, como acontece en moitas ocasións, literatura, e alta literatura. Pero en xeral o feito é expresivo do pouco que ocupan nos temarios dos nosos libros a lectura directa da novela, a poesía, o teatro, o ensaio, o aforismo… e así van as cousas nas conciencias da xente e na vida cultural. (…)
– P: Que visão tens sobre a literatura galega?
– XS: A literatura galega non a vexo mal. O que boto máis en falta é certo filtro, tanto nas editoriais como na crítica, nas recensións, nos balances, nas análises dos historiadores da literatura… Creo que non todo vale. E o mercado, quéirase ou non, pesa moito. E as tendencias e as modas. E vexo moito problema á hora de editar poesía, ensaio, teatro, diarios… sobre todo os máis novos, aínda que non só eles.
O que me preocupa é a progresiva marxinación, o silencio cada vez maior sobre a nosa literatura e cultura en xeral nos medios de comunicación. Hai un desexo de que a cultura do país non impregne ás súas xentes, de mantela nun gueto. E creo que cada vez ese feito é máis real e acada o seu obxectivo dunha maneira absoluta, marxinativa e destrutiva. A nosa cultura vai por un camiño acelerado de constituírse marxinal no seu propio territorio. Os creadores xa o somos hai tempo, porque os medios decidiron silenciarnos. A condición de “estranxeiros” na propia terra é compartida por moitísimos creadores galegos de moi diversas artes e ámbitos. É unha actitude consciente, constante e eficaz do “Poder” e dos seus medios de dominación de masas.
Unido a isto está a cuestión da lingua, á que vexo moi mal. Pois, de seguiren así as circunstancias, váisenos… E isto nun tempo disque “ilustrado” e cun presidente da Xunta que leva un nome seica de estirpe ilustrada: nada menos que “Feijoo”. Pois ben, neste momento, a lingua e a cultura do país están a recibir un trato de estranxeiros absolutos no seu propio territorio, tanto desde o poder político e económico como desde os medios. E a lingua e a cultura pertencen a todos. Son de todos. Constitúen un patrimonio cultural, vital, lúdico, pracenteiro, identificador e enriquecedor impresionante. Mais temo que, de seguirmos por este camiño desilustrado e destrutivo, de devalo histórico, lingüístico e cultural, acabemos por ser en non moito tempo un apéndice do nada. (…)”
Arquivos da etiqueta: Xavier Seoane
Betanzos: presentación de Todos somos Ulises, de Xavier Seoane
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do venres 5
O venres 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 19:00 h. Xavier Seoane asina exemplares das súas obras na caseta da Libraría Xiada.
– 19:00 h. Estíbaliz Espinosa asina exemplares de Caer de cu polo universo, publicado por Apiario, na caseta da Berbiriana.
– 20:00 h. Concha Blanco e María Canosa asinan Será correcto?, publicado por Hércules de Edicións, na caseta da Libraría Couceiro.
– 20:00 h. Carlos López asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.
Comeza a Feira do Libro da Coruña
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“(…) A segunda das presentacións foi a de Todos somos Ulises, o libro de ensaio sobre a educación de Xavier Seoane, que constituíu unha homenaxe á figura de Agustín Fernández Paz como mestre e pedagogo. O presentador, o escritor Xabier DoCampo comezou as súa intervención sinalando que “esta é a obra dun home que ama con paixón todo o que fai, a súa profesión de profesor, a súa vocación de poeta, de aforista ou de narrador, sendo a educación e a lectura dúas das súas paixóns”. DoCampo definiu Todos somos Ulises como “libro denso, profundo, pensado non só para profesores e pais, tamén para toda a xente que pensa que as cousas na educación poden facerse mellor”. Xustificou despois o título e o subtítulo (“se non é democrática nin humanista é instrución, non hai educación”), xa que “para Seoane a educación é un camiño, o de regreso de Penélope e Argo, este é o libro dun filósofo sobre os camiños que conducen á sabedoría e o coñecemento”. (…)
Xavier Seoane recoñeceu que “este non é libro coxuntural, razón pola que non utilicei cifras sobre o estado da educación, que sempre son penosas”, “quixen facer un libro de educación máis sobre os fins ca sobre os medios, xa que estou convencido que na educación a tecnoloxía somos nós, os fins somos nós”. “Estase traballando erradamente xa que o que pretenden as políticas ultraliberais é preparar profesionais, unha concepción economicista, unha forma restrictiva desalmada, carente de valoree humanos, que pretende formar aos alumnos só nas destrezas bñasicas, mais onde non hai interes para espesar o coñecemento”. Lembrou Seoane que “xa Habermas dicía que o círculo da vida é moito máis grande que o círculo de ferro da empresa”. Seoane insistiu na súa defensa da excelencia para todos, “hai que darlles elevados niveis de ensino a toda a xente, no marco dunha formación xeralista”. Rematou as sáus palabras reivindicando o papel do profesorado, “acutalmente laminado, como todas as persoas con pensamento”: “Vexo aos profesores sós, non se lles escoita, a pesar de que son o axente fundamental da educación”.
A terceira das presentacións foi a d´As horas roubadas, a novela de María Solar, O presentador, o escritor e xornalista Luís Pousa, destacou da obra que “estamos diante dunha novela de formato clásico, moi ben construída, unha historia dun amor perdurable, maduro, de vellez que se desenvolve a ambos lados de Galicia, retratando moi ben un tempo, o do ano 1979, onde se respiraba a atmosfera dun país algo cutre e miserable, afastado do modelo típico da santa transición edulcorada dos Alcántara”. Luís Pousa salientou despois que “non cría no salto entre os xéneros nin nas etiquetas entre xéneros, como demostraba os libros de Casares ou Agustín Fernández Paz que navegaban entre as etiquetas da literatura infantil e xuvenil e da chamada adulta como acontece agora con María Solar, todo é literatura”. (…)”
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do luns 1
O luns 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 12:00 h. Pregón a cargo de Pinto e Chinto.
– 19:00 h. Presentación de Galería de saldos, de Diego Giráldez, publicado por Xerais. Con Kiko Novoa e Manuel Bragado.
– 19:45 h. Presentación de Todos somos Ulises. Por unha educación democrática e humanista, de Xavier Seoane, publicado por Xerais. Con Xabier P. DoCampo e Manuel Bragado.
– 20:00 h. Luz Pozo Garza asina exemplares da súa obra na caseta de Alvarellos.
– 20:00 h. Alberte Momán asina exemplares de Bosquexos para unha distopía, publicado por Redelibros, na caseta da Libraría Cartabón.
– 20:00 h. Manrique Fernández asina exemplares de Tres feridas, na caseta de Arenas.
– 20:30 h. Presentación de As horas roubadas, de María Solar, publicado por Xerais. Con Luís Pousa e Manuel Bragado.
– 21:15 h. Presentación de O volframio en Varilongo, de Carmen Blanco Ramos, publicado por Xerais. Con Xesús Alonso Montero e Manuel Bragado.
A Coruña: O fillo da furia. 20 voces por Lois
O domingo 28 de febreiro, ás 12:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, terá lugar O fillo da furia. 20 voces por Lois, homenaxe a Lois Pereiro, froito dunha colaboración entre AELG e o Concello da Coruña.
Coa participación de Alfredo Ferreiro, Álvaro Antelo, Ana Romaní, Antía Otero, Dores Tembrás, Estibaliz Espinosa, Iolanda Zúñiga, Lino Braxe, Manuel Rivas, Mario Regueira, Miguel Mato, O Leo i Arremecághona, Ramiro Torres, Rosalía Fernández Rial, Silvia Penas, Xavier Seoane, Xosé Henrique Rivadulla Corcón, Xulio Valcárcel e Yolanda Castaño.
Coa colaboración das actrices Manuela Varela e Sabela Hermida.
Produción: Xosé Manuel Pereiro, Mercedes Queixas e Lino Braxe.
Entrevista a Xavier Seoane sobre A dama da noite
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Rosalía sempre nos vai esixir unha tensión intuitiva, emocional, intelectual moi forte”. Xavier Seoane novela a vida de Rosalía de Castro na obra A dama da noite, que publica edicións Laiovento. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
A Coruña: mesa debate con Antón Cortizas e Ledicia Costas, con Xavier Seoane
O xoves 10 de decembro, ás 18:30 horas, no Salón de actos da UNED de Coruña (Rúa Pepín Rivero, 3) terá lugar a seguinte sesión da actividade A creación literaria e os seus autores. Encontros con escritores. Ese día contaremos coa presenza como autores invitados dos escritores Antón Cortizas e Ledicia Costas. Organiza estes encontros o Centro de Formación e Recursos da Coruña, baixo a coordinación de Javier Pintor. Intervén como interlocutor na mesa de debate, Xavier Seoane.
Galería de fotos do obradoiro a cargo de Xurxo Souto. Segundo ciclo Historias da Cidade-Barco. A Coruña e o mar
Deixamos aquí parte das fotos do Obradoiro a cargo de Xurxo Souto. Segundo ciclo Historias da Cidade-Barco. A Coruña e o mar, que tivo lugar o pasado mes de outubro. A Galería de Fotos completa pódese ver aquí. As fotos que se reproducen neste artigo son de Norberto Varela Calvo.
A Coruña: Obradoiro a cargo de Xurxo Souto. Segundo ciclo Historias da Cidade-Barco. A Coruña e o mar, acto da Escola de Escritoraes da AELG
A Escola de Escritoræs da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza o obradoiro, a cargo de Xurxo Souto, do Segundo ciclo Historias da Cidade-Barco. A Coruña e o mar, do 19 de outubro ao 29 de outubro de 2015. A actividade conta coa colaboración da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e o patrocinio da Consellaría de Cultura e a Deputación Provincial da Coruña.
Inscrición: até o día 18 de outubro a través dos seguintes medios:
– Teléfono: 981 133 233 (agás festivos, de luns a venres, de 9:00 a 14:30).
– Correo electrónico: oficina@aelg.org
– Whatsapp: 696 581 971
20 prazas, gratuítas e para maiores de 16 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude. Sigue lendo