Centos de persoas festexan a inauguración da Casa Museo Manuel María, tributo ao grande poeta nacional

Desde Sermos Galiza:
Día de emoción, festa e encontro na Casa de Hortas, espazo natal e literario de Manuel María que abría as súas portas ao público para ser centro da memoria do poeta e tamén da cultura da Terra Chá e do país enteiro.
O auditorio, construído na que foi palleira da casa, quedou pequeno para acoller a tantas persoas que se viñeron de todo o noso territorio para homenaxear ao escritor e amigo. A través das persoas que se achegaron nesta xornada a Outeiro de Rei poderíase construír o xeneroso perfil de Manuel María, escritor, activista cultural, político comprometido e unha das persoas máis queridas e coñecidas da cultura contemporánea. Poderían dar boa conta diso os centos de persoas que, nesta mañá, lembraban episodios compartidos con Manuel María, á vista da presenza que evocaban espazos e obxectos.
A Saleta Goi costáballe conter a emoción nun día tanto tempo agardado. Amigos e amigas de Manuel María atopábanse de novo coa compañeira de vida, coa muller que vía hoxe un dos seus soños feitos realidade. Lembrou aquel poema dos Sonetos á Casa de Hortas no que Manuel se preguntaba polo futuro da construción e a eira que tanto quería e agora si ela podía darlle resposta. Con moitas persoas arredor, Saleta Goi compartía a lembranza e a alegría que o autor tería ao ver o seu espazo natal convertido en casa da cultura, aberta, amábel, acolledora, como fora sempre a súa.
Lembrou a nai do poeta, que o pariu na cama agora exposta, os seus irmáns, as persoas que axudaron a que o proxecto cobrase vida, as que traballaron na súa rehabilitación e, en especial, lembrou a Manuel. “Se vira isto emocionaríase tanto! Teño que darlle grazas pola súa obra, un traballo intenso, un amor inmenso a Galiza, e grazas pola vida que vivimos xuntos”, dixo Saleta Goi.
No acto de inauguración, con representantes das institucións que apoiaron o proxecto, Teresa, unha nena de nove anos, subiu a recoller unha rosa, a flor de Manuel María. Chamou por ela Alberte Ansede, secretario da Fundación, despois de contar a súa vinculación coa casa. Teresa pasara hai dous anos diante dun posto no que se presentaba o proxecto da Casa Museo. Daquela tiña sete anos e catorce euros. Viu a imaxe de Manuel María, o poeta do que sabía de corrido os seus versos, e falou coa nai para dar a metade do seu patrimonio para que a Casa de Hortas fose para arriba. Agora, cando finalmente o proxecto colectivo no que participaron tantas persoas se fai realidade, Alberte Ansede quixo que Teresa simbolizase a todos aqueles que nestes anos, dunha maneira ou outra, contribuíron para que a casa na que o poeta naceu en Outeiro de Rei se abra coa súa memoria e coa súa mesma vontade de crear cultura, cos cimentos na terra que tanto quería.
“A apertura dun centro é sempre motivo de alegría, e máis nuns tempos máis afeitos a peches que a inauguracións”, dixo Alberte Ansede para quen a Casa Museo Manuel María reivindica “o dereito á cultura, a ampliar os espazos para a liberdade, para o noso idioma”.
Fiel ao propio Manuel María, a casa, a propia inauguración e tamén o proxecto de futuro. “Imos tratar de seguir o seu exemplo nesta casa, un exemplo que non se reduce á expresión literaria, senón que, seguindo a tradición dos grandes da cultura galega, teña unha intervención decisiva no ámbito social, cultural e político”. A casa ergueuse de novo mais o futuro depende, da “sociedade que recoñece a Manuel María como un dos seus que ten que ser quen defenda o proxecto”.
A memoria de Manuel María convocou na súa casa, como era de agardar, escritores e escritoras que gozaron da súa amizade. Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Francisco Rodríguez, Marica Campo, Paco Martín, Xosé Lois García, Pilar García Negro, Bieito Iglesias, Cesáreo Sánchez Iglesias, Mercedes Queixas, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Manuel Ferreiro, María Reimóndez, Anxo Angueira, Carlos Mella, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Marta Dacosta e tantas outros participaron nun acto que a Fundación preparou á maneira de Manuel María, no encontro de cultura e convívio na súa Terra Chá literaria. Pola tarde, sumáronse á listaxe Xosé Luís Méndez Ferrín, Pilar Pallarés, Fernán Vello, Bernardino Graña e Luz Pozo.
A biografía e a obra de Manuel María percórrese polas estancias da súa casa, mais tamén estivo presente no acto inaugural. Moitos representantes do nacionalismo político, compañeiros e compañeiras que militaron con Manuel María e representantes do asociacionismo cultural estiveron tamén en Outeiro na xornada histórica na que un novo centro cultural se abre, apegado ao país e a súa cultura, como quedou á vista na vontade de Saleta Goi e Alberte Ansede. O portavoz do BNG, Xavier Vence, canda outros cargos da organización como Francisco Jorquera, Bieito Lobeira, Francisco García, Carme Adán, Antón Bao ou Ana Pontón, estiveron no acto no que tamén o mundo do ensino estivo presente, en profesores e profesoras aos que Manuel María visitou nas súas aulas ou no presidente da AS-PG, Xoán Costa e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao. Uxía e Tereixa Novo, na espera de moitos músicos e músicas que chegarán a Outeiro, lembraban os moitos poemas de Manuel que se converteron en cancións. Elba Rei, da Fundación Uxío Novoneyra e Anxo Angueira, da Fundación Rosalía, asistiron ao acto de apertura ao público da casa do poeta.
Centro para investigadores na obra de Manuel María, cun conxunto documental de toda a súa traxectoria vital e literaria, unha biblioteca de máis de doce mil volumes, obxectos que o escritor viviu e un futuro sen límite para o encontro coa súa obra, a súa biografía e a nosa cultura. Ábrese tamén un arquivo virtual que se poderá visitar e que acollerá datos e documentación sen límite, toda a que se recolla e que se convida a aportar. Fotos, dedicatorias, actos… para a construción dun centro documental do que a casa será sede.
Saleta Goi foi a guía da primeira visita e os recordos agromaron en cada obxecto, en moitos libros, en fotografías, en coleccións que se reparten por unha casa na que a memoria de Manuel María é unha presenza continuada. Na mesa de noite do cuarto, ao pé da cama natal, Follas Novas e unha imaxe de Rosalía, no despacho, Sempre en Galiza e Castelao. Todo, como Manuel María o tería colocado.
Durante toda a tarde e até que a lus do sol se comezaba xa a pagar por volta case das nove da noite, a cultura sentiuse nunha horta da Casa Museo Manuel María na que centos de persoas cantaron e es emocionaron coa memoria compartida do poeta. Sobre o escenario cando se trataba de música e por riba dun tellado cando ía presentar aos poetas que recitaban no balcón, Xurxo Souto conduciu un acto que durou máis de tres horas nas que Manuel María foi o protagonista.
Foino nas cancións que interpretaron Miro Casabella, Fuxan os Ventos, Berrogüetto, María Manuela ou Uxía nunha xornada única que xuntou músicos de varias xeracións que transmitiron a forza das cancións de Manuel. Foino na voz de centos de persoas que corearon moitos dos versos, algúns tan coñecidos como O meu país ou O carro, que pechou o acto cun escenario repleto de músicos e só unha voz colectiva. E foino tamén ao reunir aos amigos poetas que compartiron tantos momentos con Manuel María como Xosé Luís Méndez Ferrín, Marica Campo, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello ou Bernardino Graña que recitaron desde o balcón da casa, desde onde se outeaba unha horta chea de xente e a paisaxe da Terra Chá que Manuel María tanto quería.”

Pódese ver aquí a Galería de Fotos do acto.

Pobra de Trives: presentación das Actas do IV Congreso Manuel Luís Acuña

O xoves 20 de xuño, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Pobra de Trives, terá lugar a presentación das Actas do IV Congreso Manuel Luís Acuña. No acto participan Francisco José Fernández Blanco, Xosé Manuel Cid Fernández, Xoán Carlos Domínguez Alberte e Francisco García Sánchez. Posteriormente, haberá unha representación teatral d’A natureza no reino da escuridade (ambientada na época en que Acuña era estudante en Trives, na primeira década do século XX), a cargo do alumnado do CEIP da Pobra de Trives (dirixida por María Lamelas).

Celanova: acto de presentación da edición facsimilar de LF

O xoves 11 de abril, ás 19:00 horas, na Biblioteca do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, preséntase a edición facsimilar de LF, documento de 1939, pertencente ao arquivo familiar de Celso Emilio, do que realizou unha edición limitada a Fundación Celso Emilio Ferreiro en 2012, e que contén as sinaturas de 544 presos do convento de Celanova. O acto, organizado pola Fundación, en colaboración coa Biblioteca do IES e a Coordinadora comarcal ENDL Terra de Celanova – Baixa Limia, ten o seguinte programa:
Olladas dos homes que ao lonxe espreitanXoán Carlos Domínguez Alberte (profesor e escritor).
A edición de LF. – Luís Ferreiro Loredo (membro da Fundación Celso Emilio Ferreiro).
Ideas coas que non puideron acabar – Xosé Manuel Cid Fernández (profesor, especialista no maxisterio da Segunda República).
Poemas musicados de Celso Emilio Ferreiro – voz, Teresa Elvira López Martínez (alumna da ESO do IES Aquis Querquernis – Bande) / piano, Irma Fernández (profesora de música do IES de Celanova).
Recitado de textos de Celso Emilio Ferreiro – alumnado do IES de Celanova.
Presentación do logotipo do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, elaborado polo poeta e pintor celanovés Baldo Ramos.
Letras da Baixa Limia – presentación do audiovisual elaborado por alumnado de Bacharelato do IES Aquis Querquernis (Bande) sobre o patrimonio literario da Baixa Limia.

A Pobra de Trives: V Congreso Manuel Luís Acuña. Nos tempos en que Acuña era bacharel, os 1 e 2 de marzo

O venres 1 e sábado 2 de marzo celébrase na Casa da Cultura da Pobra de Trives o V Congreso Manuel Luís Acuña, baixo o lema Nos tempos en que Acuña era bacharel, organizado polo Concello da Pobra de Trives, a Universidade de Vigo, a Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense e Nova Escola Galega, baixo a coordinación de Xoán Carlos Domínguez Alberte.
A inscrición pode realizarse aquí.

PROGRAMA

Venres, 1 de marzo
16:45-17:00 h. Reparto de material. Presentación da exposición de libros.
17:00-17:15 h. Inauguración oficial.
17:15 h.
* Narciso de Gabriel: Historia dos diferentes modelos educativos do ensino en Galiza.
* Xoán Carlos Domínguez Alberte: Terra de Trives, 37 – Valentín Paz‑Andrade, 39: coordenadas do nacemento dun poeta.
* Francisco García Sánchez: Anos dez en Trives. Música d’Os Trintas.
* Rosa Cid Galante: Breve revisión á situación educativa do primeiro terzo de século XX no partido xudicial da Pobra de Trives e as primeiras mulleres que acceden aos estudos superiores.
* José Luis Fernández Díaz: A música e o ensino da música en tempos de Manuel Luís Acuña.
* José Fernández Fernández: Solpor escolar na terra do ilustre mestre Manuel Luís Acuña: situación escolar actual na Pobra de Trives, introducindo elementos evolutivos de reflexión dende o pasado; relatorio da experiencia da escola de Trives.
* Gregorio Ferreiro Fente: A obra poética en galego de Valentín Paz-Andrade.
* Mercedes Queixas Zas: O feito lingüístico diferencial. Apuntamentos ao redor da galeguización do ensino galego na Revista Nós.
* José Manuel Vázquez López: “La Gota de leche” en Lugo e o papel da muller.
* Marília Julieta Rodrigues Gomes Ruivo: O professorado em tempos de Salazar.
* Carlos Callón: Continuidade e innovación na concepción lingüística de Valentín Paz-Andrade.
* Delfín Caseiro Nogueiras: O papel dos inspectores na conformación da norma culta do galego.
20:30 h. Concerto de música blues e rock do grupo Triblues (Praza do Reloxo).
21:30 h. Representación d’A natureza no reino da escuridade (inspirada nos tempos en que Manuel Luís Acuña era estudante en Trives), de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Grupo de teatro A Illa, do IES da Pobra de Trives.

Sábado, 2 de marzo
10:00 h. Xosé Manuel Cid Fernández: Os mortos do 36. 75 cabo de ano do asasinato de Antonio Caneda, mestre de San Xoán de Río.
10:30 h. Ramón Nicolás Rodríguez: Manuel Luís Acuña. Poeta de culto, figura popular.
11:00 h. Ana Cebreiros Iglesias: A incorporación da muller ao ensino secundario e superior.
11:30 h. Debate.
12:30 h. A Voz da experiencia: ex-alumnos de Acuña na Academia Bóveda e ex-alumnos de Bacharelato de Trives (anos do franquismo).
16:00 h. Documental As Silenciadas (de Pablo Ces), baseado na experiencia das mulleres na guerrilla antifranquista.
17:15-18:00 h. Aurora Marco López: As mulleres na guerrilla antifranquista.
18:15-19:15 h. Xesús Alonso Montero: Lingua e Literatura galegas entre dous séculos.
20:00 h. Clausura e concerto de voz-percusión a cargo de Xiana Lastra e Juan Collazo.

Ourense: presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás

O luns 19 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón Nobre do Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), preséntase o libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado en Xerais. No acto intervirán, xunto ao autor, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Luís Ferreiro e Manuel Bragado. Como peche, actuará María do Ceo, acompañada de Pepe Salgado.

As voces de Celanova e Baixa Limia

Artigo de Mario Regueira en Sermos Galiza:
“Como sabemos a literatura galega é inseparábel do seu contexto socio-político, ao que van ligadas as súas loitas pola visibilidade e unha boa parte da noción de conxunto que temos os seus escritores. Nese sentido, e na comparación odiosa con outras literaturas que tiveron mellor sorte histórica, queda sempre un paso por detrás o tratamento que lle damos á literatura local, a que está fixada a un territorio aínda máis reducido que o que loitamos a diario por visibilizar. Estas literaturas rexionais, tomadas ás veces cun certo escepticismo por parte dos axentes que se moven no campo nacional, poderían corresponder a un dos eidos máis marxinalizados da nosa cultura. E porén, a pesar diso, as realidades locais móvense profusamente e maniféstanse en iniciativas como o Día das letras chairegas ou en traballos editoriais de interese local específico como os que abundan en Ferrolterra. Na súa maioría corresponden a movementos artellados ao redor de asociacións, librarías ou pequenas editoras, e que aglutinan ademais a unha miríade de autores diversos. A última achega deste fenómeno é a antoloxía Vieiros de palabra. Terra de Celanova-Baixa Limia en letras de autor, coordinado por Xoán Carlos Domínguez Alberte e que serve para conmemorar o cuarto de século da libraría Conde de Celanova cunha colección de voces vivas, tanto de autores consagrados, como de persoas relevantes do punto de vista cultural que achegan a súa particular visión destas terras e da súa ligazón con elas. Sen un tema nin un xénero específico, as distintas achegas van da creación literaria, aos apuntamentos de historia ou lingüística, pequenas anécdotas ou lembranzas asociadas a aquela terra. (…)”

Celanova: No centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, o 20 e 21 de xuño

O mércores 20 (de 10:45 a 12:25 h.) e o xoves 21 de xuño (de 19:00 h. en diante), na Biblioteca do IES Celanova, baixo a organización desta Biblioteca e da Coordinadora comarcal de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística Terra de Celanova e Baixa Limia, e a colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Fundación Celso Emilio Ferreiro, celebraranse diversas actividades baixo o nome de No centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro.

PROGRAMA

Exposicións:
Celso Emilio Ferreiro. Letras Galegas 1989 (IES de Celanova). Elaborada no I.B. Celso Emilio Ferreiro no curso escolar 1988-1989.
Descubrindo a Xocas (CEIP Xaquín Lourenzo “Xocas” – Bande). Libro feito polo alumnado de Educación Infantil.
O foxo do lobo das Covateiras (CEIP Xaquín Lourenzo “Xocas” – Bande). Maqueta elaborada a partir do libro de Davide Pérez Os foxos do lobo. A caza do lobo na cultura popular.
– Moais do val do Limia (IES Aquis Querquernis – Bande)
Os ollos das palabras. Exposición de obra gráfica de Baldo Ramos.

Presentacións:
Mostra bibliográfica Escritores da comarca Terra de Celanova – Baixa Limia (IES de Celanova). Inauguración da mostra permanente de fondos dos escritores da comarca.
Vieiros de palabra. Terra de Celanova – Baixa Limia en letras de autor. Presentación do libro conformado por textos orixinais de corenta e cinco autores vivos da comarca, editado pola Librería Conde, de Celanova.

Audiovisuais:
A miña palabra preferida é… (CEIP Curros Enríquez – Celanova). Vocábulos escollidos polo alumnado, presentes na obra de escritores de Celanova.
Celanova ten un vento (CPR Sagrado Corazón – Celanova). Vídeo-poema cantado a partir do texto de Celso Emilio Ferreiro.
A máis fermosa roseira (CEIP Rogelio García Yáñez – Ramirás). Versión de poemas de Lois Antón Pérez e de Xoán Carlos Domínguez Alberte.
Loa ao porco bravo (CEIP San Marcos – Cartelle). Versión dun poema de Henrique Feixó.
Letras do val do Limia (IES Aquis Querquernis – Bande).
– Audiovisual sobre os escritores da bisbarra da Baixa Limia.
Deus che dea ira, que paciencia tes de abondo (IES Lagoa de Antela – Xinzo de Limia). Audiovisual sobre Celso Emilio Ferreiro, elaborado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL).
Ás veces fáltannos palabras (IES de Tomiño). Versión plurilingüe dun poema de Baldo Ramos, elaborada polo EDLG.

Recitais:
– Recital musicado dos poemas Nai, Soldado e Moraima, de Celso Emilio Ferreiro (IES de Celanova).
– Interpretación musical dos poemas Bande e María Soliña, de Celso Emilio Ferreiro (IES Aquis Querquernis – Bande).

Intervencións:
Celso Emilio Ferreiro fai cen anos. Palabras de Luís Ferreiro, presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Escritores da Terra. Terra de escritores. Lectura, a cargo do presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, dun manifesto elaborado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
A palabra dos nosos escritores. Lectura de textos de autores da comarca de Terra de Celanova – Baixa Limia.

Propostas:
– Proposta do IES de Celanova para pasar a se denominar IES Celso Emilio Ferreiro.

Vigo: presentación de Materia infinita, de Xoán Carlos Domínguez Alberte

O xoves 24 de novembro, ás 20:30 horas, na Librería Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o poemario Materia infinita, de Xoán Carlos Domínguez Alberte, publicado en Follas Novas Edicións. No acto, en que intervirán, xunto ao autor, Ramón Nicolás Rodríguez e Anxo Pastor, ilustrador do libro, terá lugar un pequeno recital de poemas do libro.