As contas da cultura 2019: Lingua e libro

Desde Cultura Galega:
“O proxecto de Orzamentos para 2019 prevé pequenos incrementos nas áreas de lingua, libro, bibliotecas e arquivos. Con estes fondos, e sen que se dean recortes destacados, semella que a Consellaría de Cultura pretende cubrir novas áreas. As actividades derivadas do Plan de Dinamización de Lingua para a Mocidade, un novo programa de Bibliotecas Itinerantes e un maior apoio aos centros de lectura e aos arquivos municipais preséntanse como algunhas das principais novidades nestes apartados de cara ao vindeiro ano. (…)
O programa de Bibliotecas, Arquivos, Museos e Equipamentos Culturais contará en 2019 con 19.063.465 euros, 226.000 máis do que no proxecto de contas en execución. Este incremento global beneficia o apartado de transferencias de capital, que suma 175.000 euros e acada 1.709.000. Pola contra, diminúen os fondos dedicados a investimentos, que perden 263.000 euros e fican con 3.260.000.
Apoio ao libro
En xeral, o apoio ao libro galego nas contas para 2019 mellora de xeito leve. Por unha banda, increméntanse en 70.000 euros as axudas para Lotes fundacionais e adquisición de fondos bibliográficos para as bibliotecas, que acadan 495.000 euros, o que compensa e duplica a perda que tiveron hai dous exercicio. Pola contra, a liña de “Edición do libro en galego” perde 7.000 euros e fica en 171.000. Cabe lembrar que este apartado perdeu 200.000 euros nas contas para 2017, e que en 2018 só recuperou 30.000. Tamén perde 10.000 euros a liña de apoio á “promoción, produción e edición do libro en galego”, que fica con 200.000 euros, a mesma cantidade que se lles prevé transferir aos concellos para adquisición de novidades editoriais. Esta partida, que se mantén estable a respecto das últimas contas, continúa a ser a metade que na súa posta en marcha, hai dous exercicios. Desde Política Lingüística a liña de apoios a proxectos editoriais en galego mantén os seus 170.000 euros, co que en total a suma destas partidas chega a 1.236.000 euros, 53.000 máis do que no pasado exercicio. (…)”

III Xornada da Sección de Literatura Dramática. A palabra teatral nas aulas

A III Xornada da Sección de Literatura Dramática. A palabra teatral nas aulas é unha actividade organizada pola AELG coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña.

Terá lugar o 24 de novembro de 2018 no Espazo Normal (Paseo de Ronda, 47 –como chegar-), A Coruña.

Matrícula para o certificado homologado:
O prazo de matriculación está aberto desde o 29 de outubro até o 21 de novembro (o formulario de matrícula estará activo só entre esas datas).
Destinatarios-as do certificado homologado: Profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes.
Prazas para persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación (certificado homologado):
Prazas reservadas: 25%       Número máximo de prazas: 25%

Matrícula para o certificado emitido pola AELG:
Desde 17/10/2018 até 22/11/2018 (oficina@aelg.org)
Destinatarios-as do certificado emitido pola AELG: Outras persoas que queiran un certificado de asistencia.

PROGRAMA

O programa completo previsto é este:

Mañá

09:45 Apertura da III Xornada.

10:00 Mesa redonda A literatura dramática galega no último cuarto do século XX.

11:25 Mesa redonda O teatro nas aulas.

12:45 Mesa redonda A literatura dramática galega nas primeiras décadas do século XXI.

Tarde

16:00 Festival Pezas dun teatro do porvir. Procesos abertos de escrita dramática.
Convocatoria aberta a 4 dramaturgas/os que estean a escribir algunha peza nova ou que teñan unha peza recente e queiran abrila ao público amosando un fragmento ou mostra desta.
Terá lugar unha exposición ou mostra dun fragmento da peza (máximo de 15 minutos), e haberá un tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto (máximo 15 minutos).
As presentacións faranse no formato que cada dramaturga/o considere máis axeitado á peza que vai amosar a través dun fragmento desta.
No breve debate posterior ás presentacións buscaríase coñecer a reacción do público, nun diálogo que, quizais, poida servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o, o acabado desas pezas en proceso.

18:30 Clase maxistral a cargo de José Maria Vieira Mendes, recoñecido dramaturgo portugués. Presenta: Cilha Lourenço Módia.
Aberto a todas as persoas interesadas. O autor falará sobre as relacións entre literatura e o teatro, centrándose nos textos e contextos no teatro portugués actual, e posteriormente manterá un coloquio co público asistente.

Coa coordinación de Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, e Cilha Lourenço Módia, da Universidade da Coruña.

A Coruña: Libros a monte III