Paseos Literarios por Compostela. Outono 2020

Os Paseos Literarios por Compostela. Outono 2020 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela.

No marco da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2020, ten lugar unha nova edición deste Ciclo de percorridos literarios por Compostela, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.
En todos eles é necesaria a inscrición previa, no enderezo electrónico selic@santiagodecompostela.gal. As prazas son limitadas.
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

O programa de Paseos Literarios é o seguinte:

Compoescenas. Paseo dramático polos escenarios teatrais de Compostela. Roi Vidal Ponte.
Sábado 10 de outubro, 12:00
Punto de partida: Praza da Quintana.

A Compostela Conspiradora. Manuel Gago.
Venres, sexta feira, 16 de outubro, 18:00
Punto de partida: Igrexa de San Fiz de Solovio.

A Compostela xeoliteraria. María López Sández.
Sábado 17 de outubro, 12:00
Punto de partida: Xardíns de Fonseca.

Compostela vermella. Arantza Portabales.
Domingo 18 de outubro, 12:00
Punto de partida: Comisaría de Policía de Santiago de Compostela.

Ferrol, 1916: Homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, o 14 de outubro

O evento Ferrol, 1916: homenaxe a Ricardo Carballo Calero terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol o día 14 de outubro de 2020 ás 19:30 horas. O acto inclúe a presentación da edición facsímile da Farsa das zocas e o concerto Ferrol, 1916, con música de Miguel Brotóns para o poema de Ricardo Carvalho Calero, Alejo Amoedo ao piano e Patricia Rodríguez Rico na voz. Esta será a súa estrea absoluta con público. O acto está organizado polo Consello da Cultura Galega e conta coa colaboración do Concello de Ferrol.
A entrada ao evento é gratuíta e os convites para asistir están dispoñibles no despacho de billetes do propio teatro Jofre.
Con motivo do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero en 2020, o Consello da Cultura Galega presenta dúas obras realizadas pola institución en homenaxe ao autor ferrolán. A Farsa das zocas é unha pequena peza teatral de Ricardo Carvalho Calero que se presenta en edición facsimilar cun estudo introdutorio realizado polo profesor da Universidade da Coruña, Carlos Biscainho, acompañado de material gráfico e documental sobre a historia da obra. Ademais, no acto proxectarase o vídeo dunha montaxe da peza teatral, pensada para visionado on line realizada pola compañía “A Quinta do Cuadrante” a partir dunha dramaturxia de Tito Asorey. Pola súa banda, Ferrol, 1916 é un poema de Ricardo Carvalho Calero que serviu de base para a composición homónima realizada por Miguel Brotóns. O Teatro Jofre acollerá en estrea absoluta a peza, que será interpretada polo pianista Alejo Amoedo e pola soprano ferrolá Patricia Rodríguez Rico.
Este acto servirá de preludio ao tradicional Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o día 30 de outubro tamén no Teatro Jofre de Ferrol e do que recibirá cumprida información. Ese día, o Taller Atlántico Contemporáneo, que neste 2020 fai dúas décadas de vida, interpretará un programa que incluirá, ademais doutros temas, unha composición do músico ferrolán Xan Viaño e outra de Nani García, esta última obra por encarga do Consello da Cultura Galega sobre versos de Carvalho Calero.
Aquí pode acceder a máis información sobre os horarios de recollida de convites no Teatro Jofre de Ferrol (Pza. de Galicia s/n. 15401-Ferrol).
Máis información sobre medidas de protección contra a covid dos espazos culturais de Ferrol.”

Francisco Sampedro: “O medo, e non a violencia, é a gran ferramenta empregada na actualidade para oprimir as clases traballadoras”

Entrevista a Francisco Sampedro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cre que realmente vai haber un mundo poscovid? Que papel ten a filosofía na construción desa “nova realidade”?
– Francisco Sampedro (FS): Eu estou completamente convencido de que haberá cambios de gran calado. A filosofía vai sempre atrasada a respecto da realidade, mais iso non é un defecto, é un deber. Hai que lembrar esa frase célebre de Hegel de “a filosofía é como a curuxa de Minerva, que levanta o voo ao solpor”, ou sexa, cando o día xa pasou, cando –di literalmente en alemán– “todas as vacas son negras”. Zizek afirma a respecto da pandemia unha frase moi afortunada: “agora non precisamos filosofía, senón ciencia”. Si, correcto, mais esta pandemia tamén precisa de filosofía, porque apela a tres conceptos básicos que son obxecto da filosofía: a terra, a nosa relación co planeta; a sociedade, os vínculos sociais; e a morte, o final da existencia. Son tres temas da filosofía desde que se inaugurou.
A filosofía, por outra banda, séntese interpelada pola Covid en tanto que a obriga a situarse na realidade, a pór os pés na terra. Era necesario acabar co exceso de especulación na filosofía. Nos últimos tempos, esa especulación dominaba unha boa parte do panorama e esta pandemia obríganos a enfrontarnos cos problemas reais e apremantes cos que nos enfrontamos. Por unha banda, hai que apartar a filosofía do poema, unha herdanza que vén de Heidegger e da que se estaba abusando de forma extrema: moitos filósofos estaban cultivando o que non é senón un xénero literario. A Covid, agora, mostra a desconexión coa realidade deses discursos e impúlsanos a ocuparnos do urxente: como dicía Kant, a filosofía é un campo de batalla e correspóndelle abordar estas situacións apartándonos das falsidades. No outro extremo, é necesario denunciar eses discursos que se achegan perigosamente á autoaxuda e que, baixo o disfrace de filosofía, non fan máis que repetir verdades de Perogrullo. Dous expoñentes destas dúas tendencias opostas serían Byung Chul Han e Jose Antonio Marina. Ao meu parecer, é urxente desenmascarar estas tendencias.
– ND: Debe guiar, xa que logo, o pensamento que nos axude á construción desa nova realidade non exenta de perigos.
– FS: A filosofía ten o papel fundamental, desde Platón, de establecer unha liña de demarcación entre a doxa e a episteme, entre a opinión común e o que podemos chamar, con conciencia, pensamento. A filosofía, como quería Althusser, debe cumprir ese papel de aduaneiro: non deixar pasar cousas de contrabando. Quen non escoita hoxe nun bar opinións como as de “Non nos podemos confinar de novo porque a economía non o resistiría”. Pero que economía? A túa? Non. Está falando unha persoa á que se lle obrigou a pensar que os traballadores viven do capital e non do seu traballo, nunha sociedade na que se impuxo o pensamento o que é do amo é o importante. E o mesmo sucede coas posturas negacionistas, que sempre teñen a mesma orixe: o ámbito das clases privilexiadas. A filosofía ten o deber de desmontar ese tipo de ilusións. (…)”

Antón Riveiro Coello: “O paraíso dos inocentes é o que soñan os refuxiados”

Entrevista a Antón Riveiro Coello no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista co autor do último premio Torrente Ballester de novela por O paraíso dos inocentes. A entrevista pode verse aquí.”

Homenaxe O Escritor na súa Terra a Vítor Vaqueiro: discurso de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG

O discurso pode ser descargado aquí, ou ben ser lido a continuación:

“Amigas e amigos,
Señora Concelleira de Acción Cultural, membros da Corporación Municipal, Sras. Deputadas no Parlamento galego, Sr. Presidente da Real Academia Galega, Sra. Presidenta do Consello da Cultura Galega, autoridades e representantes das institucións culturais sociais e políticas, querido Vítor Vaqueiro,
Convocámonos a este acto de chantar a pedra do escritor e a árbore, así como facer tamén a entrega da Letra E, como celebración dunha vida de escrita literaria, que é a escrita da vida dun poeta, dun escritor, que nos conmoveu e nos ten aberto a porta ao sentir e ao coñecemento, así como tamén á conciencia dunha cultura propia e dunha terra capaz de determinar o seu destino.
Ano tras ano, da mao da AELG, vinte e sete autoras e autores xa están a tecer ao longo do país un mundo de signos, de pedras fitas que entrelazan pensamentos, poemas e soños para crear o novo mapa dunha terra ocultada que alenta na palabra que chanta a súa raíz nos doridos eidos da esperanza. Neste recanto, é tradición en Compostela ter fermosísimos recantos, o poeta Vítor Vaqueiro, dános un fragmento de poema como unha nova páxina neste libro colectivo único e irrepetíbel que ano tras ano escribimos sobre a delicada e fértil pel da nosa terra.
O noso poeta teceu na pedra núas caligrafías da alma para que o lugar habitado por un poema sexa centro dun universo con luz propia capaz de guiar os ciclos da vida dos días. A vida que comeza e se transforma para reaparecer lentamente nun movemento silencioso.
Felizmente, este ano en Compostela, entre estas dúas gallas do río Sarela, percorría hai días este lugar de breves e claras augas unha garza real, maxestosa, con lentos pasos hipnóticos. Que augurio traía con ela? Quizais o poema de Vítor… Nel podemos recoñecérmonos nos nomes de lugares que son xeografía íntima: «as corredoiras tortas de Corregins e as abas do Pedroso ali onde tremiam a carqueija e o espinho
Nestes versos fica un canto de amor a esta cidade e á terra que nela está reflectida. Ao reler este poema no severo granito, que diría don Ramón Otero Pedrayo, as letras insculpidas convocan esta luz de setembro no silencio pagano do outono.
Plantamos a árbore do escritor, o carballo, para que, no futuro, como nas terras extremo-orientais, podermos retornar a ela, sentar á súa sombra e lembrar conversas doutro tempo, dun día como o de hoxe, cando as primeiras chuvias outonais percorren parques e fachadas barrocas, onde as badaladas insomnes da Berenguela fan que as rúas de Compostela nunca adormezan.

***

Celebramos hoxe a entrega desta Letra E de Escritor na súa Terra, ao poeta ao escritor Vítor Vaqueiro, na cidade que é lugar onde sempre estamos a ser acollidos pola luz da estrela que guía aos galegos e galegas, que é sempre lugar de chegada, que, en palabras de Otero Pedrayo, «enche o seu vagantío de nubes barrocas, das nubes-magnolia, dun brancor de seixo ou dun azul anxélico», dinos nese monólogo interior, O espello na serán, que marca o paso do tempo en Compostela, que é dicer na Galiza toda.
Aquí, onde o mundo se fai recanto íntimo, memoria colectiva, entregámosche coa Letra E o noso recoñecemento como poeta e como escritor cunha insubornábel altura ética no teu construír un futuro para esta terra, que esta cidade reflicte construída como no poema de Vítor:
«Neno, muller e home / xuntaron / Area, Pedra e Auga/ e ergueron un fogar mollado e quente/que se espetou na néboa mañanceira / como un berro no ceo/ (o ouveo do can fíxose laio). O eixo, / a rella, /os gonzos,/ as fibelas do mundo / renxeron, principiaron un camiño/ de milleiros de séculos
Ese camiño que nos trae até hoxe para celebrarmos todas e todos a túa obra fértil no tempo da túa madureza. En Compostela é onde o noso poeta suma a biografía persoal á memoria colectiva que aquí é caudal de mil ríos, acollendo en si tantas biografías onde as pedras foron talladas para ser erguidas, ao tempo que era ergueita esa outra catedral incorpórea que é o noso idioma.
Aquí, hoxe, co escritor Vítor Vaqueiro e, como pano de fondo, vén tamén o seu tempo xeracional, no que a Galiza enfrontaba máis unha vez o seu destino e Vítor se negaba a facer versos de medo. Estaba á busca da luz e ser parte daquel ecosistema de creación e comunicación de pensamentos, que andaba a dotar á nosa cultura dun sistema literario no que foron deitando a súa luz as mulleres e homes que nos precederon na escrita, alimentando a realidade que nos crea, nun confluír do sentir na súa radical humanidade. As cinzas dun tempo que fican nos dedos cos que Vítor foi capaz, coa súa palabra poética de tronzar a opacidade do real e acceder á súa transparencia.
Dinos Vítor Vaqueiro: «o pensamento é dor», pois custa entrar no escuro para lle arrancar á sombra a luz da palabra e así a facela recén nada e núa. Pois como todo alto poeta, Vítor Vaqueiro é testemuña crítica do tempo que lle tocou vivir. Aínda que o tempo do poeta non é o tempo da historia, pois é outro o xeito de o medir, mais é testemuña da historia do acontecer social e cultural do seu tempo.
Ana Blandiana dinos que «Existimos só na medida en que somos testemuñas da historia, dunha historia que, á súa vez, existe só na medida en que somos as súas testemuñas
O poeta e as poéticas que habitan aquilo que crea Vítor son fillos da experiencia poética, creados na soidade intransferíbel da vida que arde na propia experiencia de crear nun idioma que é fillo dunha memoria colectiva: a súa crisálida.
O poeta, o escritor Vítor Vaqueiro foi escribindo no seu diario de soños desde aquel tempo no que chegou a esta cidade, que é símbolo da nación toda, até hoxe, no que se alimenta unha cultura que é plenitude perpetuamente atravesada dunha pulsión creadora capaz de seducir a un futuro esperanzado.
Para coñecer a obra do noso escritor homenaxeado, é preciso ver nos temas que alimentan o seu mundo poético. Eu creo que é sempre poeta con cada seu libro, sexan de fotografía ou sexan guías de viaxe pola nosa terra, que el percorre para nos achegar á cerna do noso, ao país ou aos os territorios do noso idioma que «os azares da historia fixeron que partillara costumes e comportamentos culturais ademais da lingua ás dúas marxes do rio Miño», dinos Vítor.
Isto acontece tamén cando se achega aos mitos que habitan a nosa cultura, e do que é reflexo a súa Galiza máxica que nos acaroa ao máis íntimo e profundo. Todo, creo, á hora da verdade é un traballo de investigación poetizante que logo el acrisola nos seus poemarios. A vida e as palabras comezaron, dinos, «de ollos amedoñados. O Pensamento é a concavidade onde a Palabra estala, se multiplica, alastra, escinde
Como para Seferis, o poeta grego, para Vítor o idioma está cheo de pegadas de actos que repetimos desde a fundación da nosa terra que nos acolle até os nosos días. A obra de Vítor Vaqueiro lévanos polos camiños interiores desde a súa maxistral Teoría do coñecemento que embebeda toda a súa obra, que xa forma parte do destino desta terra, pois el sinala os abismos da alma humana ao tempo que quere transformar o universo que nos rodea, «dun pobo que está sempre listo a reconstruír o que as borrascas da historia queren derrubar
Parabéns, querido Vítor.

Cesáreo Sánchez Iglesias,
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Parque de Galeras, Santiago de Compostela.
19 de setembro de 2020

Actividades da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2020

Outeiro de Rei: presentación de Remol, de Manuel María, e espectáculo oral de Soledad Felloza sobre textos do autor

O sábado 10 de outubro, ás 18:00 horas, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, preséntase unha nova edición de Remol, de Manuel María. No acto estará presente Margarita Ledo Andión, que escribiu o prefacio da nova edición deste libro.
Despois da presentación, ás 19:00 horas, a narradora oral Soledad Felloza levará a cabo un espectáculo, dirixido para público adulto, baseado en textos narrativos de Manuel María.
A entrada para estas actividades é libre, mais con reserva previa que haberá que realizar a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no teléfono 698177621, xa que para manter as medidas preventivas da COVID-19 o número de prazas é reducido.