Actividades da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2020

Outeiro de Rei: presentación de Remol, de Manuel María, e espectáculo oral de Soledad Felloza sobre textos do autor

O sábado 10 de outubro, ás 18:00 horas, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, preséntase unha nova edición de Remol, de Manuel María. No acto estará presente Margarita Ledo Andión, que escribiu o prefacio da nova edición deste libro.
Despois da presentación, ás 19:00 horas, a narradora oral Soledad Felloza levará a cabo un espectáculo, dirixido para público adulto, baseado en textos narrativos de Manuel María.
A entrada para estas actividades é libre, mais con reserva previa que haberá que realizar a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no teléfono 698177621, xa que para manter as medidas preventivas da COVID-19 o número de prazas é reducido.

Crónica videográfica de O Escritor na súa Terra – Letra E, dedicada a Vítor Vaqueiro (III)

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXVI edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Vítor Vaqueiro, que foi homenaxeado en Santiago de Compostela.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Soledad Penalta), a plantación dunha árbore simbólica elixido polo propio autor (neste caso un carballo) e a colocación dun monólito conmemorativo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

– Descubrimento do monólito conmemorativo:

– Plantación da árbore do autor:

Intervención de Mercedes Rosón, Concelleira de Acción Cultural, en representación do Concello de Santiago de Compostela:

Ourense: Feira Virtual do Libro 2020, actividades do 9 e 10 de outubro