O pleno da Real Academia Galega reelixe a Víctor F. Freixanes presidente

Desde a Real Academia Galega:
“O pleno da Real Academia Galega reelixiu o sábado 24 de abril a Víctor F. Freixanes como presidente da institución con 17 votos a favor e 3 abstencións. Acompañarano na nova comisión executiva Margarita Ledo Andión como secretaria, Fina Casalderrey na tesouraría, Marilar Aleixandre no posto de arquiveira-bibliotecaria e Henrique Monteagudo na vicesecretaría. O equipo traballará nun proxecto de continuidade centrado no reforzamento do labor científico da RAG e da súa proxección social, pensando especialmente na promoción da presenza activa do idioma entre a xente nova. “A forza da Academia reside na súa condición de institución centenaria, na solvencia do seu traballo científico, centrado fundamentalmente na lingua, no seu compromiso insubornable coa cultura e co idioma do país, mais tamén na capacidade que teña para comunicar ese labor, poñéndoo ao servizo da sociedade”, salientou Víctor F. Freixanes ante o pleno.
Víctor F. Freixanes foi elixido presidente por primeira vez en marzo de 2017. O equipo de goberno que o acompañará nesta nova xeira reafirma o compromiso coa presenza cada vez máis activa das mulleres na RAG e será, por primeira vez na historia da institución, maioritariamente feminino. A catedrática de Comunicación Audiovisual e directora de cine Margarita Ledo Andión, arquiveira-bibliotecaria durante a presidencia de Xesús Alonso Montero, asumirá a secretaría ocupada ata o momento por Henrique Monteagudo, que continuará como vicesecretario. Seguirán tamén no equipo a ata agora tesoureira Marilar Aleixandre, desta volta como arquiveira-bibliotecaria, e Fina Casalderrey, que pasa a ocupar a tesourería. O presidente agradeceu a todos eles a súa implicación e tivo palabras de especial gratitude para Andrés Torres Queiruga tras completar oito anos no posto de vicesecretario.
Na exposición do seu proxecto ante o pleno, que se desenvolveu presencial e telematicamente, Víctor F. Freixanes expresou a súa preocupación pola perda de falantes, sobre todo entre as novas xeracións. Insistiu así na necesidade de seguir avanzando nos proxectos que teñen a mocidade como protagonista, tanto para avaliar os problemas de transmisión xeracional do idioma e formular propostas de actuación como para promover o seu uso e o mellor coñecemento. Nesta liña, nos vindeiros catro anos seguirase a procurar colaboracións con novos creadores audiovisuais, como as desenvolvidas nos proxectos Novas voces para a lingua ou a serie documental Xela Arias. A palabra esgazada; e a creación de espazos de divulgación da riqueza lingüística na Rede, entre outras iniciativas, ademais de avanzar en experiencias como a plataforma colaborativa de recollida de microtopónimos Galicia Nomeada ou o Portal das Palabras. “A lingua, en todas as súas manifestacións e demandas, é o noso principal activo. A súa continuidade nas novas xeracións de falantes, non coma un elemento arqueolóxico nin exclusivamente sentimental, senón como algo operativo, rendible cultural, social e economicamente, é un desafío que nos compromete e no que cómpre afondar”, concluíu.
A RAG seguirá igualmente a traballar na proxección exterior do galego e tendendo pontes con outras linguas e culturas próximas, moi principalmente coa área lusobrasileira; e no fortalecemento das relacións con outras academias e institucións análogas na procura de obxectivos comúns.
A maior visibilización do traballo dos distintos seminarios da Academia, a posta en marcha do dicionario en liña castelán-galego e os traballos de dixitalización de fondos históricos do arquivo e a biblioteca da RAG e das publicacións propias serán tamén parte das actuacións estratéxicas do mandato que comeza. A institución confía ademais en afrontar neste período a rehabilitación da súa sede, na rúa Tabernas da Coruña, de acordo co proxecto financiado polo Ministerio de Cultura.”

Premio dos Clubs de Lectura 2021 para Eva Mejuto

Desde as Bibliotecas Escolares de Galicia:
“Co gallo da celebración do Día do Libro, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, fai pública a Resolución de 23 de abril de 2021 pola que se recoñece a Eva Mejuto co Premio dos Clubs de Lectura 2021.
No ano 2015 creouse este premio co obxecto de recoñecer cada ano a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono, ao ampliarse o abano de estímulos e intereses. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. Na resolución de creación do premio contemplábase que “o Premio dos Clubs de Lectura poderá entregarse unha soa vez a un autor ou autora. No caso de que o primeiro creador da relación resultante nun curso xa tivese recibido o premio, este seralle concedido ao autor ou autora seguinte na relación”. (…)”

Ledicia Costas lidera a listaxe de libros máis lidos dos clubs de lectura escolares

Desde Nós Diario:
“A nómina de libros e autoras máis demandadas polos Clubs de Lectura do ensino secundario no curso 2019/2020 está liderada por Infamia e pola súa autora Ledicia Costas, que ten outro título, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, na sexta posición.
Infamia, que integra o catálogo de 109 dos clubs participantes, conta a historia de Emma, unha avogada profesora de dereito penal que chega á vila de Merlo para dar clases, sen saber que o lugar está marcado pola desgraza. A súa chegada ao lugar coincide cos 25 anos da desaparición das irmás Giraud.
A segunda obra no ránking é a Memoria do silencio de Eva Mejuto, unha novela a tres voces, as de Günter, Lola e Frieda, que explora desde 1943, entre ficción e realidade, un capítulo pouco coñecido do noso pasado recente: Galiza durante a II Guerra Mundial.
O terceiro lugar ocúpao a obra de María Solar Os nenos da varíola, que conta a historia das crianzas “heroicas” que transportaron nos seus corpos a vacina da varíola na súa viaxe a América. E xusto detrás, Beleza vermella, de Arantza Portabales. Unha novela negra que relata o “espantoso” crime cometido nunha instalación artística de vangarda.
Completan o “top ten” entre a listaxe dos 50 máis lidos: O último barco, de Domingo Villar; Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas; O que sei do silencio, de Andrea Maceiras; O neno do pixama a raias, de John Boyne; Senlleiras, de Antía Yáñez; e Mentira, de Care Santos.
Máis alá dos títulos máis demandados entre os clubs de lectura no curso pasado, é significativa tamén a preferencia por determinadas autoras e autores. Nesta liña, Ledicia Costas encabeza este catálogo, con 109 lecturas, case duplicando en lecturas o segundo autor posicionado, o finado Agustín Fernández Paz, con 58 lecturas.
Por detrás destes cómpre resaltar a presenza doutros nomes, dos que tamén as súas últimas novidades son as máis lidas, como é o caso de Andrea Maceiras, en terceiro lugar, e Eva Mejuto no cuarto.
Na mesma listaxe Domingo Villar, Antía Yáñez, María Solar e Care Santos ostentan as posicións sétima, oitava, novena e décima. Antes deles, o autor catalán Jordi Sierra i Fabra e a galega María Reimóndez ocupan a quinta e a sexta posición.”

A Coruña: recital de Arancha Nogueira e Itisha Giri no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 26 de abril, ás 20:00 horas, no Auditorio do Centro Ágora, continúa o Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido polo Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Arancha Nogueira e a poeta nepalí Itisha Giri. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos abril 2021.

Viale Moutinho, premio especial aRitmar 2021 á Embaixada da amizade galego-lusófona

Desde Nós Diario:
“O xurado do certame aRi[t]mar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, da que é director o profesor Gonzalo Constenla, decidiu conceder o Premio aRi[t]mar especial do xurado “Embaixada da amizade galego-lusófona” ao escritor madeirense residente no Porto José Viale Moutinho.
Alén dos seus méritos como xornalista en medios como o Jornal de Notícias, o República ou o Diário de Notícias, José Viale Moutinho é narrador, poeta, dramaturgo e ensaísta, con obra traducida a varios idiomas, tamén ao galego. Está tamén moi ligado ao Festival da Poesía do Condado desde o seu inicio en 1981, organizado pola Sociedade Deportiva do Condado (SDC) con sede en Salvaterra do Miño.
Como director da Associação Portuguesa de Escritores, da Associacão de Jornalistas e Homens de Letras do Porto e do Teatro Experimental do Porto posibilitou a visibilidade da literatura galega en Portugal, e a el se debe a presenza da escritora Xela Arias, de Mantecón e da directiva da SDC para presentar o Festival da Poesía no Condado ao mundo lusófono.
Pioneiro en divulgar a literatura galega contemporánea, nomeadamente a de Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María. De Méndez Ferrín é o seu primeiro tradutor ao portugués. Tamén traduciu a Castelao e a Lamas Carvajal e é autor de Fouce erguida. Antologia de poesia galega de combate.
Viale Moutinho foi tamén investigador da represión franquista e dos campos de exterminio nazi, autor dunha biografía sobre Zeca Afonso e impulsor da Asociación que en Vigo leva o seu nome. Relacionada coa temática galega, escribiu o libro pioneiro Introdução ao nacionalismo galego.
O certame informa na nota de prensa que o premiado fora elixido académico de honra electo da Real Academia Galega, e que renunciou en solidariedade con Méndez Ferrín cando este deixou a presidencia. (…)”

Ferrol: actos destacados do 25 de abril na Feira do Libro 2021

O 25 de abril acaba a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 20:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

12:00 h. Laura Cortés asina As formiguiñas fiandeiras, publicado por Hércules.
13:00 h. Andrés C. M. Riveira asina Memoria das cousas perdidas, publicado por Urutau.
13:00 h. Regina Touceda asina deriva, publicado por Espiral Maior.
17:00 h. Xulio Pardo de Neyra asina Os rostros do frío, publicado por Fervenza.
18:00 h. Emma Pedreira asina XelArias. Palabra á intemperie, publicado por Baía.
19:00 h. Medos Romero asina Hortensia, publicado por Medulia, e Peixes que esvaraban ao unísono, publicado por Caldeirón.
19:00 h. Antón Cortizas asina Adiviña esta adiviña, publicado por Galaxia.
20:00 h. Marilar Aleixandre asina As malas mulleres, publicado por Galaxia.
20:00 h. Ignacio Vidal Portabales asina exemplares de Lara e Sabela, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.

Ferrol: actos destacados do 24 de abril na Feira do Libro 2021

O 24 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

13:00 h. Ramón Sánchez asina Vagar de náuseas, publicado por Urutau.
13:00 h. María Brenn asina As mil vidas de Dorotea, publicado por Cuarto de Inverno, e outros títulos.
17:00 h. María Moure de Oteyza asina María das Herbas e as herbaxeiras do Caurel, publicado por Teófilo.
18:00 h. Luz Darriba asina Abril, publicado por Belagua.
18:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
19:00 h. Alberte Momán Noval asina Non venal, publicado por Urutau, e Non marches nunca, publicado por Medulia.
19:00 h. José Antonio Ponte Far asina Escritores universais, publicado por Medulia.
20:00 h. Jamas asina Diario dun pirata confinado, publicado por Urutau.
20:00 h. Montse Pena Presas asina Intempestiva. Biografía (literaria) de Xela Arias, publicado por Galaxia.