Desde Galaxia:
“A finais do pasado 2018, soubemos que Marcos Calveiro fora recoñecido co Premio San Clemente na categoría en galego por O xardineiro dos ingleses, unha das novelas máis aclamadas pola crítica no 2018 e merecedora tamén do Premio Manuel García Barros 2017. E o 20 de marzo tivo lugar a entrega do galardón no Auditorio Abanca de Compostela, que contou coa presenza dos premiados nas outras dúas categorías: o arxentino Pedro Mairal, en español, e surcoreana Han Kang, en lingua estranxeira.
O premio San Clemente busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta XXIII edición, ademais do estudantado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), participou no xurado o do IES Neira Vilas (Oleiros), o IES Sánchez Cantón (Pontevedra), o IES Xoán Montes (Lugo), o IES Otero Pedrayo (Ourense), o IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), o Hockerill College (Londres), o Saint François Xavier (Vannes), o Grimmelshausen Gymnasium (Gelnhausen), a Escola Secundaria de Santa Comba Dao e o Colexio Rosalía de Castro de Moscú.
En Vilagarcía, a principios do século XX, o destino dos mariñeiros ingleses e alemáns crúzase coas arelas de liberdade dunha moza que intenta ceibarse das estreitezas e ataduras da Galicia daquel tempo. Moitos anos despois, no Cemiterio dos Ingleses só queda unha tumba anónima, a número un. Cunha prosa áxil, protagonistas de carne e óso e unha trama que zigzaguea entre os principais acontecementos históricos europeos, Marcos Calveiro consegue a súa obra máis lograda, de lectura apaixonante e chea de sucesos inesperados. Unha novela sobre a busca da liberdade. Sobre a xustiza e a capacidade para enfrontarse ao fado da historia. Un relato que hoxe foi premiado pola súa valentía unha vez máis, que non deixa de sumar lectores dende a súa publicación hai un ano, e que vai camiño de converterse nunha das novelas mellores valoradas por crítica e lectores dos últimos tempos.”
Arquivo da categoría: Entrega de premios
Xosé Luís Mosquera gaña o IV Premio Xosé María Díaz Castro con A traxedia da arquitectura
Desde El Progreso:
“O xurado do certame convocado polo Concello de Guitiriz deu a coñecer o seu ditame na presentación da publicación da obra distinguida na terceira edición, Oracións Profanas, de Xurxo Alonso.
O poemario A traxedia da arquitectura, presentado baixo o lema Ada Murati e do que é autor o escritor Xosé Luís Mosquera Camba, foi elixido de xeito unánime, entre ao redor de 40 orixinais, como gañador do IV Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía.
O xurado, formado pr Miguel Anxo Fernán-Vello, Ánxela Gracián e Armando Requeixo, estimou o “excelente traballo de fusión e recreación das máis diversas tradicións poéticas para conformar un fulgurante collage”.
“O poema ilumínase a través dun elaborado proceso de decantación lectora, un instantaneísmo que reconfigura o texto, dende o onírico, o abstracto e a fractalización de planos, para espallar un novo molde resultante da converxencia de múltipeles achegas”, salientan tamén os membros do xurado. Estes quixeron destacar ademais a “excelente calidade dun número importante” dos orixinais presentados, o que evidencia “o estado de magnífica saúde da nosa poesía e a boa acollida do premio”.
Os tres repiten funcións dende a primeira edición, polo que tamén foi súa a decisión de recompensar con 2.000 euros e a publicación da súa obra ao escritor Xurxo Alonso, gañador da terceira edición do certame convocado polo Concello de Guitiriz e cuxo poemario Oracións profanas, se presentaba o venres 22 de febreiro no Vilariño, aldea natal do escritor ao que honra o premio.
O autor, xunto cos membros do xurado e coa alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, daban a coñecer a obra editada por Espiral Maior e as súas impresións sobre a mesma, nun acto amenizado por Amigos da Música de Guitiriz.”
Vilalba: entrega do II Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade
Mazaricos entregou os premios do certame literario máis antigo de Galicia
Desde Que pasa na Costa:
“O auditorio da Casa da Cultura de Mazaricos acolleu a entrega de premios da XLIV edición dos premios de relato curto Modesto Rodríguez Figueiredo. O concello mazaricán quixo colaborar co certame literario máis antigo de Galicia, que organiza a Fundación Pedrón de Ouro.
O mantedor do acto, académico e fillo predilecto do Concello, Manuel González González pronunciou un sentido discurso enlazando as cualidades de Mazaricos coas do premio: “Ningún sitio máis acaído para a entrega deste premio, o máis enraizado en Galicia, ca o Concello de Mazaricos, berce de galeguidade ata os miolos, cunha personalidade conformada ano a ano, século a século, desde tempos ben recuados na historia”. González tamén recordou a todas as personaxes que pariu Mazaricos, desde Tania Fuegho a Ismael Ramos, pasando polo seu compañeiro de infancia, o escritor Silvestre Gómez, que formou parte do xurado desta edición.
Despois da música de Xoán Curiel e benvida do alcalde Juan José Blanco Riveiro, chegaba o momento da entrega. O gañador, José Carou recibiu o primeiro premio, cunha dotación de 1000€ pola obra Afán e infortunio dos días estragados. O autor afirmou sentirse “máis profesor de filosofía que escritor” se ben ambas as dúas cousas “resultan plenas”.
Miguel Anxo Martínez Oubiña e Bibiana García Soto, conseguiron os dous accésits, dotados de 400€ polas obras Serpes e A liberación tras a escuridade.”
Mazaricos: entrega dos premios da XLIV edición do concurso Modesto R. Figueiredo de relato curto
Residuos de chamas flamexando, de Raúl Gómez Pato, gaña o VII Certame de Poesía Xosé María López Ardeiro
Desde o Concello de Negreira:
“Raúl Gómez Pato, co poemario Residuos de chamas flamexando, presentado baixo o pseudónimo de “Barca de tinta”, e natural do concello de Brión, é o gañador do VII Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, cuxo fallo do xurado e entrega, tivo lugar esta tarde nun acto literario-musical celebrado no Auditorio do Centro Sociocultural, coa presenza do alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, encargado de entregarlle o galardón cunha dotación económica de setecentos euros. Ángeles Madriñán González, con Animais e outros deuses, natural de A Estrada, foi a outra finalista, quen recibiu un premio de trescentos euros.
Cando o alcalde do Concello de Negreira, participou no acto, o secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Manuel Lorenzo Suárez, cuxo departamento colabora coa organización do certame de poesía na súa promoción e coa edición do poemario, e maila entrega de douscentos exemplares ao gañador. Dase a circunstancia, de que Raúl Gómez Pato foi finalista na edición de 2017 que gañou a teense, Claudia Castro.
O xurado, conformado por José Antonio Ponte Far, escritor e catedrático en Lingua e Literatura, xunto ao poeta Xulio López Valcárcel, e as profesoras María Rey e María López Sández, docentes do instituto Xulián Magariños, así como a avogada e poeta, Diana Varela Puñal, valorou a «unidade e alento poético, que non decae ao longo das páxinas, e a densidade conceptual».
Este acto cultural e social, rematou coa actuación da Coral da Universidade Sénior de Ferrol, chegada ata Negreira por mediación de José Antonio Ponte Far, membro deste coro ferrolán.”
Casa de Rosalía, Padrón: entrega do I Premio Ramón Baltar Feijoo a María Xesús Lama e Emílio Xosé Ínsua
Dodro: entrega do XXXI Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
Allariz: presentación e entrega do premio á obra gañadora do III Concurso Balbino de Relatos, Máis alá do río do esquecemento, de Ricardo Ferreiro Almeda
Ribeira: entrega dos XII Premios Barbantia da Cultura, 2018
Os/as PREMIADOS/AS deste ano, segundo o escrutinio dos votos das socias e socias, son:
– PREMIO BARBANTIA Á TRAXECTORIA CULTURAL NO BARBANZA 2018:
Mª José Paz Franco – Maralla
– PREMIO BARBANTIA Á INICIATIVA CULTURAL NO BARBANZA 2018:
Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza
– PREMIO BARBANTIA DA CULTURA GALEGA 2018:
Blanca Ana Roig Rechou