Desde a Real Academia Galega:
“O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e académico de número, Manuel González; a académica de número Ana Romaní; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista Cláudia Morán, membro do comité de redacción de Luzes, conformaron o xurado que resolveu a terceira convocatoria dunha iniciativa que cada ano gaña popularidade entre os amantes da escrita de todas as idades.
A ourensá Cristina María Fernández Mangana, de 27 anos, fíxose co primeiro premio na modalidade de adultos entre os máis de 400 textos presentados por persoas maiores de 18 anos. Acadouno con “A tía Ramona”, unha emotiva historia sobre o paso do tempo e a ausencia en 192 palabras. A coruñesa Laura Rey Pasandín, de 40 anos, mereceu o segundo galardón na mesma categoría por “Litofanía”, un conto de 78 palabras inspirado nunha persoa especial para ela que coleccionaba porcelana; e o terceiro é para Ana María Gil Rey, veciña de Caión (A Laracha) de 22 anos e autora de “Sombras”, 36 palabras cheas de intensidade narrativa.
Nee Barros, estudante de 2º de bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, acadou o primeiro premio da categoría xuvenil con “Entre a vida e a morte”, un relato de só 85 palabras cun gran dominio do humor. Este é o seu segundo galardón neste certame da RAG e PuntoGal. Na primeira edición, sen categorías por idades, xa demostrara o seu talento ao facerse cun dos terceiros premios. Andrea Estévez Correa, alumna de 1º de bacharelato do IES Ribeiro do Louro de Porriño, é a gañadora do segundo premio para autores e autoras entre os 12 e os 17 anos con “Sorrisos de guerra”, unha historia de esperanza en medio da dor expresada en 158 palabras; e Ana Martínez García, estudante de 4º da ESO do IES de Cacheiras (Teo), mereceu o terceiro por “Amor por correspondencia”, de só 32 palabras.
A Christian Cabaleiro Otero, estudante de 6º de primaria do CEP Santa Mariña de Redondela, bastáronlle 80 palabras para transmitir o pracer da escrita en “Un mundo máxico”, o relato gañador do primeiro premio na categoría infantil. Héctor Otero Pérez, alumno do mesmo curso no CEIP Rosalía de Castro de Vigo, foi recoñecido co segundo galardón nesta modalidade con “A roupa da Terra”, un conto de 164 palabras no que a fantasía habita o Universo; e Triana Liste Conde, alumna de 5º de primaria do CPI de Bembibre (Val do Dubra), gañou o terceiro con “O neno princesa”, un relato de 200 palabras sobre o respecto á diversidade.
As persoas premiadas recibirán diferentes premios tecnolóxicos, libros e, no caso dos primeiros e segundos premios das categorías de adultos e xuvenil, un dominio .gal gratuíto durante un ano. A Real Academia e PuntoGal publicarán proximamente os textos seleccionados nas súas páxinas web. Luzes tamén os reproducirá e agasallará as persoas gañadoras na modalidade de adultos cun lote de publicacións da revista.”
Arquivo da categoría: Premios narrativa: ditames
Danse a coñecer os textos gañadores do Certame Manuel Murguía
Desde o Concello de Arteixo:
“O xurado composto por Alba Cid Fernández (representante da Asociación Galega da Crítica), Daniel Barral Calvo (gañador da 28ª edición), María Canosa Blanco (representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (director literario do Certame, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), reunido o 18 de abril de 2020, decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras:
1º PREMIO dotado con 4.000 €: Silencios náufragos, presentado baixo o lema “Raqueiro”, de Patricia Torrado Queiruga.
2º PREMIO dotado con 1.500 €: O último día do Outono, presentado baixo o lema “Refugallo”, de Esteban Brea Castro.
3º PREMIO dotado con 600 €: A herdeira, presentado baixo o lema “Fluorescencia”, de Alejandro Mene Pazos.
Os gañadores deberán ser ratificados pola Xunta de Goberno Local, toda vez que se comprobe que cumpren con todos os requisitos.
Valoración do xurado:
«O Xurado xustifica a súa decisión na procura de textos equilibrados, tanto na concepción dos personaxes coma na linguaxe empregada ou na dosificación da historia. Tamén valorou que os distintos escenarios temporais fosen coherentes e cribles. En xeral, o Xurado salienta a diversidade das obras gañadoras, que construíron propostas sólidas desde diferentes temáticas, xéneros e estilos.
Para finalizar, o Xurado tamén acha preciso recordar a importancia da corrección lingüística nas obras presentadas a calquera tipo de certame literario. Neste sentido, o Xurado tería desexado que moitas das obras contasen cunha corrección lingüística maior e por este motivo chama a atención das persoas participantes para dedicaren, no futuro, a máxima atención no uso da lingua.»
A Organización agradece un ano máis a presenza no xurado dun membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como outro da Asociación Galega da Crítica, feito que contribúe a alicerzar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego.”
Coñécense os relatos gañador e finalista da 8ª edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz
“Xa temos relatos gañador e finalista da 8ª edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz.
Unha vez lidos, entregada a puntuación e feita a media correspondente da totalidade dos micro-relatos presentados a concurso polos/as membros do xurado e actuando como fedatario Eladino Cabanelas, en representación de OZOCOgz, resultaron gañador e finalista os seguintes relatos: 1º premio e gañador dun xogo de mesa Ti non es de aquí?, de OZOCOgz e dun vale, obsequio de Parrillada San Andrés do Carballiño por un Menú Nós somos de aquí! (xantar ou cea) para dúas persoas, consistente en diferentes elaboracións de polbo xunto coa especialidade da casa, o churrasco San Andrés, para o micro-relato Ela, Sonha nas Ramas do Baobab, presentado co seudónimo Addae Abara, baixo o que se agochaba o nome Cruz Martínez.
Finalista e gañadora dun agasallo de OZOCOgz e un lote de libros doado pola asociación Tangaraño Cultural, de Sobradelo (Xunqueira de Ambía), o micro-relato De Olhos Fechados, presentado co seudónimo Loaira, baixo o que se agochaba o nome de Catarina CL.
Parabéns ás gañadoras!!!”
I Premio de Ensaio Camiño de Santiago
“A Academia Xacobea, en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, e co patrocinio de Aluminios Cortizo, convoca o I PREMIO DE ENSAIO CAMIÑO DE SANTIAGO, co fin de promover e divulgar o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo, cuxa obra gañadora será publicada pola Editorial Galaxia de acordo coas seguintes
BASES:
1º A este premio poderán optar persoas de calquera lugar do mundo cun traballo escrito en castelán ou en galego, conforme ás normativas establecidas, en cada caso, pola Real Academia Española e a Real Academia Galega.
Os autores só poderán enviar un traballo a concurso, que deberá ser orixinal e inédito en todos os formatos e que non resultase premiado noutros concursos, nin presentado como traballo científico ou académico, ou como proxecto de investigación ante institucións públicas o privadas (teses de mestría, doutoramento…).
2º Para os fins deste certame, considérase ensaio todo texto literario escrito en prosa no cal o autor expón, analiza e examina con variados argumentos as súas ideas sobre o Camiño de Santiago e/ou o fenómeno xacobeo, co propósito de fixar posición ao respecto, seguindo un estilo argumentativo propio. O ensaio estará estruturado cunha introdución, un desenvolvemento e unha conclusión, sen incluír a documentación consultada (bibliografía e outras fontes). (…)”
Todas as bases aquí.
Eva Mejuto gaña o X Certame de Relatos de Mulleres Matilde Bares
Desde
o Concello de Bueu:
“Eva Mejuto resultou gañadora do X Certame de Relatos de Muller Matilde Bares coa obra titulada Matilde. O xurado, conformado por Álex Alonso, Pepa Mosteiro e Jorge García Marín, reuniuse este luns pola tarde nas dependencias do Centro de Información ás Mulleres, onde decidiron elixir este relato de entre os sete presentados. Del destacaron que “está escrito cunha gran sensibilidade e que enxalza a través da súa protagonista a vida e obra de Matilde Bares ao tempo que describe unha viaxe pola vila de Bueu e a súa realidade nos anos trinta”. Así mesmo, describen que “constitúe unha historia que contén unha grande carga emocional, do renacer cada día da desolación e alcanzar a esperanza”.
A autora pontevedresa farase cunha dotación económica de 1.500 euros e a publicación do libro. Este certame ten como obxectivos fomentar a igualdade entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais e o debate arredor da violencia de xénero, e supón unha das principais liñas de actuación do goberno local en materia de igualdade.
O premio rende unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións na vila morracense, ademais de organizar actividades culturais e grupos de teatro. Nos seus inicios, este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a persoas destacables no campo da cultura e a novas voces. (…)”
Estíbaliz Espinosa gaña o certame Modesto R. Figueiredo
Desde
La Voz de Galicia:
“A escritora coruñesa Estíbaliz Espinosa resultou gañadora do certame galego de narracións breves Modesto R. Figueiredo, que se fallou en Ribeira. Despois de analizar as 39 obras que concorreron a esta cuadraxésimo quinta edición, o xurado decidiuse polo seu traballo, titulado 23 xeitos de inventar unha constelación. Tamén se concederon dous accésit, que foron a parar a mans de Yolanda Ceide Calviño, por Trinta minutos antes, e Virxilio Rodríguez Vázquez, por A primeira vista.
O rexedor ribeirense, Manuel Ruiz, foi o encargado de entregarlle o galardón, un cheque por importe de 1.000 euros, á escritora da Coruña, nun acto que contou coa presenza de Xosé Ramón Fandiño, o presidente da Fundación Pedrón de Ouro, que é a promotora deste certame considerado un dos referentes da literatura galega contemporánea. Os autores dos outros dous textos que foron distinguidos recibiron 400 euros. (…)
David Otero, que exerceu como secretario do xurado, leu a acta no salón de plenos da casa consistorial ribeirense. Xunto a el, encargáronse de revisar e valorar os textos presentados o propio Fandiño; o escritor ribeirense Antonio Piñeiro; Pablo Rubén Eyré, en representación do Pen Club de Escritores de Galicia; Agustín Agra, pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; e José Carou, membro tamén do Pedrón de Ouro.
A entrega de galardóns contou coa asistencia de María Xosé Rodríguez, que se sumou en representación da familia de Modesto Figueirido. (…)”
Lupe Gómez, gañadora da II edición dos Premios SELIC con Os caracois de Belvís
Desde
o Concello de Santiago de Compostela:
“Lupe Gómez foi a gañadora dos II Premios SELIC de creación literaria na modalidade de poesía, pola súa obra Os caracois de Belvís. As categorías de teatro e narrativa quedaron desertas.
O xurado premiou a obra Os caracois de Belvís, de Lupe Gómez, pola “forma lúcida e delicada, pero non compracente, en que reflexiona, coa vila de Santiago como eixo cordial, sobre os ciclos vitais, imbricando con habelencia o persoal, o comunal e o natural”. Considera que o poemario se converte nunha “vía de homenaxe e resgate da Compostela máis xenuína e tamén máis relegada: a popular, a dos barrios e leiras, que acaba conducindo a verdadeiras epifanías”.
“Luminosa, certeira e visionaria, a obra destaca pola súa estrutura discontinua e envolvente, pola emotividade da súa dicción, así como polo seu sutil achegamento ao terreo da espiritualidade, tan pouco abordada na nosa tradición poética”, conclúe o xurado. (…)
O Premio SELIC ten unha dotación de 2.500 euros, así como a publicación da obra na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
O xurado que seleccionou a obras gañadora dos II Premios SELIC de creación literaria estivo integrado por Helena Villar, Francisco Macías, Iris Cochón, Eduardo Estévez e Francisco Valeiras. “
Jorge Llorca faise co XX Premio Risco de Creación Literaria
Desde
Cultura Galega:
“Fallouse a XX edición do Premio Risco de Creación Literaria do Concello de Ourense. O gañador foi o autor ferrolán Jorge Llorca, co seu texto O anxo de Durero. O premio está recoñecido con 6.000 euros e a publicación da obra. Para o xurado, o texto destaca pola “voz narradora que se presenta como unha persoa de común pero ao tempo, excepcional e polas descricións plásticas que trasladan de xeito moi nítido á persoa lectora ao interior da trama”.”
Ignacio Vidal Portabales gaña o XXVI Premio Manuel Lueiro Rey coa obra Lara e Sabela
Desde
o Concello do Grove:
“O xurado nomeado polo Concello do Grove xuntouse na tarde do martes 18 de decembro para ditaminar a obra gañadora da XXVI edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta.
Despois de deliberar, o xurado, composto por Armando Requeixo, Mario Requeira, Ánxela Gracián, Henrique Dacosta –gañador da pasada edición– e Manuel Bragado -en representación da Edicións Xerais de Galicia-, decidiu declarar gañadora da presente edición a obra titulada Lara e Sabela, presentada baixo o lema “Aloia”.
Logo de se abrir a plica da obra premiada, o seu autor resultou ser Ignacio Vidal Portabales, doutor en Dereito, profesor de dereito mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela e escritor.
Esta vixésimo sexta edición foi a que maior participación acadou ata o momento, cun total de vinte orixinais presentados; alén diso, o xurado quixo destacar o considerable incremento na calidade das obras participantes.
O Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta é un certame literario convocado polo Concello do Grove desde 1992 co obxecto de promover a vida e a obra do escritor e xornalista que lle dá nome, veciño desta vila desde a súa máis tenra infancia, axudando asemade á promoción da literatura galega e dos seus autores.”
Decisión do xurado do IX Premio de Erotismo Narrativas quentes
“O
xurado deste premio tomou as seguintes decisións:
1- Deixar deserto o Premio deste ano.
2- Aconsellar a Edicións Positivas non publicar ningunha das propostas presentadas na edición deste ano 2019, pois, ao parecer deste xurado, non responden á calidade literaria nin á calidade lingüística necesaria para seren publicadas.
3- Asemade, o xurado, a petición desta editora, aconsella pasar o premio a bianual ou suprimilo despois de ser este o segundo ano que queda deserto.
En Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2019″