Arquivo da categoría: Premios narrativa: ditames
Resolución do I Concurso de Relatos Breves Ecos da Mente
“O venres 25 de outubro entregáronse os premios do I Concurso de Relatos Ecos da Mente. As obras premiadas foron:
1° Adulta: A amiga, de Clara de Roxo
1° Xuvenil: Fotosensíbel, de Alba Bretal García
1° Diversa: Alfil, de Xoán A. Piñeiro Dios
2° Diversa: Bendita Loucura, de Rosa Buhía Lestón
1° Adolescente: Arrepentida por ter comido, de Alba Bretal García
2° Adolescente: Historias, de Martiño Iglesias Esporas
Esta actividade pon peche ás diversas iniciativas do mes de outubro, no que se conmemora o Día Mundial da Saúde Mental.
Agradécese o interese de todas as persoas participantes e a colaboración do Concello de Ribeira.”
Antón Riveiro Coello faise co Premio San Clemente con Hotel Carioca
Desde Nós Diario:
“A novela Hotel Carioca, de Antón Riveiro Coello (Galaxia), vén de facerse co XXVIII Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
O relato de Riveiro Coello conta a historia de Helena que en 1982 ten 13 anos e os domingos lelle á avoa as cartas que envía o seu tío favorito, Leandro, que marchou ao Brasil para non volver. Un día chega a noticia de que Leandro morreu. A familia sospeita que foi asasinado e encárgalle unha complexa misión a Helena: manter a ficción de que Leandro segue con vida para que a avoa non saiba a verdade.
O xurado destacou no seu ditame “a maxistral construción” de Hotel Carioca para ensamblar “distintas tramas en distintas épocas” e a súa “variedade temática”, na que se abranguen asuntos universais como “a emigración, a familia, a homosexualidade”. As dúas obras que ficaron como finalistas Diario de dúas casas, título de María Villamarín (Euseino? Editores), e O ano das mazás, de Montse Ferreira Fervenza (Xerais).
Pola súa parte, Literatura infantil, de Alejandro Zambra (Anagrama), gañou na categoría en lingua castelá. O xurado salientou a “universalidade temática”, a “sinxeleza da narración e o seu dinamismo”, así como tamén “a reflexión que achega sobre a educación e o sentimento de ser pai”.
O retrato de casada, de Maggie O’Farrell (Libros del Asteroide) foi distinguida no apartado de novela internacional. Sobre esta obra, o xurado salientou a conxugación de “dúas liñas emerxentes”, a “linguaxe poética empregada”, a “ambientación histórica” e o fincapé feito sobre un asunto esencial na vida: “a procura da liberdade”.”
O xornalista Alberto Ramos gaña o XVIII Premio Narrativa Breve Repsol con Pirotecnia
Desde Nós Diario:
“O xornalista Alberto Ramos gañou o XVIII Premio Narrativa Breve Repsol con Pirotecnia, unha obra “narrada cun estilo impecábel” e que constitúe “un excelente retrato da complexa sociedade galega que nos tocou vivir”.
O secretario xeral de Lingua, Valentín García, participou esta terza feira na entrega do galardón, xa que o certame conta co apoio da Xunta da Galiza, que busca “reforzar a creación literaria en galego e promover o uso social da lingua”.
O representante do Goberno galego, que formou parte do xurado, felicitou o galardoado “tanto polo premio como pola súa novela, plena e orixinal”.
O premio leva unha dotación económica de 12.000 euros e a publicación da obra gañadora por parte da Editorial Galaxia.
Á cita tamén asistiron a directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro; o presidente de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo; e o portavoz do xurado nomeado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Daniel Ugarte.
Precisamente estes últimos definiron a novela como “unha obra narrada cun estilo impecable, que conta cunha habilidade polifónica na que os sucesos relatados vanse entretecendo contrapuntisticamente”.
“Pola calidade dos seus diálogos, a caracterización dos personaxes e a apropiada recreación de atmosferas, esta novela constitúe un excelente retrato da complexa sociedade galega que nos tocou vivir”, remarcan. (…)”
Acta do xurado do IX Concurso Balbino de Relatos
Adrián Pérez Bote gaña o Premio Illa Nova con Baixo o ceo de xeo
Desde Galaxia:
“Reunido o xurado do Premio Illa Nova de Narrativa nas instalacións de Ámbito Cultural de El Corte Inglés; composto por Iago Fernández, Miriam Ferradáns, Karla González Miravete, Iria Morgade e Pablo J. Rañales; con Malores Villanueva como secretaria do xurado, en representación da Editorial Galaxia; decide por unanimidade outorgarlle o Premio Illa Nova de Narrativa na súa oitava edición ao texto Baixo o ceo de xeo.
Aberta a plica cos datos da obra premiada o gañador resulta ser Adrián Pérez Bote.
O xurado destacou que Baixo o ceo de xeo é unha novela moi orixinal ao facerse cargo de toda unha tradición de xéneros que explicita e que se resolve na construción dunha trama que crea un universo propio. Así mesmo, a obra participa dunha corrente xeracional de narración, xoga con moitas referencias lectoras, ao tempo que conxuga a fantasía e a ciencia ficción con mestría. A autor emprega a complexización dos subxéneros para se interrogar a construción de mundos ficcionais dunha maneira moi suxestiva.
Adrián Pérez Bote desenvolve unha escrita moi expresiva, estilísticamente moi visual e con descricións orixinais que non lle restan ao ritmo áxil que domina dende o comezo da novela. Unha narrativa madura que desenvolve un argumentario intelixente arredor de temas diversos como a empatía cara a outras sociedades oprimidas, o anticolonialismo ou a crítica social. A antropoloxía está moi presente na obra, con investigacións, reflexións e datos que enriquecen fondamente a lectura. Unha análise sociolóxica que avanza a carón dos dous personaxes principais que se constrúen con profundidade, ben caracterizados e que, novamente, mostran o dominio do autor na construción desta magnífica novela. (…)”
Claudia Pérez, Luca Chao e Manuel González Seoane gañan o VII Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal
Desde a Real Academia Galega:
““Nin coa lexivia”, unha historia sobre a violencia que se exerce contra as mulleres a través das palabras, é a gañadora do primeiro premio do VII Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal na categoría de adultos, ao que se presentaron máis de 450 textos. A súa autora é Claudia Pérez González (1995), nada no Bierzo e veciña de Ourense. O segundo premio é para Luca Chao (1988), que xa se fixera co mesmo galardón en 2021, desta volta cun texto titulado “Esperanza” coa guerra como escenario non nomeado; e “Herdanza”, un conto sobre os conflitos familiares presentado por Manuel González Seoane (1955), natural de Vilagarcía de Arousa e residente na Coruña, mereceu o terceiro.
O xurado composto polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico, Manuel González; a académica correspondente Olga Castro; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a escritora Antía Yáñez, membro do comité de redacción da revista Luzes, elixiu ademais como finalistas “Cando viu o seu corpo xeado”, de Almudena Falcón Folgueira (1982), natural de Cospeito e veciña de Castro de Ribeiras de Lea; e “Á autoridade competente”, de Álvaro Arbizu Ponce (2001), veciño de Cedeira.
Da historia de Claudia Pérez González, profesora de Lingua castelá e literatura no IES Ferro Couselo de Ourense, o xurado salientou a súa capacidade para reflectir o peso dos estereotipos de xénero que estigmatizan aínda hoxe as mulleres. O relato, de 190 palabras, denuncia ademais que “a violencia tamén está nas palabras”.
O texto máis breve dos premiados na categoría de adultos, con 88 palabras, é “Esperanza”, unha reflexión arredor da guerra sen mencionala que lle valeu un novo galardón neste concurso á luguesa Luca Chao, doutora en Ciencias Sociais. O xurado subliñou o “dominio da arte do microrrelato” que se demostra neste conto, no que o título dialoga co texto para lle dar sentido, atrapando a atención de quen o le ata o final.
Canto a “Herdanza”, escrito polo mestre xubilado Manuel González Seoane, o xurado destacou a “sorpresa final moi ben administrada” dunha historia que “evidencia os conflitos que marcan as familias, ás veces por cousas moi cativas”.
O xurado escolleu ademais como un dos contos finalistas “Cando viu o seu corpo xeado”, de Almudena Falcón Folgueira, do que chama a atención a súa capacidade de non normalizar a guerra; e “Á autoridade competente”, de Álvaro Arbizu Ponce, do que subliña o xeito de xogar co léxico. Ambos os autores son tamén docentes: Almudena Falcón de Lingua galega e literatura e Álvaro Arbizu mestre.
Na modalidade de 12 a 17 anos, o coruñés Jacobo Pérez Criado (2007), a luguesa Mencía Ferreiro García (2007) e Carla Coucheiro Rodríguez (2009), valenciana e veciña de Santiago de Compostela, foron distinguidos co primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente. Así o decidiu o xurado que avaliou os case 500 textos presentados nas categorías de persoas menores de idade, integrado nesta ocasión polo académico de número e dramaturgo Euloxio R. Ruibal; a académica correspondente e profesora da USC Montse Pena Presas; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego e membro da directiva de PuntoGal, Concha Losada; a filóloga e tamén membro do equipo de PuntoGal Cristina Ríos; e o escritor e xornalista Lois Alcayde Dans, coordinador da revista Luzes.
Na categoría infantil o primeiro premio é para Martina Boo Álvarez (Cambre, 2012); o segundo, para Mariña Abollo Aneiros (Santiago de Compostela, 2012); e o terceiro, para Xoel Villar Castro (2014), de Castrelo de Miño. O xurado elixiu ademais como finalistas xuvenís senllos relatos de Paula García Villar (Lestedo, 2008) e do veciño de Tomiño Brais González Vázquez (2007); e como finalistas infantís, unha historia do compostelán Pedro Novais Méndez (2012) e outro conto de Mariña Abollo Aneiros.
Todos os relatos premiados poderán lerse nunha edición dixital que se difundirá nas páxinas web da RAG, de PuntoGal e do concurso (relatos.gal) o día da entrega dos galardóns. As nove historias galardoadas e mais as finalistas publicaranse ademais na edición en papel de Luzes.”
Fallo do xurado do VI Certame de Microrrelatos Día do Libro 2024
Vigo: entrega de Premios Exeria 2024 a Fran Fernández Davila e Soledad García Riveiro
Laura López Drusetta gaña o Premio de novela curta Antón Risco 2024
“A gañadora do Premio de novela curta Antón Risco 2024 é a obra Todo pasa de Laura López Drusetta.
O xurado estivo composto por Serafín Alonso Pintos, Luís González Tosar (por delegación), Cándida Prieto Alonso (por delegación), Xosefa Salgado Robles e Jorge Temes Montes. Actuou como secretaria sen voz e sen voto Ana Gloria Rodríguez Alonso.
O premio consiste en 3.000 € máis a publicación da obra no selo editorial Doutor Alveiros.
O xurado salientou unha trama histórica motivadora que mestura o presente e o pasado con protagonismo dunhas personaxes femininas que defenden o seu.”