Santiago: segunda xornada de Máscara fóra!. Homenaxe a Manuel Pardo de Andrade

O martes 12 de novembro, ás 18:30 horas, na Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago, proseguen as Xornadas Máscara fóra! Homenaxe a Manuel Pardo de Andrade, no bicentenario da publicación de Rogos dun gallego, coas intervencións de:
Margarita Ledo AndiónAxitación e construción da esfera pública.
Víctor F. Freixanes: Os recursos do xornalista.
Andrés Torres Queiruga: A inquisición contra o Evanxeo.
Presenta e modera a sesión Margarita Ledo.

A Coruña: Memorial de Teatro Ibán Toxeiro

O xoves 7 de novembro, a partir das 20:30 horas, no Centro Ágora da Coruña, con entrada gratuíta, terá lugar a XVII edición do Memorial de Teatro Ibán Toxeiro, organizado pola A. C. Alexandre Bóveda.
Esta edición servirá ademais de como lembranza do tristemente finado Ibán Toxeiro, tamén de homenaze á figura da muller no teatro galego, e así diversas e consagradas actrices representarán obras de microteatro coa muller como figura central. Nesta ocasión contaremos coas seguintes actuacións:
Maggy, por Manuela Valera, de Espello Cóncavo.
Marta, por Uxía Vázquez, de Teatro Proscrito.
La mamma, por por Luma Gómez, de Teatro do Noroeste.
Ópera de a patacón, polo grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda.
– Entrega do VI premio Alexandre Bóveda de teatro amador Ibán Toxeiro para Flor Maceiras pola súa contribución ao desenvolvemento do teatro amador en Galicia.
– Dirixe e presenta a obra o director Lino Braxe.

Nova York: Homenaxe a Rosalía de Castro e á emigración galega

O martes 5 de novembro, ás 18:00 horas, terá lugar unha Homenaxe a Rosalía de Castro e a emigración galega, organizada polo Colectivo Celso Emilio Ferreiro na 239 West, 14º Street, de Nova York, en conmemoración do 150º aniversario dos Cantares galegos. Falarán: Arturo Conde, Claudio Rodríguez Fer e Francisco Álvarez Koki.

A Coruña: primeira xornada de Máscara fóra!. Homenaxe a Manuel Pardo de Andrade

O martes 5 de novembro, ás 18:30 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, inaugúranse as Xornadas Máscara fóra! Homenaxe a Manuel Pardo de Andrade, no bicentenario da publicación de Rogos dun gallego, que se desenvolverán durante os días 5, 12 e 21 de novembro.
No acto intervirán Xesús Alonso Montero, Anxo Lorenzo e Ángel García Seoane. A continuación a xornada desenvolverase, segundo o programa previsto, a partir das 19:00 horas, coas intervencións de:
– Xosé Ramón Barreiro: Manuel Pardo de Andrade e a Galicia do seu tempo.
– María Rosa Saurín de la Iglesia: Semblanza de Manuel Pardo de Andrade.
– Gonzalo Navaza: Nota sobre o exilio en Francia de Manuel Pardo de Andrade.
Presenta e modera a sesión Xesús Alonso Montero.

Entrevistas e reportaxes destacadas do Diario Cultural da Radio Galega, do 21 ao 25 de outubro

Deixamos aquí as ligazóns ás máis destacadas entrevistas e reportaxes da semana do 21 ao 25 de outubro no Diario Cultural da Radio Galega relacionadas coa literatura. Agradecemos a Ana Romaní a información:

– Entrevista con Cesáreo Sánchez Iglesias arredor do Galeusca 2013.
Premios da Crítica Galicia 2013.
O bosque é grande e profundo de Manuel Darriba no comentario semanal de crítica literaria con Chus Nogueira.
– Entrevista con Darío Xohán Cabana, homenaxeado en Lugo pola Asociación de tradutores galegos.
– Reportaxe do Día Mundial das Bibliotecas.
De cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI: Manuel Darriba.
– Entrevista con Antón Riveiro Coello pola presentación do novo libro Acordes náufragos.

Ourense: Día de Nós

O 30 de outubro cúmprense 94 anos da edición da revista Nós. E así contribuímos dende Ourense, a terra na que saiu a luz:

Martes 29 de outubro, Encontro Cívico na Rúa da Paz (antiga Rúa dos Zapateiros)
19:30 h. Encontro de antigos veciños maiores de 80 anos. Livraria Torga.
20:30 h. Paseo cívico pola rúa da Paz.
21:30 h. O feitizo das ruínas. Xornada de portas abertas da casa natal-vital de Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo na rúa da Paz. Casa nº 21.
21:30 h. Convivio. Viño e petisco. Xentileza e servizo dos hostaleiros da rúa da Paz. Rúa da Paz.

Mércores 30 de outubro, Día de Nós
17:00 h. Acto festivo e ofrenda floral no cemeterio de San Francisco:
21:00 h. LerNós, coa colaboración de Íria Pinheiro, Celia Parra, Manuel Outeiriño e A RunRun Teatro.

Boqueixón: actos de inauguración da exposición Querido Balbino, o sábado 26 de outubro

O sábado 26 de outubro, ás 17:30 horas, no Centro de Interpretación do Pico Sacro (Cachosenande, Lestedo, no en Boqueixón), o concello desta localidade e a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio convidan ao público interesado ao acto de inauguración da exposición Querido Balbino. Prégase confirmen asistencia no correo electrónico acmestremanuelgacio@gmail.com.
O programa do acto pode descargarse aquí: Exposición Querido Balbino Boqueixón

A Coruña: crónica do encontro con Manuel Álvarez Torneiro

Desde Kalandraka:
“Segue sumando columnas na prensa escrita e ocupando minutos na programación cultural das cadeas de radio e de televisión a concesión do Premio Nacional de Poesía 2013 a Manuel Álvarez Torneiro, o primeiro galego en acadar esa distinción por unha obra –Os ángulos da brasa– escrita na nosa lingua.
Unha semana despois de serlle comunicada a concesión deste prestixioso galardón, o autor recibiu unha sinxela e cálida homenaxe na Biblioteca Municipal de Estudos Locais da súa cidade. A directora desta entidade, Victoria Villanueva, foi a anfitriona dun encontro no que o escritor coruñés foi nomeado “socio de honra” da Biblioteca; un título simbólico que se estreaba por primeira vez co receptor do Premio Nacional de Poesía. Ademais de entregarlle un carnet especial co emblema das Bibliotecas Municipais da Coruña, Victoria Villanueva tamén obsequiou a Manuel Álvarez Torneiro con varios libros conmemorativos sobre a historia da cidade. O poeta correspondeu adicándolle á Biblioteca de Estudos Locais un exemplar de Os ángulos da brasa e un poema manuscrito –Anuncios por palabras– do seu libro, que xa forma parte do patrimonio desta institución pública, a casa da lectura de toda a cidadanía.