Arquivo da categoría: Poesía
Luz Pozo Garza, nomeada Filla Adoptiva de Viveiro
Desde Xornal da Mariña:
“A poeta Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) foi nomeada este xoves Filla Adoptiva de Viveiro. A corporación aprobou por unanimidade a proposta para distinguir a autora presentada polo goberno municipal. O recoñecemento deu respaldo institucional a unha iniciativa a que se adheriron asociacións e colectivos de todo o concello ademais de persoas a título individual como o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal.
Durante o pleno do xoves 11 de outubro, todos os grupos políticos destacaron a traxectoria literaria e o compromiso feminista da autora, voz fundamental da poesía galega dende a publicación de O paxaro na boca (1952) ao que seguirían Concerto de Outono, Códice Calixtino, Prometo a flor de loto ou Deter o día cunha flor, entre outros poemarios e ensaios.
A autora mantivo desde a súa crianza unha estreita vinculación con Viveiro onde viviu e exerceu como docente nas décadas dos cincuenta e sesenta. A Escola Oficial de Idiomas de Viveiro leva o seu nome desde o pasado mes de xuño. O claustro do centro solicitou o cambio de nomeamento para adherirse á campaña #NomearnosEnLila, impulsada polo Observatorio da Mariña Pola Igualdade.”
A Pobra do Caramiñal: Xornadas de homenaxe a Anxo A. Rei Ballesteros
A Coruña: recital de Susana Sánchez Arins e Joumana Haddad no Ciclo Poetas Di(n)versos
A segunda
feira 15 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Susana Sánchez Arins e a poeta libanesa Joumana Haddad.
Compostela: presentación e lecturas de Forever in Galicia e Diary of Crosses Green
Colaboración da AELG co Centro de Estudos Galegos de Lisboa. Visita de Susana Sánchez Arins
A AELG colabora co Centro de Estudos Galegos de Lisboa coa visita de Susana Sánchez Arins, co apoio da Secretaría xeral de Política Lingüística.
Na súa estadía en Lisboa Susana Sánchez Arins ofrecerá dúas conferencias.
A primeira, con título “Literatura, Arte, Compromisso: Escrever a Ditadura”, terá lugar o día 12 de outubro, ás 18.30, no marco das xornadas “Resistir na longa noite de pedra”, dedicadas á resistencia na Galiza durante a ditadura franquista. Este é o programa completo das xornadas, que se desenvolverán na Biblioteca-Museu República e Resistência (Rua Alberto de Sousa, 10 A, 1600-002 Lisboa):
11 de outubro
- 19:00 Apresentação da reportagem televisiva: «A Guerra Também Foi Nossa», de Ana Luísa Rodrigues (jornalista, que estará presente), José Rui Rodrigues e Carla Quirino (imagem)
12 de outubro
- 18:30 Conferência: “Literatura, Arte, Compromisso: Escrever a Ditadura”, com Susana Arins
- 20:00 Jantar Galego Republicano de 1936 (inscrición previa en interculturacidade@gmail.com)
13 de outubro
- 18:30 Conferência: “Organização, mobilização e resistências na freguesia das Encrovas (Cerzeda, Galiza)” , por David Fontán
- 19:30 Recital Poético: Poesia de Intervención en Portugal e na Galiza
A segunda das súas conferencias será a que titulada “Memória Histórica e Mulheres. Dos silêncios e as silenciadas” ofrecerá o día 13 de outubro ás 17.00 na sede da UMAR – União de Mulheres Alternativa e Resposta (Empreendimentos Alcantara Rio – Rua da Cozinha Económica, Bloco D, Espaços M e N, Alcântara, 1300-149 Lisboa).
A moderación estará a cargo de Maria Dovigo, vicepresidenta da Academia Galega da Língua Portuguesa.
A AELG colabora co Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova de Lisboa na organización dos eventos.
Allariz: Festival Internacional de Poesía Poemagosto
Lisboa: Resistir na Longa noite de pedra. Olhares Contemporâneos Sobre a Luta Antifranquista na Galiza, do 11 ao 13 de outubro
Antonio García Teijeiro: “Este libro é unha homenaxe máis que merecida, e por suposto necesaria, a Rosalía”
Desde Xerais:
“O programa Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha entrevista ao escritor Antonio García Teijeiro sobre o poemario infantil: Paseniño, Paseniño, ilustrado por Marcos Viso.
A entrevista pode escoitarse nesta ligazón, concretamente nos minutos 03´15 a 14´15.”
Paseniño, paseniño: García Teijeiro volve achegar a infancia ás pegadas poéticas de Rosalía
Entrevista de Romina Bal a Antonio García Teijeiro en Praza:
“(…) – Praza (P): Que supón a reedición deste libro [Paseniño, paseniño]?
– Antonio García Teijeiro (AGT): : Foi unha aposta persoal, actualizada por Marcos Viso, e que posúe unha visión actualizada e suxestiva, acompañada por música feita ad hoc e pola voz do poeta. Aínda que o primeiro volume resistiu perfectamente o paso do tempo e aguantou moi ben tamén o traballo exquisito de Xosé Cobas, a proposta de Xerais, ofrece un formato actualizado, moi coidado e editado e, así mesmo, unha lectura distinta.
– Marcos Viso (MV): Por suposto, eu coñecía xa o volume, xa que forma parte deses álbums especiais vangardistas da nosa LIX, editado ao coidado de Irene Penas Murias de Everest Galicia e ilustrado por un referente como é Xosé Cobas. O feito de que Antonio García Teijeiro confiase en min supuxo unha sorpresa e unha responsabilidade, pola aposta do poeta e pola lectura que fixo del Cobas. A miña proposta desde o principio foi a de ofrecer unha visión distinta, desvinculándome e evitando as comparacións. A proposta de Cobas segue a ser sublime.
– P: O libro é unha homenaxe a Rosalía de Castro. Como é esa nova visión, que ofrece o álbum?
– AGT: Paseniño, paseniño é un volume ao que eu lle teño un agarimo especial. Trátase dun camiño cara a Rosalía. Todos os poemas parten dun diálogo con ela, coa súa lírica. O rastro das pegadas que Rosalía de Castro deitou sobre as palabras, sobre a natureza e sobre o amor. Marcos Viso crea un todo dentro de cada ilustración que me parece fantástico, déixase guiar por elementos do texto e fainos moi seus e, a partir de aí, desde as súas ilustracións, poderíase facer incluso outro texto. Non tiven dúbidas en absoluto en que tiña que ilustralo Marcos e tampouco en confiar en Xerais para facelo, xa que esta editorial apostou por un formato de calidade. Un valor engadido desta nova proposta é tamén a música, que flúe canda a voz do poeta e transmite sensacións, acompaña o camiño, é atemporal e sensitiva, e dálle profundidade ao texto e á ilustración.
– MV: Desde o principio tanto Antonio García Teijeiro como a editora Helena Pérez, de Xerais, e eu tiñamos moi claro que a proposta tiña que ser elegante. A presenza da cor, de pouca cor, desa cor salmón nas letras iniciais, das texturas, eses pequenos detalles que poñen os ollos sobre a ilustración son o fío condutor. O traballo de Cobas era moi emocional, de percepción sen elementos figurativos, atmosférico. O meu traballo parte dunha concepción máis concreta da realidade, a partir do texto, das pegadas de Rosalía. Nas miñas ilustracións hai un xogo, un diálogo, un gato que miaña con dúas caras por poñer un exemplo, unha contradición que camiña cara á abstracción, cara ao que sente o lector, aberta á interpretación. No álbum, a presenza das iniciais da propia Rosalía complementan unha proposta cohesionada e que invita á lectura. As letras son un elemento que aglutina.”