O mércores 25 de maio, ás 20:00 horas, na Biblioteca Uxío Novoneyra (Pazo de Vilamelania, Vilaboa, Culleredo) preséntase o libro Señardade da luz (A obra poética de Manuel María), de Miguel Mato, publicado pola A. C. Alexandre Bóveda. No acto acompañarán ao autor Carlos Pereira e Celestino Poza.
Arquivo da categoría: Poesía
A Coruña: recital Poetas Di(n)versos, con Carlos Marzal e Ana Romaní
O luns 23 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo), celébrase, baixo a dirección de Yolanda Castaño, e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, o último dos recitais Poetas Di(n)versos antes da súa interrupción durante os meses estivais. O broche de ouro desta programación poética mensual estable porano dous poetas nacidos nos anos 60:
– Ana Romaní naceu en Noia en 1962. Escritora e xornalista, dende 1990 dirixe o programa Diario Cultural da Radio Galega, unha completa e puntual axenda cultural diaria con máis de 20 anos de traxectoria, recoñecido xa con diversos galardóns. É autora dos poemarios Palabra de Mar (1987), Das últimas mareas (1994), Arden (1998), Love me tender. 24 Pezas mínimas para unha caixa de música (2005) e o aínda recente Estremas (2010), co que conseguiu o Premio AELG 2011 de poesía. A súa obra está ademais recollida en diversos libros colectivos e antoloxías. Creou e participou en distintos proxectos artísticos interdisciplinares, entre eles Son Delas coordinado por Uxía Senlle, O outro extremo do paraíso e Lob*s (1998) con Antón Lopo, Estalactitas (2002) con Anxos Romeo e Lupe Gómez, Catro poetas suicidas. Intervención poética contra a levidade (2002) en solitario, e A voz e o poema. Os periplos de Avilés de Taramancos (2003) con Anxo Quintela. Todos eles supoñían novas maneiras de achegar a palabra ao público a través da música ou da escena. Realizou a Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos (2003). Ademais, cooordina e promove o volume de relatos Narradio. 56 historias no ar (2003) do Diario Cultural da Radio Galega e o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico organizado pola Radio Galega e o Centro Dramático Galego dende o ano 2006.
– Carlos Marzal naceu en 1961 en Valencia e licenciouse en Filoloxía Hispánica –sección de Literatura- pola universidade da mesma cidade. Ademais de poeta é narrador, ensaísta e tradutor. O seu primeiro libro de poemas foi El último de la fiesta (1987), logo virían La vida de frontera (1991) e Los países nocturnos (1996). A consagración chegaría da man de Metales pesados (2001) –Premio da Crítica Española e Premio Nacional de Poesía- seguidos máis tarde por Fuera de mí (2004) –galardoado co Premio Loewe de Poesía- e Ánima mía (2009). El corazón perplejo reunira a súa poesía en 2005. Do mesmo xeito, en 2002 e 2003 editáronse dúas antoloxías da súa obra poética: Poesía a contratiempo (Poéticas y prosas) e Sin porqué ni a dónde. Coa súa primeira novela, Los reinos de la casualidad (2005) obtivo o Premio da Crítica Valenciana, o pasado ano publicou tamén un libro de relatos: Los pobres desgraciados hijos de perra, e proximamente verá a luz un volume de aforismos, La arquitectura del aire. Ademais, é autor de dous libros de ensaio, El cuaderno del polizón (Apuntes sobre arte) (2007) e Los otros de uno mismo (2009). Conta tamén cunha traxectoria como tradutor de autores de lingua catalá, tales como Enric Sòria, Pere Rovira, Miquel de Palol, Joan Vinyoli ou Màrius Torres, para varias editoriais de prestixio. Foi co-director da revista de literatura e touros Quites durante a súa primeira década de existencia, e hoxe é colaborador habitual de revistas literarias tanto como columnista ou crítico literario en diarios como ABC, Levante ou El Mundo.
Dende que botara a andar en outono de 2009, este ciclo achegou ao público coruñés e galego un total de 26 dos máis salientables poetas nas 5 literaturas da Península: castelán, catalán, éuscaro, galego e portugués. Os actos, que sempre superaron o centenar de asistentes, significaron un xeito directo de achegar a escrita contemporánea máis diversa e de calidade a un constatable público interesado na poesía. Neste arquivo en .pdf pódese descargar máis información: Programa Poetas Di(n)versos maio 2011.
Santiago: recital poético de Chus Pato e Xosé María Álvarez Cáccamo
O venres
20 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación e posterior recital dos libros publicados até agora na colección Antoloxía poética sonora, de Edicións do Cumio. Nacer é unha república de árbores é o título da antoloxía de Chus Pato, mentres que De sombras e poemas que son casas dá nome á de Xosé María Álvarez Cáccamo.
A Coruña: espectáculo poético-musical O meu gato é un poeta, con Fran Alonso e Xurxo Souto
O venres 20 de maio, ás 18:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños de Monte Alto (Campo de Marte, s/n.) da Coruña, Fran Alonso e Xurxo Souto presentan o espectáculo poético-musical O meu gato é un poeta, dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos e tamén, por suposto, a adultos. Durante a sesión, a poesía converterase en maxia, música e xogo e soará o acordeón. O acto está organizado pola Librería Sisargas e Edicións Xerais.
A Coruña: presentación de Cambio de estrela, de Iria Anido Pedreira
O venres 20 de maio, ás 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza do Libro) da Coruña, preséntase o libro de poemas Cambio de estrela, de Iria Anido Pedreira, publicado en 3C3, onde os textos dialogan coas ilustracións de Xan Eguía. No acto intervirán Xulio López Valcárcel, X. Amancio Liñares Giraut e a autora. Haberá tamén unha actuación musical de Xan Eguía –saxofón–, Kace –percusión– e Julio –guitarra–.
Vilaboa (Culleredo): presentación de A frecha azul do teixo, de Eva Veiga
O mércores 18 de maio, a partir das 20:00 h., na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra (Pazo de Vila Melania, Vilaboa, Culleredo), preséntase o libro de poemas A frecha azul do teixo, de Eva Veiga, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Miguel Anxo Fernán-Vello, Celestino Poza e Carlos Pereira.
Lugo: actividades do mércores 18 ao venres 20 na Feira do Libro
Continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior), aberta até o domingo 22 de maio, con horario de 11:30 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h. O programa completo pódese consultar aquí.
– O mércores 18, ás 20:00 horas, preséntase Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras, publicado en Xerais. No acto estará acompañado por Manuel Bragado.
– O xoves 19, ás 20:00 horas, preséntase o número 14 da revista Xistral, publicada polo Concello de Lugo. No acto haberá un recital dos autores dos poemas recollidos na publicación, coa coordinación do director da mesma Camilo Gómez Torres. Participan tamén Xosé Clemente López Orozco e Nuria Mundiña López.
– O venres 20, ás 20:00 horas, preséntase Abrapalabra!, de Carlos Coira (mago) e Antón Cortizas (poeta), publicado pola Editorial Galaxia.
A Coruña: Festa do Libro, actividades do martes 17 de maio
Finaliza a nova edición da FESTA DO LIBRO, nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, organizada pola Concellaría de Cultura e a Agrupación de Libreiros da Coruña, con horarios de 11:30 a 14:00 e de 17:30 a 21:30 horas. Este é o programa de actividades para o martes 17:
– 12:00 h.- Lectura colectiva e música. Organiza Queremos Galego. No Obelisco.
– De 17:30 a 19:30 h.- “Se queres un retrato faicho Xurxo Lobato”. Se compras libros na Festa agasallámosche cun retrato que che fará Xurxo Lobato e que poderás visualizar, engadir notas, comentarios e descargar en tamaño e resolución orixinal desde Flickr. No Palco da Música.
– 18:00 h.- Presentación da serie de novelas “Suso Espada”, de Francisco X. Fernández Naval (Ed. Everest). Lectura de fragmentos da última entrega “Suso Espada. Nota Roja“. Participan Irene Penas, directora de Everest Galicia e o propio autor. No Kiosco Alfonso.
– 18:00 h.- Visita guiada á exposición de Quintana Martelo. No Kiosco Alfonso.
– 19:00 h.- Actuación de Nova Galega de Danza: “Tradicción“. Diante do Kiosco Alfonso.
– 20:00 h.- “Declaración audiovisual: Lois Pereiro“, por Xurxo Souto e Fran Amil. No Kiosco Alfonso.
– 20:30 h.- “Moita poesía, pouca diversión”. Lucía Aldao e María Lado. Diante do Kiosco Alfonso.
Lugo: actividades do martes 17 de maio na Feira do Libro
Comeza a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior), que abre o martes 17, con horario de 11:30 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 h. O programa completo pódese consultar aquí.
As actividades máis destacadas do martes 17 son as seguintes:
– 18:30 h. Recital poético: Poetas de Lugo arredor de Lois Pereiro. Participan Xavier Rodríguez Barrio, Marica Campo, Isidro Novo, Xerardo Quintiá, Xosé Miranda e Manuel Xosé Neira.
– 19.45 h. Inauguración oficial. Actuación dun grupo de música tradicional galega, homenaxe da Federación de Libreiros de Galicia á Libraría La Voz de la Verdad polo centenario da súa fundación, e pregón inaugural a cargo da escritora e académica Margarita Ledo Andión.
Tokio: actuación do colectivo artístico Tender a man, no Día das Letras Galegas
O martes 17 de maio, ás 19:00 horas, na sede do Instituto Cervantes en Tokio, actuará o colectivo artístico Tender a man, unha atractiva proposta de fusión de poesía, música en directo e danza contemporánea que integran os músicos Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada, a cantante Mónica de Nut, a bailarina Branca Novoneyra e a poeta Yolanda Castaño. O espectáculo multidisciplinar abrirase cunha interpretación de textos de Lois Pereiro, e continuará máis adiante co repertorio propio do grupo, apoiado nos textos de Yolanda Castaño. Durante o recital poderanse seguir traducións ao castelán e ao xaponés dalgúns dos poemas, no que será unha ocasión histórica de celebración da literatura galega no Xapón. Na actividade colaboran a Dirección General del Libro, Archivos e Bibliotecas do Ministerio de Cultura, a Embaixada de España en Tokio e o propio Instituto Cervantes.