Publicado o número XXVIII da revista Antípodas: De Australia até Fisterra

Publicouse o número XXVIII da revista Antípodas, en 2017, baixo o título De Australia a Fisterra/De Australia até Fisterra. Literatura Contemporánea de Galicia: perspectivas múltiples.
Os editores son José Miguel Alonso-Giráldez (Universidade da Coruña) e Roy C. Boland Osegueda (University of Sydney, Australia).
Máis información na web de Antípodas ou neste correo electrónico: editor@antipodas.com.au

A Coruña: presentación do número 2 da revista de estudos rosalianos Follas Novas

A cuarta feira 6 de xuño, ás 20:00 horas, no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos 16-18, 1º), na Coruña, preséntase o número 2 da revista de estudos rosalianos Follas Novas. No acto participan Anxo Angueira, Xosé Luís Axeitos, Pilar García Negro e Diego Rodríguez González.

Nace en Pontevedra a revista Ligeia, especializada en poesía contemporánea, xornalismo e investigación literaria

“Nace en Pontevedra a revista Ligeia, publicación bilingüe (gal/esp) especializada en poesía contemporánea, xornalismo e investigación literaria. Fundada, editada e dirixida polos poetas e escritores pontevedreses Marcus Daniel Cabada (1995) e Tamara Andrés (1992), baixo a dirección artística da tamén pontevedresa Paula Estévez (1995) e o consello editorial do poeta e crítico sevillano Pedro Luis Ibáñez Lérida, comeza a súa actividade o 17 de maio de 2018, Día das Letras Galegas, co afán de “unir pontes entre as culturas e as xeracións do máis local ao máis universal, sempre desde unha concepción poética, estética e moral”. As súas bases, que subliñan unha necesidade de continuidade do espírito literario e cultural, definen Ligeia como “libre, independente, plural e apolítica”. Asemade, propón aproximarse en esencia a revistas fundamentais para a literatura do século XX, como Litoral, Mediodía ou Gallo, mantendo sempre valores de identidade como “a curiosidade, xenerosidade e o bo facer común”.
NÚMERO 1: RECUPERAR AS MANS. Máis de 70 autores de 14 países distintos (España, Alemaña, Marrocos, Túnez, EE. UU., Colombia, Irlanda, Arxentina, Perú, Costa Rica, Nicaragua, Brasil, Francia e Chile) compoñen o primeiro número da revista Ligeia, baixo o título de ‘Recuperar as mans’. Entre eles, escritores, poetas, profesores, investigadores, xornalistas, artistas, fotógrafos, tradutores ou críticos literarios.
CONTIDOS MÁIS SALIENTABLES:
1. POESÍA GALEGA. Autoras/es amplamente recoñecidos e premiados, como Marta Dacosta, Oriana Méndez, Arancha Nogueira, Amauta Castro, Eli Ríos ou Emma Pedreira (recente Premio da Crítica Española 2018), xunto con aquelas novas xeracións de poetas emerxentes en lingua galega.
2. POESÍA HISPANOAMERICANA. Inéditos de Silvio Mattoni (investigador do Conicet), Liliana Díaz Mindurry (Premio Planeta na Arxentina, 1998), Winston Morales (Premio Excelencia 2018 do Círculo de Xornalistas de Huila), Cristianae Grando (Laureada UNESCO-Aschberg de Literatura 2002), Osvaldo Sauma (Premio Latinoamericano EDUCA, 1985), Randall Roque (Premio Internazionale di Poesia Castello di Duino, 2007, recoñecido pola UNESCO), entre moitos outros.
3. POESÍA HISPANOMAGREBÍ. Edítase, anexa, unha microantoloxía periódica de autores magrebíes en lingua hispana que, por ausencia de soporte, vense dificultados a publicar nos seus respectivos países. Poetas como Aziz Tazi (Premio Rafael Alberti de poesía da Consellería de Educación da Embaixada de España en Rabat), Mohamed Doggui (profesor do Instituto Cervantes de Túnez) ou Khédija Gadhoum (supervisora do programa de español no Departamento de Linguas Romances da Universidade de Georgia) compoñen a primeira edición.
4. XORNALISMO. Unha das grandes apostas de Ligeia é a de construír un “periodismo de calidade, profundo e rigoroso, mais no por iso menos creativo e literario”. Entrevistas aos recoñecidos e premiados poetas hispanoamericanos Óscar Hahn e Piedad Bonnett, ao poeta e tradutor irlandés Keith Payne, ao xornalista Xosé Mexuto (director de Sermos Galiza) e un perfil a Xosé Manuel Beiras son algunhas das publicacións periodísticas do número.
5. INVESTIGACIÓN. Ademais de erixir as súas bases na creación literaria, Ligeia proponse contribuír ao eido da investigación, fundamental para o coñecemento e intercambio entre culturas. En colaboración co Centro de Estudos Galegos da Universidade Christian-Albrechts de Kiel (Alemania), publícase a investigación inédita ‘Neira Vilas en la diáspora: la construcción de un imaginario’, sobre o tema da migración na triloxía O ciclo do neno, do autor galego Xosé Neira Vilas.
6. PLURALIDADE. En contraste con autores recoñecidos, o número inclúe obras de novos creadores aínda inéditos, como os pontevedreses Carlota Corredoira (poesía) e Eladio Pomares (ilustración). Polo tanto, a edición abrangue idades comprendidas entre os 15 e 83 anos, en consonancia coas súas bases editoriais de pluralidade, igualdade e transxeracionalidade.
Prezo: 4,50€*
Edición dixital gratuíta en .pdf
Web: www.revistaligeia.com (en funcionamento o 1 de xuño)
Depósito Legal 745/2017
ISSN 2603-7416
Revista literaria de difusión cuadrimestral
*A recadación íntegra da venta de exemplares será destinada á financiación das edicións.”

Ferrol: presentación de Olga. Revista de Poesía Galega en Madrid, número dedicado a Carvalho Calero

O sábado 19 de maio, ás 12:30 horas, no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena 202-204), en Ferrol, preséntase o número dedicado a Ricardo Carvalho Calero pola Revista Olga. Revista de Poesía Galega en Madrid. Intervirán: Vicente Araguas e Xosé María Dobarro.

Monterroso: III Feira do Disco e do Libro Galego

Estes son os actos máis destacados:
11:30 h. Arantza Portabales presenta e asina exemplares de Deixe a súa mensaxe despois do sinal, publicado por Galaxia.
13:15 h. No Escenario. Cata literaria con Manuel Garrido, autor de A Ribeira Sacra. Guía práctica, publicado por Xerais.
13:45 h. Na Carpa. Palestra de Xurxo Souto “Océano para terrícolas”, baseada nos seus libros Contos da Coruña e Contos do mar de Irlanda, publicados por Xerais.
17:50 h. No Escenario. Presentación do libro Pioneiras. Galegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez, publicado por Xerais.
19:15 h. No Escenario. Presentación do libro A contradición permanente, de Martiño Noriega e Daniel Salgado, publicado por Xerais.
21:45 h. No Escenario. O Instituto de Estudos Ulloáns presenta o segundo número da súa revista Cairón.

Xosé Luís Axeitos fala do número 2 de Follas Novas

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
‘A revista quere ser esa plataforma que acolla as novas lecturas que se están a facer (da obra de Rosalía de Castro)’. Xosé Luís Axeitos dirixe Follas Novas. Preséntase o segundo número da Revista de estudos rosalianos. Pode escoitarse a entrevista aquí.”