A XI Xornada da Sección de Literatura Dramática. IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026. Galiza + Portugal é unha actividade organizada pola AELG co apoio do Concello da Coruña, CEDRO, Deputación Provincial da Coruña e Camões-Centro Cultural Português em Vigo.
Desde sempre, as artes vivas, especialmente o teatro, tamén a danza e o circo, utilizan o movemento, a emoción e, en moitos casos, a acción verbal, a palabra, para contestar, reivindicar, apuntar ou interrogar á comunidade que congregan, sobre aspectos fundamentais da actualidade.
Co paso do tempo, démonos conta de que o impulso necesario debía poñerse no apoio e fomento de novos proxectos escénicos a través dunha convocatoria e mostra dos mesmos, dentro dunha xornada para compartir, analizar e debater. Así naceu, no seo das xornadas, o Festival Pezas dun Teatro do Porvir: Galiza + Portugal. Trátase dun festival único en Galiza, para impulsar e analizar pezas que están en proceso de creación e que buscan abrir e compartir ese proceso con outras persoas, cun público, e con especialistas en artes escénicas. Ao mesmo tempo, tamén se procura tender pontes, dentro do Eixo Atlántico peninsular, coa veciña Portugal.
En todas as edicións deste evento sempre puxemos especial atención en dedicar un espazo para traer algunha personalidade relevante do mundo das artes escénicas que nos brinde o seu coñecemento sobre algún aspecto candente ou de actualidade. Ademais, esa personalidade tamén é convidada a ver e, se así o considera, intervir nas conversas de análise sobre cada un dos proxectos escénicos seleccionados, participando, incluso, no Xurado que vai valorar a posibilidade de premiar coa estrea nun teatro un dos proxectos presentados no Festival.
Por tanto, dentro do programa incluímos unha Masterclass sobre un tema relevante. Para esta edición de 2026 propoñemos o tema “MEMORIA E ACCIÓN” a cargo da dramaturga e directora de escena María Goiricelaya.
A actualidade parece marcarnos o ritmo, cada vez máis acelerado e trepidante cara a ningures, porque non temos tempo de pensar nin de lembrar. O ruído informativo e a anestesia dixital, a través de videoxogos e horas de “scroll” nas redes sociais, atrofian os nosos sentidos. Todo ten que ser para xa, inmediato. Non hai tempo para volver a vista atrás. De repente, alguén nos advirte de que a historia se repite, de que é un ciclo, mentres asistimos a invasións, ao quebrantamento das regras de xogo democráticas, ao masacre a gran escala, a que os dereitos humanos sexan debatibles, periguen ou sexan, directamente, violentados.
Preguntámonos pola importancia da historia e da memoria, como espazos nos que quizais encontrar algunhas claves do porvir.
Preguntámonos se os escenarios teatrais, cos seus tempos demorados, e a dramaturxia como a arte de manexar a atención, poderían facernos recordar incluso o que non temos vivido, imaxinado ou soñado.
As artes escénicas fíncanse no presente e na presencialidade, no compartir un tempo e un xogo. Preguntámonos como unhas artes tan presentistas poden traer a memoria histórica e as memorias persoais e sociais aos palcos e activalas, converténdoas en acción para traer luz que nos permita enxergar o futuro.
IX FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR, GALIZA + PORTUGAL 2026
Estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os escenarios. Cómpre facilitar, visibilizar, abrir espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para encontrar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción. Ademais, queremos procurar o diálogo coas inquedanzas que, neste ámbito, podemos compartir coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua.
Nesta oitava edición do festival acollemos 7 proxectos (4 galegos e 3 portugueses), que foron mostrados e compartidos en público.
Desa selección, logo das presentacións no VIII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2025: Galiza + Portugal, a comisión organizadora da AELG, con Afonso Becerra, Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña e Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués em Vigo; Fabrice Corrons, especialista en teatro contemporáneo e profesor na Universidade de Toulouse; contando co voto emitido polos propios participantes, premiarán proxecto(s) coa posibilidade da súa estrea posterior. Non obstante, este premio podería quedar deserto, se o xurado así o considerase.
Terá lugar o domingo 25 de outubro de 2026 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A entrada é libre e gratuíta para calquera persoa interesada que queira acudir como público.
PROGRAMA
DOMINGO 25 DE OUTUBRO DE 2026
No Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Entrada libre.
– 10:00 h. Apertura da Xornada a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e representantes das institucións colaboradoras.
IX Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (mañá).
– 10:30 h. Jimmy Núñez. A casa do avó.
– 11:00 h. Intervalo.
– 11:15 h. Diana Longa e Javier Villamil. Xineceo.
– 11:45 h. Intervalo.
– 12:00 h. Altea Piñeiro. A última cea.
– 12:30 h. Intervalo.
– 12:45 h. Aula maxistral Memoria e Acción, a cargo de María Goiricelaya.
IX Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (tarde).
– 16:30 h. Clara Zamorano. Crescer, Dói!
– 17:00 h. Intervalo.
– 17:15 h. Paulo Narciso. Gordot.
– 17:45 h. Intervalo.
– 18:00 h. Rafael Ferreira. As Bacantes.
– 18:30 h. Intervalo.
– 18:45 h. Silvia Penas e Samuel Merino. Barreira para peles sensibles.
– 19:30 h. Inicio do proceso de deliberación, por parte do Comité de Selección do Festival, formado por Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, Director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español, Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués em Vigo; Fabrice Corrons, especialista en teatro contemporáneo e profesor na Universidade de Toulouse; contando cos votos emitidos polas/os creadoras/es dos proxectos escénicos presentados, que será dada a coñecer nos días seguintes á Xornada.

















