Desde Agadic:
“O Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta semana a Contraproducións con sete pases do espectáculo Fillos do sol, unha proposta escénica de Cándido Pazó arredor da figura do escritor Eduardo Pondal e do seu poema épico Os Eoas. Serán catro funcións para público xeral, do xoves 9 ao domingo 12, e outras tres dirixidas a escolares, nos días lectivos.
A compañía galega presenta esta montaxe no centenario da morte do autor de Ponteceso, un dos piares literarios do Rexurdimento Galego, e faino achegándose á súa vida e obra a través dunha produción que mestura realidade ficcionada e fabulación dramática.
Interpretado por César Cambeiro, un Don Eduardo xa octoxenario e comesto pola neurose, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas cun personaxe nacido da súa perturbación, Eduardo, que non é outro que el mesmo cando comezaba de mozo a súa carreira literaria. Adrián Ríos é o actor que se pon neste papel, formando parte dun elenco que completa Alba Bermúdez como Rosa, a criada da pensión na que o bardo pasou a última etapa da súa vida.
O traballo actoral é un dos principais reclamos desta montaxe, xa que se presenta como un elaborado exercicio de interpretación ao servizo dun texto, dunha lingua e duns personaxes. O espectáculo conta tamén cunha coidada iluminación, obra de Afonso Castro, e cunha música orixinal composta por Guillerme Fernández que lle dá vida sonora ás emocións e ao ritmo escénico.
Con dúas tramas entrelazadas e ritmos cambiantes, Fillos do sol combina momentos de reflexión (sobre a historia e a creación literaria, a lingua e a identidade colectiva), de comicidade (da expresión e da sabedoría popular), e de emoción (pola tenrura das relacións humanas).
A venda anticipada de entradas para as funcións de público xeral (xoves, venres e sábado ás 20,30 h. e domingo ás 18,00 h.) está xa dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.”
Arquivo da categoría: Teatro
A Coruña: estrea de Despois das ondas, de Ernesto Is
Paiosaco: representación de Rodríguez, o loro de Picadillo, de Xabier Maceiras
Compostela: representación de A fada pirata, de Carlos Labraña, polo grupo de teatro Os Furabolos
Compostela: presentación de A formiga fóra do carreiro, de Raquel Castro
O CDG estrea este xoves Neorretranca e posmorriña nunha aposta por reflectir a diversidade da nova dramaturxia galega
Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este xoves día 11 no Salón Teatro de Santiago a súa nova produción propia, Neorretranca e posmorriña, dirixida por Gena Baamonde e interpretada por un elenco de 10 actrices. Baixo este título, a compañía pública pon en escena as pezas Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte, que lle ofrecen ao público dúas olladas moi diferentes arredor da identidade galega como punto de partida común.
Este eixo temático compartido é o resultado da participación de ambos os autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, do que formaron parte xunto a outros 10 integrantes e baixo a coordinación do escritor e director teatral Manuel Lourenzo. O CDG puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.
Nesta aposta por reflectir a diversidade da nova dramaturxia galega incidiron hoxe tanto o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, como a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, na presentación da estrea do espectáculo, que poderá verse ata o 5 de maio na sede compostelá da compañía da Xunta. Acompañáronnos o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora do espectáculo, Gena Baamonde, ademais dos autores, o elenco interpretativo e o resto do equipo artístico, tamén maioritariamente feminino.
Ollada aceda e retranqueira
Os dous textos que conforman Neorretranca e posmorriña preséntanse como dúas pezas independentes e completamente diferentes, tanto desde o punto de vista estético como desde a súa forma de entender a dramaturxia. Porén, ambas as obras foron abordadas de xeito flexible pola dirección escénica para incorporar as achegas e a enerxía grupal, que todo o equipo coincidiu en destacar ao respecto do proceso de ensaios. Así mesmo, tamén teñen como común denominador a súa ollada aceda e retranqueira sobre a identidade galega.
A linguaxe corporal e o xogo escénico son os eixos arredor dos que se levantou Fantasía nº 5 en sol ou non, definida por Gena Baamonde como unha colaxe, un “catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”. A partir deste traballo de movemento grupal, o texto vai poñendo o foco en tópicos e prexuízos, que se abordan desde a ironía, o humor e a crítica irreverente.
Pola súa banda, Boisaca ou a divina desgraza reflicte outra visión da dramaturxia contemporánea, cun fío narrativo máis recoñecible e cargado de retranca a través de personaxes moi caricaturizados. O propio Roi Vidal, encarnado nunha actriz veterana, é un dos personaxes desta obra, na que –coa encarga de escribir un texto sobre a identidade galega como escusa– emprende unha viaxe polo máis alá na procura do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. Neste camiño, irase atopando con algunhas figuras emblemáticas do imaxinario galego como Isaac Díaz Pardo, Castelao ou Rosalía, ademais de contar coa axuda de Mary Shelley, a autora de Frankestein, para intentar encaixar cada unha das pezas desa idea de Galicia.
Diversidade xeracional e artística
Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde son as dez intérpretes de Neorretranca e posmorriña, conformando un elenco no que teñen cabida varias xeracións de mulleres con formacións e traxectorias artísticas moi diversas en ámbitos como o teatro, as artes do movemento ou o audiovisual.
O resto do equipo artístico tamén é maioritariamente feminino, con Marta Pazos a cargo do deseño da escenografía; Alicia e Lola Dapena (Saturna), do vestiario; Esther Quintas, da caracterización; Wilma Moutinho, da iluminación; Ailén Kendelman, da música orixinal e do adestramento vocal; María Cabeza de Vaca, da coreografía e do adestramento físico; Rosa Moledo, da asesoría lingüística, e o Mago Teto, da asesoría de maxia. Ademais, Iria Azevedo traballa na asistencia de dirección; Carmen Triñanes, de escenografía; María Alonso Velázquez, de música, e Hugo Torres, de produción.
Funcións e venda de entradas
Neorretranca e posmorriña poderá verse ata o 5 de maio no Salón Teatro, onde o CDG levará a cabo 19 funcións. As de público xeral terán lugar de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, ás 18,00 h. Así mesmo, os asistentes terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo tras o pase dos xoves nos chamados Encontros co Público. En canto á campaña escolar, desenvolverase en pases matinais os días 23, 24 e 29 de abril para alumnado de institutos.
A venda anticipada de entradas está dispoñible a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443. A partir da estrea, poderán mercarse tamén no despacho de billetes da sede do Centro Dramático Galego, que abre ao público desde dúas horas antes do comezo de cada función. O seu prezo é de 10 euros de xoves a sábado, cos descontos habituais, e de 5 euros os domingos, Día do Espectador no Salón Teatro.
Domingos de conciliación
Ademais, nas representacións dos días 14, 21 e 28 de abril e 5 de maio, o CDG desenvolve os seus Domingos de Conciliación, dirixidos a todas as persoas con nenos/as ao seu cargo que queiran asistir ao espectáculo. Esta iniciativa –incluída no prezo da entrada– consiste nun obradoiro de artes escénicas para idades comprendidas entre os 5 e 12 anos, onde os rapaces e rapazas poden pasar unha tarde entretida mentres os seus maiores asisten ao espectáculo. Para solicitar este servizo, de prazas limitadas, cómpre enviar un correo electrónico a centro.dramatico.galego@xunta.gal ou chamar ao 881 867 229, de luns a venres (agás festivos) de 9,00 a 14,00 h.
Neorretranca e posmorriña iniciará despois unha xira de dous meses durante a que se exhibirá en Tui (Teatro Municipal, 10 de maio), Pontevedra (Auditorio Afundación, 17 de maio), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 24 e 25 de maio), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 31 de maio), Rianxo (Auditorio Municipal, 14 de xuño) e Vigo (Teatro Afundacion, 5 de xullo), entre outras localidades.”
A Coruña: Xornada “Mulleres e innovación nas artes intermedia”
Compostela e Vigo: sesión de Dramaturxias itinerantes/Dramaturgias itinerantes
A sesión Dramaturxias itinerantes/ Dramaturgias itinerantes que terá lugar o vindeiro luns, 8 de abril de 2019 ás 18:30 horas, no Consello da Cultura Galega. O Consello da Cultura Galega, o Camões, Centro Cultural Portugués en Vigo e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia poñen en marcha este programa que ten por obxectivo servir de ponte entre as escrituras teatrais galega e portuguesa para fomentar, a través do diálogo escénico, un mellor coñecemento mutuo que poida agromar en futuros traballos colectivos. Na primavera de 2019 inauguramos en Galicia o ciclo e acollemos, primeiro en Compostela e despois en Vigo, as dramaturgas Patrícia Portela e Lina Pérez. Escoitaremos os seus textos orixinais nas voces de alumnado da ESAD e de parte do Grupo de Teatro Amador do Centro Cultural Português do Camões de Vigo “Eu.Experimento” e teremos ocasión de departir coas dúas escritoras nun debate moderado por Afonso Becerra. Por volta do verán, a actividade terá continuidade en terras portuguesas.
Neste enlace pode obter máis información e nestoutro facer a súa inscrición na sesión que terá lugar no Consello da Cultura Galega.
Fichas técnicas das obras:
– Escudos Humanos. Uma peça de acção con muitas palavras (2008) de Patrícia Portela
Intérpretes: Grupo de Teatro Amador do Centro Cultural Português do Camões, Instituto da Cooperação e da Língua, I.P. en Vigo – Eu.Experimento
Dirección: Vanesa Sotelo
Duración: 20 minutos
– Os cans non comprenden a Kandinsky (2017) de Avelina Pérez
Intérpretes: Alumnado da ESAD de Vigo
Dirección: Nuria Montero, profesora e actriz
Duración: 20 minutos
O 9 de abril, ás 16:30 horas, esta sesión de lecturas dramatizadas repetirase na sede da ESAD de Vigo.