Arquivo da categoría: Teatro
Ourense: actividades destacadas do 82 Congreso PEN Erguendo pontes literarias do luns 26 e martes 27
Dentro
do programa do 82 Congreso do PEN Clube, Erguendo pontes literarias, terán lugar en Ourense as seguintes actividades destacadas o luns 26 e martes 27, dentro do seu programa: Programa-Congreso-PEN-2016.
Luns 26
– 20:00 h. Teatro Principal (Rúa da Paz, 9). Acto inaugural. Espectáculo “Ourense Literario”, a cargo da Compañia de Teatro A Panadaría. Con Bieito Iglesias, lembranza de: Eduardo Blanco-Amor, Carlos Casares, Antón Risco, Antón Tovar, Pura Vázquez, Marcos Valcárcel e Xosé Fernández Ferreiro.
Martes 27
– 20:00 h.. Praza de San Martiño. A (Poesía) Milagre do Mundo. Unha idea de Manuel Rivas. Música de Pulpiño Viascón. Olga Novo, Oriana Méndez, Estevo Creus, María do Cebreiro, Dores Tembrás, Xohana Torres, Iolanda Zúñiga, Lucía Aldao.
Betanzos: representación de Xente de pálida pel, polo Clube Teatral Elsinor
Vigo: XI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Teoría dos contrarios
O
XI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o título de Teoría dos contrarios. Arredor de camiños diverxentes non necesariamente excluíntes, terá lugar do 26 de setembro ao 19 de outubro no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, con entrada libre.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, achegan á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras.
O obxectivo xeral é que o alumnado obteña unha unha panorámica subxectiva da situación dos xéneros poético, narrativo e teatral en Galicia na actualidade a través das/os súas/seus creadores/as. Despois de cada mesa redonda hai un coloquio aberto para dar oportunidade ao alumnado de formular as súas preguntas. As mesas serán retransmitidas en directo no servidor de streaming da Universidade de Vigo.
Luns, 26 de setembro | 12:00
Literatura e/ou mercado?
Susana Sánchez Arins e Xesús Constela.
Reflexión sobre o concepto de gran público no sistema literario galego.
Mércores 5 de outubro | 10:00
Poesía ou performance?
Iolanda Zúñiga e Silvia Penas.
Dos límites difusos entre a poesía e a performance.
Mércores 19 de outubro | 10:00
Drama ou postdrama?
AveLina Pérez e Manuel Lourenzo.
Sobre a vixencia do drama e do postdrama no relato teatral contemporáneo.
Salvaterra: XXX Festival de Poesia no Condado
A Sociedade Cultural e Desportiva (SCD) do Condado organiza o XXX Festival da Poesia, que este ano celebra o Centenario das Irmandades da Fala. Dentro do seu programa destacamos os seguintes actos literarios:
Venres 2
– 20:30 h. Noite nas Minas. Rochi Nóvoa. Recital poético.
Sábado 3
– 12:00 h. Poesia. Abordaxe poética no comboio de baixa velocidade.
– 13:00 h. Presentaçom. As terapias da doutora Ledicia, de Raquel Castro, publicado por Galaxia.
– 18:00 h. Teatro. A lingua na boca. Letras, riscos e pensamentos de Castelao, de Limiar Teatro.
– 18:00 h. Poesia. Assinatura de livros das poetas participantes.
– 19:00 h. Poesia. Abordaxe poética no campo da festa.
– 19:00 h. Poesia. Antía Otero & Isaac Garabatos.
– 19:30 h. Poesia. Xuventude Imbécil.
– 20:30 h. Música & Poesia. Apresenta: Xurxo Souto. Leitura do limiar, por Xurxo Martínez.
Poesia: Emma Pedreira, Mário J. Herrero, Rui Spranger, Ana Romaní, Aurora Boreal, Oriana Méndez, Jesús Castro, Manolo Pipas, Lara Dopazo e Antón Blanco.
Música: Zurrumalla, Sokram, Familia Caamagno e Selecta Alice.
Na presentación de Atlántida, peza escénica creada no obradoiro Hibridar o imaxinario, dirixido por Rosalía Fernández Rial
Desde
a Deputación da Coruña:
“A Escola de Escritores-as da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) clausurou hoxe martes o obradoiro de creación literaria Hibridar o imaxinario, impartido pola escritora Rosalía Fernández Rial cun acto en que, ademais da propia autora, participou a responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e o presidente da entidade promotora, Cesáreo Sánchez Iglesias. Ademais das intervencións, no acto desenvolveuse unha proposta performática por parte de persoas que participaron no obradoiro. (…)
Goretti Sanmartín quixo, na súa intervención, destacar o esforzo realizado en iniciativas como a da AELG para contribuír a que as bibliotecas sexan “centros dinámicos” e felicitou de maneira especial o que denominou un “recitado contemporáneo, isto é, o feito de que a poesía sexa fundamentalmente un espazo coral de encontro arredor da creatividade”. (…)
Pola súa parte, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, destacou a importancia da poesía nun “tempo de sobreinformación paralizante xa que nos achega a territorios do humano, da propia capacidade de escoitar”. (…)”
Carballo: presentación de Atlántida, peza escénica creada no obradoiro Hibridar o imaxinario, dirixido por Rosalía Fernández Rial
O
martes 30 de agosto, ás 11:00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, o alumnado participante no obradoiro creativo Hibridar o imaxinario, dirixido por Rosalía Fernańdez Rial, presenta ante o público carballés Atlántida, unha peza escénica con catro movementos -“Rosa dos ventos”, “Delirio”, “Fera liberada” e “Maroma”-.
Máis información aquí.
A Antígona de María Xosé Queizán, III parte: O incesto como expresión política da igualdade: o impulso de Elvira, por Rosa Enríquez
Artigo
de Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Entremos xa de cheo na Antígona da dramaturga viguesa. Vexamos como reflicte esas relacións de poder que Elvira intenta subverter, transgredindo as normas do parentesco, da política e tamén da linguaxe. Podemos comezar por Ismene/Aldena, bastante menos interesante que Antígona/Elvira, pero necesaria para dar conta do contraste entre a muller submisa, cómplice do poder masculino, fronte a muller en guerra que representa Antígona/Elvira, co seu carácter irritábel, ardorosa, eroticamente libre, que se expón para situarse nun lugar diferente e asume as consecuencias.
A Ismene, que, na adaptación de Queizán recibe o nome de Aldena, permite ver polo tanto o peso abrumador do deber, que ela asume na súa condición de doente, pasiva e conciliadora. Dobremente dominada, Ismene/Aldena séntese na obriga de compracer ao Estado Creonte/Conde Don Oveco -e á familia Antígona/Elvira, Polinices/Fruela, así é que sofre e permanece no ámbito que se considera propio das mulleres, un espazo fechado, que ralentiza o tempo e a expresividade. Nas sombras só é posíbel o pranto, a recepción da dor e a consecuente aceptación da mesma.
Poderiamos entón ver a Aldena/Ismene como unha santa, alguén que nace para compracer, porque, se os homes son seres para a morte, en palabras de Heidegger, nós, as mulleres, somos seres para suavizar a dura existencia do outro. Isto é así na medida en que a finitude constitúe un drama masculino que dispensa certa “auctoritas”. A convivencia consciente con esa dor inevitábel fai aos homes sabios, ademais de os inducir ao heroísmo, bélico normalmente. A posibilidade de devir heroe provoca o desexo e sempre que o desexo acontece o impulso vital aparece. A historia da literatura ofrece probas evidentes de que ese desexo existe. É máis, creo que esa presenza constante da guerra na literatura, cos seus espazos de realización, exclusivamente masculinos, revelan a construción e reconstrución do imaxinario patriarcal, que, dalgunha maneira pode levarnos a interpretar ese afán de gloria como algo que unicamente pertence aos homes. Sendo isto así, só eles poden glorificarse, como Eteocles, ou caer en desgraza, como Fruela/Polinices. Da utilidade da guerra, do impulso vital que suscita fala Roi, o fillo de Oveco, no I Acto, na cuarta escena da obra de Queizán, cando afirma que serve para “xustificar a razón”, porque “A guerra é o pai de todas as cousas. Pon a todos no seu lugar: uns, arriba e outros, abaixo como debe ser” (…)”.
As adaptacións da Antígona clásica, (a Antígona de María Xosé Queizán), por Rosa Enríquez
Artigo
de Rosa Enríquez na Sega:
” “A miña Antígona, chamada Elvira, vive na Idade Media, finais do século XI. (…) -explica María Xose Queizán no prólogo da triloxía teatral, Antígona, A cartuxeira, Neuras– Esta Antígona non se limita a querer enterrar o seu irmán dun xeito particular. Esta Antígona desafía o poder e sae do privado, do feminino, e pretende enterrar o irmán nun acto público e revolucionario. Non permanece na lei escura, na lei da muller, senón que irrompe na lei pública, na lei masculina, e decide contestala. Trátase pois dunha Antígona política”. Con esta aclaración, Queizán pon enriba da mesa o seu desexo de revisar esa Antígona ancestral, imaxinada, no seu inicio por Sófocles, e tantas veces recreada por escritores e artistas de todas as épocas. María Xosé, consciente disto, identifícase como “intérprete” dese personaxe clásico que tanto interese ten suscitado ao longo dos séculos. “Os mitos e a súa trascendencia xeran a dinámica da repetición. Repetir, reincidir, é a base da escrita. Ser escritora consiste en ser intérprete das interpretacións, en palabras de Montaigne”, explica a autora. E leva razón, mesmo cando cremos escribir algo diferente, estamos interpretando. Así aconteceu coa obra do dramaturgo grego. A proliferación de Antígonas nas artes, alén das letras, é unha proba evidente do efecto causado por este personaxe feminino. Aí está a de Garnier, por exemplo, que, como moi ben apunta a viguesa, representa “unha mater dolorosa do século XVI”; a de Romain Rolland, profundamente antibelicista e mesmo “santificada”, dende un punto de vista laico, con ese “vaticinio” sentencioso do francés, que a escritora galega recolle tamén no prólogo e que reza así: “¡Só as mulleres poden salvar a humanidade das mans dos homes!”. As mulleres como salvadoras? Non sei se esta “concesión moral” de Romain Rolland pode interesarnos. Entendo a expresión e o contexto no que se produce. Valoro tamén a concienciación do autor, mais non creo que iso de nos atribuír “a misión” de “salvar os homes”, mesmo “a humanidade” en xeral, sexa unha visión feminista en absoluto. Máis ben semella unha especie de santificación laica de noso, na que, obviamente, o elemento nuclear volven ser eles e as súas necesidades. Daquela, volvo insistir, esta idea da muller como salvadora de homes nin me agrada, nin me parece revolucionaria. Porque o interesante, o realmente necesario, é rachar o núcleo do patriarcado, de xeito que o foco de atención deixe de ser a heterosexualidade masculina.
Non pode haber un único foco. Por iso, no canto de traer aquí a cita de Shelley iso de que “todos somos gregos”, por mor da influencia que esta construción cultural tivo e ten en Occidente, case prefiro afirmar que “todas somos Hipatias”, por exemplo. Ou Antígonas xa que estamos.
María Xosé Queizán: Antígona. A cartuxeira. Neuras, 2008, Galaxia.”
Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do xoves 11
O
xoves 11 de agosto comeza a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), organizada polo Concello de Cee, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 11:30 h. Títeres Cascanueces presenta Barriga Verde e o estragapandeiros, baseado en textos de Manuel María.
– 20:00 h. No Museo Fernando Blanco: Concha Blanco e María Canosa presentan Será correcto?, publicado por Hércules de Edicións, e A que altura está o ceo?, de Jorge Mira e María Canosa, publicado por Alvarellos, coa participación de Santiago Garrido.
– 21:15 h. Pregón da Feira a cargo de Jorge Mira.


