Paseos Literarios por Compostela. Primavera 2018

Os Paseos Literarios por Compostela. Primavera 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago.
Trátase dunha nova edición deste Ciclo de percorridos literarios por Compostela, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.

As inscricións, gratuítas, poden realizarse desde agora no correo electrónico teatroprincipal@santiagodecompostela.gal, indicando o nome, apelidos, un teléfono de contacto, e o(s) Paseo(s) ao(s) que se quere asistir.

Estes son os paseos previstos:

Xoves, 31 de maio, ás 18:00 h.
Compostela negra, con Diego Ameixeiras.
Punto de partida: Praza de Cervantes.

Sábado 2 de xuño, ás 19:30 h., no marco da SELIC.
Paseo por unha cidade na palabra, homenaxe a Salvador García-Bodaño. Con Xosé María González Xil.
Punto de partida: Praza do Obradoiro

Xoves 7 de xuño, ás 18:00 h.
Roteiro arredor de Fermín Bouza-Brey en Compostela, con Antón Lopo.
Punto de partida: número 43 da Rúa do Vilar.

Xoves 14 de xuño, ás 18:00 h.
A cidade das augas, con María do Cebreiro.
Punto de partida: Ponte Vella do Sar.

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (VI)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións nos premios ás seguintes traxectorias:

Premio á Iniciativa cultural ou de fomento da lectura: Viñetas desde o Atlántico.

Premio ao Proxecto literario na rede: Caderno da crítica, de Ramón Nicoláshttps://cadernodacritica.wordpress.com/

Xornalismo Cultural: Ana Romaní

Isabel-Clara Simó: “En Catalunya xa non é obrigatorio pasar por Madrid”

Entrevista de Daniel Salgado a Isabel-Clara Simó en Sermos Galiza (foto de Laura R. Cuba):
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que lle di recibir un premio que se chama Escritora Galega Universal?
– Isabel-Clara Simó (ICS): Déixame patidifusa, atónita e dáme moita seguridade en min mesma. É estupenda.
– SG: E o feito de que a declaren Galega Universal?
– ICS: Iso paréceme moi normal. Os galegos por definición sodes universais, uns dos grandes emigrantes do mundo.
– SG: Mantén relacións coa literatura galega?
– ICS: Antes si.
– SG: Na época do semanario Canigó?
– ICS: En Canigó e tamén en Galeusca. Pero cando rematou Galeusca, os contactos fixéronse menores.
– SG: Con que escritores ou escritoras?
– ICS: Eu son moi antiga e son moito da Xeración Nós. Encántame. Este home gústame [sinala o poeta e presidente da AELG Cesáreo Sánchez Iglesias, que asiste á entrevista]. Pero non quero dicir máis nomes.
– SG: As literaturas non castelás do Estado español parece que teñan que pasar sempre por Madrid para se relacionar…
– ICS: Xa non, iso é antigo.
– SG: Vostede cre?
– ICS: Polo menos desde a literatura catalá. Antes, se te traducían ao francés ou ao inglés, tiñas que pasar polo castelán. Agora xa non. Tes contactos directos. Non sei que está pasando na Galiza nin en Euskadi. Pero en Catalunya xa non é obrigatorio pasar por Madrid.”

Ourense: actividades destacadas da Feira do Libro o 1 de xuño

O 1 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Presentación de Flor negra, de Genaro da Silva, publicado por Chan da Pólvora.
20:00 h. Recital poético arredor do libro Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, publicado por Alvarellos.
21:00 h. Presentación de Os Eidos de Novoneyra, do selo da Biblioteca da Mesopotamia, de Chan da Pólvora.

Semana do Libro de Compostela (Selic) 2018, actos destacados do venres 1

O venres 1 de xuño abre as súas portas a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 17:00 a 21:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:

17:30 h. Espazo efémero. Inauguración SELIC. Brinde con Rosalía de Castro.
18:30 h. Teixido. San Andrés de Lonxe: Mitos e Ritos. Deputación da Coruña. Presentación do libro de Xohana Torres. Participarán á Vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación de A Coruña, Goretti Sanmartín Rei, Xan Carballa e Ana Romaní.
19:30 h. Xandobela. Poemas estampados. Obradoiro creativo no que ilustraremos poemas con selos e tintas de cores.
21:30 h. OFF SELIC. Quico Cadaval. Contada a cargo de Quico Cadaval organizada polo Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago.