A Escritora Nones Araújo Gaña o I Premio de Novela Curta Alén do Concello de Ares

Desde o Concello de Ares:
“O pasado 5 de xuño, o xurado da I Edición do Premio de Novela Curta Alén do Concello de Ares anunciou que a gañadora é Nones Araújo, profesora e escritora afincada en Vigo cunha destacada traxectoria literaria e varios premios no seu haber. O premio ascende aos 2.000 euros e conleva a posterior publicación da obra. A súa presentación será o 19 de agosto dentro da programación do VI Ares Indiano.
A novela premiada, titulada A Madriña, foi elixida por unanimidade polo xurado, composto pola profesora ad honorem da Universidade de Santiago, Blanca Roig Rechou, a profesora da Universidade de Vigo, Mª del Mar Fernández Vázquez, e a directora de Hércules de Ediciones, Laura Rodríguez Herrera. O xurado destacou a calidade literaria e a profundidade temática da obra.
A Madriña relata en primeira persoa a vida da protagonista, quen lembra a súa historia a partir das consecuencias da emigración familiar. O xurado destacou as citas iniciais de cada capítulo, a riqueza do léxico empregado, o ton e ritmo do relato, as oracións sentenciosas e os dobres sentidos, así como o manexo das referencias culturais. Da mesma maneira, eloxiouse o uso dunha linguaxe que respecta as diferenzas de xénero e a habilidade da autora para plasmar os trazos dos personaxes e ambientes. (…)”

Roteiro Pegadas na Coruña do Libro negro da lingua galega, con Carlos Callón

O Roteiro Pegadas na Coruña do Libro negro da lingua galega, guiado por Carlos Callón o xoves, quinta feira, 6 de xullo, desde as 18:00 horas, terá como punto de partida a rúa Panadeiras (fronte á igrexa das Capuchinas), é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.

Nesta visita guiada coñeceremos algunhas das historias contidas no Libro negro da lingua galega que aconteceron na cidade da Coruña. Deterémonos nas multas “por hablar al público en gallego“, mais tamén de manifestacións de estudantes para reivindicalo; das queimas de libros, mais tamén dunha escola coruñesa que ensinaba a ler en galego no século XIX… Falaremos, en fin, da represión do noso idioma ao longo do tempo na cidade, mais tamén das persoas que traballaron e sementaron para conseguirmos un futuro diferente; das mulleres e homes que nos sinalan o camiño.

As persoas interesadas deben inscribirse previamente no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome e apelidos. A inscrición realizarase por orde cronolóxica de chegada das solicitudes. Agora mesmo están todas as prazas cubertas, polo que as solicitudes que cheguen se incorporarán a unha listaxe de reserva.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Pedro Feijoo, María Reimóndez e Leticia Barbadillo Vázquez, Premios Xerais 2023