Escritor Galego Universal 2026: Basim Mohammad Saleh Adeeb Al-Khandaqji

Destacado

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Basim Mohammad Saleh Adeeb Al-Khandaqji, escritor palestino, como Escritor Galego Universal en 2026, como mostra de admiración e profundo respecto pola súa persoa e polo traballo desenvolto na defensa da literatura e a dignidade nacional de Palestina.

Nado en 1983, é Licenciado en Socioloxía, cun mestrado en Estudos Israelís pola Universidade Al-Quds (Abu Dis).

A súa novela Unha máscara da cor do ceo foi galardoada co Premio Booker Internacional de Novela Árabe en 2024. Foi liberado no marco do último acordo de intercambio de prisioneiros.

A súa obra escrita está formada polos seguintes libros:
– Poemario Rituais da primeira amargura, con limiar do poeta e xornalista libanés Zahi Wehbe / Dar Al-Arabiya Lil-Ulum, Beirut.
Alentos: poema nocturno, con limiar do poeta e xornalista libanés Zahi Wehbe / Dar Al-Arabiya Lil-Ulum, Beirut.
– Novela Almiscre da suficiencia: biografía da señora das sombras libres, con limiar do novelista palestino Mahmoud Shuqair / Dar Al-Arabiya Lil-Ulum.
– Novela Narciso da soidade, con limiar do novelista palestino Mahmoud Shuqair / Al-Maktaba Al-Sha‘biyya, Palestina.
– Novela O eclipse de Badr al-Din, con limiar do novelista palestino Ibrahim Nasrallah / Dar Al-Adab, Beirut.
– Novela Alentos dunha muller derrotada, con limiar do novelista palestino Mahmoud Shuqair / Dar Al-Ahliyya, Ammán.
– Novela Unha máscara da cor do ceo / Dar Al-Adab, Beirut.
– Novela O gardián do Holocausto / Dar Al-Adab, Beirut.

Conta con numerosos artigos publicados en sitios literarios electrónicos e en redes sociais. Ten tamén unha páxina secundaria no sitio web Al-Hiwar Al-Mutamaddin, que contén máis de corenta artigos políticos, literarios e en prosa, ademais dunha serie de artigos sobre a realidade do movemento de prisioneiros.

Nas anteriores edicións recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó, María Teresa Horta, Mariasun Landa, José Luandino Vieira, Ana Luísa Amaral, Lydia Cacho, Joseba Sarrionandia e Shahd Wadi.

XIV Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia

O XIV Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia conta coa colaboración da AELG.

Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico, un espazo aberto para pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar un achegamento ao pensamento científico, de forma libre e persoal, a través da creación literaria, e explorar realidades antes non imaxinadas.

A AELG colabora habilitando prazas para as persoas gañadoras nos Obradoiros da súa Escola de Escritoras e Escritores.

As bases do concurso poden descargarse nesta ligazón.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) convoca, a través da súa Delegación a Catalunya, a XIV edición de Inspiraciència.

Até o 24 de marzo de 2026, poderanse presentar relatos cunha extensión màxima de 800 palabras e vídeos breves de danza en calquera das linguas oficias de Inspiraciència, galego, castelán, catalán e éuscaro, en dúas modalidades: Adultas/os (a partir de 18 anos) e Xoves (de 12 a 17 anos).

Nesta edición, os traballos gañadores recibirán por primeira vez premios monetarios e vales culturais de até 500 euros. Alén diso, seguiranse outurgando o Premio do Público, decidido mediante votación na web do certame, e o Premio de Ciencias e de Letras, dirixido ao profesorado que fomente a participación do alumnado.

O novo Premio Especial de Danza realiízase en colaboración co Departamento de Historia da Arte e Patrimonio e o Laboratorio Coreolóxico (CoreoLab) do Instituto de Historia do CSIC (IH-CSIC).

O premio inaugura o formato vídeo en Inspiraciencia con dúas subcategorías: Coreografía escénica, para pezas coreográficas que integren procesos de investigación de calquera área científica, e Screendance, para obras audiovisuais que reflicten un proceso de pesquisa de calquera área científica a través da linguaxe da danza e combinando todo tipo de recursos audiovisuais na súa edición.

En cada subcategoria, outorgarase un premio de 250 euros na modalidade Adulto/a e un vale cultural polo mesmo valor na modalidade Xove.

Para cada un dos idiomas do certame, concederase un premio de 500 euros na modaldade Adulto/a, mentres que na modalidade Xove librarase un vale cultural por valor de 250 euros tantto para o autor ou autora do relato como ao seu centro educativo.

As seguintes entidades culturais e científicas colaboran no certame coa súa difusión e premios: Escola d’Escriptura de l’Ateneu Barcelonès, Escola d’Escriptors, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Editorial Galaxia, ElHuyar, Mètode. Revista de Difusió de la Investigació de la Universitat de València, Efervesciencia (Radio Galega), Produccions Impossibles e Casa de l’Artista en Terres de Cruïlla.

Información e participación

As bases completes e o formulario de participación están dispoñlíbeis na web oficial do certame: inspiraciencia.es

As obras poden presentarse até o 24 de marzo de 2026 ás 23:59 horas (hora peninsular).

Contacto: info@inspiraciencia.es.

Bases dos XXVIII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o XIV Manuel María de literatura dramática infantil e xuvenil e XVII Barriga Verde de textos para monicreques