Arquivos da etiqueta: A Nosa Terra
Ramón Nicolás: “Hai que preguntarse onde non estivo don Paco ao longo da vida de Galicia durante o século XX”
Entrevista a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Supoño, porque Francisco Fernández del Riego estivo en todos os grandes feitos do galeguismo do século XX.
– Ramón Nicolás (RN): Dende o mitin que deu na súa vila natal en 1931, cando tiña 18 anos, o seu compromiso foi total. Está en todo, nas Mocidades Galeguistas, no Partido Galeguista, No Seminario de Estudos Galegos, Ultreia, na Asociación de Escritores en lingua Galega, estivo como representante galeguista no Estatuto de Autonomía. Foi colaborador en A Nosa Terra, Nós, Alento, etc. E logo, na posguerra está presente en todo o que foi a reconstrución do galeguismo, desde a fundación de Galaxia á creación da Penzol, pasando pola creación do Día das Letras Galegas ou a presidencia da Real Academia. Realmente hai que preguntarse onde non estivo Fernández del Riego. Ata nese tempo estivo dúas veces no cárcere por exercer ese labor de difusión cultural. Arriscou moito da súa propia vida.
– LVG: Sempre se lle recoñece a don Paco o seu papel como activista. Pero como é o seu traballo literario?
– RN: Á marxe de todo iso el construíu unha gran obra literaria. Pero esa obra, en gran parte, está enfocada cara ao ensaio, que é un xénero de minorías. Pero é moi rico e valioso porque el, como ensaísta ou autor de libros de crónicas e viaxes ten un estilo propio moi facilmente recoñecible. Eu creo tamén que el sacrificou unha obra creativa de amplo espectro, como pode ser a narrativa, en función de todos eses traballos silenciosos e o traballo de recuperación da memoria. De feito só nos deixou unha novela, O cego de Pumardedón, e un par de relatos pequenos. Pero si deixou unha grande cantidade de traballos extraordinarios e artigos xornalísticos, como os que fixo durante vinte anos en La Voz.
– LVG: Ademais, fixo traducións.
– RN: Si, ademais da súa faceta como ensaísta, narrador e ser un gran orador, Del Riego fixo varias traducións tanto para Galaxia como para a revista Grial. Hai que entender esa labor dende o punto de vista de tratar de normalizar a presenza do idioma galego na literatura coa presenza de textos traducidos. É curioso porque xunto con Plácido Castro mantiveron unha relación coa BBC británica, na que organizaban emisións radiofónicas.
– LVG: É certo que recuperou a Cunqueiro para a literatura?
– RN: Si. A Cunqueiro xa o coñecía da mocidade porque el era de Vilanova de Lourenzá e Cunqueiro de Mondoñedo, e ían xunto a examinarse a Lugo. E si foi clave na recuperación de Cunqueiro tras a guerra. Cunqueiro recoñeceu que o Merlín non sería tal se non fose pola insistencia de Francisco Fernández del Riego. Tamén lle pasou con Longa noite de pedra, que apareceu despois dunha reunión entre Del Riego e Celso Emilio Ferreiro escolmando os poemas. Mesmo foi el que suxeriu o título. Incluso detrás dos grandes escritores da posguerra está el como editor, corrector ou incitador. É unha figura total. (…)”
“Xoán Costa, cos pés na terra”
Entrevista de María Obelleiro a Xoán Costa en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Coñece de primeira man Carvalho Calero. Que destaca das súas múltiplas facetas? Que supuxo para vostede o contacto de perto con el?
– Xoán Costa (XC): Coñecino primeiro como profesor. Despois traballei con el, sobre todo na definición da revista Agália. Destacaría del, primeiro, o seu pouco afán de protagonismo. Tamén destacaría a coherencia de pensamento, que era total e que nunca o levou a renunciar aos seus principios ideolóxicos, aínda que os tivese que adecuar ás circunstancias do momento. El prefería pór diante de todo a visibilidade da causa que defendía a ser protagonista principal dela. Vese perfectamente nas cartas a Fernández del Riego. Aí deixaba ver como era necesario constituír grupos de presión que influísen na Academia para levala cara a un determinado sentido na defensa da lingua e da literatura ou a idea de influír no sistema educativo coa edición de materiais alén dos clásicos libros de texto. Despois de Agália coincidín moito con el na preparación da edición de Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985).
– SG: Participou moi activamente nos inicios da Associaçom Galega da Língua (AGAL), nun momento en que estaba moi candente o debate da normativa. Tamén foi autor de varias gramáticas.
– XC: Cando se fundou a AGAL eu estaba en Lisboa, polo que o meu carné de socio é posterior. Como membro da AGAL estiven na Comisión de Redacción do Estudo crítico das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Tamén participei na redacción do Prontuário Ortográfico Galego. Era o tempo en que ten lugar a primeira polémica relativa á norma. O reintegracionismo mantivo unha posición moi forte contraria ás normas ILG-RAG (Instituto da Lingua Galega-Real Academia Galega), posición expresada desde o ponto de vista teórico mais tamén desde o ponto de vista do uso, sobre todo no ensino. Foi ese o primeiro paso do que foi a normativa de mínimos. Case todos os libros de texto que tiveron impacto no ensino foron publicados baixo esa norma da Asociación de Profesores de Lingua e Literatura, en cuxa primeira asemblea Carvalho pronunciou a conferencia de clausura. Creo que a batalla normativa non se inclinou da parte da norma oficial até que a Administración conseguiu implantala no ensino.
– SG: Desde 2001 preside a AS-PG. Que representa para o ensino galego?
– XC: Sen dúbida ningunha, a AS-PG supuxo poñer diante da sociedade a evidencia de que as galegas e galegos temos particularidades específicas que deben ser representadas no ensino. As orixes da AS-PG remóntanse ás xornadas, interrompidas pola Garda Civil, que se ían celebrar no santuario dos Milagres de Maceda, auspiciadas por Francisco Carballo. Falamos de 1976. De alí xurdiu o primeiro sindicato de profesores de ensino, a UTEG (Unión de Traballadores do Ensino da Galiza) e a AS-PG, que desenvolveu un traballo centrado primeiramente na formación do profesorado para o adaptar ou o situar nas técnicas pedagóxicas que os tempos demandaban. Tamén se ocupou de traballos máis sociais, como conferencias para pais e nais. Editamos materiais que non foron acollidos por outras editoras, como os libros de Francisco Rodríguez sobre Rosalía, e discos dos nosos autores e autoras; convocamos concursos de relato oral e de vídeo; organizamos semanas do libro e da lectura. De feito, a primeira xornada de formación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para o profesorado organizounas a AS-PG en Pontevedra. E a Historia da Literatura Galega. (…)
– SG: Dirixiu Agália nos seus comezos, colaborou en A Nosa Terra, participou do nacemento de Sermos Galiza, onde é presidente do Consello de Administración, ademais de conselleiro delegado. Que representa para vostede o xornalismo galego?
– XC: A miña participación en A Nosa Terra era como representante da AS-PG en tanto que esta entidade formou parte do capital social da empresa. Na Agália asumín a coordinación e a dirección nos primeiros números e agora, Sermos. O xornalismo galego é unha necesidade que este país aínda non asumiu de maneira axeitada. Unha sociedade normal ten que estar informada na súa propia lingua e para iso son imprescindíbeis medios de comunicación que respondan tanto a criterios lingüísticos como a unha óptica galega. No caso galego, non se chegou a cubrir esa demanda, malia que o xornalismo galego arranca no século XIX. Na actualidade aínda estamos carentes dese medio que nos informe a diario e en papel. E digo en papel porque, a pesar de ser a forma máis tradicional, é a que segue a ter máis credibilidade. Estou en Sermos Galiza porque acredito en que é un proxecto imprescindíbel para o desenvolvemento do país. (…)”
Helena González Fernández: “Chegar a unha interpretación feminista de Rosalía foi unha carreira de obstáculos”
Entrevista de Xan Carballa a Helena González Fernández en A Nosa Terra:
“(…) – A Nosa Terra (ANT): Antoloxías de Rosalía pódense facer moitas, pero aquí é clara a intención desde o título, Rosalía feminista.
– Helena González Fernández (HGF): Facer este libro foi como armar un xoguete fermoso. Foi unha aposta do editor Fran Alonso, quería algo contemporáneo, non un traballo filolóxico que xa está realizando Anxo Angueira. Un libro máis popular e deste tempo intentando conectar coa lectura que fixeron as feministas dos 80 e que foi medrando. O panorama de estudos rosalianos estaba moi receptivo a eses enfoques, nos que Rosalía saía da única lectura do nós e a nación. É de aí que xorde a antoloxía Rosalía feminista: popularizar unha Rosalía que nos acompaña no século XXI e que dá claves para cuestións do noso tempo. O título viña dado e só aceitei se podía remexer os poemas e propoñer un novo fío narrativo, que é o que fago nas miñas clases. Traballo con estudantes que entran en contacto con Rosalía un tempo moi limitado e debo manexar conceptos de teoría política e de feminismo que eles teñan a man. Propoño poemas que conecten coas grandes figuras da teoría feminista. O outro elemento que perseguín é que houbese figuras. Moitas veces lese a Rosalía desde unha ollada biográfica, que para min redúcelle potencial político, ou senón lecturas moi histórico-filolóxicas. Parecíame que en Rosalía hai moitas mulleres. E isto non é unha idea miña senón das persoas que máis saben nos estudos rosalianos. Que puidesen verse nenas, mozas e vellas, mulleres frustradas, iradas ou suicidas ou mulleres que celebran.
– ANT: Interésalle iso que denomina facer a xenealoxía das viúvas.
– HGF: Ler As viúvas dos vivos como un libro narrativo, con principio e final. De maneira que podes ver a marcha do home, a soidade da muller, a dor horríbel que a confinaba na desesperación, na saudade que non ten cura ou na loucura que a leva ao suicidio e diante da imposibilidade do suicidio (o poema das Torres de Catoira) concluír que xa que non podo morrer por el teño que facerme cargo do meu. Velaí cando xorde o concepto da viúva de vivo, non só como alguén que espera, que é a lectura habitual que facemos dela, senón de alguén que farta de esperar decide navegar. Velaí o fío con Xohana Torres. A viúva dos vivos non é unha muller vella, senón alguén con forza para a travesía, para ir a América, aínda sabendo que pode non atopar o home, e que sente a perda da Terra que deixa. É un final espectacular, moito máis interesante que o da muller que só queda esperando por moi conmovedor que resulte. (…)”
A Universidade da Coruña presenta unha edición facsímile do primeiro número d´A Nosa Terra
Desde a Universidade da Coruña:
“Para aglutinar seguidores e difundir o seu pensamento, os promotores das Irmandades da Fala lanzaron a cabeceira A Nosa Terra no remate do ano fundacional de 1916.
A Universidade da Coruña pechou o 29 de decembro a súa conmemoración do centenario das Irmandades coa publicación dunha reprodución facsimilar daquel primeiro número do boletín irmandiño.
O libro, editado polo Servizo de Publicacións da UDC, foi preparado polos profesores Uxío-Breogán Diéguez e Teresa López, co apoio e a colaboración da Fundación Penzol e da Deputación da Coruña. Xunto cos seus traballos, inclúe un texto de Víctor Casas, galeguista histórico que fora director d’A Nosa Terra naquela época.
Na presentación do facsímile, o reitor, Julio Abalde, salientou o papel determinante das Irmandades da Fala para dar un salto cualitativo na valoración da lingua galega como idioma culto e moderno.
“Os irmandiños –dixo Abalde– alicerzaron o nacemento dun galeguismo modernizador que viña acompañado dun sólido afán identitario a través non só da lingua, senón igualmente da reivindicación e posta en valor da nosa música, da etnografía, da arquitectura e das artes plásticas”.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, lembrou que o nacemento das Irmandades da Fala foi un “punto de inflexión” para a cultura galega e que o seu órgano de prensa apareceu axiña porque os promotores se decataron da transcendencia de contar con voceiros propios.
Sanmartín sinalou que ao longo do vindeiro 2017 a Deputación manterá viva a programación cultural arredor das Irmandades da Fala, entre outras cousas para levar a distintas vilas da provincia a exposición conmemorativa que este ano percorreu as sete principais cidades galegas.”
O que vén no 2016 (algunhas efemérides literarias e socio-culturais), por Ramón Nicolás
Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Quedan aínda algúns días para concluír o ano pero, nesta ocasión, adianto un chisco este apuntamento que, sen afán de exhaustividade, pretende achegarse ás liñas esenciais do que, se cadra, ha ocupar unha parte substancial da atención literaria ou socio-cultural ao longo do ano 2016. É evidente que salientará, en primeiro lugar, a figura de Manuel María, a quen se lle renderá homenaxe este vindeiro ano por mor da súa designación para o Día das Letras, converténdose por dereito propio nunha referencia ineludible, como tamén cumpriría que o fose a celebración tanto do centenario da creación das Irmandades da Fala na cidade da Coruña, sen esquecer a fundación do seu voceiro A Nosa Terra, como o asasinato de catro labregas e un labrego no lugar de Cans (Nebra, Porto do Son), que se negaron a pagar un imposto especial. Agardemos, pois, pasos adiante en todas estas conmemoracións.
Non debería ser menos, a meu entender, a atención que se lle debería prestar a un conxunto de voces do ámbito literario unidas por se celebrar o centenario do seu nacemento. Penso en Manuel Lueiro Rey, Miguel González Garcés, Xosé Velo, Raimundo García González “Borobó“, Lorenzo Varela e a xornalista e tradutora Amparo Alvajar; grupo ao que me permito unir o de Roald Dahl, moi presente no catálogo de diversas editoriais galegas.
No que se refire ao cincuenta aniversario hai un acontecemento sobre o que xa se traballa e que se cinguirá á relevancia do chamado “banquete de despedida” de Celso Emilio Ferreiro, celebrado no Hotel Roma de Ourense en maio de 1966, antes de que o celanovés collese camiño cara a Caracas: o acto, que foi unha das primeiras manifestacións públicas críticas co réxime franquista, ben merece ser lembrado. Por outro lado, tamén neste 2016 van cumprirse os cincuenta anos do falecemento do poeta Victoriano Taibo, do astrónomo Ramón María Aller, do sociólogo Victoriano G. Martí, do dramaturgo Xesús San Luís Romero e da escritora Herminia Fariña Cobián.
Por último, no que atinxe aos sesquicentenarios cómpre lembrar o que se corresponde ao nacemento do narrador ourensán Heraclio Pérez Placer e o do falecemento de Fontán, personaxe que recupera Marcos Calveiro para a súa recente novela homónima. No que di respecto de libros relevantes que se publicaron no 1966 é imprescindible citar O espello no serán, de Otero Pedrayo; o histórico Galicia hoy, de Ruedo Ibérico; o Elexías do Courel e outros poemas, logo reeditado baixo o título de Tempo de elexía (1991), de Uxío Novoneyra e, en América, os aínda hoxe imprescindibles volumes de Alberto Vilanova sobre os galegos na Arxentina e mais Decrúa, poemas de Gonzalo López Abente.
De certo que haberá máis conmemoracións e efemérides pero suxerir a celebración dalgunhas destas paréceme de xustiza.”
Manuel María: “Os poetas novos falan menos de literatura”
Desde BiosBardia, por Manuel Veiga:
“O 2016 será o Ano Manuel María na cultura galega. O autor chairego será homenaxeado o próximo ano co Día das Letras, doce anos despois da súa morte. Recordamos varias chaves do seu pensamento literario e experiencia vital publicando esta entrevista que saíu hai case vinte anos no semanario A Nosa Terra, concretamente no número 690, do 7 de setembro do 1995. Unha boa oportunidade de coñecer máis un poeta pendente do seu tempo, que sempre se negou a construír calquera torre de almafí. (…)
– A Nosa Terra (ANT): O día 15 [de setembro de 1995] recibirá unha homenaxe de moitas e variadas persoas deste país. Quizais ese consenso ao redor seu teña que ver co feito de que vostede foi considerado sempre un poeta da Terra, no sentido que lle deu Otero, e do pobo, en virtude da súa sensibilidade para coa colectividade á que pertence. Esas características foron esquecidas polos escritores máis novos?
– Manuel María (MM): Teríano que contestar eles. Pola miña parte, podo dicir que sentín desde rapaciño a conciencia de pertencer a unha comunidade e, por outra banda, deime de conta de que esa comunidade non estaba normalizada. Pareceume o máis natural denunciar esta situación precaria e dicirlle á xente que nos xogamos mesmo a nosa sobrevivencia. Dentro desa loita que falabamos antes contra a morte, os individuos tamén se salvan non só individualmente, senón tamén colectivamente. Se o teu pobo é algo na historia élo ti tamén. Ora, estar de parte dos que padecen a historia sempre trae un conflito e estar do lado dos que a fan pode traer prebendas. Hoxe o escribir en galego pode dar diñeiro en canto os teus libros vaian ao ensino, iso pode crear uns intereses e a decisión de non tocar nada que moleste o máis mínimo a un poder que, en definitiva, é alleo a nós. (…)
– ANT: Entre as persoas que admira da época, quizais destaquen Maside e Otero.
– MM: Maside foi quen máis influíu en min como persoa. Era serio e tímido. Tiña duas eivas: unha tuberculose e unha diabete, polo que facía unha vida moi ordenada, aínda que era un gran fumador. Cando chegamos a Santiago, Novoneira e máis eu comezamos a falar con el e a intimar. Emprestounos moitos libros galegos da súa biblioteca, case todos os que publicara Nós. Tiña unha sólida formación intelectual e moitos contactos, por exemplo co PC. Foi o que me explicou o que era o marxismo. Porque nós tiñamos un trato grande con Piñeiro e el dicíanos que o marxismo, en canto que se definía como universalista, non casaba co nacionalismo. Tamén nos deu notícia de xente que estaba en América, como Seoane, Dieste ou Lorenzo Varela, que eran os que non adoitaban citar os do grupo Galaxia.
Otero tamén tiña as súas prevencións a respecto desta xente. A convivencia con Otero resultaba moi grata. Pese aos seus longos monólogos era moi observador, non se lle escapaba nada e tamén escoitaba, aínda que non sei como, nin cando. Era moi xeneroso e non falaba mal de ninguén. Se alguén lle fixera dano dicía que á xente había que comprendela que debía un poñerse no seu lugar, que ás veces a necesidade… Un día na casa de García Sabell, despois de xantar, e de tomar uns grolos de augardente de herbas, fitou para a copa de cristal tallado e botou un discurso moi florido sobre as esencias do outono que alí se reflectían, etc. Rematou dicindo que el estaba alí porque era un vello que aínda decoraba unha mesa. Ou seña que era moi conscente de todo. (…)
– ANT: Ten afirmado que os escritores de linguas periféricas en Madrid non se len nin traducidos.
– MM: Si, creo que é asi. Pásalle mesmo aos portugueses. Vennos como uns tipos raros que están metidos nun cortello e escriben nun dialecto vernáculo. A proba son as escasas traducións de calquera destas linguas ao español. Teño estado en bastantes congresos en Portugal e os poetas de lingua castelá sempre me deron a impresión de que se comportaban coma se estivesen nun país conquistado, sen participar nas discusións, tomando a broma a cultura portuguesa e mesmo con actitudes descorteses, en xeral. Hai anos, nun destes encontros, e con presenza de poetas de toda Europa, cantou para nós o Fado Universitário de Coimbra, que só actúa en ocasións moi excepcionais. Deuse a casualidade de que de cinco escritores casteláns, algúns de renome, ningún asistiu. Algo que os amolaba moito nos congresos é que, cando interviñan eles, os portugueses non poñían os auriculares de tradución simultánea e, cando falaban os portugueses, eles tiñan que poñelos porque non entendían nada. (…)
– ANT: A literatura galega de hoxe abala entre a poesia hermética e a novela de supermercado. Vostede que coñeceu épocas moi diferentes, a que pensa que se debe?
– MM: Á poesia fóronlle sacando mercado. Deixouse de promover e de ler nos centros de ensino. O libro que se vende, non só o galego senón tamén o de castelán, é o que vai aos centro de ensino. A xente escribe novelas para gañar un premio que agora empezan a estar ben dotados, malia que Paco Vázquez fixera o que fixo, ou para metelos nos colexios. Paréceme tamén unha mentalidade trabucada esa de facer as cousas simples para que as entendan os rapaces. Simplificar non é sempre clarificar senón empobrecer. Sobre a poesía, coido que hai un afán de orixinalidade e tamén moitos poetas que son profesores e caen un pouco no exercicio literario. Na miña opinión, hai algúns novelistas moi bos e algúns poetas que me gostan moito que teñen un verso moi claro, honrado e cun gran dominio da composición. Estou a pensar en Fiz Vergara Vilariño, en Darío Xohán Cabana, en Antonio Tovar, que ten un libro asombroso: A nada destemida, ou mesmo en Rodríguez Baixeras que é un bon sonetista. E xa apuntan algúns novos como un dos irmáns Villar. Claro que despois da xeración espléndida que houbo na posguerra, con Cuña, Novoneyra, Ferrín, Bernardino Graña, García Bodaño, Celso Emilio Ferreiro ou Díaz Castro, que foron grandes poetas, pois o de agora pódese considerar unha focha que se superará. (…)”
Maceda: homenaxe nacional a Francisco Carballo, o sábado 27 de decembro
Desde Sermos Galiza:
“(…) A homenaxe do 27 de decembro terá lugar no Salón Multiusos de Maceda ás 17:00 horas, e está organizada polo Concello de Maceda. Ademais do alcalde Xabier Oviedo, intervirán o portavoz nacional do BNG -organización na que militou desde a súa fundación- Xavier Vence, o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, o presbítero Manuel Peleteiro, o ex-alcalde de Maceda Bieito Seara, a súa sobriña Milagros Calvo máis o editor e xornalista Xan Carballa e o investigador Santiago Prol, autores do libro de conversas con Francisco Carballo publicado por A Nosa Terra, xornal e editorial ao que estivo intensamente vinculado. Na homenaxe ademais de diversas actuacións musicais proxectarase o vídeo “Francisco Carballo, sempre no corazón”, no que se recollen imaxes e intervencións. Á homenaxe pódense adherir entidades, organizacións e persoas que deberán comunicalo ao Concello de Maceda para seren reseñadas no acto. (…)”
Manifesto na defensa das editoras en galego
“E hoxe –mentres os ladros de ilusións e normalidades reclinades as vosas cabezas nos acolchados diváns, a golpe elástico do tirante de don Celidonio– tócanos pór a man no peito e escoitar o latexo da máquina comunitaria, con sinceridade e dor ao unísono. A nosa vida comeza a fallar, o motor de arranque axustouse ao trebello pero este non carbura: a explosión na buxía cultural apenas sincroniza co avance das mentes políticas, baixa o pistón e a biela non se move.
Prefire don Celidonio –man no bandullo– as empresas de lonxe, e os nosos artesáns da escrita perden medios de difusión,… Pecha o papel de prensa en galego, botan o fecho tamén algunhas editoras (A Nosa Terra liquida as súas existencias, as nosas re-existencias dende a memoria e a certeza), outras mantéñense sobre o arame –temerosas– e debaixo non hai rede para illalas do baleiro. Actrices e actores piden “cidades para a cultura”, músicos e artistas buscan papel e partitura para as súas voces. Non baixa a claqueta do cinematógrafo nin se ergue o pano, non se respectan as vangardas musicais de noso e tampouco o folclore do país. Unicamente ouvimos riseiras, gargalladas e arroutos dende as gorxas que engolen a nosa voz sen atragoarse.
Xa sopra sen buguina o verso desacougante de Espiral Maior. De momento fica en puntos suspensivos a súa existencia, coma a de tantas outras casas editoriais. Mais,… quedarán xanelas para a esperanza? Cando deixarán de nos roubar o brillo e a fachenda? Cando? Cando a cor do horizonte será nosa na liña dun verdadeiro “progreso”?
Don Celidonio “ten as fazulas hipertrofiadas, da cor do magro do xamón”,…
Quen é capaz de comprender a historia da lírica galega dos últimos vinte e cinco anos sen esa espiral de autoras e autores? Sen ese labirinto de títulos e ese mosaico de estrofas e versos libres? Libres,… libres sodes para nos exterminar, para nos sacardes o pan da boca e darllo ao que máis devora e infla o bandullo. Libres,… libres sodes para nos introducir nun role-playing game no que non haberá vítimas humanas –iso coidamos– pero do que nacerán cadáveres entre as primaveras de Cunqueiro.
Quen entende o ensaio de ideas sen Laiovento e o ensaio histórico sen Toxosoutos? Quen entende Galiza sen ducias de editoras que dan vida ás alfaias de novo, dignas herdeiras –logo así– do ronsel deixado por Céltiga, Lar, Nós,…? Quen saborea dozura cando esas e outras enormes “pequenas” casas poderían fechar mañá as súas cancelas? E coas librarías, canles polas que conseguimos o mel literario? Estamos de rebaixas,… ou en LIQUIDACIÓN por peche? Deberase preguntar en “industria”, en “cultura”, en “lingua”, no INEM,… Igual son eles os nosos xefes e nós non nos decatamos,… Igual a patronal ideou a deslocalización da nosa cultura para chantala sen regadío no país de ningures.
Don Celidonio “é igual por dentro ca por fóra: carne e espírito son a mesma zorza”.
Continúase co peche do círculo, co peche de ciclo, co cadeado e co grillón que nos resta pés para andar por camiño seguro e vieiros de antano,… polas liñas da certeza e do acerto, polos versos do compromiso e da lealdade a este recuncho do Atlántico, baluarte da nosa historia e da nosa identidade. Perdón, desculpen logo,… sentímolo moito, mais por aquí non rendemos preitesía, nin bicamos mans, nin pousamos o xeonllo en terra para sacarmos o chapeu e saudar ao amo… A reverencia só é para a Palabra, que se verte libre en torrente e manancial de saúde dende o maxín até a tórculo, dende a man que comeza a escrita até a letra impresa. Só guindamos caraveis á lingua de noso, á voz de antano, ao namoro do galego, ao amorodo nos beizos ao saborear os 150 anos dos Cantares de Rosalía.
Don Celidonio: “adubo de ourego e pemento”.
Queremos medios para sermos nós, e non medos, nin remendos, nin remedios,… Queremos vida onde ten que habela, entre a letra e os seus espazos, entre o son e a escrita, no pano do teatro e na ringleira de carácteres. Queremos ser núcleo e cerna, trabe e alicerces do paraíso comunitario, e escorrentar de vez os que non aman esta Terra porque non a senten dende as veas e dende o peito,… Hai pantasmas no castelo e nós non temos medo.
Seredes culpábeis dos vosos actos.
Seredes responsábeis de abrir a gabia e o nicho.
Seredes furtivos da palabra, homicidas da linguaxe e ladróns. Iso, ladros e ladras da alma comunitaria.
Seredes o que hoxe sodes e do que mañá quizabes vos arrepentiredes.
Seredes,… E por iso para nós non sodes presuntamente inocentes.
Seredes,… unicamente fedor, fenda e ferida; loito, pranto e inxustiza.”
Marzo de 2013, cumpríndose 90 anos de ser elixido Afonso D. Rodríguez Castelao como Director Artístico da revista Nós e a 80 de se crear –xunto con Vascos e Cataláns– o pacto Galeusca.
A Nosa Terra pecha definitivamente
“A edición dixital de A Nosa Terra finalizou o pasado venres 23 de setembro, e con ela remata unha época: a dunha cabeceira recuperada en 1977, coa chegada da democracia. En xullo, a Xustiza decidira a liquidación definitiva de Promocións Culturais Galegas, a empresa que mantiña tanto o semanario como a edición dixital e a editorial. “Ninguén agardaba”, sinala o editorial do medio dixital, “que esta xeira de A Nosa Terra que comezara en 1977 fose tan longa e frutífera”. Fontes da empresa aseguraron que o fondo editorial de Promocións Culturais Galegas -unha histórica do sector cultural en Galicia- seguirá vivo nas librarías durante dous anos: o Consorcio Editorial farase cargo da distribución e do manexo dos dereitos e os autores que editaron con eles pasarán a controlar de novo os dereitos de reedición das obras que publicaran con esta editorial.” Vía Cultura Galega.