Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 10 de agosto

O 10 de agosto finaliza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. Presentación de Catas na memoria. A persecución franquista no Val Miñor, de Carlos Méixome, publicado por Laiovento.
18:30 h. Suso Bahamonde asina Instrucións para matar un oso, publicado por Belagua.
19:30 h. Presentación de Aniñar en neve, de Ana Ramil, publicado por Espiral Maior. Participan, xunto á autora, Eva Veiga e Miguel Anxo Fernán-Vello.
19:30 h. Carlos Méixome presenta Catas na memoria.
20:30 h. Pilar García Negro asina exemplares de Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán, publicado por Alvarellos, e Rectificar a historia. Escritos sobre Ricardo Carvalho Calero, publicado por Laiovento.
20:30 h. Xavier Queipo asina exemplares O paso do noroeste, publicado por Aira, e Corazón de manteiga, publicado por Galaxia.
20:30 h. Ana Ramil asina Aniñar en neve.

Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 9 de agosto

O 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. Marta Dacosta asinará exemplares de Notas sobre a extinción, publicado por Galaxia, e do resto da súa obra.
18:30 h. Recital poético arredor do libro Manifesto 25N. Trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller, publicado por Alvarellos. Participan Arancha Nogueira, Andrea Fernández Maneiro, Beatriz Maceda, Viki Rivadulla e outras autoras.
18:30 h. Presentación e sinatura de Don Carlos e o misterio dos lucecús, de Patricia Torrado Queiruga, publicado por Baía. Participa, xunto á autora, Belén López Vázquez.
19:30 h. Presentación e sinatura de Apelidos da Galiza, Portugal e Brasil, de Diego Bernal, publicado por Através. Participa, xunto ao autor, Alberto Pombo.
19:30 h. Héctor Carré asina exemplares de Medos, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
20:30 h. Presentación cruzada e sinatura de Zona a Defender, de Manuel Rivas, publicado por Xerais, e Miss Marte, de Manuel Jabois.

Pilar García Negro: “O centenario de Pardo Bazán converteuse nunha conmemoración falsa da súa persoa”

Entrevista a Pilar García Negro en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Publica unha visión moi crítica con Emilia Pardo Bazán, precisamente nun ano cheo de novidades editoriais en torno á súa figura.
– Pilar García Negro (PGN): No ano 1989 fixen o primeiro estudo sobre a súa obra, que xa contiña unha análise do que agora recollo no libro, estes dous macrotemas: Galicia e feminismo nesta escritora. No século XXI publiquei algún outro traballo; e un compañeiro de filoloxía animoume a publicar estes estudos en formato libro, que xa ten outra perdurabilidade. Outro estímulo que tiven foi a comprobación de como a lóxica conmemoración de calquera escritor no centenario do seu falecemento estábase convertendo nunha reconversión absurda e falsa da súa personalidade e da súa obra, para convertela no que ela nunca foi, nin pensou nin escribiu. Aí foi cando quixen comezar por establecer verdades obvias.
– LO: Coma cales?
– PGN: A primeira: ela é galega e escritora, pero non é escritora galega, da literatura galega. É galega de nacemento, pero é unha escritora da literatura española, que dedicou todos os seus afáns e enerxías a triunfar na cultura española, e non só isto, senón a defender constantemente unha visión española e política sobre a Galiza. Esta decisión condiciona a visión que ela proxecta do país na súa obra, porque ten unha narrativa de ambientación galega, mais o que se desprende dela é un tratamento onde abunda o atraso, a superstición, a barbarie, e, en definitiva, a falta de futuro.
– LO: Nos últimos meses houbo todo un debate en torno a súa figura. Cales foron os principais argumentos que a vostede non lle cadraron da personalidade e obra da condesa?
– PGN: Por exemplo, facer dela unha transgresora, case unha subversiva, practicante do feminismo sen fenda de ningún tipo. Ela, de si mesma, afirmou que era unha feminista radical. Isto non é o que se pode derivar da súa obra. Todo escritor ou escritora non se proxecta de si mesmo a través do autorretrato, ou do selfie. A súa ideoloxía ou concepción moral tamén se proxecta na propia obra. Tamén se fixo dela unha defensora da causa proletaria, baseado nunha novela como La Tribuna, ou unha defensora do naturalismo como estética ou procedemento literario. Iso non é así. La Tribuna ten, como novela, un fin claramente docente, que trata de demostrar o equivocado que está o pobo cando confía en solucións da República. Isto dio ela mesma no prólogo da novela. O desenlace verdadeiro desta novela prodúcese en Memorias de un solterón, onde o uso sexual e o abuso do que é obxecto a protagonista, Amparo, porque o fillo que ela ten acaba forzando ao pai, que é un impresentable, a que case coa súa nai. Ela está pendente de que os membros da súa clase social acaben ben tratados. Todos estes compoñentes ideolóxico-morais inflúen directamente no seu feminismo, no sentido de que as personaxes populares, a maioría social feminina, e dentro dela, moi en particular, as galegas, están sometidas a un exercicio de deshumanización. (…)”

Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas dos 7 e 8 de agosto

O 8 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 7
12:00 h. Presentación e sinatura de Ba, de Dani Padrón, publicado por Bululú. Participa, xunto ao autor, María Canosa.
13:00 h. David Lorenzo asina exemplares de A predicción de Aloia, publicado por Do Cumio, e O neno peixe, publicado por Triqueta.
13:00 h. Blanca Millán asina O gran libro das nosas cousas, publicado por Do Cumio, e Benxamín, o cachalote que quería ser golfiño e Lola e as 21 vacas, publicados por Triqueta.
13:00 h. Contacontos arredor de Ola! Son un bicho bóla!, con Elvira Ribeiro e a ilustradora Noe Caamaño, publicado por Apiario.
18:30 h. Presentación de Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, de María Canosa, publicado por Bululú. Haberá unha actriz caracterizada de Emilia Pardo Bazán.
18:30 h. Presentación de Orixe orzánica das sereas todas, de Rodrigo Osorio, publicado por Alvarellos, coa presenza de Henrique Alvarellos, xunto ao autor. Como personaxes, Urbano Lugrís e Leandro Carré (colabora o colectivo In nave civitas).
19:30 h. María Canosa asina Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, publicado por Bululú.
19:30 h. Abel Alves e Jorge Campos asinan exemplares de O destino de Kameko, publicado por Aira.
20:30 h. Presentación e sinatura de A vida incerta, de Montse Fajardo, publicada por Do Cumio. No acto participa, xunto á autora, María Xosé Bravo.
20:30 h. María Lado asina exemplares de Gramo Stendhal, publicado por Apiario.

Domingo 8
18:30 h. Rena Ortega asina exemplares de Bo camiño, peregrino!, publicado por Do Cumio.
19:30 h. Xabier Quiroga asina exemplares de O baile dos estorniños, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
19:30 h. María Moure de Oteyza asina María das Herbas e as herbaxeiras do Caurel, publicado por Teófilo Edicións.
20:30 h. Emma Pedreira presenta e asina Os libros que hai en min, publicado por Cuarto de inverno. Participan, xunto á autora, Andrea Jamardo e David Cortizo Conde.
20:30 h. Jamas asina exemplares de Diario dun pirata confinado, publicado por Urutau.

Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 6 de agosto

O 6 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. Presentación de Abril, de Luz Darriba, publicado por Belagua.
18:30 h. Pepe Carballude asina In memoriam e A vida diaria dos romanos, publicados por Xerais, e De como o Santo dos Croques se fai peregrino, publicado por Hércules.
18:30 h. Paula Merlán asina exemplares de A troglodita, publicado por Edicións do Cumio, e As disparatadas historias dos Monki, publicado por Triqueta.
18:30 h. Xosé Tomás asina exemplares de Historias da fraga revirada, publicado por Galaxia.
19:30 h. Presentación de Historias de mentes, de Arantza Portabales, publicado por Bululú. Participa, xunto á autora, Pablo Zaera.
19:30 h. Rosa Aneiros asina Sibila, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
19:30 h. Luz Darriba asina exemplares de Abril.
19:30 h. Xosé Carlos Carracedo Porto asina exemplares de Diario dun confinamento, publicado por Bolanda.
20:30 h. Presentación e sinaturas de Contrahistorias de Galicia, de Antonio Reigosa, publicado por Edicións Embora. Xunto ao autor, participan Miguel Toval e Xosé Cobas.
20:30 h. Presentación de todos os pasos fan ruído, de Sara Plaza, publicado por Espiral Maior; Obra inacabada de Dosinda Christensen, de Xerardo Quintiá, publicado por Alvarellos; e Consecuencias, de Óscar García Ramos, publicado por Caldeirón. Coa presenza, xunto á autora e autores, de Eduardo Estévez e Carlos Lorenzo.
20:30 h. Alfredo Conde asina exemplares de En canto a Fraga, publicado por Ézaro.
20:30 h. Arantza Portabales asina exemplares de Historias de mentes.

Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 2 de agosto

O 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Contacontos con Pedro Brandariz.
18:30 h. Presentación cruzada de Cobiza, de María Reimóndez, e A lavandeira de San Simón, de Eva Mejuto, publicados por Xerais.
18:30 h. Miriam Couceiro Castro asina A Galiza feminista, publicado por Galaxia.
18:30 h. Lorena Conde asina exemplares de Velloucas e Minchas e As mil vidas de Dorotea, publicados por Cuarto de Inverno.
18:30 h. Ramona Giráldez Domínguez asina exemplares de As fotos da retina, publicado por Medulia.
19:30 h. Presentación e recital poético-musical de Carlos Negro e Benxamín Otero arredor de Estrita necesidade, publicado por Alvarellos.
19:30 h. Sinatura de obras de María Reimóndez e Eva Mejuto.
19:30 h. Marilar Aleixandre asina As malas mulleres, publicado por Galaxia.
19:30 h. Clara Vidal asina exemplares da súa obra.
20:30 h. Carlos Negro e Benxamín Otero asinan exemplares das súas obras.

A Coruña: presentación de Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán, de Pilar García Negro

O 8 de xullo, ás 19:30 horas, diante da estatua de Curros Enríquez na Coruña, preséntase Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán, de Pilar García Negro, publicado por Alvarellos. Acompañan á autora, nesta presentación, organizada pola A. C. Alexandre Bóveda, Manuel Fernández Blanco e Henrique Alvarellos.