A Coruña: obradoiro O ollo da Arte (I): Laboratorio, dirixido por Antía Otero

O ollo da Arte é un obradoiro de creación artística contemporánea impartido por Antía Otero, onde coñecer, descubrir e valorar o feito contemporáneo e a creación actual a través dunha mirada propia. Para participar non se precisa ningunha experiencia previa e está destinado a todas as persoas que están interesadas no feito artístico, xa sexa desde o punto de vista do espectador como da acción. Neste obradoiro crearase un espazo de convivencia ao redor da teoría e da práctica propoñendo ferramentas que axuden ao descubrimento do propio proceso artístico e fomentando o desenvolvemento das capacidades e habilidades artísticas de cada participante.
Buceando en disciplinas moi diversas que van desde a fotografía ao collage, ou do video á arte urbana, pasando por outras como a performance ou o cinema experimental, en O ollo da Arte plantexamos un programa aberto que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ampliar referentes sendo máis conscientes do acto creativo, da experiencia, do debate e da aprendizaxe grupal. Tod@s aqueles e aquelas que cursen O ollo da Arte I no primeiro cuadrimestre poderán continuar a experiencia no Ollo da Arte II. Laboratorio de Creación durante o segundo cuadrimestre. Entre outras cuestións, afondaremos nos contidos iniciados na primeira parte e plantexarase un laboratorio de creación, coa fin de crear un marco idóneo no que cada participante poida transitar os seu propio proceso artístico. Os traballos resultantes serán presentados a finais de xullo nunha Mostra aberta ao público en NORMAL.
Pódese coñecer un pouco máis de preto o universo de O ollo da Arte a través deste vídeo

Datas: todos os luns entre o 6 de outubro de 2014 e o 2 de febreiro de 2015.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: Cubo de NORMAL.
Prezos: 35€ comunidade universitaria da UDC (25€ en segunda matrícula) / 55€ público xeral (45€ en segunda matrícula)
Créditos solicitados: 2 créditos libre elección (plans antigos), 1 crédito recoñecemento (plans novos)
Participantes: máximo de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 15 de setembro até o 2 de outubro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es

A Vilerma (Maside, concello de Sarria): Homenaxe da AELG a Xela Arias

OXela Arias pasado ano 2013 cumpríronse 10 anos do pasamento da poeta Xela Arias. Por este motivo a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que xa o pasado marzo lembrara a autora nunha homenaxe en Vigo, organiza para o vindeiro sábado 6 de setembro, ás 12.00, na Vilerma (parroquia de Maside, concello de Sarria) un novo acto para testemuñar a dimensión extensa da súa personalidade, activa e curiosa, polifacética, que sumou poesía, música e plástica.
Descubrirase unha placa na casa familiar, na que viviron a autora e mais seu pai, Valentín Arias, quen foi cofundador e presidente da Asociación de Tradutores Galegos. Despois da intervención do presidente de AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, continuarase coa lectura de textos de Xela Arias por parte das escritoras e o escritor Antía Otero, María Xesús Nogueira, Marica Campo e Xulián Maure. Seguiremos así facendo memoria dos seus versos e transmitindo ese herdo inmenso que é a obra dunha muller que sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua; unha escritora que non se pode conter nas marxes da xeración que a viu nacer, que transcendeu as lindes da escrita e puxo a palabra en contacto con outras disciplinas artísticas. Polifacética, xenerosa e implicada, desde a súa mocidade estivo vinculada ao mundo do libro, primeiro como editora, despois como escritora e tradutora.

A AELG convida a todas e todos a acudir a este acto de memoria.

Propostas con premio: Funambulistas, de Mercedes Leobalde, premio Ánxel Fole de narrativa curta

Entrevista de Ramón Nicolás a Mercedes Leobalde, en Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): -Tras Chamádeme Eva chega agora esta proposta narrativa…, o cultivo da literatura para vostede é recente ou vén de atrás?
– Mercedes Leobalde (ML): Eu escribía, gustábame escribir, pero non era “cultivar a literatura” nin moitísimo menos, só unha necesidade de verbalizar o pensamento, algo que me axudaba a reflexionar, a ordenarme. Outras veces podía tratarse simplemente de plasmar unha lembranza repentina, un soño desacougante ou unha sensación agradable, por preservalos. Pero en todo caso era algo íntimo, non sentía a necesidade de darlle eses textos a ler a ninguén e moito menos de publicalos, non foran concibidos para iso. Por tanto, tampouco precisaba revisalos cunha vontade literaria, os pobres estaban condenados a non pasar da fase de borrador. Un día apunteime a un obradoiro literario impartido por Antía Otero que resultou para min máis importante do que podería prever. Á segunda clase había que levar un texto no que se recrease un escenario e eu describín unha chuvia de estrelas contemplada desde o xardín da casa. Non sen pudor, lin o meu pequeno relato e, cando rematei, unha compañeira do curso que agora é amiga comentou: “estabamos todos contigo nese xardín”. E nese momento cambiou algo. Empecei a intuír que podía ser gratificante compartir o que escribía.
– RN: Os títulos adoitan orientar ao lectorado. Por que Funambulistas?
– ML: O funambulista camiña, avanza pola corda frouxa, esforzándose por manter un equilibrio que ao cabo é sempre inestable, pois cada novo paso abre unha incógnita. O perigo existe sempre, no aire que te envolve, o aire é o baleiro. Non hai chan, non hai paredes, só o medo a fallar e precipitarte desde as alturas. Pero existe tamén a vontade férrea de chegar á outra punta, e esa é a única certeza, o que fai que ignoremos o medo ou o releguemos a un segundo plano. É coma na vida, non? Os personaxes de Funambulistas adoitan ser así, manteñen o equilibrio como ben poden cando a corda máis abanea pero sen cederen na súa determinación. (…)”

Abato, videopoesía de Esferobite en colaboración con Antía Otero sobre un poema de Xela Arias

Poema de Xela Arias. Videopoesía realizada por Esferobite en colaboración con Antía Otero para a Xornada Xela Arias e Luísa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin de século, un evento realizado polo Consello da Cultura Galega o 26 de Marzo de 2014 en Santiago de Compostela.

A literatura homenaxea o teatro na entrega dos premios da AELG

Desde Sermos Galiza:
“Antes do comezo da cerimonia de entrega de premios anuais da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega no Teatro Principal de Pontevedra, coñecíanse xa os nomes gañadores, os resultantes por elección da asemblea de socios e socias. Dos outros, foron sorpresa até que a escritora Antía Otero foi abrindo cada un dos sobres. O teatro, en todas as súas facetas, ía ser o grande protagonista do máis solemne acto anual da asociación da literatura, na vontade de recoñecer o esforzo de profesionais, entidades e institucións que pulan por unhas artes escénicas ás que a crise está batendo con forza.
A intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, no inicio do acto, argumentou as razóns de que autores e autoras quixeran dedicarlle o seu ano a quen fai posíbel que o pano continúe a subir cando o peso é aínda máis forte. “Os escritores e escritoras galegos cremos na nosa cultura” comezou o presidente da AELG nun discurso no que incorporou os duros datos do mundo editorial como son o peche de 45 bibliotecas e a perda do 38% de traballadores e traballadoras desde 2008. Aproveitou tamén para reclamar, máis unha vez, un Panteón de Galegos Ilustres “laico e que máis cedo que tarde sexa de propiedade pública” e definiu, mentres comentaba a viveza da conmemoración do día de Rosalía en centros escolares e concellos, como “unha ofensa a nosa dignidade como pobo”, que continúe pechado o seu acceso ao público. (…)”

Onte, onde o mundo se chama Bernardo Atxaga, por Ramón Nicolás

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Declarouse onte Bernardo Atxaga un siareiro absoluto do título do famoso libro de Celso Emilio Ferreiro, confesando que mesmo chegou a empregalo, con modificacións, nun limiar para unha edición estranxeira dalgunha obra súa e de aí o título deste apuntamento. Con todo, debo comezar por sinalar que supuxo unha fortuna onte poder acompañar a Anxos Rial, concelleira de Cultura de Pontevedra, Mercedes Queixas, secretaria da AELG, e ao escritor vasco, no Pazo de Mugartegui con ocasión dunha conferencia que ditou baixo o título de Reaccións ante unha pedra riscada.
Por veces todo aquilo que atesoura unha obra literaria ou, cando menos parte dela, pode ser revelado nun discurso de pouco máis de media hora. Iso foi o que aconteceu onte cun discurso que contrapuxo, ou confrontou, as interpretacións dos trazos peculiares dunha pedra que se derivarían dunha lectura materialista-científica ou doutra que se derivaría de aplicar unha clave imaxinativa. Polo medio circularon os asombros, os medos, as maxias, os bosques, as pantasmas, as paisaxes da conciencia e a subxectividade para chegar a Rousseau, cando na literatura comeza a rastrexarse algo íntimo e persoal, e concluír nas orixes da escritura, no pranto contido no Gilgamesh onde, por certo, se atravesaba un río que se chamaba Ulla. Velaí, finalmente, como a explicación máis subxectiva dos riscos distintivos que posuía aquela pedra, o que no fondo hai na literatura,  pode ser unha lectura tan válida, ou máis, para enfrontarse á vida como a outra.
Para min, que lera aquela Obaba fascinante en castelán, hai xa vinte e cinco anos, onte supuxo un verdadeiro día de festa. Eskerrik asko, Atxaga. Grazas tamén a Paz Castro polas fotografías: arriba, de dereita a esquerda, Marta Dacosta, Cesáreo Sánchez Iglesias, Bernardo Atxaga, Mercedes Queixas e Antía Otero).”

A “pulsión” de Xela Arias e Luísa Villalta ao vivo

Desde Sermos Galiza:
““Pulsión”, foi o termo escollido pola escritora Ana Romaní, unha das coordinadoras do encontro Xela Arias e Luísa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin de século, para definir o ánimo que se viviu durante toda a xornada no CCG. “Demostra que a cultura galega é un río, non unha lagoa”, concluíu o profesor Arturo Casas despois de que a escritora Iolanda Zúñiga canda o grupo musical Dous puxeran o ramo ás conferencias e mesas redondas cun espectáculo sobre Intempériome, de Xela Arias, que a propia autora estaba a preparar antes da súa morte. Con Fernando Abreu, membro do grupo musical, Xela Arias ideaba no fin da súa vida, levar os seus poemas ao escenario e só onte a súa voz se volveu escoitar nunha gravación que se combinaba coa de Zúñiga no remate da xornada.
Durante a tarde, en dúas mesas redondas, novas creadoras e creadores deron conta da vitalidade da memoria de Luísa Villalta e Xela Arias, das súas arriscadas apostas poéticas, da modernidade das súas propostas e da pegada que deixan en autores e autoras cos que compartiron espazos literarios. Sigue lendo

Entregados os Premios Ánxel Casal da Edición de 2013

Desde a Asociación Galega de Editores:
“O gremio editorial galego celebrou o serán do venres 21 de marzo en Betanzos a IX edición dos Premios Ánxel Casal, nun acto no cal a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a diversos colectivos relacionados con mundo do libro e a cultura galega. O acto tivo lugar no Liceo de Betanzos e nel participaron autoridades do mundo do libro, a cultura e a política de Galicia. Estivo presidido polo Alcalde de Betanzos, José Ramón García Vázquez; Manuel Bragado, presidente da AGE e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén asistiron ao acto o director de marketing de GADIS, Antonio Cortés; Concelleiro de Cultura da cidade, Antía Otero, Vicepresidenta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o presidente do Clúster Gráfico, a directora das Bibliotecas Municipais da Coruña, a presidenta da Federación de Libreiros e outros integrantes do gremio de editores, escritores e representantes da vida cultural galega. A actividade foi coorganizada pola AGE e o Concello de Betanzos e contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Secretaría Xeral de Cultura e GADIS. O grupo vocal EntreElas, da Coruña, presentou e amenizou a velada.
Formaron parte do xurado dos premios Mercedes Queixas, profesora e Secretaria da AELG; Carme Fernández Pérez-Sanjulián, profesora de Filoloxía Galego Portuguesas da UDC; Roberto Castro Iglesias, libreiro, Librería Sisargas; Isabel Blanco Pardo, directora das Bibliotecas Municipais da Coruña; Xesús Fraga, escritor e xornalista en La Voz de Galicia; exercendo como secretaria Luz Picos, con voz e sen voto. Os premios son os seguintes:

Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción 2013: O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, editado por Galaxia.
Premio Ánxel Casal ao Libro de Poesía ou Teatro 2013: Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes, editado por Alvarellos.
Premio Ánxel Casal ao Libro de Non Ficción 2013: Cantares Gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, de María Pilar García Negro, editado por Alvarellos.
Premio Lois Tobío á Tradución 2013: Ulises, traducido por María Alonso, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle, editado por Galaxia.
Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado 2013: Pan de millo, ilustrado por Dani Padrón, editado por Kalandraka.
Premio Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil 2013: A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar, editado por Biblos.
Premio Xosefa Iglesias Villaverde ao Libro Educativo 2013: Vento e Chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago, editado por Xerais.
Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial 2013: Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos tradicionais, de Xerais.
Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor/autora ou colectivo de autores en lingua Galega 2013: Berta Dávila.
Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2013: Librería Couceiro da Coruña. Aos libreiros Carmiña Couceiro e Pepe Díaz.

A Coruña: recital de Antía Otero e Sergej Timofejev no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 17 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Antía Otero e o poeta en lingua rusa Sergej Timofejev. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos marzo 2014.