Antón Riveiro Coello: “Son relatos duros porque pretendo chegar ao fondo da condición humana, sen enganos”

Entrevista de Laura Veiga a Antón Riveiro Coello en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xurdiu Días de intemperie?
– Antón Riveiro Coello (ARC): É un libro que compila unha serie de relatos que fun escribindo estes últimos anos e que pretende fechar un ciclo de catro libros que teñen de fondo a guerra: As rulas de Bakunin, Laura no deserto e O paraíso dos inocentes. Son libros que me fixeron medrar como autor e tamén como persoa porque me situaron en lugares que me eran alleos e que parten da dor, polo que tamén requiriron un maior esforzo de documentación.
A particularidade que ten este libro é que hai varios conflitos presentes ao longo dos relatos. Son relatos duros porque dalgunha maneira pretendo chegar ao fondo da condición humana sen enganos, porque a natureza dunha guerra estraga todo o que sería unha vida normal e civilizada mesmo en comunidades que nunca imaxinarían que ían vivir un inferno semellante.
Tamén era facer de espello, porque nós tamén estamos nos outros e moitas veces non nos gusta escoitar destas experiencias extremas porque nos perturban e porque tamén nos obrigan a repensar capitalmente as nosas vidas, mais esa tamén é unha función da literatura, non só entreter.
– ND: Por que centrar este ciclo nos conflitos armados?
– ARC: A paz debería ser o ben máis prezado para o ser humano e debería ser impensábel que no século XXI continúe a haber guerras en distintas partes do planeta ou que se destine unha parte importante dos orzamentos a armarse militarmente. O máis terríbel das guerras dos últimos dez anos é que o 80% das vítimas son persoas civís, sendo unha porcentaxe altísima delas mulleres, crianzas e persoas maiores. Precisamente, o libro comeza co relato dunha nena en Ucraína e remata con outro relato de crianzas en Vietnam e non é gratuíto. Os relatos actuais da guerra non teñen nada que ver cos relatos das guerras de retagarda.
Por outra parte, eu tamén quería colocarme na perspectiva das vítimas para facer ver que temos esa tendencia a convertelas automaticamente en heroínas cando non sempre é así. Quería reflexionar sobre a responsabilidade que teñen todas as persoas sobre os seus actos, porque non asumir isto tamén sería renunciar á súa parte humana. Primo Levi dicía que os monstros existen, mais que son demasiado pouco numerosos para ser verdadeiramente perigosos, mentres que as realmente perigosas son as persoas que están no mundo. (…)”

Antón Riveiro Coello pecha ciclo literario con Días de intemperie

Entrevista a Antón Riveiro Coello no Diario Cultural da Radio Galega:
Relatos co pano de fondo da guerra e que o autor pon en relación coas novelas As rulas de BakuninLaura no deserto e O paraíso dos inocentes. A entrevista pode verse aquí.”

Antón Riveiro Coello gaña o Premio Álvaro Cunqueiro

Desde Galaxia:
“Reunido o xurado do I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela, nas dependencias da Biblioteca Pública de Mondoñedo, constituído por Armando Requeixo, en calidade de Coordinador, Patricia Arias Chachero, Malores Villanueva, Marcos Calveiro e Carlos Loureiro, como vogais, e Abel Vigo actuando como secretario.
Logo da pertinente deliberación, o xurado decidiu outorgar por maioría o premio do concurso ao orixinal presentado baixo o título Hotel Carioca. Aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Antón Riveiro Coello.
O xurado destaca en Hotel Carioca a construción literaria do texto que alterna, con mestría, tempos e espazos e incorpora un fino xogo metaliterario, para levarnos da man das vidas dunha saga familiar con personaxes dunha gran fondura psicolóxica e emotiva.
Novela plural, fai converxer as augas de diversas subtramas, nas que os sucesos acontecidos no gurgullante Brasil dialogan, nun vitral de espellos, coas circunstancias da Galicia máis próxima.
Dotada dunha escrita tremendamente áxil, Hotel Carioca atrapa desde as primeiras páxinas, acompañando ao lector na súa descuberta duns labirintos familiares cheos de silencios, fracasos e derrotas ata un final sorprendente e impactante ante o cal ningúen pode ficar indiferente.
O Concello de Mondoñedo en colaboración coa Casa Museo Álvaro Cunqueiro, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e a Editorial Galaxia, convoca este certame coa finalidade de honrar a memoria do escritor Álvaro Cunqueiro e, asemade, axudar á promoción da escrita literaria en lingua galega e á divulgación das súas autoras e autores. (…)”