Faladoiro literario con Chus Nogueira e Armando Requeixo (marzo 2016)

DesdeChus Nogueira 2016 oArmando Requeixo 2015 Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Faladoiro coa presenza de Chus Nogueira e Armando Requeixo. Pode verse aquí.”

Ars dedicandi: Antonio Noriega Varela

DesdeAntonio Noriega Varela Do ermo o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Ás 19:00 h. do 27 de marzo de 1947 morría no seu domicilio da rúa Pardiñas en Viveiro o poeta Antonio Noriega Varela. Deixaba tras de si unha intensa vida e unha importante obra, principalmente etnográfica e, sobre todo, poética.
Como vate, Noriega foi autor dun único libro que foi facendo medrar ao longo dos anos e que, polo camiño, mesmo variou de nome. A primeira edición chamouna Montañesas e publicouna en 1904. Volveu facelo, co mesmo título, en 1910. Logo viñeron dúas versións case idénticas de 1920, unha edición posterior de 1929 e, finalmente, a testamentaria de 1946, poucos meses antes do pasamento.
A dedicatoria que aquí se recupera estampouse nun deses volumes de 1920. Sucede que existen dúas versións da mesma obra, que comparten tripa, pero que se diferencian polas cubertas. Unha delas presenta unha ilustración de tapa realizada por Castelao que representa unha paisaxe nevada na que destaca, en primeiro plano, un cruceiro alumado por un farol. A outra, de tons alaranxados, reproduce unha escena costumista na que semella haber unha esmoleira a canda un cativo ao pé dunha igrexa. Tamén se diferencian por reproducir unha a canda o título o nome completo ‘Antón Noriega Varela’ e indicar outra, sucintamente, ‘Por Noriega Varela’, feito que ten a súa explicación e que daría para outro post. (…)”

do_ermo_ars_dedicandi

Gondomar: acto conmemorativo do pasamento de Victoriano Taibo, presentación da obra inédita Contos Pequenos

OVictoriano Taibo foto venres 18 de marzo, ás 20:30 horas, na Aula Ponte das Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, o Instituto de Estudos Miñoranos organiza un acto conmemorativo do cincuentenario do pasamento de Victoriano Taibo, que servirá para dar noticia do proxecto de publicación dunha nova obra que o mestre de Morgadáns deixou inédita: Contos Pequenos, un opúsculo que lle regalou a Hixinio, fillo dos seus amigos Antón Beiras e Antía Cal. Participarán no acto Xesús Alonso Montero, Gonzalo Navaza, Camiño Noia e Armando Requeixo.
No mesmo acto será convocado o IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, rescatado da súa máis que posible extinción polo concello de Gondomar, que asume integramente a dotación do premio e os demais gastos de xestión.

No cincuentenario de Victoriano Taibo, por Armando Requeixo

DesdeVictoriano_Taibo,_1919 o Criticalia, de Armando Requeixo (a foto do autor provén da Wikipedia):
“Tal día coma o 13 de marzo, hoxe, hai exactamente medio século, finaba na súa vivenda de Palencia 37, no vigués barrio de Lavadores, o compostelán Victoriano Taibo.
Os seus oitenta anos de vida déronlle para se converter nun dos poetas máis representativos das Irmandades da Fala, das que este ano celebramos o centenario e das que foi o seu secretario en Compostela. Poemarios como Abrente (1922) e Da vella roseira (1925) dan fe disto. Mais Taibo foi tamén un importante membro do Seminario de Estudos Galegos (no que ingresou en 1926) e do Instituto Histórico do Minho (do que pasou formar parte en 1930).
Mestre de profesión, sufriu como nacionalista as represalias das autoridades franquistas, que o desterraron á escola valisoletana de Villalar de los Comuneros (1938-1942).
Narrador en Da agra aberta (1956) e fino ensaísta de temas lingüísticos, deixou dous poemarios inéditos que tiven a honra de editar no seu día: Abicedo. Cabrinfollas (2008).
Todo este labor a prol de Galicia tivo o seu recoñecemento coa designación como numerario da Real Academia Galega o 3 de febreiro de 1946, a proposta de Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Ángel del Castillo e Eladio Rodríguez González. Na institución ingresou o 15 de outubro de 1948 coa lectura do discurso Rosalía de Castro, precursora da fala, ao que respondeu Otero Pedrayo. Esta lección maxistral tardou case un cuarto de século en ser publicada pola RAG, que a deu á luz en 1972. Hoxe pode descargarse neste enlace do web corporativo. (…)”

Tabela dos Libros de marzo de 2016, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada primeiro luns de mes, a Tabela dos Libros ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inmaculada Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

marzo_tabela_2016

Raúl Gómez Pato gaña o I Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía

DesdeRaúl Gómez Pato o Concello de Guitiriz:
“No salón de sesións do Concello de Guitiriz, as 13:00 horas do venres 19 de febreiro, o Xurado do 1º Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía composto por:
Miguel Anxo Fernán-Vello. Presidente.
Ánxela Gracián. Vogal.
Armando Requeixo. Secretario.
Emitiu o seu fallo, resultando como gañador:

RAÚL GÓMEZ PATO
Título: Máscaras de Espellos.
Lema: Sólido Níquel.

O xurado estimou que a obra ofrece unha escritura de grande altura estética, que amosa un excelente dominio da fórmula versal e o emprego dunha imaxinería neosurral que abisma na interioridade de universos líricos de fascinio, atento tanto ás escenas do mínimo cotián como aos grandes sucesos do devir colectivo.
Poderosa dicción, contención e fulguración na palabra revelan neste poemario unha voz senlleira que moito presta visitar.
O Xurado salienta o alto grado de participación, así como a excelente calidade dos traballos, que evidencian a simpatía coa que goza esta primeira convocatoria, que leva o nome do máis insigne poeta de Guitiriz, que é o seu mellor embaixador.”