Coñécense os tres finalistas do V Premio de Poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns

“Dos cincuenta e un orixinais enviados ao V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns, organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos, foron elixidas finalmente 3 obras finalistas, cos títulos Mensaxe para Siria, Distancia e Simetrías e Oso, mama, si? O xurado deliberou o pasado xoves 30 de agosto de 2012 e estivo integrado polos escritores Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Araceli Gonda, Carlos Negro e Miguel Anxo Mouriño, este último como secretario.”

As manías d@s escritor@s de noso III

Desde o blogue Trafegando Ronseis:
“Hai un ano comezamos con esta interesante sección do blogue que nos axudaba a coñecer un pouco máis aos nosos escritores e escritoras. Recoñezo que pasou demasiado tempo, pero volvo a retomar agora o traballo tentando achegarvos novas entregas. Isto, claro, se eles e elas así o desexan. Déixovos aquí as ligazóns do ano pasado: I e II. Volvo dar as grazas a tod@s el@s, pola súa xenerosidade, e a Fran Alonso e a Ramón Nicolás pola axuda imprescindible que sempre están dispostos a ofrecerme. É Ramón Nicolás quen me proporcionou os datos sobre Álvaro Cunqueiro e Fran Alonso mandoume o texto que el publicou en novembro de 1990 no Diario 16 de Galicia sobre o mesmo tema: a información sobre Avilés de Taramancos provén del.
Álvaro Cunqueiro: nunha autobiografía do 1935 afirma cando se lle pregunta polo seu xeito de traballo: “Ren poido decir. Como si a luz fixera un redondel branquísimo no escuro. Eu vou entrando nil e poñendo verbas, verbas. Cando xa me sinto eu todo naquela luz, van saíndo outras verbas diferentes, cáseque un mundo. Iste é o poema”.
Séchu Sende: afirma non ser moi consciente de ter moitas manías. Asegura que lle gusta escribir despois de se duchar, co pelo aínda mollado, e prendéndose nel unha pinza de madeira (das da roupa).
Carlos Negro: porfía asemade que a percepción que ten de si mesmo é a de non ser maniático. Iso si, escribe en roupa de casa –chándal, zapatillas- e sen música, pero cunha botella de auga sempre a man. E agradece a soidade e o silencio (non sempre conseguidos por ter un neno pequeno).
Suso de Toro: sempre leva con el unha libretiña e bolígrafo ou estilográfica. Nela anota as ideas que vaian xurdindo… De esquecela, terá que procurar desesperadamente un anaco de papel para anotar a inspiración fuxidía.
Diego Ameixeiras: traballa a calquera hora do día, pero prefire facelo a primeiras horas da mañá, sempre escoitando música, e cunha cita da novela de Jim Thompson na que recomenda non “soltar as palabras dunha vez” nin “divagar sobre estrelas que escintilan e se mergullan nun profundo océano opaco” (The killer inside me).
Concha Blanco: sempre anda cunha libretiña ou cun simple papel dobrado no que poida escribir en caso de precisalo tanto nos bolsos coma na mesiña de noite amais dun lapis ou bolígrafos minis, co único obxectivo de cazar palabras, ideas, descricións, vivencias, soños… que sempre ten medo a perder ou esquecelos se non os recolle por escrito.
Antón Dobao: asegura que máis que manías o seu son rarezas. Gústalle deixar que o tempo lle pase a un texto antes de retocalo para a súa publicación. Tampouco escribe varias obras á vez, prefire terminar o que está a escribir antes de comezar cun novo proxecto. Se é unha rareza, declárase tímido e non comenta nada sobre o que escribe antes de que saia do prelo.
Celso Fernández Sanmartín: escribe de cabeza, andando, paseando, na horta, lendo, ou escoitando. Toma apuntamentos en papeliños e cando isto dá o seu froito, aparece a escritura máis consistente.
Antón Avilés de Taramancos: escribía sempre na súa taberna típica, cun bo viño para quen alí se achegase, no tempo libro que lle deixaban as visitas, e pondo música para illarse das voces dos clientes. A súa obsesión era escribir moi abrigado para sentir calor, “quizais porque veño do trópico”, afirmaba.
Ramón Loureiro: tamén declara non ter manías. Escribe sempre a man, con pluma estilográfica.”

Na morte de Isaac

Ás 13:00 horas do día 6 de xaneiro, na capela ardente instalada no Museo do Pobo Galego, as escritoras e escritores Marilar Aleixandre, Eduardo Estévez, Cesáreo Sánchez, Teresa Moure, Carlos Negro e Antía Otero fixeron unha lectura de poemas queridos para Isaac Díaz Pardo. Ademais, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, dirixiu as seguintes palabras:

Querida familia de Isaac, queridos Camilo e Xosé, querida Mimina, querido Isaac:

Vimos as escritoras e os escritores galegos a che entregar hoxe o humilde froito da nosa palabra.

Co corazón mancado vimos a che agradecer tanta vida a nós entregada.

Sempre tiveches as portas da túa casa comunal aberta aos máis novos, sempre foi o noso fogar. Era o tempo no que o silencio arrasaba coma corisco a terra nosa. E ti construías os alicerces do tempo futuro. E fixéchesnos partícipes da encomenda de Castelao de reconstruír o fogar desfeito, de sementar de novo os eidos ermos de silencio.

E acompañámoste no teu traballo colectivo ao que entregaches a túa obra persoal, vital e iluminadora. Para a nosa terra eran anos de escuridade de xisto e desasosego e desmemoria. Traías na palma da mao a palabra fértil, habitada pola ferida memoria dos nosos exiliados, de Castelao, de Lorenzo Varela e de todos os homildados que dicía Luís Seoane.

Eles e ti, rumor de auga nutricia, entraña errante da nosa terra, extenuada de tanto se desangrar dos seus fillos.

Fuches para nós: o amigo entrañado, o irmao maior, o pai na idea que teceu nesta terra o territorio dos soños e da nosa dignidade, para que nesta terra puidésemos tecer a nosa fraterna andaina.

Editaches os nosos libros, cando aínda aprendíamos torpemente o ser do oficio de poeta, de escritor.

Para o albor vas Isaac, para o tempo da clara luz que beberon os teus ollos grandes e solprendidos de rapaz novo na flor da idade sempre.

Para a luz sen tristeza lévasnos da mao túa que pintou e tallou no barro a alma desta terra, sen ti tan orfa.

Neste tempo de tanta miseria vástenos para ser presente e memoria colectiva, futuro.

Na túa obra que é barco co vento da historia no velame, lévasnos.

Hoxe que estás no Pórtico da Gloria da terra nosa, Isaac orgullámonos dos teus froitos para que a terra nosa siga a ser a Terra dos Nosos Soños. Para que siga a ser a Terra Prometida, a Terra dos Bos e Xenerosos.

Nela acollémonos para sempre á túa sombra protectora para que nos guíe e así non nos ofrecer polos camiños do futuro da patria nosa, nin permitir que nos trabuquen o destino, como pobo que vén atravesando os séculos coma inmorrente río de luz”.

Santiago de Compostela, a 6 de xaneiro de 2012

Museo do Pobo Galego

Isaac Xubín gaña o XXIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

“Isaac Xubín gañou o XXIV Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, coa súa obra Con gume de folla húmida. O xurado escolleu esta obra o pasado sábado, 10 de decembro, entre as 35 que concorreron ao certame. Os responsables da selección salientaron a grande cantidade e a calidade xeral de todos os participantes. O gañador levou 2.800 euros e a obra será publicada pola editorial Sotelo Blanco.” Vía Cultura Galega. Reseñado tamén en Certo, e Poesía Galega, onde se recolle a composición do xurado: Valentín Alfonsín Somoza, Rosa Enríquez Noya, Carlos Negro, Román Raña, Luís Valle e Cristina Codesido, quen destacou a “tensión poética mantida ó longo do poemario, permite a fluidez dos versos de xeito natural, cunha mistura da lingua, do tempo e da terra”.

Santiago: presentación da nova web de Fervenzas Literarias

O xoves 1 de decembro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, Fervenzas Literarias celebra o seu quinto aniversario coa inauguración da súa nova web, onde os lectores poderán atopar as seccións de sempre, contidos dinámicos e novos apartados. Fervenzas Literarias nace con vontade de ser un elo da cadea que una o libro co lector, co que pretende consolidar un proxecto vencellado dende a súa orixe coa difusión e a promoción da lectura de Galicia. Intervirán no acto: Xurxo Patiño, Presidente da Federación de Libreiros de Galicia; Belén López, Vicepresidenta da Asociación Galega de Editores; Carlos Negro, Vogal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en Compostela; Carina Fernández, Directora da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela; e Nacho Alonso, director de Fervenzas Literarias.

Armando Requeixo: “A prol dunha educación literaria”

Artigo de Armando Requeixo no seu blog Criticalia:
“Onte e antonte, na controvertida Cidade da Cultura, desenvolvéronse as I Xornadas de Literatura e Ensino baixo o título xeral A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo. Organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG), estas xornadas reuniron un escolleito grupo de didactas, estudosos, creadores e críticos literarios que, organizados en diversas mesas redondas, analizaron diferentes aspectos relacionados co presente e o posible futuro da nosa literatura nos centros educativos.
A conferencia inaugural da xuntanza correu a cargo do escritor Xosé Miranda quen, co seu oficio e saber característicos, disertou con construtiva retranca sobre Que vén sendo iso de ensinar literatura?, ofrecendo unhas moi útiles Instrucións de uso para docentes nos biosbardos.
A mesa redonda que seguiu estivo coordinada por Mercedes Queixas Zas e nela participaron o narrador Antón Riveiro Coello, o poeta Xavier Seoane e mais a estudosa Pilar Ponte Patiño quen, dende ancos complementarios, abordaron o complexo tema A literatura galega nas aulas do século XXI centrándose nas que cada un deles crían podían ser axeitadas Estratexias de sedución coas que atraer o alumnado e facer agromar nel o pracer da lectura.
Para rematar coas actividades deste primeiro día Queixas Zas levou a cabo unha suxestiva Presentación do Espazo didáctico virtual da AELG na que deu noticia do grande número de recursos que a asociación ofrece ao profesorado na súa web, na que é posible atopar unidades didácticas, obradoiros literarios, roteiros e outros materiais de grande proveito para o traballo nos centros.
A xornada sabatina principiou cunha mesa centrada nos Tópicos, prexuízos e puntos de fuga que tiven o pracer de moderar e na que participaron a ensaísta e especialista en bibliotecas escolares Pilar Sampedro Martínez, o profesor e narrador Manuel Lourenzo González (recentísimo gañador do Premio Blanco Amor) e mais o escritor e editor Fran Alonso. Todos tres achegaron unha moi ampla panorámica sobre do tema proposto e, amais de combater os numerosos lugares comúns cos que tantas veces se simplifican as cuestións referidas a este asunto, foron respondendo tamén múltiples interrogantes e expoñendo cales podían ser as actitudes coas que afrontar os retos que se abren para o seu futuro.
A mesa coa que se pechou a mañá tiña designado como coordinador o escritor Marcos Calveiro e como relatores convidados o profesor R. Nicolás, o narrador e teórico do feito literario infantoxuvenil Xabier P. Docampo e mais a escritora Marilar Aleixandre. Os catro articularon intervencións nas que se ocuparon dos Itinerarios lectores durante a adolescencia e, sobre todo, dos Criterios de selección dos mesmos, deténdose en espiñentos temas como, poño por caso, a importancia da educación en valores á hora da selección de títulos para o alumnado ou a (in)conveniencia de tratar certos tabús nas obras literarias que a este se destinan.
A quenda da tarde comezou cunha nova mesa redonda, desta volta a propósito do tema Os ‘irmáns pequenos’ no universo da aula: a poesía, o teatro e a literatura de tradición oral. Coordinados polo escritor Carlos Negro —quen fixo de cada un deles unha magnífica presentación en verso—, a dramaturga Teresa González Costa, o poeta Antonio García Teijeiro e mais o narrador e investigador Antonio Reigosa ocupáronse, respectivamente, do papel que o teatro, a poesía e a literatura de raiceira e tradición popular podían (e deberían) xogar nas aulas, equilibrando, así, a súa presenza coa escrita narrativa, xénero preferente para o traballo do profesorado.
Como despedida das xornadas, a mesa A escola e outras literaturas: álbum ilustrado, novela gráfica e banda deseñada, moderada por F. Castro, reuniu as profesoras Gracia Santorum e Ánxeles Abelleira e mais o artista gráfico e ilustrador Jacobo Fernández Serrano para reflexionar sobre as posibilidades que o mundo do cómic e outras fórmulas visotextuais ofrecen no proceso de aprendizaxe do noso alumnado.
O considerable número de asistentes (que se achegou ao centenar), así como a intensa participación nos debates que se suscitaron tras cada unha das mesas redondas entre o público e os relatores dan fe do interese certo que estas I Xornadas de Literatura e Ensino, meritoriamente organizadas pola AELG coa colaboración da AS-PG, espertaron entre a comunidade educativa, polo que haberá que facer votos para que nos vindeiros anos a iniciativa se consolide.

I Xornadas de Literatura e Ensino. A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo, o 18 e 19 de novembro

As I Xornadas de Literatura e Ensino. A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo, que terán lugar o venres 18 e sábado 19 de novembro no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás) de Santiago de Compostela, son un curso organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega e o patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia-Xunta de Galicia.
A asistencia é libre. Para o colectivo docente non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario está solicitada a homologación ante a Consellaría de Educación por 10 horas, e a matrícula é preferente para socios/as da AELG e da AS-PG (por orde de inscrición). Para as persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación resérvanse 25 prazas.
A matrícula, gratuíta, farase desde o 24 de outubro ao 15 de novembro de 2011 a través da web da AS-PG.

Os obxectivos previstos son:
– Reflexionar sobre a necesaria revisión e actualizar da transmisión didáctica da literatura no ensino obrigatorio e posobrigatorio.
– Valorar a literatura galega, a través da súa historia, como unha ferramenta clave para a adquisición da necesaria competencia lingüística adaptada a cada nivel/etapa educativa.
– Adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos.
– Achegarse aos contidos didácticos e interactivos que as TIC ofrecen para o profesorado.
– Coñecer o Espazo Didáctico que a AELG ofrece aos profesionais do ensino, en particular, e á sociedade, en xeral.
– Reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura.
– Concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na escrita, o alumnado.
– Coñecer e analizar as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil.
– Partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento literario para a infancia e mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega.

Pode descargarse aquí o programa, que está composto polas seguintes actividades:

VENRES 18 DE NOVEMBRO

16:30 h. Conferencia inaugural: Que vén sendo iso de ensinar literatura? Instrucións de uso para docentes nos biosbardos, por Xosé Miranda.
17:30 h. Mesa redonda: A literatura galega nas aulas do século XXI: estratexias de sedución. Participan: Antón Riveiro Coello, Xavier Seoane e Pilar Ponte Patiño. Coordina: Mercedes Queixas Zas.
19:00 h. Presentación do Espazo didáctico virtual da AELG, por Mercedes Queixas Zas.

SÁBADO 19 DE NOVEMBRO

10:30 h. Mesa redonda: A literatura infantil e xuvenil en Galicia: tópicos, prexuízos e puntos de fuga. Participan: Pilar Sampedro, Manuel Lourenzo González e Fran Alonso, coordinados por Armando Requeixo.
12:00-12:30 h.. Pausa-café.
12:30 h. Mesa redonda: Itinerarios lectores durante a adolescencia: criterios de selección. Participan: Ramón Nicolás, Marilar Aleixandre e Xabier P. DoCampo, coordinados por Marcos Sánchez Calveiro.
16:30 h. Mesa redonda: Os “irmáns pequenos” no universo da aula: a poesía, o teatro e a literatura de tradición oral. Participan: Antonio García Teijeiro (poesía); Teresa González Costa (teatro) e Antonio Reigosa (literatura oral). Coordina: Carlos Negro.
18:00 h. Mesa redonda: A escola e as outras literaturas: álbum ilustrado, novela gráfica e banda deseñada. Participan: Gracia Santorum, Ánxeles Abelleira e Jacobo Fernández Serrano baixo a coordinación de Francisco Castro.

Crónica posterior en Poesía galega e o blogue de Armando Requeixo, Criticalia.

Carlos Negro: Procurar un discurso “máis plural”

Entrevista a Carlos Negro en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Cre que se abriu ese debate?
– Carlos Negro (CN): Espero que si. A miña idea inicial era poñerlle voz a un estado de ánimo de moita xente que está arredor da defensa da lingua, e que vén da sensación de que, por un ánimo defensivo ou polas agresións recibidas desde o poder, as actuacións son un pouco repetitivas e dirixidas á mesma parroquia. Iso crea un círculo pechado no que non hai perdas pero tampouco ganancias.
– GH: Entón, ¿non son eficaces as accións reivindicativas actuais?
– CN: Non o son fóra do círculo dos que xa teñen unha empatía co nacionalismo e coas esquerdas. Ben polos prexuízos, ben pola acción dos medios de comunicación, as mensaxes de defensa do idioma non chegan á sociedade. Proba diso é que non se recuperan falantes e que ás veces o único que chega é a mensaxe de imposición do galego, que é un absurdo. Hai que procurar un discurso máis plural, que non aparezan sempre os mesmos rostros e palabras, e buscar estratexias atractivas e máis enfocadas a un público non concienciado. Hai que ter máis empatía coa sociedade, para conectar coa xente, e menos homilía.
– GH: Di que se “rasca onde non pica”. Onde habería que rascar?
– CN: Habería que diversificar a mensaxe, porque non en todos os ámbitos sociais e xeográficos hai a mesma problemática. E, sobre todo, que o discurso sexa menos ideolóxico, de cidadán a cidadán, para que se descubra que o galego é unha riqueza e útil. (…)”