Arquivos da etiqueta: César Morán
A Coruña: concerto de César Morán
Compostela: Tardes de domingo, de Ramona Giráldez Domínguez
A Coruña: recital-presentación de O teu corpo a oriente e ocidente, de Pedro Casteleiro
A Coruña: Manuel Miragaia presenta Galeguia
Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega. Congreso de Poesía da AELG
Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega é o título deste Congreso de Poesía organizado pola AELG, co que se pretende facer unha revisión da poesía galega nos últimos catro decenios, un exame da súa situación actual e do peso da poesía no sistema literario e na sociedade galega, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro.
OBXECTIVOS
Preténdese facer un debate aberto sobre o estado actual e recente da poesía galega, unanimemente recoñecida pola súa grande valía literaria, mais que padece unha certa invisibilidade social no seu propio territorio, o que fai máis necesario que nunca un Congreso onde se debatan diversas perspectivas sobre ela, como un punto de encontro onde reflexionar serena e abertamente arredor das experiencias vinculadas ao feito poético.
INSCRICIÓN
A asistencia ao Congreso para o público interesado é libre e de balde, mais pedimos que fagan a inscrición previa, a efectos organizativos, no correo electrónico oficina@aelg.org ou ben no teléfono 981133233 (neste caso, en horario de 09:30 a 14:00 horas, de luns a venres).
FORMATO
O Congreso dividirase en seis mesas redondas, en formato de grupos de traballo, sendo a idea fundamental o debate aberto e a intercomunicación fluída de propostas, análises e perspectivas. Tamén terá lugar un recital poético con voces representativas destes últimos 40 anos de creación poética.
PROGRAMA
VENRES 6 DE OUTUBRO
Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n. –como chegar-)
Tarde
– 16:00 Recepción dos/as congresistas.
– 16:15 Inauguración do Congreso, coa presenza do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e a Concelleira de Cultura, Carme Fouces.
– 16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 1. Nós tamén navegar, a poesía galega de 1976 a 2016.
Coordinadora: Marta Dacosta.
Relatoras: Helena Villar, Rosa Enríquez e Yolanda Castaño.
– 18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 2. Teatro e outras formas de comunicación do poético (oralidade, popular, etc.).
Coordinador: Afonso Becerra.
Relatoras/es: Miguel Sande, Antonio Reigosa e Silvia Penas.
Espazo Multidisciplinar Nemonon (Rúa Marqués de Riestra, 11, 1º –como chegar-).
– 21:15 Recital de poesía e música, coa participación de: Rosalía Fernández Rial, Xulio López Valcárcel, Antón Lopo, María do Cebreiro, Baldo Ramos, Ana Romaní, Daniel Salgado, Susana Sánchez Arins, Dores Tembrás e Vítor Vaqueiro, xunto á música ao vivo de César Morán. Presentado por Lucía Novas.
SÁBADO 7 DE OUTUBRO
Pazo da Cultura de Pontevedra
Mañá
– 10:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 3. Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia.
Coordinadora: Mercedes Queixas.
Relatoras/es: Ramón Caride, Ramón Nicolás e Estíbaliz Espinosa.
– 12:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 4. Traducións e diálogos con outros sistemas poéticos.
Coordinador: Ramiro Torres.
Relatoras/es: María Reimóndez, Raúl Gómez Pato, Tiago Alves Costa (Lusofonia).
Tarde
– 16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 5. 40 anos de poesía aos ollos da crítica
Coordinadora: Chus Nogueira.
Relatoras/es: Vicente Araguas, Teresa Seara e Mario Regueira.
– 18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 6. Innovación poética, trans-xénero, novas modalidades.
Coordinador: Carlos Negro.
Relatoras/es: Fran Alonso, Antía Otero e Celia Parra Díaz.
A Coruña: presentación de Relatos para sorrir, de Valentín Alvite
A Coruña: Roteiro polos lugares de Memoria de Monelos
O sábado 18 de marzo haberá un Roteiro polos lugares de Memoria do barrio coruñés de Monelos, organizado por un grupo de veciñas e veciños do barrio, en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
– Este Roteiro comezará contra as 13:00 h. e sairá da Praza Rafael Dieste (homenaxe ao escritor nacido en Rianxo e figura senlleira do Exilio Republicano), coas seguintes paradas:
– No comezo do Parque de Oza (detras do palco do Liceo Monelos), homenaxe ao guerrilleiro “Foucellas”, que estivo nunha casa alí curándose dunhas feridas de combate. Sobre Rafael Dieste falarános Henrique Rabuñal, poeta, dramaturgo e ensaista, autor do traballo Rafael Dieste: a franqueza e o misterio (1995).
– Avenida Salvador de Madariaga (diplomático e escritor coruñés, Republicano Exiliado, que ocupara o cargo de Ministro de Instrucción Pública na 2ª República, en 1934). Para ilustrarnos sobre a vida e obra de Salvador de Madariaga, intervirá Tino Fraga, director do Instituto José Cornide de Estudios coruñeses, Instituto que é albacea de dous legados fundamentais: os fondos manuscritos e bibliográficos de Salvador de Madariaga.
– Fronte ao Bar Trotamundos, onde estivera a antiga Escola Nacional nos anos 30 do século pasado, homenaxe a Mercedes Romero Abellá, mestra salvaxemente asasinada polos franquistas. Tomará a palabra nesta parada a profesora, historiadora e arqueóloga galega Ana Romero Masiá, especialista nos estudos da represión polo franquismo ás mulleres socialistas coruñesas.
– Praza de Luís Seoane. Homenaxe a este escritor, debuxante e pintor, morto na Coruña en 1979, e á súa obra no Exilio Republicano en Buenos Aires. Sobre Luís Seoane basará a súa intervención o membro da Real Academia Galega de Belas Artes, Xosé Díaz.
– Praza de Casares Quiroga, para lembrar a figura do único presidente da República nacido na Coruña. Como remate do Roteiro, será o historiador e profesor de Historia Contemporánea na Universidade da Coruña, Carlos Velasco, quen nos conte algo sobre este Presidente republicano coruñés.
Todo o traxecto estará amenizado pola música do gaiteiro Moncho do Orzán.
Na praza de Casares Quiroga serán os artistas Xosé Taboada e César Morán quen pechen o acto coa interpretación de algunhas pezas musicais.”
Rosalía, toda unha patria
Artigo de Xoán Costa en Sermos Galiza:
“Durante o ano 2013, e no contexto do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, Sermos Galiza deu a luz, como parte do proxecto Análise e divulgación de Cantares Gallegos, promovido pola Sociedade Cultural Medulio e patrocinado pola Deputación da Coruña, un total de 23 páxinas, unha cada semana, recollendo diferentes aspectos da presenza pública de Rosalía e algunhas das iniciativas levadas a cabo durante aquel ano. Tamén, e como complemento daquelas páxinas, publicamos un caderno A Fondo titulado Rosalía de Castro, a liberación das tebras.
Agora, en febreiro de 2017, no 180 aniversario do nacemento de Rosalía, ofrecemos novamente aquela publicación, indexada e en formato pdf para descargar libremente desde as páxinas de Sermos ou para ler directamente desde a tenda da AS-PG. É a pequena contribución de Sermos Galiza para seguirmos avanzando no coñecemento de Rosalía.
A meniña morena
O primeiro dos textos, da autoría de Francisco Rodríguez, transcribe, e contextualiza, un poema de Rosalía publicado en La Soberanía Nacional. A partir de aquí veñen outros mais relacionados coa efeméride dos 150 anos de Cantares. Tal é o caso da crítica que Carlos Serantes fai ao disco producido pola AS-PG en que Tempo Catro musica 11 poemas de Cantares Gallegos, sen esquecer, como fai Carlos Arias, que Amancio Prada representou un “paso incrible para un recoñecemento masivo da nosa capacidade expresiva”
Pilar García Negro analiza a presenza da “meniña morena” e como Cantares representa a vitalidade do pobo e as súas capacidades organizativas.
Un libro, unha patria.
É esta a tese de X. L. Axeitos que, nun artigo titulado Un libro unha patria, afirma, en referencia a Cantares, que “un libro é a nosa esencia fundacional como nación”. Chegan logo outros artigos, como de Kathleen March, para quen “Rosalía soubo escreber como ninguén a Terra”, en referencia ao poema Campanas de Bastavales; ou o recuperado texto de Carvalho Calero, publicado en 1973, que fala da necesidade de desmitificar Rosalía sen por iso deixar de ser símbolo colectivo.
Segue un texto que retoma as palabras de Carvalho para mostrar a necesidade de pormos gravacións das obras de Rosalía, como teñen outras literaturas, a disposición do público. Quer dicir, ademais de podermos ler Rosalía, temos que poder escoitala, como, por exemplo, sucede con El Quijote. Neste sentido, valóranse, noutro artigo, os traballos que a AS-PG ten feito para achegar Rosalía a todos os públicos, quer a través da música, do cinema ou do ensaio, nunha liña moi próxima á expresada por Mercedes Queixas e a necesidade de aproveitar, escolarmente falando, Rosalía.
Novamente Francisco Rodríguez nos aproxima á Rosalía que realiza a defensa máis afervoada do pobo galego fronte a quen pretendía “reducilo a un fato de bárbaros selvaxes”
A descuberta individual
A nosa curiosidade humana pode romper moitas barreiras. Iso é o que exprime Marta Dacosta ao lembrar como foi a súa curiosidade infantil a que a aproximou a un pacote no fondo dun armario. Alí algúns títulos, entre eles Cantares. E a partir de aquí todo normal, unha nena castelán falante le Cantares sen se decatar que está escrito en galego.
Chegan agora unha serie de artigos de caracter máis formal. Celia Armas céntrase no contexto literario e político en que aparece Cantares Gallegos; a problemática da restauración do galego escrito no século XIX é o tema do traballo de Xosé Ramón Freixeiro Mato.
A escrita oportunista
Neste amplo traballo non podía ficar fóra o oportunismo, a utilización de Rosalía como mercadoría. Isto é o que analisa Xurxo Borrazás ao comentar os prólogos que Alberto Núñez Feijóo, Pilar Rojo e Ramón Villares fan á edición facsimilar de Cantares.
Veñen a seguir outras colaboracións de carácter máis lingüístico. Para Goretti Sanmartín a maneira que Rosalía ten de defender a patria é, desde a primeira obra, a través da lingua mentres César Morán reclama a necesidade de ler Rosalía nas aulas, cuestión que, sen a negar, valora de maneira algo diferente Marga do Val: “Cantares agarda para ser lida por puro gozo,sen pensar en aspectos pedagóxicos e didácticos. Suso de Toro e Francisco X. Barreiro afondan no papel de Rosalía e de Cantares no nacemento do sistema literario galego.
Finalmente son Laura Tato, ao falar da produción crítica sobre Rosalia no 150 aniversario de Cantares, e Aurora López e Andrés Pociña, que fechan a serie de textos, ao referir como o 150 aniversario non pasou en silencio mais aínda así hai moitas luces e sombras, salientando especialmente o contributo de Carvalho Calero para dar luz sobre tanta sombra.
O PDF complétase cun estudo de 8 páxinas, un A Fondo na terminoloxía de Sermos, titulado Rosalía de Castro, a liberación das tebras.
Coincidindo coa efeméride do nacemento de Rosalía, Sermos Galiza tamén ofrece 10 por cento de desconto para as compras dos seus libros en papel durante os días 22, 23, 24 e 25 de febreiro
Podes descarregar o pdf desde este artigo, tamén o tes disponíbel na nosa loxa.