Entrevista
a Xabier López no Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): O punto de arranque de Cadeas é a anécdota dun escritor que descobre na praia unha muller nova que está a ler unha novela súa. Trátase dunha experiencia real? Que tipo de curiosidade se suscita en Vde. ante a presenza dun descoñecido que está a ler un libro seu?
– Xabier López (XL): Non, non é unha experiencia real, aínda que podería entrar dentro do posible. Na fin de contas, cando un suma xa algún anos no asunto, sabe que circulan por aí certo número de exemplares co seu nome na capa. Porén, quitando as presentacións e os actos públicos é ben estraño ver alguén cun libro dun entre as mans. Non sendo que sexas un deses best-seller que rematan por poñer a lei de probabilidades da súa parte, claro. Polo demais, un arranque como ese non deixa de ser unha das moitas materializacións dunha pescuda –consciente ou inconsciente- que emprende o escritor dende o primeiro: a busca do lector, do seu lector tipo, a outra “peza” do invento. Outra cousa é, e con isto contesto a segunda parte da pregunta, que toda busca responda en verdade a un desexo real de atopar o que se persegue. De darse o caso, con toda certeza reaccionaría cun pudor extremo. E marcharía na punta dos pés, case seguro. (…)
– FdV: Coa obtención do Premio Xerais, copa Vde. un bo feixe de premios conseguidos ata o de agora. Os premios son fundamentais para a boa saúde da literatura galega actual ou ben se podería prescindir dalgúns deles?
– XL: Ben, iso de “copar” non creo que sexa exactamente así. Certo que houbo temporadas da miña vida nas que houbo certa “acumulación” de premios, mais hai que pensar que xa levo máis de quince anos publicando. E nese tempo, como é de imaxinar, houbo de todo; novelas premiadas e outras que, a non levar premio ningún, obtiveron outro tipo de recompensas: lectores, traducións a outras linguas… Polo demais, creo que os premios literarios son estímulos tan bos coma calquera outros para a promoción dun escritor e, por extensión, do sistema literario onde se inscribe. Faltan, iso si, máis axudas a un sector, o editorial, obrigado a ver como os poderes públicos se esquecen de que as industrias culturais xeran tanta riqueza ou máis que outras que si merecen de vello a súa atención. Para cando, poño por caso, un plan “Pive” para o mundo do libro e a lectura?
– FdV: Cando Vde. gañou o Xerais, declarou que Cadeas reflectía ese obxectivo seu de que a literatura “comezando pola forma, é ou debe ser sempre algo máis”. “Algo máis” qué? É que acaso, salvo contar novas historias, queda algo por inventar en literatura?
– XL: Nada queda por inventar, certo. Pero os lectores sabemos que o mundo se reinventa con cada libro novo que abrimos. Sobre todo naqueles que nos teñen por suxeitos activos.”
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Santiago: presentación de Vento e chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia
O
mércores 30 de outubro, ás 20:00 horas, na Igrexa da Compañía (Praza da Universidade, s/n.) de Santiago de Compostela, preséntase Vento e chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia, de Manuel Gago e Manel Cráneo, editado por Xerais. No acto interveñen, xunto aos autores, Manuel Bragado e Marco García Quintela. Tras a presentación, realizarase un espectáculo teatral baseado nos textos de Vento e chuvia a cargo de cinco destacados actores e actrices de Galicia: Quico Cadaval, Belén Constenla, Soledad Felloza, Anabel Gago e Avelino González.
Literatura contra o paro
Desde
Radiofusión:
“O Castañeiro de Abril trata a historia de Baltasar, un neno cego que vive nun barrio gris baixo o xugo de dúas tías crueis cuxa vida dá un envorco aventureiro cando coñece ao personaxe que dá título á novela. Antonio Fraga, natural de Pontedeume, escrebeu esta novela O castañeiro de abril para sandar da ansiedade do paro. Foi galardoada este ano co Premio Merlín de Literatura Infantil, de Edicións Xerais.
A entrevista completa pódese escoitar aquí.”
Manuel Gago: “Ata hai moi pouco en Galicia non había divulgación científica”
Desde
Xerais:
“CUAC FM emitiu unha entrevista de Manuel Varela a Manuel Gago polo seu libro sobre Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de próxima aparición. A entrevista con Manuel Gago pode escoitarse neste enlace.”
Ponteceso: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez
O
venres 25 de outubro, ás 21:00 horas, na Libraría A Tenda dos Libros (Avenida de Anllóns, 2) de Ponteceso, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais.
Ourense: presentación de Faneca Brava, de Manuel Portas
O
venres 25 de outubro, ás 20:00 horas, na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase Faneca Brava, de Manuel Portas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Manuel Eyré e Fran Alonso.
Pontedeume: presentación de O Castañeiro de Abril, de Antonio Fraga
O
venres 25 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume, Antonio Fraga presenta O Castañeiro de Abril, publicado en Xerais, obra gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil do 2013. No acto, xunto ao autor, participan o ilustrador da obra, Antonio Seijas, Manuel Bragado e Gabriel Torrente.
Xabier López: “En Cadeas hai ficcións que parecen realidade, e realidades que se converteron en ficción
Entrevista
a Xabier López en Disquecool:
“(…) – Disquecool (D): Como é cando naceu Cadeas?
– Xabier López (XL): Un día, revisando material vello atopei reflexións que fixera arredor do meu anterior libro para adultos, Os libros prestados, un libro de relatos. Eu fixera referencia á filosofía que defende que a nosa vida é unha unidade narrativa, que ao pensar sobre a nosa vida estamos relatando unha historia, que somos personaxes protagonistas na nosa historia, pero secundarias na de outros, e relacionando esa idea da vida como unidade narrativa co meu primeiro libro de relatos, comecei a pensar se ese era realmente o meu primeiro libro de relatos ou se xa había relatos autónomos nas outras novelas. E máis alá, se a vida era unha unidade relativa, cosa coa que estou de acordo, se se trataba dunha novela ou dunha suma de relatos. (…)
– D: Que supuxo para ti o Premio Xerais? Trátase dun premio que ten moitísima repercusión.
– XL: Levo anos escribindo, escribindo moito máis que publicando claro, pero tamén publicando desde o 97. Quero dicir que teño de todo, novelas que funcionaron mellor e peor, que gañaron premios, pero o certo é que a repercusión do Premio Xerais non a teñen outros, despois de que saíse o nome do gañador, nos tres dias seguintes recibín moitísimas chamadas; ata perdín a voz! E esa repercusión quizás non sexa tanto mérito de Xerais, que o é, como demérito da sociedade, que só recoñece a un autor cando gaña un premio importante. E que mesmo na rúa, veciños que nunca me pararan, agora viñan a felicitarme. Así que significación cara fóra, claramente máis publicidade. Ademais a nivel persoal o premio é un estímulo, por suposto. A valoración non pode ser outra.”
Onde se fala a lingua con orgullo
Desde
Radiofusión:
“Valverde, As Ellas e San Martiño de Trebello. Tres localidades da serra de Gata en Extremadura falan en galego. A orixe dese curioso fenómeno reside nas repoboacións realizadas por Fernando II e Afonso VIII a finais do século XII e a comezos do século XIII. Os veciños procedentes de Galicia superpuxéronse á habitación previamente existente. Viven alí 5.000 persoas que falan con orgullo e autoestima, unha lingua que non é nen castelán nen portugués. O profesor da Universidade de Vigo Henrique Costas bautizou esa fala como O valego e con ese nome ven de publicar un libro en Edicións Xerais.
No val do Xálima funciona á perfección a transmisión da lingua de pais a fillos. Non renuncian ao seu e a súa forma de falar, é o que os singulariza no mundo. Tanto orgullo, tanta fachenda e tanto apego, produce un efecto shock nos galegos e galegas que se achegan a esta zona de Extremadura.
A entrevista pódese escoitar aquí.”
Pontevedra: presentación de Días que non foron, de Luís Rei Núñez
O
xoves 24 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11, a carón do Teatro Principal) de Pontevedra, preséntase Días que non foron, de Luís Rei Núñez, publicado en Xerais. No acto, coorganizado polo Ateneo de Pontevedra e a editora, participan, xunto ao autor, Ana Acuña, Xaime Toxo e Manuel Bragado.