Desde Galaxia:
“Reunido o 17 de xullo, por videoconferencia debido á situación sanitaria creada polo COVID-19, o xurado do XXXII Premio de Novela “Manuel García Barros (Ken Keirades)”, decidiu declarar gañadora a novela Flores de ferro, de María Rei Vilas.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Inma Otero e Carlos Loureiro, despois de ler os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, acordou, por maioría conceder o XXXII Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada baixo o lema “Escoitar a Briana”. Logo de abrir a plica, o dito lema correspóndese coa obra Flores de ferro da autoría de María Rei Vilas.
O xurado destacou desta novela que a protagonista, Camila, volve ás terras da infancia para pescudar nas orixes familiares e recuperar un período mediatizado polo pai. Alí ten que recompoñer a súa identidade, á vez que afronta desde o presente dos anos 80, a etapa da Guerra Civil. A orixinalidade radica tanto na estrutura narrativa ambiciosa que acompaña o crebacabezas persoal; coma na dosificación da intriga que anima a lectura. Así mesmo, destaca o protagonismo das mulleres como vítimas silenciadas, mais tamén como axentes que se enfrontan ao novo réxime.
(…) O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e Flores de ferro será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.”
Arquivos da etiqueta: Eulalia Agrelo Costas
Xesús Fraga, premio Blanco Amor de novela 2019
Desde Fervenzas literarias:
“O xornalista e escritor Xesús Fraga foi o gañador do XXXVIII Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor pola súa obra Virtudes (e misterios).
O xurado do certame que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, elixiu por maioría, de entre os 23 orixinais presentados ao premio, a obra de Xesús Fraga, que recrea as vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas, marcada pola emigración a América e a Europa. “Trátase dunha historia asentada na realidade da segunda metade do século XX, ben vertebrada e contada a través dun variado mosaico de lembranzas, sensacións, testemuñas, fotografías e o diario dunha nai”, sinala a acta.
O epicentro narrativo da obra sitúase nun Londres percorrido polas pegadas familiares e as do colectivo galego emigrante, subliña o xurado, salientando que como contrapunto está Venezuela, a través do avó ausente, do que pouco ou nada se sabe ata o final. “Resulta salientable –valora o xurado- a relación interxeracional permanente entre o neto e a avoa, unha figura forte que representa a épica das mulleres galegas nun tempo de extremas limitacións”, e tamén destaca “o tratamento da linguaxe e a variedade de rexistros, entre os que non falta a empatía coa actualidade; unha novela para todo tipo de lectores”.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de comunicar a nova ao escritor, felicitándoo polo éxito acadado con este traballo literario, que reflicte elementos autobiográficos na súa escrita, e que mantén, precisamente, un paralelismo coa obra Blanco Amor, quen tamén destacou por introducir características autobiográficas nalgunhas das súas obras.
Xesús Fraga, nado en Londres e residente en Betanzos, é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade de Salamanca, e traballa como redactor na sección de Cultura de La Voz de Galicia, contando cunha ampla traxectoria no ámbito literario.
O xurado, que fixo constar na acta os seus parabéns ao escritor desexándolle “moitos máis éxitos na súa faceta literaria”, estivo integrado por Luís González Tosar, como presidente; Laura Caveiro, secretaria, e Luís Menéndez Villalba, Xosé María Dobarro Paz e Eulalia Agrelo Costas, como vogais.
A entrega do galardón tivo lugar o vindeiro 30 de novembro, ás 20.30 h., nunha cea literaria, organizada pola Fundación “Eduardo Blanco Amor”, que tivo lugar no Liceo de Ourense, coincidindo esta edición co 40º cabodano do autor de A Esmorga, acto que contou coa participación de representantes institucionais e dos ámbitos social e cultural, e onde o premiado recibiu, xunto á achega económica do premio, unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio.”
Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 25 de xullo
Berta Dávila gaña o Premio García Barros 2019
Desde Galaxia:
“Reunido o 16 de xullo no concello da Estrada, o xurado do XXXI Premio de Novela Manuel García Barros decidiu declarar gañadora a novela Carrusel que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Berta Dávila.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Inma Otero e Carlos Loureiro, actuando como secretario, destacou a “depuración estilística, o traballo lingüístico e o coidado das imaxes”, que nos achegan a un “mundo interior gobernado pola autenticidade dos sentimentos”.
En Carrusel, unha narradora magoada polas súas experiencias precisa revisar os camiños andados e as relacións afectivas que pularon pola súa faceta de escritora. Unha proposta narrativa construída a través de varias trabes discursivas que, con cada reviravolta, engade un detalle que resultará fundamental para a trama na que se combina a sensualidade, a dor e a ilusión coa lóxica das ciencias como ancoraxe racional do incomprensible.
Convocado polo Concello da Estrada, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia, o XXXI Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) é un dos premios de novela de maior traxectoria en lingua galega e un dos de máis prestixioso palamarés. O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e Carrusel será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.”
LIX Rianxo. Semana do Libro Infantil e Xuvenil 2019
Compostela: Seminario e curso de formación Autoras, editoras, ilustradoras, tradutoras e investigadoras na LIX galega
Ana Cabaleiro gaña o Premio García Barros 2018
Desde Galaxia:
“Reunido o 18 de xullo no concello da Estrada, o xurado do XXX Premio de Novela Manuel García Barros decidiu declarar gañadora a novela As Ramonas que, aberta a plica, resutou ser da autoría de Ana Cabaleiro.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Olalla Cociña e Carlos Loureiro, actuando como secretario, sinalou que a novela está “Narrada cunha prosa de extraordinario labrado, salienta polo fino trazado das personaxes e a nidia aposta pola forza dos vínculos que veñen da infancia e da adolescencia e tamén da familia e a tribo, especialmente aqueles que a unen ás súas devanceiras e compañeiras”.
As Ramonas é unha historia de protagonismo feminino onde unha fotógrafa experimentada se atopa nunha encrucillada vital e profesional que lle fai cuestionarse todo. Como unha antiheroína do século XXI, a protagonista simboliza no seu camiñar a vitoria da arte sobre as continxencias cotiás. (…)
O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e As Ramonas será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia. (…)”
XIV Curso de Formación. A LIX. Relacións texto-imaxe. Literatura e Memoria: Carlos Casares no ensino
O XIV Curso de Formación. A LIX. Relacións texto-imaxe. Literatura e Memoria: Carlos Casares no ensino terá lugar do 10 ao 11 de novembro de 2017. A AELG colabora neste curso coa Universidade de Santiago mediante o patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O presente curso ten como finalidade formar e informar sobre Carlos Casares como educador e escritor de Literatura Infantil e Xuvenil. O obxectivo é salientar a importancia das súas obras na formación lectora no Ensino Infantil, Primario e Secundario e demostrar que son imprescindíbeis na planificación da educación literaria. Esta formación está xeralmente excluída, ou pouco ofertada, nos planos de estudo dos graos, malia a súa transcendencia en ámbitos básicos como a formación e comprensión lectora e escrita.
Convocan:
- Universidade de Santiago de Compostela. Instituto de Ciencias da Educación. Grupo de Investigación LITER21
- Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
- Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Carga docente: 10 horas (a homologación ten que solicitarse individualmente unha vez rematado o curso á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como formación permanente do profesorado)
Datas de realización: 10 e 11 de novembro de 2017
Lugares de celebración:
- Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (Rúa San Roque, 2, 15704, Santiago de Compostela)
- Biblioteca Afundación (Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16, 15701, Santiago de Compostela)
Requisitos de acceso: mestres, profesorado de Ensino Secundario e Bacharelato, bibliotecarios. Calquera persoa interesada no tema
Matrícula: ata o 9 de novembro de 2017
Pagamento:
- Prezo: 15 €
- Nº de conta para efectuar o ingreso: Banco Santander (ES40-0049-2584-9022-1400-2210)
- Concepto: Workshop/Seminario – “Literatura e Memoria. Carlos Casares no ensino”
- Prazos de pagamento de matrícula: un único prazo
Número de prazas: 150
Programa
Venres 10 de novembro
Lugar de celebración: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (Rúa de San Roque, nº 2, 15704, Santiago de Compostela)
16,30-17,00
Recollida do material
17,00-17,15
Inauguración: Secretario Xeral de Política Lingüística, directora do Instituto de Ciencias da Educación, director da Biblioteca Afundación e directora do curso
17,15-18,15
Literatura e Memoria.
Sara Reis da Silva (CIEC-IE-UMinho) e Blanca-Ana Roig Rechou (ICE-USC)
18,15-18,30
Descanso
18,30-19,00
Planificación cultural e educativa. Proxecto Galaxia: de Ramón Piñeiro a Carlos Casares
Armando Requeixo Cuba (CRPIH)
19,00-19,45
Carlos Casares no ensino, o seu labor como mediador docente e a súa obra para os máis novos
Mar Fernández Vázquez (ICE-USC)
19,45-21,30- A función da ilustración na obra de Casares. Taller de ilustración: Achega a propostas artísticas contemporáneas que poderían ilustrar as obras de Casares
Olalla Cortizas Varela, Cristina Trigo Martínez e Guillermo Calviño Santos (ICE-
USC)
Sábado 11 de novembro
Lugar de celebración: Biblioteca Afundación (Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16, 15701, Santiago de Compostela)
9,30 -10,00.
Carlos Casares tradutor
Ánxela Gracián (USC)
10,00-10,45
As obras de Carlos Casares no ensino infantil e primario. Unha proposta didáctica
Marta Neira Rodríguez (ICE-USC)
10,45-11,00
Descanso
11,00-11,45
As obras de Carlos Casares no ensino secundario. Unha proposta didáctica
Eulalia Agrelo Costas (ICE-UVigo)
11,45-13,45
Carlos Casares a través da ollada doutros creadores (Marilar Aleixandre; Concha Blanco; Carlos Labraña e Xosé Antonio Perozo)
Carmen Ferreira Boo (ICE-USC) e Isabel Mociño González (ICE-UVigo)
13,45-14,00
Clausura: representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega,
directora do Instituto de Ciencias da Educación, director da Biblioteca Afundación e directora do curso
Entrega de certificacións
Información
Universidade de Santiago de Compostela Instituto de Ciencias da Educación (ICE)
Telf. 881814470/881814475/881814478
Colaboran
- Biblioteca Afundación
- Rede Temática “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIXMI)
- Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE) – USC
- Asociacións: ANILIJ-ELOS; ELOS-GALICIA
Directoras
Blanca-Ana Roig Rechou e Ana María Porto Castro
Instituto de Ciencias da Educación. Universidade de Santiago de Compostela
Coordinación e Secretaría
- Rocío García Pedreira, Instituto de Ciencias da Educación. Universidade de Santiago de Compostela
- Marta Neira Rodríguez, Universidade de Santiago de Compostela/Escola Universitaria CEU de Maxisterio de Vigo
- Isabel Mociño González, Instituto de Ciencias da Educación. Universidade de Santiago de Compostela – Universidade de Vigo – Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
Antonio Manuel Fraga, Marcos Pérez Pena, Programa Conciencia, Luís Emilio Batallán, Marisa Sobrino, Flor Maceiras, Festival S8 e Grupo Nove, Premios da Crítica de Galicia 2017
“No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun xantar do sábado 4 de novembro o ditame da cuadraséxima edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. (…)
Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga, Premio de Creación Literaria
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por María do Cebreiro Rábade Villar, poeta, gañadora da edición 2016; Diana Pastoriza Espasandín, blogueira, asesora CAFI Santiago; Armando Requeixo Cuba, crítico; Mario Regueira Fernández, crítico; Manuel Forcadela, profesor da UDV; Marcos Calveiro, escritor e Eulalia Agrelo Costas, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras De catro a catro. Manuscrito inédito de Manuel Antonio (Alvarellos); Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga (Alcaián, Urco) e Nordeste de Daniel Asorey (Galaxia). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de Antonio Manuel Fraga Querido H.P. Lovecraft editada por Alcaián Urco.
O xurado salientou da obra gañadora que “constitúe un enxeñoso acercamento ao estraño, mesturando brillantemente o sobrenatural co fantástico, onde sobrancea a habil creación de ambientes perturbadores que nos acaban afectando do mesmo xeito que ao ficticio Lovecraft”. O xurado sinalou que “alén diso, fai unha descrición dos personaxes cun par de expertas pinceladas breves que lle outorgan unha personalidade claramente única e fascinante”. Rematou sinalando que “coma nos textos de Lovecraft, acompañamos a Robert na súa caída libre no abismo da culpa, ficando envoltos no misterio engadindo a peza que completa o círculo lovecraftiano”.
A prensa en Galicia na Transición, de Marcos Pérez Pena, Premio de Investigación
O xurado da modalidade de Investigación, formado por Blanca Roig Rechou, catedrática USC, gañadora da edición 2016; Vanesa Valdeiglesias, profesora UDC; Carme Adán Villamarín, catedrática de Filosofía; Uxío Labarta Fernández, investigador, Instituto de Investigacións Pesqueiras; Xurxo Mariño Alfonso, neurocientífico, profesor UDC; Xavier Senín, profesor e tradutor e María Xosé Porteiro García, que actuou como secretaria en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas a María Xosé Agra; ao proxecto de Secuenciación xenética do rodaballo (USC-CSIC,CENAG); e ás obras A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena (Xerais) e A nosa terra é nosa. A xeira das Irmandades 1916-1931 de Emilio Xosé Ínsua (Baía edicións). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena, editado por Xerais.
O xurado destacou que “valoraba moi positivamente a cantidade, calidade e diversidade das propostas presentadas que reflicten o auxe da investigación científica e do pensamento en Galicia”. Sigue lendo