Arquivos da etiqueta: Eva Veiga
Eva Veiga: “O mundo non ten posibilidade de redención sen a inocencia”
Entrevista
de Montse Dopico a Eva Veiga en Praza:
“(…) – Praza (P): Publicaches Silencio percutido e Soño e vértice moi seguidos, e moi perto tamén de A distancia de tambor. Foras escribíndoos ao mesmo tempo?
– Eva Veiga (EV): Ás veces escribo varios á vez, si, pero neste caso foi primeiro Soño e vértice e despois Silencio percutido, que o escribín xa en Málaga, onde estou esta temporada por motivos de saúde. Foi nun período de moitos silencios: estaba aquí soa, nun tempo íntimo. Pero si creo que Silencio percutido e Soño e vértice teñen moito que ver.
– P: En que sentido?
– EV: É como se Silencio percutido só puidese vir de aí, do libro anterior. Aínda que, en realidade, case todos os libros veñen do anterior. É como se foses desvestindo peles. Sempre quitas a última pel. Ademais, para min, a poesía é unha procura que penso que se manifesta neste libro máis que nos anteriores: a procura do silencio, da verdade, se esta é dicible. A verdade da poesía non pode ser unha verdade absoluta porque a poesía é un territorio libertario que traballa co prisma da palabra, no que podemos ver todos os lados do sentido. A poesía, para min, é paradoxo sempre. (…)
– P: Luz e sangue son símbolos moi presentes na túa poesía. Que papel xogan aquí?
– EV: A luz é un dos símbolos que sempre me acompañan, porque me permite non tanto ver, senón apalpar. A luz que apalpamos é a da escuridade: non hai outra. Pero cando tocamos algo, cando algo se nos revela, é o máis grande que existe. Iso é o que amo da poesía, de ler poesía: algo que se revela, que se abre, que é luz. É un momento que che fai medrar, algo que se abre e brota. A poesía ábreche outras dimensións de ti.
– P: Falabas antes de vida e morte. Tamén son fundamentais na túa poesía.
– EV: Amor, morte… son experiencias que nos poñen contra as cordas, que nos sacan de nós, que nos poñen noutro sitio. Esas experiencias están, claro, na miña escrita, e tento comunicalas. A luz é tamén iso, revelación do coñecemento. Que non é o coñecemento da razón, porque a poesía é o difícil equilibrio entre a razón e a emoción. A emoción é o ritmo do corazón. Non hai poema sen ritmo, sen o ritmo do corazón, sen algo que traballa máis agochado da razón pero sen poder desprenderse dela. E a imaxinación fai de intermediaria entre as dúas.
Preguntabas antes tamén polo sangue. O sangue é un elemento especialmente humano, trasunto simbólico do río. O río e o sangue operan de xeito semellante. Eu nacín en Ombre, onde o río me pasaba baixo os pés, moi perto da casa. E iso supuxo a aprendizaxe dunha imaxe simbólica: vin o río darse ao mar, aprendín alí de Heráclito antes de ler libros sobre el… É normal, tamén, que o sangue estea tanto na miña poesía porque eu estou transplantada de médula e iso foi a experiencia interna máis profunda da miña vida. Cando tes leucemia aprendes que no sangue está todo. É o río que nos leva, que nos trae a memoria, e non só a propia. É a memoria primeira, a memoria dos primeiros movementos. (…)”
A Coruña: presentación de Silencio percutido, de Eva Veiga
Compostela: presentación de Soño e vértice, de Eva Veiga
Tabela dos Libros de setembro de 2016, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis ―e xa vai alá un lustro― regresa a Tabela dos Libros cos títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. ¡Bo remate de verán e felices lecturas!”
Entrevista a Eva Veiga no Diario Cultural arredor de Soño e vértice
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“A escritora Eva Veiga presenta o libro de poemas Soño e vértice. Pode accederse á entrevista aquí.”
Crónica videográfica da Xornada de Literatura e Cinema: Unha literatura en imaxes (II)
O
sábado 28 de novembro tivo lugar a Xornada de Literatura e Cinema: Unha literatura en imaxes, actividade da AELG co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, no Centro Ágora da Coruña.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa do acto, da que destacamos hoxe as seguintes intervencións:
– Presentación da mesa redonda A cicatriz branca. O corpo da fala, por Mercedes Queixas:
– A cicatriz branca. O corpo da fala (mesa redonda) 1/2. Eva Veiga le o texto de Margarita Ledo:
– A cicatriz branca. O corpo da fala (mesa redonda) 2/2. Intervención de Eva Veiga:
A Coruña: presentación de Soño e vértice, de Eva Veiga
Ourense: actos destacados na Feira do Libro para o martes 7
O
martes 7 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 20:00 h. Presentación de A boca do monte, de Celia Díaz, publicado por Editorial Galaxia. Participa, xunto á autora, Francisco Castro. Durante o acto intervirá o grupo musical As da Chispa.
– 20:00 h. José María Eguileta asina Dende Auria, na caseta da Deputación de Ourense.
– 21:00 h. Presentación de Silencio percutido, de Eva Veiga, gañadora do XXXI Premio de Poesía Cidade de Ourense, por Editorial Espiral Maior.
Modesto Fraga gaña o XIX Certame de poesía Concello de Carral
Desde
o Concello de Carral:
“Modesto Fraga, coa súa obra Devalar sen pel resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado salienta a alta calidade dos traballos presentados, preseleccionando unha decena de orixinais, dos que calquera podería ser premiado. Da obra seleccionada, salienta o xurado, que é un traballo redondo, que xoga coas tradicións, tensionando moi ben o texto e sabendo darlle aire nos momentos oportunos. Citando a Lezama Lima, o xurado indica que este poemario “ten a abundancia xusta”.
O xurado do concurso estivo formado por Carmen Caramés, Armando Requeixo e Luciano Rodríguez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 54 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. (…)
O acto de entrega do premio terá lugar o 27 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2016. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Soño e vértice, de Eva Veiga.”




