Desde Culturalia GZ:
“No mediodía deste pasado venres, 15 de novembro de 2024, fallouse o VII Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ e a Xunta de Galicia.
O xurado, integrado por Adolfina Mesa, Ánxela Gracián, Armando Requeixo, Cecilia F. Santomé e Xosé Otero Canto, decidiu por maioría de votos emitir o seguinte fallo:
Primeiro premio á obraco pseudónimo Albatros, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, correspondía a Francisco Javier Fernández Dávila (Fran Fernández Davila).
Segundo premio á obra A vasteza do nó, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, pertencía a Rafael Xoán Muñoz Castro (Amauta Castro).
Da obra gañadora o xurado dixo que amosa unha voz poética fresca cuns versos que retumban, que achegan a poesía a outras dimensións. Un poemario de vangarda, talvez unha bomba poética cuxos elementos van irradiar a outros eidos literarios ou non.
De A vasteza do nó, o xurado destaca a composición de estrofas breves que poden lembrar á vertente poética grecolatina. Tamén destaca a creación de sinestesias de alto rendemento poético. A composición dun escenario do desexo, coa descuberta do corpo a través dunha linguaxe de grande acerto literario.
A entrega de premios celebrarase o vindeiro sábado 23 de novembro no local social de Pino.”
Arquivos da etiqueta: Fran Fernández Davila
Nigrán: sesión do Clube de lectura “Compartindo libros” arredor de Groenlandia, con Fran Fernández Davila
Vigo: entrega de Premios Exeria 2024 a Fran Fernández Davila e Soledad García Riveiro
Vigo: Esmorga literaria 3
Fran Fernández Davila: “A escrita é para min moito mellor que un Diazepam”
Entrevista a Fran Fernández Davila na revista A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Recoñeces que a escrita é para ti unha terapia anti estrés, así comezaches a crear. Cando e como te decataches de que escribir facíache ben?
– Fran Fernández Davila (FFD): Foi instantáneo, nada máis me apuntei ao primeiro obradoiro presencial a miña disposición mental cambiou. A escrita comezou a ocupar unha porción moi grande do meu pensamento. Non só durante as sesións, que agardaba con avaricia, senón tamén o resto dos días da semana. De socate, todos eses momentos de impás que aproveitan os problemas para enzoufar a mente desapareceron e a escrita, é dicir, as ideas, os relatos, os poemas substituíron as matinacións pola ilusión, o estrés pola creatividade. Moito mellor ca un Diazepam.
– AM: Nestes anos gañaches unha trintena de premios tanto en novela como en poesía. Como sentan estas novas e que supoñen na túa carreira literaria e vital?
– FFN: Esas novas guían e animan a seguir adiante. Por moito que o neguemos, todas as escritoras e escritores temos a autoestima delegada. Hai quen busca esa autoestima na súa merecida lexión de lectoras e lectores, que eu non teño. Hai quen a atopa nos amigos, que tampouco. Hai quen o basea na crítica, que non me fai caso. E hai quen, coma min, obriga a un pobre grupo de sufridores voluntarios, definidos como xurado, a ler todo que lle pasa polo teclado do ordenador. Que mérito teñen os xurados. Que traballo pasan. Sen os premios, todos os meus escritos estarían pechados nun escuro alxube do Google Drive.
Por certo, agora que o penso, creo que se podería crear un sistema de valoración de escritoras e escritores, tipo valoración por estrelas, baseada neses catro parámetros que menciono: lectores, amigos, crítica, premios. Unha estrela por cada un. Habería que pensar cal sería a quinta estrela. (…)”