Feira do Libro de Santiago: actividades destacadas do 5 e 6 de maio

O domingo 6 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado e domingo:

Sábado 5
13:00 h. Cata poética. Duelo de viños: Rioja e Ribeira Sacra por Agranola, con poemas de Ramón Blanco Fernández.
19:00 h. Ánxela Gracián e Antonio Seijas asinan exemplares de Doce cartas a María Victoria Moreno, publicado por Hércules de Edicións, na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. José Luis Casteleiro, Miguel García Seoane e Carlos Sardiña asinan exemplares de Galicia inmaterial, Galicia máxica, na caseta da Libraría Ler A Pobra.
20:00 h. Presentación de Amor por catro, de Helena Villar Janeiro, publicado por Galaxia. No acto, xunto á autora, participa Francisco Castro.

Domingo 6
12:00 h. Obradoiro express de escrita creativa, con Andrea Barreira. A partir de 11 anos.
18:00 h. Actuación infantil Cantares das Letras, de Rosalía a María Victoria Moreno, de Luís Vallecillo.
19:30 h. Palabras Vivas con Poesía en feminino. 20 poemas, de Ana Romaní, Esther Carrodeguas, Fátima Núñez, María do Cebreiro e Marilar Aleixandre.

O Mapa Literario de Vigo permite percorrer a cidade a través dos seus escritores e as súas obras

Desde Fervenzas Literarias:
“A Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas de Vigo presentou o “Mapa Literario de Vigo” para amosar a riqueza cultural da cidade a través dos seus libros e os seus autores. O proxecto consta de dez rutas que percorren todos os barrios da cidade olívica marcando os fitos literarios das obras.
Trátase dun mapa que percorre Vigo polos catro costados para trazar as rutas literarias nos que a cidade foi o escenario elixido polos autores máis recoñecidos. O proxecto está configurado para crecer a medida que aparezan novos títulos e está configurado coma un traballo colectivo no que calquera cidadán poida colaborar incorporando obras que quedaron atrás na súa primeira posta en escena.
O proxecto consta da realización dun mapa de Vigo con dez liñas que atravesan en todas direccións a cidade e que van deténdose nas diferentes “Paradas Literarias”, que teñen o nome das novelas que dalgún xeito están vinculadas a ese lugar. Toda esta información, ademais dunha bibliografía completa, están dispoñibles na páxina web mapaliterariodevigo.com.
Lugares coma a Porta do Sol co Sireno son testemuña de moitos acontecementos das nosas vidas e das historias de ficción que recollen estas obras. O barrio de Teis e a xeración perdida das revoltas obreiras, o Berbés coma recordo das tradicións viguesas, as rúas e as prazas ata o alto do Casco Vello ou o Calvario como reflexo de unión entre a veciñanza.
As rutas están protagonizadas por autores como Jules Verne e Pedro Feijoo, pasando por Alfonso Álvarez Cáccamo, Francisco Castro, Ledicia Costas, Fran Alonso, María Reimóndez, Manuel Esteban, María Lado e unha decena máis de escritores que converteron a Vigo en protagonista das súas obras.”

Compostela: presentación á prensa de De Gres a Cádiz, de Xosé Neira Vilas

O xoves 26 de abril, ás 12:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes), en Santiago de Compostela, preséntase á prensa De Gres a Cádiz, novo volume da Biblioteca Neira Vilas da Editorial Galaxia. Alí estarán Dolores Vilavedra e Luís Reimóndez, editores do libro, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.