Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do martes 9

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz martes 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

13:00 h. Presentación de As Irmandades da Fala (1916-1931), coordinado por Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, e publicado por Laiovento. No acto participan tamén Henrique Rabuñal e Afonso Ribas.
20:00 h. Vicente Araguas asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.
20:00 h. Sinatura de exemplares de Caer de cu polo universo, de Estíbaliz Espinosa e Lucía Cobo, publicado por Apiario, na caseta da Libraría Pedreira.
21:15 h. Alberte Santos presenta O rebumbio dos vagalumes, publicado por Laiovento. Participa, xunto ao autor, Xesús Ron.

Coñécense os gañadores do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo

Oscertame manuel murguia de arteixo vencedores 2016 por nifunifa premios do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía coñecéronse durante a cerimonia celebrada durante a noite do venres 13 de maio en Arteixo. Durante o acto de entrega, que foi comandado polo profesor e escritor Henrique Rabuñal, o novo coordinador do certame, Alfredo Ferreiro, presentou o volume A garza insomne, que recolle os nove relatos finalistas das anteriores tres edicións, e sobre o que valorou “a colaboración do fotógrafo Xacobe Meléndrez, cuxa garza real destaca na portada do libro; e tamén, desde logo, o traballo esmerado e rigorosamente profesional de Galaxia, editora que nos honra colocando o noso libro na súa colección literaria principal, o que asegura a súa máxima divulgación”. O escritor Xavier Alcalá falou en representación da editorial e confirmou o interese da de Galaxia en apoiar os criadores e as criadoras do país dentro e fóra do mesmo, para o que está empeñada na actualidade na súa modernización e internacionalización, especialmente nos mercados hispanófono e lusófono.
A continuación o coordinador leu a acta do xurado, composto polos escritores Teresa Moure Pereiro (escritora), Marcos Sánchez Calveiro (escritor), Antonio Piñeiro Fernández (gañador da 24ª edición) e Alfredo Ferreiro (coordinador que asistiu como secretario, con voz e sen voto), en que se revelaba que por unanimidade debían os tres premios ás seguintes obras:
– 1º Premio, con 4.000 € e a publicación da obra, para o relato “Hai patios de luces tristes”, de Diego Giráldez.
– 2º Premio, con 500 € e a publicación da obra, para o relato “O mérito da chuva”, de Carlos Quiroga.
– 3º Premio, con 300 € e a publicación da obra para o relato “A aranha de Sidney”, de José António Lozano.
O evento contou coa actuación musical do grupo 4 jazz, que interpretou temas con letra de Manuel María así como outros do canon lírico galego, portugués e brasileiro.
A velada, que tiña comezado coa plantación dunha árbore conmemorativa do 25 aniversario do Certame, luce unha placa en que pode lerse: “Con raíces na Terra / a lingua medre / e a literatura floreza”. Como fin de festa, celebrouse un ágape na sala de exposicións do Centro Cívico.
A esta edición do certame presentáronse 72 orixinais, dos que 60 foron seleccionados para a valoración do xurado por cumpriren debidamente as bases.
A foto dos autores premiados é de Nifunifa.

Arteixo: entrega dos premios do XXV Certame de Narracións Breves Manuel Murguía

O logocertamemmurguiavenres 13 de maio, ás 19:30 horas, no Centro Cívico de Arteixo entréganse os premios do XXV Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, que ten como finalistas a Carlos Quiroga, Diego Giráldez e José António Lozano. O acto de entrega, conducido por Henrique Rabuñal, ofrecerá ademais outros alicientes para todos os asistentes: o volume A garza insomne, consistente nunha edición dos nove relatos finalistas das últimas tres edicións do Certame, a actuación musical do grupo 4 jazz, a plantación dunha árbore conmemorativa do 25º aniversario e un viño de honra como fin de festa, así como unha lembranza musical e literaria da figura de Manuel María, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Para tal fin contarase durante toda a semana no recibidor do CCC cunhas láminas sobre a súa vida que remitiu a Xunta de Galicia e que foron completadas con outras elaboradas no Concello nas que se mostra a súa relación con Arteixo dende o ano 1996. O día 13 tamén estarán a disposición do público asistente algúns dos libros do autor da Terra Cha.

Entrevista a Henrique Rabuñal

EntrevistaHenrique Rabuñal a Henrique Rabuñal en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Henrique Rabuñal (HR): A literatura así en abstracto e non referida a ningún tempo, a ningún espazo e a ningún xénero é unha parte da experiencia humana conformada nunha montaña infinita de textos. Tal coma un milladoiro nos que os humanos depositamos desde tempos inmemoriais palabras, palabras e máis palabras. É unha montaña que pesa para quen escribe e na que podemos achar o mellor e o peor, o éxito e o fracaso, a excelencia e a vulgaridade. A literatura contén a crónica do que somos, coloca os conflitos que nos alteran e que nos aterran, explica a visión do mundo das autoras e autores, é espello de nacións e culturas, achega as vibracións máis íntimas de quen a constrúe, é unha rede moi poderosa que cose e que borda a alma da humanidade organizada en linguas, en formas, en códigos, en ciclos, en xéneros, en autores e autoras…
Para min a literatura é un camiño para expresarme e contarme en palabras, e dicir do mundo a miña versión. Unha maneira de pensar e de comunicar sensacións, ideas ou experiencias.
– P: Como entendes o processo de criação literária?
– HR: Hai unha primeira luz que se acende. Unha chamada. Algo que te reclama con tanta forza que orixina o texto en fase embrionaria. Dese embrión hai que tirar con forza e pórse a un labor artesanal coma quen amasa o barro, esculpe a madeira ou cociña unha caldeirada. Cada chamada pode desembocar nun texto. Ou non. Hai moitos textos que querían nacer e non nacen e outros que ao nacer parecen mozos feitos e dereitos. A creación ten esas dúas fases: a do traballo e a do lóstrego inicial.
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, cinema, artes plásticas, etc.)? Que experiências tens nesta linha?
– HR: Cada vez máis vexo que esas relacións son máis intensas porque hai moitas interseccións, moitas confluencias. A música e a literatura teñen selos de fraternidade desde sempre e non deixaron de telos na época contemporánea. O cinema é como a casa das artes porque nel coinciden todas con porcentaxes variábeis. A palabra no cinema é moi importante. Teño traballado nalgún guión para traballos audiovisuais e resultou unha experiencia moi estimulante. As palabras daquela adquiren outra dimensión diferente á que tiñan cando eran palabras núas e espidas. Entón son palabras faladas, escoitadas, postas nun contexto que é moi difícil de controlar. (…)
– P: Como vês a literatura galega hoje?
– HR: Nas últimas décadas a produción foi tan grande que non é doado posuír unha visión de conxunto. Temos unha literatura infantil e xuvenil das mellores do mundo. Temos unha narrativa diversificada con grandes arquitectos de novelas e relatos, con grandes estilistas e con pesos pesados en todos os xéneros. Hai unha ducia de poetas de obra moi consolidada que algún día recoñeceremos como clásicos. No campo do teatro, tan particular, tamén hai autores e autoras moi pegados á escena e outros e outras máis libérrimos. Por non falar das múltiplas achegas no ensaio en todas as temáticas, do xornalismo e da moita e boa literatura galega que se espalla e que viaxa pola rede electrónica. Hai boa tradición, excelente literatura, poderosa canteira e futuro, moito futuro. (…)”

Cuestionario Proust: Henrique Rabuñal

DesdeHenrique Rabuñal o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Henrique Rabuñal:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Téñome por inquieto, activista, atento a (case) todo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A lealdade e a humildade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que me amen sen desmaio. Máis no erro ca no acerto.
4.– A súa principal eiva?
-Facer unha ducia de cousas a un tempo (e non necesariamente ben).
5.– A súa ocupación favorita?
-Escribir/Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
-A miña felicidade -se existir- depende da que gocen as persoas que máis quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Perder. Perder aos que máis quero. Perder a ilusión. Claudicar.
8.– Que lle gustaría ser?
-Algo moi parecido ao que son, con máis tempo e con menos fracasos.
9.– En que país desexaría vivir?
-Amo o meu país pero fáltame unha boa temporada noutro en Europa ou na América do Sur.
10.– A súa cor favorita?
-O vermello da paixón, o vermello da ilusión.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Algunha das modalidades da rosa.
12.– O paxaro que prefire?
-Un popular e amical: o merlo.
13.– A súa devoción na prosa?
-Algún dos excelentes narradores latinoamericanos, García Márquez é moitas veces excepcional.
14.– E na poesía?
-Tantas persoas. Cunqueiro emocióname como poucos.
15.– Un libro?
Percival e outras historias ocupa un lugar sobranceiro na miña primixenia experiencia lectora.
16.– Un heroe de ficción?
-Algunha das versións do mago Merlín.
17.– Unha heroína?
-Algunha das versións de Ofelia, poño por caso.
18.– A súa música favorita?
-A bossa-nova brasileira.
19.– Na pintura?
-Por dicir un nome: Picasso, inmenso, grandioso e ademais algo coruñés e galego.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-As e os anónimos que nos entregaron o mellor de si. Comezando polos máis próximos.
21.– O seu nome favorito?
-Dubidaría entre Marcos e Henrique.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A soberbia nalgunha das súas patéticas aparicións.
23.– O que máis odia?
-A impostura.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Aquelas que fixeron recuar a humanidade na viaxe á igualdade e dignidade das persoas.
25.– Un feito militar que admire?
-Admiro moito as conquistas da sociedade civil e os heroes e heroínas sen galóns militares.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-A paciencia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Estou encontrando unha resposta convincente.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Dispoñibilidade. Para vivir.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os propios da condición humana que non invadan a liberdade allea.
30.– Un lema na súa vida?
-Anda o teu camiño. Escribe o teu verso.”

Carlos Penela gaña o XVII Premio de Poesía Miguel González Garcés, sendo designado Baldo Ramos como finalista

Carlos Penela, vigués do ano 1975, é o gañador da XVII edición do Premio de poesía Miguel González Garcés que convoca a Deputación da Coruña.
Así o decidiu o xurado, reunido o xoves 19 de xuño na sede da institución provincial, tras valorar “o rigor na elobración do conxunto, a súa capacidade de reflexión metapoética e de aprehensión do mundo pola linguaxe, con moi suxestivas referencias culturais da tradición europea”.
O gañador, que se presentou ao certame cun poemario titulado Arte de fuga, é licenciado en Filoloxía portuguesa pola USC e actualmente vive en Viena. Ademais de escribir, dedícase tamén á tradución e á docencia.
Entre o seu currículo destacan o Premio Espiral Maior de Poesía en 1997, o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón no ano 2000 ou o accésit do Premio Esquío de poesía no 2004. Ademais, no ano 2007 gañou o Premio de poesía Caixanova coa obra Sombras, rosas, sombras.
Agora, como gañador do Miguel González Garcés, recibirá 6.500 euros e a edición da obra.

Os membros do xurado decidiron tamén designar como finalista ao poeta e artista plástico de Celanova Baldomero Fernández Ramos, coñecido como Baldo Ramos, pola obra Amado estranxeiro. Este último será recoñecido coa edición dunha obra que, segundo reflexa a acta de concesión do premio, destaca “pola súa capacidade de sorpresa no uso da imaxe, pola perspectiva equilibradamente visionaria e o seu sentido rítimico”.
O xurado do premio de poesía que convoca a Deputación estivo presidido por Mariel Padín, vicepresidenta primeira da institución e responsable da área de Cultura, e comisariado por Xavier Seoane. Tomaron parte tamén nas deliberacións Xosé María Álvarez Cáccamo, Ramón Neto, Henrique Rabuñal, Manuel Forcadela e Alexandre Nerium.

Mondoñedo: recital poético-musical Mondoñedo é poesía

Desde Sermos Galiza:
“O Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP) e a Asociación As San Lucas, responsable da organización das Feiras e Festas das Quendas 2014, preparan para o vindeiro 1 de maio un recital poético-musical denominado Mondoñedo é poesía.
Alicia Fernández, Carlos Negro, David Otero, Dores Tembrás, Henrique Rabuñal, Iolanda Aldrei, Isidro Novo, José Juan Ferrero, María Xosé Lamas, Marica Campo, Mario Regueira, Baldomero Iglesias “Mero”, Olalla Cociña, Paco Rivas, Toño Núñez, Xabier Cordal, Xacobo Casal, Xaime Oroza e Xoán Xosé Fernández Abella recitarán no encontro “Mondoñedo é poesía” que contará tamén coa música de Miro Casabella e César Morán, que interpretará poemas de Manuel Leiras Pulpeiro.
Rúas e outros espazos da localidade faranse eco da nova poesía tomando relevo á tradición literaria de Mondoñedo, e evocarán a súa condición creativa vinculada a nomes de relevancia da historia poética galega como Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome ou Manuel Leiras Pulpeiro ademais da coñecida como Escola Poética do Seminario de Mondoñedo no que se inclúen nomes como Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño ou Xosé Díaz Castro. Para reforzar a idea de “concello literario”, as entidades organizadoras lembran que en Mondoñedo se convocan dous premios anuais, o Premio de Poesía Díaz Jácome e o Premio de Poesía Leiras Pulpeiro.
O programa iniciarase ás 13:00 cunha recepción institucional no concello para, despois do xantar, por volta das 18:00 horas comezar os recitais seguindo un itinerario por lugares singulares e de relevancia histórica e literaria como son o Cemiterio Vello, a Praza do Concello, a Praza da Catedral, a Fonte Vella, O Cristo e a Praza Jaime Cabot. A seguir, ás 19:30 será o Auditorio Pascual Veiga o que acolla o recital poético-musical coa intervención de poetas e músicos. O Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP) máis a Asociación As San Lucas queren que o 1 de maio Mondoñedo sexa a “capital galega da poesía”.”