Cuestionario Proust: Lino García Salgado

DesdeLino García Salgado o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Lino García Salgado:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A lealdade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan amizades verdadeiras, por riba do tempo.
4.– A súa principal eiva?
– A inseguridade.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir, aínda que por veces se convirta nunha guerra.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Rexentar unha libraría con salón de presentación para todo o mundo que a precise.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A ignorancia.
8.– Que lle gustaría ser?
– Ha, ha…, músico.
9.– En que país desexaría vivir?
– Aquel no que non teña que facerme esta pregunta.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Margaridas brancas.
12.– O paxaro que prefire?
– O peto.
13.– A súa devoción na prosa?
– Bufff, Mario Benedetii, José Luis Sampedro, Xabier López ou Xurxo Borrazás.
14.– E na poesía?
– Bufff outra vez. Aquí tiro pola casa: Eli Ríos, Eduardo Estévez, Lino Braxe, Alberte Momán, Verónica Martínez Delgado, etc., etc… Perdón por nomear moitos máis e merecidos (Estevo Creus, Xabier Cordal…) e os de sempre: Manuel María, Uxío Novoneyra, Lois Diéguez, Marica Campo, Xosé Vázquez Pintor
15.– Un libro?
La tregua, de Mario Benedetti.
16.– Un heroe de ficción?
– O meu alter ego ou o meu avatar en versión triunfadora, ha ha. Non sei… Trancos, do Señor dos Aneis.
17.– Unha heroína?
– Rosalía de Castro e…, todas as nais.
18.– A súa música favorita?
– Silvio Rodríguez.
19.– Na pintura?
– Paul Cézanne e unha amiga que dará que falar: Arantza Pardo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os pais e nais.
21.– O seu nome favorito?
– Roi.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mentira.
23.– O que máis odia?
– O mesmo, a mentira.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Tamén hai moitas, pero prefilo esquecelas.
25.– Un feito militar que admire?
– Poucos, pero quedariame con aqueles que non chegaron a ser militares, aqueles que o pobo parou como a Revolución dos Cravos. Hai máis pero…, supoño que abonda con un.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ser máis positivo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha, ha, ha. Pero supoño que cun libro na man e soñando que estou nel, que formo parte del.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Apoucado, negativo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A tristeza, se se pode catalogar como defecto.
30.– Un lema na súa vida?
– Levantarse de novo, aínda que nunca o digo en voz alta.”

A Coruña: recital poético-musical no 25 cabodano de Miguel González Garcés

OMiguel González Garcés venres 12 de decembro, ás 19:45 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, terá lugar un recital poético-musical en lembranza do escritor Miguel González Garcés, o mesmo día no que se conmemora o vintecinco cabodano.
O acto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coa colaboración da Biblioteca, contará coa intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, e estará coordinado e presentado por Francisco X. Fernández Naval. Participan:

Luz Pozo Garza.
Xulio López Valcárcel.
Lino Braxe.
Olga Patiño.
Miguel Mato Fondo.
Estíbaliz Espinosa.
Manuel Rivas.
Miguel Anxo Fernán-Vello.
Ánxeles Penas.
Xavier Seoane.
Manuel Álvarez Torneiro.

Coa música de César Morán e Xosé Taboada.

MIGUEL GONZÁLEZ GARCÉS (A Coruña, 1916-1989), é unha das voces poéticas máis singulares e senlleiras que deu a cidade da Coruña. Poeta, articulista, dinamizador cultural, a súa figura está vinculada ás de Urbano Lugrís, Antón Avilés de Taramancos ou Manuel Álvarez Torneiro, pero tamén a autores das xeracións posteriores, escritores máis novos cos que sempre mantivo unha relación de interese e de amizade.
Foi director da Biblioteca Pública do Estado na Coruña -hoxe de xestión compartida coa Xunta de Galicia- que leva seu nome, como o leva a rúa na que está situada. Historiador e cronista da Coruña, foi o presidente da Asociación Cultural Iberoamericana.
Autor dunha ampla obra, escrita en castelán primeiro e en galego a partir da década dos sesenta, a súa é unha literatura dos sentidos, da alegría de vivir, do cotián, na que a cidade está sempre presente.

MiguelGonzalezGarces_RecitalHomenaxe25Cabodano

A Coruña: XVIII Memorial de teatro Ibán Toxeiro

OA. C. Alexandre Bóveda xoves 13 de novembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organiza o XVIII Memorial de teatro Ibán Toxeiro, que contará coa participación de:

– Grupo de Teatro da A. C. Alexandre Bóveda, coa obra Palabras de víspera, de Álvaro Cunqueiro;
– Grupo de Teatro Valacar da ONCE, coa obra Orientación, de Antonio Gelpí.
– Bucanero, coa obra Horario de visitas, de Ettore Buch.
– La Tuerka 27, coa obra Ascensores, de Alfonso Zurro.
– Espello Cóncavo, coa obra Occidente, de Lino Braxe.
– Música co pianista Antonio Rumbo.
Premio Ibán Toxeiro pola súa aportación ao teatro a Francisco Pillado.
– Presenta: Juan Fernán.
– Dirixe: Lino Braxe.

Será ás 20:30 horas, con entrada libre e gratuíta.

A Coruña: Volver a Luísa Villalta. No outro lado da Música, a Poesía, o domingo 28 de setembro

O Luísa Villaltadomingo 28 de setembro, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio da Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración do Concello da Coruña e o IES Isaac Díaz Pardo de Sada, organiza a homenaxe Volver a Luísa Villalta. No outro lado da Música, a Poesía, co seguinte programa:

11:00 h. DESCUBRIMENTO DUNHA PLACA NA CASA ONDE VIVIU LUÍSA VILLALTA. Rúa Vila de Laxe, 6 – A Coruña.

12:15 h. RECITAL POÉTICO-MUSICAL. Teatro Rosalía de Castro.
• Intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG.
• Interpretación musical:
Dúo Paganini de guitarra e violino.
Solo de guitarra de Juan S. Bach.
• Lectura de textos de Luísa Villalta: Lino Braxe, Marica Campo, Miguel Anxo Fernán-Vello, Carlota Fiaño Salinas, Francisco Xosé Fernández Naval.
• Interpretación musical:
Fragmento de cuarteto de corda con mezzosoprano de Paulino Pereiro e texto de Cesáreo Sánchez Iglesias.
Trío de frauta e corda de W. A. Mozart.
• Lectura de textos de Luísa Villalta: Luz Pozo, Xavier Seoane, Mercedes Queixas, Xulio López Valcárcel, Dores Tembrás, Eva Veiga.

Mantedora do acto: Antía Otero.

Entrada libre até completar aforo.

Luísa Villalta constitúe unha destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical como no literario; a súa obra abarca todos os xéneros (poesía, teatro, novela e ensaio literario) sempre dende unha perspectiva renovadora e orixinal. Así, foi unha das pezas chaves da renovación da dramaturxia galega nos anos oitenta, dende os Cadernos da Escola Dramática, destacando nela a importancia do elemento musical, que propicia unha querenza formalista que devén nun cultismo textual na procura da dignificación do xénero teatral e da lingua.
Formouse na Universidade de Santiago onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario; mais a súa inquedanza polo mundo das letras sempre estivo acompañada dun profundo amor pola música, que a levou a ser Titulada Superior de Violín e a participar en diferentes conxuntos de cámara, ademais de integrar a Xove Orquestra de Galicia, faceta que desenvolveu ademais como estudosa das relacións entre linguaxe musical e linguaxe poética como formas de coñecer poeticamente o mundo.
A poesía de Luísa Villalta estaba atenta ao eu, mais tamén a pensar o mundo contemporáneo, o que facía dela unha persoa interesada no devir da sociedade e en promover e participar vivamente en procesos de debate sobre ensino, emigración, marxinación, xénero…, involucrándose así nas mobilizacións que se convocaron desde o mundo da cultura contra a guerra do Iraq ou a catástrofe do Prestige, até o punto de que a súa última intervención pública foi a participación nun recital de poetas galegos e galegas en solidariedade con Palestina. O seu grande activismo cultural levouna a colaborar de xeito constante e desinteresado con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos.
Na lúcida ironía dos seus textos destaca tamén a reflexión sobre a cidade na posmodernidade, entendida como ágora, como territorio no que se formulan e resolven as tensións sociais, tomando a autora parte pola defensa dos dereitos das persoas desposuídas. Sensíbel e contundente, denunciou os valores e a apatía da sociedade capitalista.

CartazVILLALTA

Lino Braxe: “Eu son, fun e só serei un poeta, que se gaña a vida como pode”

EntrevistaLino Braxe a Lino Braxe en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Se falamos de xéneros? Teatro, poesía,… Que che ofrece cada un?
– Lino Braxe (LB): O teatro ofréceme paixón, a sensación de estar vivo e de compartir esa vida con outras persoas, o que para un solitario empedernido coma min é toda unha regalía. A poesía é para min o mesmo que dicía Beethoven do seu amor “O meu anxo, meu todo, meu deus”.
– NG: E en canto á canle? Tamén tocaches un pouco tódolos paus. Prefires o directo do teatro, a televisión, a radio?
– LB: A radio é o medio ideal para un poeta. Es anónimo. Ninguén ve o teu rostro. Fas o teu programa e marchas para casa a escribir poemas. Nun tempo vivín así. Pero non tiven sorte cos xefes que tiña na radio e decidín deixar “aquela mina abandonada” que era como definía Orson Welles á radio.
– NG: Como foron os comezos? Sempre tiveches esta vocación ou de pequeno querías ser outra cousa?
– LB: Até os doce anos eu fun educado, non polos meus pais, senón por certo entorno familiar, para ser militar. Pero a esa idade escribín un poema. Desde aquela xa non existiu nada máis na miña vida que a poesía.
– NG: A cal dos teus proxectos lle tes ese agarimo especial? Que obra, poema ou serie recordas especialmente?
– LB: A obra da que gardo un recordo máis nidio é “Hamlet” que dirixín hai uns anos. Creo que o meu mellor poema foi Banquete, por moito que me gusten outros moito máis, mais eu sempre falo desde a opinión do público. O programa de radio do que teño máis morriñas foi Prohibido durmir a sesta que presentaba coa miña amiga e compañeira Ana Pontón. A xornalista, non a política, claro. (…)”

A Coruña: estrea de Romano, obra de Lino Braxe, representada por Espello Cóncavo, o venres 17 e sábado 18

O venres 17 e o sábado 18 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Compañía de teatro Espello Cóncavo estrea a obra Romano, escrita por Lino Braxe. Interveñen os actores Miguel Pernas, Xosé Vilarelle e Manuela Varela, contando nesta estrea coa colaboración de Antonio Simón, Laura Sarasola, Sabela Amado e Felipe Cotelo. A música en directo corre a cargo da trompista Alma Sarasola e a mezzosoprano Rita Gasalla.

A Coruña: Memorial de Teatro Ibán Toxeiro

O xoves 7 de novembro, a partir das 20:30 horas, no Centro Ágora da Coruña, con entrada gratuíta, terá lugar a XVII edición do Memorial de Teatro Ibán Toxeiro, organizado pola A. C. Alexandre Bóveda.
Esta edición servirá ademais de como lembranza do tristemente finado Ibán Toxeiro, tamén de homenaze á figura da muller no teatro galego, e así diversas e consagradas actrices representarán obras de microteatro coa muller como figura central. Nesta ocasión contaremos coas seguintes actuacións:
Maggy, por Manuela Valera, de Espello Cóncavo.
Marta, por Uxía Vázquez, de Teatro Proscrito.
La mamma, por por Luma Gómez, de Teatro do Noroeste.
Ópera de a patacón, polo grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda.
– Entrega do VI premio Alexandre Bóveda de teatro amador Ibán Toxeiro para Flor Maceiras pola súa contribución ao desenvolvemento do teatro amador en Galicia.
– Dirixe e presenta a obra o director Lino Braxe.

A Coruña: último espectáculo de A caricia da serpe

Desde La Opinión (a foto é de Aitor Saavedra):
“O mércores 16 de outubro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro, terá lugar o último concerto de “A caricia da serpe”, o grupo formado por Lino Braxe, Miguel Ladrón de Guevara, Xosé Luís Saqués e Rómulo Sanjurjo. Lonxe de ser unha ruptura, o poeta destaca que “hai que pasar páxina e facer novos encontros de cabeza xuntos”, polo que non descarta volver cruzar camiños cos seus compañeiros. (…)
A fusión de poesía e música que marcaron os últimos quince anos das súas vidas deron para falar sobre “cousas que andaban por aí, que podería falar calquera”, nas que o poeta rememora temas de actualidade como a da Pateira. Un tempo sen egolatrías, xa que Braxe di ter o seu ego “gardado no frigorífico”, pero que serviron para poñer palabras en baleiros sen ocupar, convertendo “as letras en caricias e a música en serpes”. Xogos malabares coa lingua e a melodía que mañá marcarán o principio de algo máis.”

A cicatriz branca, un filme de Margarida Ledo: a nosa historia, contámola nós

Desde Sermos Galiza:
Margarida Ledo Andión é a directora, e guionista, de A cicatriz branca, un filme galego e en galego ambientado en Bos Aires e no n os país e que xa se pode ver nalgúns cines de Galiza, coma nos vigueses Zona Norte, onde foi a estrea.
@s propi@s responsábeis do filme falan del: “Dende comezo do século vinte as mulleres galegas que emigraban soas eran acollidas en Bos Aires polas Carmelitas Terciarias, as “Hijas de María” ou pola “Sociedad Protectora de la Joven Sirvienta”. Necesidade, abandono, agresións sexuais, nais solteiras… como causa, máis unha cidade distante e burlona, onde a meirande parte delas pasaron a ter a condición de “mucamas”, de “criadas de camadentro”. Está é a paisaxe de fondo para A cicatriz branca”.
Milleiros de mulleres saíron soas de Galiza cara a América. “Moitas delas eran ilegais, con papeis que falsificaban a súa idade e mesmo a súa identidade. Historias ordinarias como a de Merce, destinada a servir e, entre lusco e fusco, despedida. Sen lugar onde ir nin a quen acudir, Merce pasa tres días e tres noites encrequenada na Estación Constitución onde a súa vida entrenza coa de outras migrantes. Á par dun traballo na fábrica Mil8, Merce casa, asiste a clases de contabilidade nalgunha das Sociedades Galegas mais un bo día a norma esnaquiza por algo tan simple como prendarse dunha situación que aínda non é quen de nomear”.
Eva Veiga, Tamar Novás, Lino Braxe, Mónica Caamaño ou Xoana Pintos son algunhas das protagonistas do filme. A música é de Abe Rábade. A produción corre a cargo de Nós (Produtora Cinematográfica Galega), CRTVG e Haddock Films.”